A haxiografía cristiá recoñece 33 diferentes advocacións de San Xián ou Xulián, nome que ao parecer provén do latín lulianus e que significa “pertencente a Xulio”, máis concretamente a Caio Xulio César (en latín Gaius Julius Caesar), o gran militar e político romano.
Imaxe do San Xián de Barrañán (Fran Naveira)
En Galicia, onde na época medieval se utilizaron Giao e Guillao, ademais de Xián ou Xulián, tamén aparecen as variantes de Xiao e Xullán, un santo que é patrón de 122 parroquias, 18 na vigairía de A Coruña: Almeiras (Culleredo), Cela (Cambre) e Sergude (Carral) no Arciprestado de Alvedro; Brantuas (Ponteceso), Coiro (A Laracha), Lendo (A Laracha) e Malpica de Bergantiños no Arciprestado de Bergantiños; Mugardos (Mugardos) no Arciprestado de Bezoucos; Mondego (Sada), Osedo (Sada), Serantes (Oleiros) e Soñeiro (Sada) no Arciprestado de Cerveiro; Carantoña (Miño) e Vigo (Paderne) no Arciprestado de Pruzos; Cabanas (Abegondo), Coirós (Coirós) e Mandaio (Cesuras) no Arciprestado de Xanrozo; e Barrañán (Arteixo) no Arciprestado que conforman as parroquias dos municipios de A Coruña e Arteixo.
Imaxe do San Xián de Barrañán (Fran Naveira) |
Os santos con nome de Xiao, Xullán, Xián ou Xulián máis coñecidos en toda a xeografía galega son San Xulián de Brioude ou Vienne, San Xulián de Toledo, San Xulián de Anazarbus, tamén chamado Xulián de Cilicia, Xulián de Antioquia ou Xulián de Tarso, Xulián de Antínoe e San Xulián o Hospitalario. Deseguido, uns apuntamentos sobre eles:
San Xulián de Brioude ou Vienne, aparece habitualmente con traxe de soldado romano, portando unha espada, e ten a súa festividade o 28 de Agosto. Nacido en Vienne (30 quilómetros ao sur de Lyon, Francia) Xulián era un valoroso lexionario da Sexta Legio Gallicorum que estaba baixo o mando de Ferreol e que, despois de bautizarse, deixou a milicia para vivir coma un anacoreta, dedicándose á oración e a penitencia. Perseguírono por ser cristián e morreu decapitado no ano 304, baixo o imperio de Diocleciano, en Brioude (oeste de Lyon). A súa cabeza, lavada no río Allier, leváronlla ao seu antigo tribuno Ferreol quen, despois de confesar que era cristiá, tamén foi asasinado. Os beneditinos encargaríanse de extender a devoción a San Xulián de Brioude ou Vienne por todo o Camiño de Santiago.
San Xulián de Toledo, aparece vestido con roupas eclesiásticas, cun báculo e cun libro nas mans. Ten a súa festividade o 6 de marzo. Santo nacido en Toledo no ano 644 e finado na mesma cidade no 690, foi un arcebispo, teólogo, poeta e historiador da Hispania visigoda. Probable descendente de unha familia de xudeus, tivo un papel destacado na sociedade e na Igrexa católica, só comparable ao de San Isidoro de Sevilla. É o escritor máis prolífico da escola toledana e un dos máis importantes de temática relixiosa. Tamén realizou estudos teolóxicos cun depurado estilo literario moi superior ao do seu tempo.
San Xulián de Anazarbus, tamén chamado Xulián de Cilicia, Xulián de Antioquia ou Xulián de Tarso viste de traxe talar, coa cruz e a palma do martirio. Este santo ten a festividade o 16 de marzo na igrexa católica e o 21 de xuño na ortodoxa. Nacido sobre o ano 231, Xulián iniciouse no rito cristián trala morte de seu pai, un senador romano de crenzas pagás. Detido durante as persecucións do emperador Diocleciano e posteriormente torturado polo gobernador Marciano para que renunciara á fe cristiá, foi esclavo dos romanos durante un ano en diferentes cidades de Cilicia, que era como se nomeaba na antigüidade á zona costeira meridional da península de Anatolia. Na rexión do Exeo, na actual Turquía, o santo foi visitado por súa nai, que engañara aos romanos dicindo que quería facelo entrar en razón. Unha vez dentro e durante tres días, a proxenitora diulle ánimos ao seu fillo para que continuara firme na súa fe. Cando o gobernador chama á nai para saber a resposta, esta atacou ferozmente ao politeísmo dos romanos e, por tal motivo, o gobernador ordeou cortarlle os seus pés ao tempo que ataban a Xulián nun saco cheo de area e de serpes velenosas e o tiraban ao mar. As ondas arrastrarían o seu corpo ata Alexandría, en Exipto, onde foi sepultado por un cristián piadoso. Posteriormente os seus restos foron trasladados a Antioquia, en Turquía, erixíndose unha basílica na súa honra.
Xulián de Antínoe mártir da mesma época que o anterior e esposo de Basilisa, ambos venerados por diferentes confesións cristiás. Habitualmente aparecen representados os dous xuntos, Xulián con palma de martirio ou espada atendendo a un enfermo, aínda que en moitas das nosas igrexas tamén o podemos ver só. No seu espazo virtual Os Chanzos (https://oschanzos.blogspot.com/), o erudito Francisco Vidal di que, na iconografía galega, aparece vestido coma un noivo da época da Ilustración, con casaca vermella, porque foi mártir, coa pombiña que simboliza a fidelidade e a pureza, e co gorro na man, de cabeza descuberta porque era un home humilde e servicial. Este santo ten a súa festividade o 9 de xaneiro; 8 de xaneiro (para os gregos); 7 de xaneiro (segundo calendarios da liturxia medieval hispánica, como por exemplo, o do Antifonario de León); e o 6 de xaneiro (co grupo formado por Celso, Marcionila, Antonio e Anastasio). Forzado a casarse pola súa familia, Xulián, que fixera voto de castidade, púxose dacordo coa súa muller Basilisa, que tamén quería consagrarse a Deus, e preservaron a súa virxinidade durante toda a súa vida. Ademais, Basilisa fundou un convento para mulleres, do cal foi superiora e Xulián reuniu un grupo de monxes e fundou un mosterio. Ambos converteron o seu fogar nun hospital no que segundo conta a lenda chegaron a atender a máis de mil persoas, feito que provocaría que este Xulián se confunda moitas veces con Xulián o Hospitalario. Basilisa morreu pacíficamente, mais Xulián de Antínoe foi decapitado nas persecucións de Diocleciano. Xunto a el, foron martirizados Celso e Marcionila, fillo e nai, o sacerdote Antonio de Antioquia e o converso e neófito Anastasio de Antioquía. Tamén se di que morreron sete irmáns de Marcionila.
Xulián o Hospitalario, patrón de cazadores e pousadeiros e protector de viaxeiros que habitualmente aparece na iconografía vestido coma cabaleiro, cunha espada e barca ou, tamén, vestido de cazador, con escopeta e falcón. Ten a festividad o 29 de xaneiro e o 12 de febreiro. Existen diversas versións sobre a vida deste santo nas que se entrelazan motivos de distinta procedencia. Unha das máis difundidas conta que, estando un día de caza, Xulián da morte a un cervo que, antes de expirar, lle profetiza que matará a seus pais. Para evitar o cumprimento de tan terrible vaticinio, decide fuxir da casa dos seus proxenitores. Pasado un tempo casa cunha nobre viúva, coa que vive feliz ata que un día, ao volver dunha cacería, encontrou a dúas persoas durmindo no seu cuarto e, crendo que se trataba dunha infidelidade da súa muller, mata á parella coa espada. Mais ao saír da casa, encontrou a súa esposa e Xulián descubriu a terrible verdade: matara aos seus propios pais que, despois de varios anos buscándoo, ao fin deran co domicilio do seu fillo e agardaban a súa chegada descansando na cama de tan longa viaxe. O futuro santo abandonou de inmediato a vida que levaba e, na compaña da súa muller, que non quixo deixalo só, marchou a un illado lugar a facer penitencia o resto dos seus días. Polo lugar pasaba un camiño que desembocaba nun perigoso río que os viaxeiros tiñan que cruzar. Xulián decidiu facerse barqueiro para axudalos e fundou un hospital co fin de atendelos. Certo día, recolleu a un leproso que se revelou como un ser celestial que lle comunicou que Deus o perdoara. Cóntase que morreu martirizado durante a persecución aos cristiáns do emperador romano Diocleciano a comezos do século IV en Antioquía (actual Turquía) ou, máis probablemente, en Antínoe (Exipto).
Despois destos apuntamentos sobre os cinco santos, regresamos á nosa contorna, onde San Xulián de Antínoe, o marido de Basilisa, e San Xulián o Hospitalario, lendario protector de viaxeiros, vestido de cazador, con escopeta e falcón, adoitan ser os patróns da maioría das igrexas galegas dedicadas a esta advocación. Non obstante, a orixe de algúns destos templos parece estar en San Xulián de Brioude o de Vienne, militar romano, mártir do século IV xunto con San Ferreol, representado como soldado romano con espada, santo que a partir do século VII diu nome a diversas capelas e mosteiros galegos e da cornisa cantábrica.
Exemplo desta confusión é o acontecido na cidade de Ferrol, onde a nova igrexa de San Xulián, que reemprazou á medieval situada xunto ao peirao da Cruz en Ferrol Vello, derrubada durante as obras do foso do Arsenal, abriuse ao culto a véspera do Corpus Christi do ano 1772. Poucos anos máis tarde o escultor compostelán Juan Antonio Domínguez tallou o retablo do altar maior, que, segundo Montero Aróstegui, incluía unha efixie de San Xulián, vestido de cabaleiro con casaca, calzón curto, zapatos de fibelas e sombreiro de picos. Durante a visita pastoral que realizou no ano 1786, Francisco Cuadrillero, bispo de Mondoñedo, “mandó se vistiese a la romana” a San Xulián, para evitar o que cría unha fea costume de vestir aos santos de forma pouco axeitada. Mediante esta imposición, reforzada pola posterior importación dunhas reliquias do mosteiro de San Xulián de Samos, oficializouse a San Xulián de Antioquía como patrón da igrexa ferrolá, aparecendo no altar maior da Concatedral da cidade departamental xunto a Santa Basilisa, vestidos ambos de traxe talar, coa cruz e a palma do martirio. Deste xeito o bispo actuou en contra do sentir popular, seguramente máis acertado, que consideraba como patrón de Ferrol a San Xulián de Brioude, compañeiro de San Ferreol. Máis tarde, segundo Leandro de Saralegui, o día de San Xulián do ano 1820 o padre Ouviña, franciscano do convento de Ferrol, puxo en dúbida certos detalles históricos da vida de San Xulián, provocando unha forte polémica, orixinando a protesta do municipio e sumindo de novo na confusión aos feligreses. No ano 1878, segundo Nicolás Fort, o predicador padre Maroto, insistiu na polémica ao negar o padroeiro de San Xulián pola carencia de documentación eclesiástica fiable, levando de novo á indignación dos ferroláns. En referencia ao padroeiro da cidade departamental, ese ano 1786 o daquela Alcalde Maior de Ferrol, Eugenio Álvarez Caballero, estableceu que o día 7 de xaneiro, festividade de San Xulián de Antioquía, se celebrase oficialmente como festa patronal de Ferrol.
Así pois, sabemos que foi no século XVIII cando a nobreza transformou a iconografía do mártir cristiá nunha nova asociada a esta clase dirixente, para o cal despoxaron ao primitivo san Xulián da súa túnica e vestírono coas súas roupaxes. En moitas igrexas mantívose a pomba que o acompañaba, mais a orixinaria espada do santo daría paso a unha arma de fogo como a que hai na capela da Virxe do Faro de Brantuas, en Ponteceso, onde podemos ver a un San Xulián representado nunha figura de pequenas dimensións que vai ataviada con calzóns curtos, camisa e chaleco, e que leva nas súas mans un trabuco. Esta iconografía do santo nobre non deixa de ser, segundo Alejandro Barral, antigo director do Museo Catedralicio de Santiago, «una reconversión de san Julián, obispo de Toledo, cuya imagen primitiva va acompañada de paloma y lanza, siendo éstos los símbolos propios».
¿Sería algún destos casos o acontecido co San Xián de Barrañán?
É doado imaxinar que antes da talla actual existía unha moito máis antiga, un santo que, con certeza, viron os ollos do Cardeal Jerónimo del Hoyo cando, no nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela no que, con relación á parroquia de Barrañán, Jerónimo del Hoyo escribiu o seguinte:
SAN GIAO. JULIAN DE BARRAÑAN
Es aneja esta feligresía a la pasada de san Pedro de Sorriço, tiene diez y ocho feligreses. Los frutos todos al retor que valdrán catorce cargas de todo pan. Presentación de San Martín. La fábrica no tiene renta ninguna. Hay dos ermitas una de San Mamed y otra de Santa Cruz.
Casamento
de Chelo Rama e o seu noivo Manolo en Barrañán nos anos 60 no que se
aprecia o estado da igrexa naquela altura (Oliva Herrera) |
Vistas da igrexa de Barrañán nas festas do Sacramento do ano 2019 (Pepe López) |
A talla actual do San Xián de Barrañán viste roupas propias da Ilustración, un movimento cultural e intelectual, primordialmente europeo, que naceu a mediados do século XVIII e durou ata os primeiros anos do século XIX. O noso protagonista aparece representado coa palma do martirio na súa man dereita e cun libro e unha pomba na esquerda. Podemolo ver con vestimenta dourada na parte alta do retablo, xusto enriba dunha talla da Virxe do Rosario, a quen acompaña unha figura de San Xosé e outra de San Antonio, tres santos que case dobran en tamaño a talla de San Xián. O escritor Francisco Vidal, autor xunto a Rosa Benigna Vizcaya do marabilloso libro Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega (Editorial Toxosoutos, 2009), opina que este pequeno santo de Barrañán é a representación de San Xulián de Antínoe:
“As festas dos santos e as festas parroquiais veñen xeralmente por unha razón de ser que vén de antigo e, neste caso, coincide na celebración do día 7 de xaneiro. A iconografía deste santo representa a mensaxe que se da a principios de ano, das boas intencións, a pureza… que foi polo que el morreu. O San Xián de Barrañán viste de noivo porque o seu martirio vén a raíz de casar e negarse a xacer coa esposa, de aí a pomba que o acompaña, que representa a pureza. O libro que ten debaixo da pomba está cerrado porque durante o martirio explicaba os evanxeos. Na outra man ten a palma do martirio. Todo isto, xunto coa iconografía e a data de celebración, lévame a pensar que se trata de San Xulián de Antínoe”.
Retablo da igrexa de Barrañán (Fran Naveira) |
A imaxinaría, os relevos e as pinturas do retablo do altar foron restaurados recentemente polos irmáns Garrido, especialistas ourensáns que, seguindo as directrices de Patrimonio, levaron a cabo un traballo espléndido que serviu para recuperar un montón de pezas moi deterioradas do patrimonio parroquial e poñelas en valor, unha iniciativa nacida no seo da Comunidade de Veciños de San Xiao que preside Daniel Martínez Suárez. A inauguración oficial da restauración celebrouse o 14 de xullo do 2019 coa visita do Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio Barrio. Nunha conversa mantida en decembro de 2020 con Daniel Martínez, o presidente da Comunidade explicounos os pormenores da iniciativa e a particularidade do colectivo que encabeza:
“Esta Comunidade naceu en 1997, a raíz de que rompera a campá da igrexa. Nese momento don Cayetano era o cura da parroquia e despois veu para aquí don Pedro, que, aparte de Barrañán, tamén levaba Lañas e Oseiro. Ao principio pensamos en facer unha confraría, pero finalmente decidimos constituirnos como Comunidade de Veciños para afrontar os arranxos da igrexa. Levo de presidente dende aquel ano. Aquí levamos moitos cartos gastados. Había que tomar unha decisión porque a igrexa estaba caendo. Primeiro arranxamos a campá, despois botouse a placa e a continuación, xa coa Comunidade constituída cos seus estatutos, estableceuse unha cota entre a veciñanza para amañar o falso teito. Hai sete anos que acabamos os arranxos e xa, máis recentemente, tamén se afrontou a restauración de todas as tallas dos santos. Facíalle moita falta. Coa restauración, ata descubrimos que San Xulián tiña bigote. Non sei cantas Comunidades de Veciños hai en Galicia que se fixeran cargo dunha igrexa. O que si che podo dicir é que en Arteixo somos o único caso. Aquí encargámonos nós de todo: da luz, das roupas, limpamos, fregamos e os domingos pasamos o cepillo e encedemos as candeas… iso sí, queda todo aquí, poucas grazas! A festa tamén a organizamos nós, a non ser que haxa un funcionista, que xa hai moitos anos que non é o caso!
Procesión do Santísimo Sacramento do ano 2019 (Pepe López) |
Daniel Martínez tamén nos comentou que… “o 6 de xaneiro celebramos o San Antonio e sacamos o santo en procesión acompañado da Virxe do Rosario; ao día seguinte, o día 7, sacamos en procesión a San Xulián coa Virxe do Rosario; o 2 de febreiro celebramos a Candelaria… en Oseiro teñen a Virxe da Luz e nós temos a Candelaria, que a sacamos en procesión ese día co San Xosé; e o segundo domingo do mes de xullo celebramos o Santísimo Sacramento; o día anterior, sábado, sacamos en procesión a Virxe do Carme co San Antonio”.
Xente festixeira a de Barrañán, abofé!
FONTES:
-Foro de amigos de Ferrol (2019): El confuso patronazgo de San Julián de Ferrol. Diario de Ferrol, 7 de xaneiro de 2019.
-Garrido, Santiago (2006): San Julián de Brantuas escolta a las santas con su escopeta. La Voz de Galicia, 18 de setembro de 2006.
-Prego, Pilar (2007): Un escolta con escopeta para la Virxe do Faro. La Voz de Galicia 7 de setembro de 2007.
-Vizcaya, Rosa Benigna / Vidal, Francisco A. (2009): Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega. Editorial Toxosoutos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario