xoves, 5 de setembro de 2019

A TABERNA "A BENITONA" DA LAGOA

Situada na estrada que conduce a Caión, ao pé do monte do Castro e a poucos metros do límite parroquial con Chamín, A Lagoa é unha aldea da parroquia de Sorrizo que da nome á Escola Unitaria na cal aprenden as primeiras letras os nenos e nenas de Chamín e Sorrizo dende 1919, ano no que o Concello lle alugou a José López Barreiro a casa que servía de local escolar naquela hora. Posteriormente, en 1926, o propio Concello compraría por 10.000 pesetas da época o edificio no que se asenta, dende aquel ano, a Escola Unitaria.

Imaxe actual da taberna A Benitona
Se pasades por alí, a poucos metros da devandita escola, hai unha casa antiga que vos ha de chamar a atención polas tres grandes ventás semicirculares da parte superior, xanelas que contan cos seus respectivos balcóns protexidos por uns fermosos balaústres de metal. O marrón descolorido polo paso do tempo, tinguido da nostalxia de antano, destaca nas contras das dúas ventás da parte inferior e na porta do edificio. Outro elemento digno de mención é un letreiro circular de madeira que, no seu interior, ten un pequeno barril, letreiro que conserva as letras do negocio que houbo alí no pasado: Taberna A Benitona.

Non podemos afirmar con exactitude o ano no que empezou a funcionar esta taberna mais, polo que nos conta Manuel M.ª Puga, o popular Picadillo, nunha das receitas culinarias da súa autoría, publicada no xornal “El Noroeste” na sección “La Cocina Práctica”, sabemos que na década dos anos dez do século pasado xa había taberna na Lagoa. No seu artigo gastronómico, antes de explicar o xeito de preparar o “Butter-brote”, Puga fai alusión dunha viaxe que fixo en decembro de 1909 a Hamburgo coa finalizade de realizar un réxime de adelgazamento nunha clínica da cidade alemá. Acompañouno na viaxe, como “ayuda de cámara”, o arteixán Baltasar Rega, máis coñecido polo alcume de Sarete, de quen Picadillo escribe o seguinte no devandito artigo:

(…) Sary (traducción alemana algo libre de Sarete, que es el nombre con que se conoce en Bergantiños a este sujeto) me acompañaba. Queda demostrado que Sary tampoco es una besta brava. Y los dos, poseedores de nuestros derechos civiles, dejábamos deslizar nuestra existencia en el cuarto de un hospital de Hamburgo, paraje tan ameno como podréis figuraros tratándose del cuarto de un hospital. Sary recordaba allí sus marelos, sus plantaciones, su taberna de A Lagoa, en donde los domingos celebraba el descanso dominical con sendas tazas de vino del Ribeiro, y hacía profundas comparaciones entre este bálsamo, verdadero néctar, y los vinos del Rhin, del Mosela y de Burdeos, con los que le fastidiaban con harta frecuencia las Schwestern o hermanas de la caridad, que no por protestantes dejaban de ser hijas de papá Adán, y, por consiguiente, nuestras hermanas, y tan caritativas como las hermanas católicas que tenemos aquí (...)”.

Velaí a tedes. A parte da información que nos ofrece o Catastro da Ensenada de 1752, que conta que nesa época había en Sorrizo dúas tabernas “que corren a cargo a de Juan de Cobas”, o anterior artigo de Picadillo probablemente sexa a primeira referencia escrita da taberna da Lagoa na que, con certeza, Baltasar Rega, Sarete, contou ducias de contos da súa experiencia alemá ao longo dos primeiros anos do pasado século XX, que é cando temos constancia de que José López Barreiro, máis coñecido polo alcume de “o Benitón”, abriu este negocio.

José nacera en 1879 nun punto incerto da xeografía galega e casara con Gumersinda García, que viñera ao mundo en Tordoia no ano 1884. Ao ser o primoxénito da familia, “o Benitón” recibira a maior parte da boa herdanza de seus pais e, cos cartos obtidos, decidiu establecerse coa súa muller Sinda no municipio de Arteixo onde, entre 1900 e 1910, abriron a taberna da que estamos a falar e construiron a casa do lado que, como xa contamos anteriormente, lle alugaría ao Concello en 1919 para converterse na primeira escola da zona. Esa casa, situada entre a taberna e a escola unitaria, sería anos máis tarde a vivenda do cura de Sorrizo e, na actualidade, é a sede da Asociación de Veciños do lugar.

A Benitona nos anos 90
José e Sinda tiñan o seu domicilio no piso superior da taberna, o dos fermosos balaústres de metal, lugar no que virían ao mundo os nove fillos do matrimonio: Jesusa, Manolo, Obdulia, Clarisa, Julia, Lola, Mercedes, Eladio e Emilio. Segundo o testemuño da súa neta Fina, filla de Clarisa, “o Benitón” era un ser extraordinario, un home adiantado ao seu tempo que fundaría a liña Caión-Coruña, liña que se realizaba en carruaxe e que anos máis tarde, despois de que José López decidira vender os dereitos, pasaría ás mans da empresa Transportes Martínez. 

Nos duros anos da posguerra, a taberna do Benitón era o lugar da zona onde se distribuía o racionamento. Polo que nos contou a súa neta Fina, “todo o mundo quería a meu avó porque, naqueles tempos difíciles, era moi caritativo coa veciñanza”, estima que aínda se mantén viva na memoria colectiva dos maiores de Chamín e de Sorrizo.

José, que foi a primeira persoa que fixo panteón familiar no cemiterio de Sorrizo, falecería no ano 1942 e, trala súa morte, a súa viúva Sinda e dúas das fillas do matrimonio, Obdulia e Mercedes, levarían as rendas do negocio que, dende aquel entón, empezaría a ser coñecido como a taberna da Benitona onde, ao igual que no resto das tabernas da contorna, as veciñas e os veciños podíase servir no establecemento das cousas necesarias para a vida diaria. Alí tanto podías comprar unha tableta de chocolate coma un saco de millo ou botarlle unhas cuncas de viño. 
Panteón familiar onde descansan os restos de José López e da súa familia
Aqueles eran tempos nos que os homes entraban a tomar a copa e a xogar a partida e as mulleres a comprar e, a ser posible, sen entrar xuntos. E tamén eran os tempos nos que a tía Sinda e as súas fillas decidiron abrir, ao carón da taberna, un salón de baile. Precisamente, o “Manco de Sorrizo”, o mesmo que montaba ano tras ano a caseta de tiro nas festas da comarca, perdería un dos seus brazos nas obras de construción do salón, que non tardaría en ser popular polos bos bailes que se facían alí, aínda que ás veces se interrumpía se algún simpático abría a porta do cortello dos cochos, que non estaba moi lonxe da propia pista de baile. 
 
E así, coma quen non quere a cousa, foron pasando os anos, tempos nos que Obdulia abandonara o niño familiar e Mercedes casara con Pepe e, tempos nos que o salón, ao igual que os outros do municipio, iría perdendo fol ata que pechou definitivamente. Naquela altura, non tardarían en abrir a Sala de Festas Eva de Arteixo e a Discoteca Pazos da Laracha que, cada fin de semana, ateigaban os mozos e mozas dos sesenta, dos setenta…
Botando a partida na taberna da Benitona. Na imaxe, de esquerda a dereita, Ramón de Costa, Antonio de Pedreira, Rodrigo do Señor e Antonio López (cortesía de Lola Ferreiro)

Mais, a pesar do peche do salón, a taberna da Lagoa continuaría tendo vida durante moitos anos máis .A clientela de Sorrizo e de Chamín, as xentes das parroquias costeiras de Carballo ou os mariñeiros de Caión seguirían botándolle alí a partida ou ben algún que outro chanqueiro e, tamén, comprando no establecemento as tabletas de chocolate, os sacos de millo e os outros artigos necesarios para a vida cotidiá de aqueles tempos ao mesmo que se enteraban das cousas da vida mantendo conversa coa tía Sinda, que falecería en 1978 aos 96 anos, con Pepe ou con Mercedes, que mantería A Benitona aberta ata a súa xubilación, ata xaneiro de 1996.

Foi aí cando as irmás Lola e Lucía Ferreiro, netas de Geluca a da “Casa Lola”, lle alugaron o negocio á señora Mercedes quen, cousas do destino, falecería ao ano seguinte de xubilarse. Encantadas de traballar na Lagoa, a terra de seu pai Moncho, Moncho do Zapateiro, Lola e Lucía botarían poucos meses á fronte da Benitona, que pecharía definitivamente en 1997 despois de manter as portas abertas durante case un século… ai!, se as paredes falaran!

5 comentarios:

  1. Espléndida historia, en Montevideo yo también escuché hablar de la taberna de La Benitona a mi madre. Soy primo de Moncho.

    ResponderEliminar
  2. A taberna da Lagoa forma parte da historia de toda esta comarca
    Nos salíamos da escola e íbamos comprar un chupa cando tíñamos unha peseta

    ResponderEliminar
  3. Hola Xavier, soy sobrina de Fina. Ella quisiera saber si conoces la historia de sus abuelos antes de instalarse en A Lagoa.

    ResponderEliminar