sábado, 24 de xullo de 2021

O PAZO DE GALÁN (I)

   Á marxe esquerda da estrada AC-552 que nos conduce ata A Coruña, xusto despois dos últimos edificios de Vilarrodís e no medio dunha serie de almacéns e naves industriais existentes na zona dende hai xa bastantes anos, atópase Galán, histórico lugar da parroquia de San Tirso de Oseiro no que podemos ver un dos elementos máis significativos da arquitectura popular de Arteixo. Falamos do pombal de Galán, un edificio de planta octogonal, con muros de cachotería recebados e caleados, que pide a berros unha profunda restauración xa que o teito e as súas paredes desfanse de ano a ano e, se non se toman medidas urxentes, en pouco tempo será desgraciadamente unha ruina. O propio pombal, así como o muro de peche da horta na que se atopa, indica claramente a súa pertenza a unha casa grande de certa importancia, unha casa que aínda se mantén en pé e que agocha un esplendoroso pasado do que falamos deseguido.

Vistas do pombal e do Pazo de Galán co muro de peche da horta

   Reconstruíndo a historia de Galán, sabemos que entre finais do século XVII e principios do XVIII Juan Rodríguez de Castro era o propietario deste lugar nunha época na que o coronel das Milicias de Betanzos, Diego Francisco de Oca y Sarmiento (1646-1698), e posteriormente o seu fillo Antonio José de Oca y Cadórniga (1673-1744) eran os Señores de Oseiro.

    ¿Quen era Juan Rodríguez de Castro? ¿Cando e como adquiriu Galán? Son preguntas ás que, polo de agora, non podemos ofrecer respostas mais, con todo, grazas aos datos que amablemente nos aportou Ramón Saavedra, descendente dunha das familias que pusuíu Galán durante máis dun século, podemos sacar á luz a historia dos últimos 315 anos deste lugar, unha historia que empeza o 11 de marzo de 1706 que foi o día no que don Benito Antonio del Corral y Romay lle comprou Galán ao nomeado Juan Rodríguez de Castro.

   De don Benito, crego de Pastoriza e das parroquias anexas de Suevos e Oseiro, sabemos que foi o primeiro párroco do actual Santuario de Pastoriza, reedificado sobre a vella capela que segundo conta a lenda mandara construír Reckiario, rei dos suevos dende o 448 ata o 456. As obras da actual igrexa de Pastoriza, construída en gran medida con pedra “parda toscana del monte da Teijeira, y la blanca en el monte de Sabón” (1) duraron catorce anos, desde 1685 ata 1699, edificándose coas aportacións económicas de Juan del Río, escribán da súa Maxestade e do Goberno e Capitanía Xeral do Reino de Galicia e, Señor do Couto de Suevos.

A CAPELA DE SAN BIEITO

 

En primeiro plano podemos ver o lugar no que estaba a capela de San Bieito e, ao fondo, alfunhas casas do lugar de Galán

  Unha vez adquirido Galán, segundo consta en testamento do ano 1730 de don Benito, onde se cita a existencia dunha fundación, é moi probable que o crego edificara no lugar unha capela con advocación a san Bieito, capela que se mantivo en pé ata a primeira metade so século XX e da que aínda se lembra Salvador Souto, veciño de Galán nado neste lugar en 1938:

-Acórdome de ver a meu pai retellar no tellado da capilla cando eu era neno. Tiña unha ventana que daba para o lado da nosa casa e tamén tiña un pasillo de arredor; bueno, máis ben un carreiro de dous metros. Dentro da capilla había un santo, o san Benito, e tamén me acordo da pía de bautismo. Hoxe o santo está en Pastoriza e a pía en Laxobre.

 

Pía de bautismo da capela de San Bieito de Galán (cortesía de Isabel Mareque)

   Cada 11 de xullo, o santoral católico celebra en todo o mundo a San Bieito, o Santo Patrón de Europa e fundador da Orde Beneditina. A Bieito se lle representa habitualmente co libro da Regra (A regra beneditina redactouse no século VI e converteuse no marco referencial da vida monástica occidental), unha copa rota, e un corvo cun anaco de pan no pico, en memoria do pan envelenado que recibiu Bieito dun sacerdote da rexión de Subiaco, na provincia de Roma, que o envexaba.

   O San Bieito que había na capela de Galán e que na actualidade está a bo recaudo nunha casa de Pastoriza, é unha talla de madeira de 95 cms que aínda se conserva en perfecto estado mais, iso si, na súa iconografía non aparece nada do mencionado anteriormente. Tan só viste hábito ou vestidura superior de cor gris na que resalta un rosario e, ademais, na man esquerda ten unha palma, algo curioso xa que non foi mártir, feito que nos leva a pensar que sexa como atributo de pureza.

 

Talla do san Bieito da capela de Galán, actualmente conservado nunha casa de Pastoriza

    Algúns crentes invocan a Bieito para protexerse contra as picaduras das ortigas, o veleno, a erisipela, a febre e as tentacións ou sentimentos luxuriosos que tantos quebracabezas lle custara ao patrón de Europa. No seu magnífico blogue Os chanzos (https://oschanzos.blogspot.com/), o prezado Francisco Vidal escribe o seguinte sobre as tentacións deste santo:

   “Todo comezou cando el, aínda novo, andaba por Roma e viu pasar unha fermosísima moza detrás da que se lle foron os ollos. E tal sentimento de culpa tivo o home, que nada máis chegar á súa cela aplicouse un duro castigo para que aquela tentación saíse da súa mente, máis como a imaxe da fermosa rapaza permanecía, baixou a onde había unha mesta silveira, espiuse e tirouse entre os arbustos aqueles ata deixalos sen espiñas. E tal remedio se aplicaba ó largo da súa vida cada vez que a figura daquela beleza romana lle viña á cabeza”.

   Avogoso para as verrugas e afeccións cutáneas, polo que acostuman ter unha fonte preto, e patrón dos labregos, enxeñeiros, curtidores e dun longo etcétera, a tradición do San Bieito mantívose viva na contorna ata non hai moito tempo, como así nolo manifestaron varias persoas que nos afirmaron que “en Vilarrodís e en Galán facíanlle festa a este santo”.

(CONTINUARÁ)

 

(1) DAVIÑA SÁINZ, SANTIAGO (2006): Noticias históricas del Archivo Municipal de La Coruña, y los milagros de Nuestra Señora de Pastoriza y otras noticias de su santuario, Revista Nalgures, Tomo III, páx. 123.

 


2 comentarios: