Pouco
antes das seis da tarde do día 15 de decembro de 1998, Manuel Varela
Fraga, Isidro Subiela Arijón e Manuel Paulos Orgueira saían do porto de Sorrizo na súa pequena gamela "Rocío" para pescar, actividade que practicaban de xeito esporádico e afeccionado. Isidro,
de 63 anos, casado, arteixán de nacemento mais con domicilio na rúa
Vila de Negreira da Coruña, estaba de baixa após ser operado do bazo e
dedicaba o seu tempo de recuperación á pesca, do mesmo xeito que o facía
Manuel Paulos, de 56 anos, solteiro, tamén de Arteixo aínda que residía
no barrio coruñés de Eirís e que había apenas
un ano que era pensionista. Igualmente estaba no grupo Manuel Varela,
de 28 anos, solteiro, veciño do lugar do Moucho, na parroquia de
Sorrizo, un home que tiña secuelas físicas por mor dun accidente de
tráfico.
Porto de Sorrizo |
Dos
tres amigos, tan só Isidro sabía nadar. Manuel Paulos non sabía facelo,
a pesar de faenar durante toda a súa vida no Gran Sol, e a Manuel Varela impedíallo a súa incapacidade física.
Naquela tarde do 15 de decembro de 1998, a pesar das condicións metereolóxicas, nada
favorables para a pesca, con ventos de entre forza catro e cinco (uns
sesenta quilómetros por hora) e ondas de ata tres metros, os tres homes
saían, incomprensiblemente, a pescar, algo que segundo o testemuño de
algúns veciños e familiares xa fixeran noutras ocasións con peores
condicións climáticas. Para alén diso, na súa gamela non levaban
salvavidas nin equipamentos adecuados, cousa habitual naqueles tempos
neste tipo de pequenas embarcacións de pesca afeccionada.
Media hora despois de saír
do porto de Sorrizo tiña lugar a traxedia. Os tres pescadores
afeccionados caían no mar despois de que a "Rocío" fora envolvida por
unha rompente, o que provocaría o seu envorcamento. Un mariñeiro de Sorrizo comentaba como escoitara no porto a voz dun dos náufragos... "Estou convencido de que era o máis novo, que gritaba o nome de Manuel". Este veciño procurou axuda de inmediato para tratar de socorrelos... "tirámoslles cordas, mais non pudemos facer nada, o mar estaba moi bravo e de repente xa deixou de oírse a voz".
Litoral de Sorrizo |
Uns
instantes antes de naufragar, os tripulantes da gamela emitiran unha
chamada de socorro por radio, que sería atendida polo Centro de
Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, un Centro que após
recibir o aviso, mobilizaría un helicóptero "Helimer" da Xunta, unha
lancha da Garda Civil do Mar e outra do porto coruñés, cooperando tamén nas tarefas a Policía Local e Protección
Civil de Arteixo. Pouco antes das oito da noite, o "Helimer" recuperaba
os tres cadáveres envolvidos nuns aparellos de pesca e, pouco despois,
trasladábaos ata o aeroporto de Alvedro, onde serían identificados polos
familiares.
O
xoves, 17 de decembro de 1998, perante unha gran multitude, o templo
parroquial de San Pedro de Sorrizo acollía ás catro da tarde o funeral
por Manuel Paulos e Manuel Varela, recibindo sepultura o primeiro no
cemiterio de Sorrizo, mentres que o segundo sería conducido ata a vila
de Caión, onde se inhumarían os seus restos mortais. Após esta
cerimonia, a maior parte dos asistentes trasladáronse á igrexa de Santaia, na parroquia de Chamín, onde tiña lugar a cerimonia fúnebre de Isidro Subiela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario