venres, 30 de xullo de 2021

O PAZO DE GALÁN (II)

   O 26 de abril de 1707 Benito Antonio del Corral y Romay, crego de Pastoriza e das parroquias anexas de Suevos e Oseiro do que vos falei a semana pasada, testou a favor da súa sobriña Josefa Salgado del Corral, que era filla de súa irmá Inés. Josefa estaba casada con José de Prado Ginzo, Señor da Casa e Pazo de Vilanova (Dormeá, Boimorto) na antiga provincia de Santiago, un persoeiro que, segundo consta nun documento asinado o 30 de abril de 1730, di “aburrirse da fundación” creada anos antes polo tío crego da súa muller

Mapa da parroquia de Oseiro do ano 1752 no que figura o lugar de Galán coa letra "G" (http://pares.mcu.es/Catastro/)

    Filla de José e de Josefa, señores dos pazos de Vilanova e de Galán, foi Juana Josefa de Prado Salgado, unha muller nacida o 20 de maio de 1720 que casou con Francisco Ignacio Codesido Bermúdez. Deles naceu, entre outros, Juan Antonio Codesido de Prado, que contraeu matrimonio o 28 de decembro de 1784 en Cádiz con Josefa María Monsagrati Buedo, irmá de Joaquín Mariano, canónico doutoral da Catedral de Salamanca. Unha filla destes, María Antonia Codesido Monsagrati casou con Emigdio María Saavedra Arixón, un persoeiro que ía ter notable actuación militar durante a Guerra da Independencia e que posteriormente tomou parte activa nas loitas constitucionais a favor do absolutismo. 

  Curiosamente, se naquela hora o Pazo de Vilariza, en Pastoriza, foi o lugar de reunión dos organizadores do levantamento liberal contra Fernando VII, lugar ao que concurriron durante os primeiros días de setembro de 1815 os oficiais Fernando de Miranda, Antonio Peón e José María Peón, o ciruxán José de Lazcano, o comerciante Andrés Rojo del Cañizal -o dono da casa- e por suposto o xeneral Juan Díaz Porlier, a pouca distancia, no Pazo de Galán propiedade de Emigdio Saavedra Arixón e de María Antonia Codesido Monsagrati, que herdara Galán de seus pais, defendíase a causa absolutista. 

A FAMILIA SAAVEDRA

  En 1677, o clérigo don Isidro López de Saavedra fundaba vínculo e maiorazgo de Tarrío, en Santiago de Xubial, Melide, en cabeza da muller que casara con don Andrés López de Saavedra que, segundo nos contan no espazo virtual Xubial (https://xubial.es/pazo-de-tarrio-santiago-de-xubial-melide), moi probablemente era fillo de don Isidro. Foi esa muller, tentada pola riqueza, dona Francisca de Prado Noguerol, dunha fidalga estirpe que posuía o Pazo de Vilanova, en Dormeá. Sucedeulles o seu fillo don Manuel de Saavedra y Prado, que casou cunha Leis, filla dos donos da casa de Vilacoba, en Santa María de Restande, don Pedro de Leis Ponte Moscoso e dona Isabel Figueroa Maldoado que así mesmo señoreaban a casa de Lema, en San Paio de Brexo, municipio de Cambre. Deles naceu o Capitán de Cazadores de Infantería don Felipe Saavedra y Leis, señor que casou en primeiras nupcias con dona Cayetana de Sevil y Monterroso, filla dos donos do Pazo de Rodieiros, da que non tivo sucesión, e en segundas con dona María Antonia de Arixón y Caamaño, quen, polos datos que aparecen na partida de matrimonio, era filla de Adrián Arixón Rodríguez Varela Montenegro e Isabel Teresa Aldao Caamaño Sotomayor e Bermúdez de Lovera y Santiso, donos das casas e pazos de Arixón, na parroquia de San Cristobal de Cerqueda, e da casa de Vilaño Vello, A Laracha. Deste segundo matrimonio nacería don Emigdio María Saavedra Arixón, de quen falaremos máis polo miúdo a vindeira semana.

(CONTINUARÁ) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario