Hai uns días, o 7 de xaneiro de 2021, recibín un correo electrónico de Phil Williamson dende Adelaida, Australia, no que, entre outras cousas, me contaba o seguinte:
“Querido Xabier,
Acabo de ler o teu artigo na web sobre o achado da campá do Priam. Grazas por todos os teus esforzos para manter viva a historia do Priam. Unha das persoas que afogou no naufraxio, o médico do barco, Sydney Ernest Holder, era familiar meu, polo que sempre me interesou a historia do Priam”.
Ao acabar de ler o correo de Phil o peito empezoume a arder coa emoción, do mesmo xeito que o fixera o 25 de febreiro do 2019, cando me chamou o amigo Xosé Troiano para comunicarme que atopara a campá do Priam na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo.
-O Priam non deixa de darme alegrías-, pensei. E empezaron a xurdir por enésima vez os recordos das entrevistas, das horas de hemeroteca, das numerosas visitas a Malpica, etc., etc.
As persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle adiquei á investigación do naufraxio do Priam, un vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 que se fora a pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de 1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia. Por iso, despois de tantas horas de investigación, o correo electrónico de Phil Williamson era coma un premio, unha enorme satisfacción persoal que chegaba dende a outra parte do planeta!
Souben daquel vapor por primeira vez grazas a Francisco Sanjurjo, Quico de Pichel, e a Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous veciños da miña aldea do Rañal que me contaron varias historias que nun principio, a dicir verdade, me parecían inverosímiles. Quico e Adolfo falaban de moitas riquezas espalladas por toda a costa de Arteixo, dende reloxos de ouro e prata ata un baúl cheo de “estampas bonitas” de papel, como seica lle chamaba José Naya, o veciño de Sabón que atopara ese cofre no areal de Alba.
Parece ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas, onde José Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para prenderlle lume ao pote na lareira. José descubriría o valor real do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun coñecido. Puxéronse a falar e sacou unha desas “estampas bonitas” que tiña no peto para facer un pitillo.
-Con esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van devolver cartos, díxolle este amigo.
A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber que aquelas “estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos e queimaba para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras esterlinas!
Quico e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiro no Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo.
Os dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século pasado, que todas estas riquezas eran dun vapor inglés que naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.
Todos estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome de inmediato cara a súa investigación e, na procura de máis informacións, empecei a consultar compulsivamente nos arquivos e nas hemerotecas, onde aparecerían novos datos. Ao mesmo tempo que escribía as primeiras páxinas dun libro no que pretendía recompilar todos estos contos, fun descubrindo a nube de misterio que había en torno a este naufraxio e o máis sorprendente: en Malpica, malia a ser o sinistro máis importante acontecido na vila ao longo da súa historia, a pouca xente lle soaba o nome do Priam. Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana, e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron quen de aportar datos de gran interese, dous homes que coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a transmisión oral mantería vivos moitos dos feitos relacionados co naufraxio, grazas a que persoas como Adolfo Vázquez e Francisco Sanjurjo gardaban nun recuncho da súa memoria os contos que lles escoitaran, cando eran nenos aos seus devanceiros.
Mentres seguía na procura de novas informacións do acontecido neste sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia da costa galega e os seus naufraxios. Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación conxuntamente, publicando con Edicións Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, libro no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de saber onde estaba a campá do vapor inglés.
Uns meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto amaba lle segara a vida!
Cinco anos despois daquela presentación recibía a chamada do amigo Xosé Troiano, historiador e erudito do mundo das campás grazas a quen, ao fin, se completaba o crebacabezas do Priam! E agora, cousas do destino, en xaneiro do 2021 recibo o correo electrónico de Phil Williamson, un correo no que nos expresa o seu agradecemento polo noso traballo e no que, ademais, tamén nos conta algunhas informacións que descoñeciamos sobre o seu familiar Sydney Ernest Holder, o médico do Priam.
Grazas á coraxe e á valentía dos mariñeiros de Malpica, que puxeran en risco a súas propias vidas para salvar aos náufragos do vapor inglés, só houbera que lamentar a morte de nove das corenta e sete persoas que viaxaban no Priam, cinco pasaxeiros e corenta e dous tripulantes.
Dos cinco pasaxeiros perderan a vida catro: o señor e a señora Derbyshire maila súa criada, Elizabeth Smith, os tres de Wigan, e a señorita Helen Clarck, que era de Liverpool. Os cinco tripulantes que morreron na traxedia das Sisargas foron a camareira e única muller da dotación do vapor inglés, Catherine O´Rourke; o tamén camareiro Arthur T. Bishop, con residencia en Londres; o cociñeiro G. Ledburn, de Liverpool, o 2º maquinista David Graham, de Manchester, e o médico australiano Sydney Ernest Holder, o familiar do noso amigo Phil Williamson.
A prensa de Australia faríase eco de contado da morte do seu compatriota aínda que nun principio, tanto o Adelaide Observer coma o Melbourne Daily Telegraph apuntaban que o vapor sinistrado fora o Ehriam. Parecíalles pouco probable que fora o Priam dado que ese vapor, na súa última viaxe a Asia, voltando cara a Inglaterra, chegara o día 5 de decembro a Xibraltar con serios problemas nas máquinas. Mais os dous xornais, no que si facían fincapé, era de como tristemente se lle cortara a vida no litoral galego, con tan só 26 anos, a Sydney Ernest Holder, o fillo máis novo de James e Marta Holder.
Frederick W. Holder, irmán maior de Sydney |
Sydney nacera en Adelaida o 22 de decembro de 1862, e era o irmán menor de F.W., naquela hora editor e propietario do Burra Record e que andando no tempo acabaría sendo primeiro ministro de Australia do Sur (https://en.wikipedia.org/wiki/Frederick_Holder); C.J., empregado no ferrocarril de Adelaida; e H.R., operador no Departamento de Telégrafos e un famoso cantante afeccionado. Sydney cursara os seus estudos no Prince Alfred Collage, onde obtería varias becas menores antes de entrar na Universidade da súa Adelaida natal. Pouco despois de obter a graduación naquela Universidade, viaxa a Inglaterra, a onde chega en 1882. Nas illas británicas continuaría cos seus estudos de medicina e, en menos de dous anos, supera a matriculación e o preliminar científico na Universidade de Londres. Ao mesmo tempo, participa en todas as actividades universitarias e no hospital onde realiza as prácticas, converténdose nun dos estudantes máis distinguidos do seu ano, gañando entre outras distincións a Beca Atchison pola habilidade xeral, a medalla de ouro Fellowes pola medicina clínica, e a medalla Tuhe por patoloxía. Con tan boas cualificacións non tardaría moito en ocupar os postos de axudante de ciruxán no Hospital Universitario, e o de axudante de medicina militar no Coton Hill Asylum, preto de Safford. As habilidades do doutor Holder non se limitaban soamente á medicina xa que, ao igual que o seu irmán H.R., posuía un notable talento musical que sempre poñía ao servizo dos seus compañeiros de estudos cando era residente no hospital. A súa bondade e atención cos pacientes baixo o seu coidado eran tamén notorias.
Tan só unhas semanas antes de que o Priam zarpara do porto de Liverpool rumbo a Asia, Sydney Ernest Holder decidira aceptar a oferta que lle fixeran os irmáns Holt, os propietario da Blue Funnel Line, a compañía á que pertencía o Priam, para ser o médico do vapor nesa viaxe. Para el, despois de meses de vida dura no hospital, ían ser unhas vacacións, unha viaxe agradable e saudable que agardaba con impaciencia. Sydney tiña a intención de regresar a tempo a Londres, para presentarse ao examen final na Universidade no mes de maio, e logo, visitar á familia e amigos en Australia, despois de tanto tempo separados.
Óleo do vapor Priam |
FONTES:
PATRICIO CORTIZO, FERNANDO & MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2014): De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam. Edicións Embora, Ferrol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario