xoves, 4 de novembro de 2021

'CHUCHO DE LANTES', O GAITEIRO DA ESQUIPA

    Quen non se lembra de 'Chanquete'? Refírome, como podedes imaxinar, ao vello mariñeiro da popular serie dos 80 Verano Azul que, xa xubilado, toca o acordeón no seu barco La Dorada, un escanastrado pesqueiro varado no alto dunha cima do pobo mediterráneo de Nerja. Pois ben, aínda que non o creades, no lugar da Esquipa, na parroquia de Monteagudo, tivemos o noso propio 'Chanquete'. Iso si, hai que aclarar que non vivía nun barco nin tocaba o acordeón. Non, non. O noso viviu durante un tempo nun autobús que tiña “varado” na Leira da Costa, próxima á canteira de Arias en Trambasaguas, e tocaba a gaita. Fálovos de Jesús Mañana Doldán, máis coñecido polo alcume de 'Chucho de Lantes'.

'Chucho de Lantes'  coa súa gaita (Cortesía de Estrella Mañana)

   Nado en 1931 na Esquipa, o noso protagonista era o máis novo dos tres fillos de Jesús Mañana e Estrella Doldán e, ao igual que os seus irmáns Manuela e Eliseo, tivo que traballar dende moi cativo nas terras da casa botándolle unha man a seus pais, que eran dos grandes labradores da zona. De feito o señor Mañana foi, segundo nos contou a súa neta Estrella Mañana Montero, o benfeitor que doou os bancos da igrexa de Monteagudo.

  De moi noviño, 'Chuchiño de Lantes' escoitaba música tradicional con certa frecuencia, especialmente en Caión, na casa dun tío gaiteiro. Coa gaita sentiu de neno un amor a primeira vista e tirouse de cabeza. Mais a música non daba de comer e, á parte do duro traballo nas terras, tamén faría unhas pesetas coma barbeiro cortándolle o pelo, xa de mozo, aos veciños da contorna na casa de seus pais.

  A súa filla Estrella recorda que... “meu pai tamén tocou nos 'Matines'. Disque os músicos desta formación eran de Carballo, da Laracha e de Arteixo. Daquela xa sabes, para facer baile nas aldeas desta zona e nos salóns da época, un tocaba a pandeireta, outro a gaita... Tamén, polo que teñen contado na casa, pola Noiteboa ou polo Nadal, papá tocaba a gaita na Esquipa e a xente ía detrás del. Era moi festixeiro de Nuestro Señor. Bueno, festixeiro e “chupinero”, que dicía que non se podía andar a pau seco”.

   - Maruja, a ver muller, trae un chupito de algo que hai que mollar a palleta!

  Chucho casa en Freón aos 24 anos e, ao pouco, abandona o fogar para embarcarse a Montevideo no “Monte Udala”, un buque que transportaba madeira e no que viaxaban ducias de galegos e galegas que fixeran a maleta da emigración na procura dunha mellor vida. Corría o ano 1955 e, despois de 33 días de navegación, chega á capital de Uruguai, onde o arteixán empeza a desenvolverse grazas a un matrimonio galego que xa coñecía de antes.

 

Chucho na época na que emigrou ao Uruguai (Cortesía de Estrella Mañan

Ao pouco de establecerse en Montevideo monta unha barbería na calle Juan Paullier, un negocio que bautiza co seu concello de nacemento: 'Peluquería Arteixo'. Non tarda en facer clientela, moitos deles socios da Casa de Galicia, o lugar onde coñeceu a Alba Luz Moreno Santana, unha moza uruguaia de orixe vasca.

 

Imaxe da 'Peluquería Arteixo' que Chucho tivo en Montevideo (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto)

    En 1966, cando xa levaba máis dunha década no Uruguai gañando a vida na súa barbería, Chucho e Alba son pais dunha nena á que deciden poñerlle o nome da avoa paterna e da nai: Estrella Alba. Catro anos máis tarde, sobre o 70 ou 71, o emigrante da Esquipa cambia de actividade profesional. Deixa a tesoira e a navalla e monta un bar na rúa Ricardo Palma ao que lle chama “Bar Cielito”. Non foron poucas as bromas da clientela co nome do novo negocio:

    -El dueño Jesús, la mujer Alba Luz, la hija Estrella y el bar Cielito… sólo falta la luna!

   Traballar de taberneiro non é moco de pavo. É un oficio duro e hai que estar moitas horas agarrado á barra para rendabilizar o negocio, á parte de entender de sicoloxía e dárlle a cada cliente o trato e atención que merece. Segundo a súa filla Estrella, Chucho abofé que o conseguiu (falo do trato e de exercer de sicólogo) e dentro dese estado de suxestión, tamén ía conseguir que a súa modesta taberna fora, naquela altura, un dos lugares que cumpría perfectamente a súa labor de oficiosa embaixadora de galeguidade en Montevideo, tocando a gaita para a súa clientela case que todas as noites.

 

Imaxe do 'Bar Cielito' (Cortesía de Estrella Mañana, a moza da foto

    Despois de 25 anos sen pisar a terriña, 'Chucho de Lantes' volta ao seu lugar de nacemento en 1979, cando morreu súa nai Estrella e a familia fixo a partilla dos bens. Naquela hora xa vendera o “Cielito”. A súa filla contounos que ao regresar a Montevideo… “o valor das pesetas ao cambio da moeda era unha barbaridade. Ti ías con algo de aquí e aló case eras millonario. Cando chegou de Galicia, dixo:

   -Vou comprar o mesmo coche que ten o presidente!

   E comprou un Chevrolet, da mesma cor que o que tiña Aparacio Méndez, o presidente de facto da República de Uruguai. Chucho era así! Un da Esquipa á altura do poder!

    Outro dos caprichos que se permitiu cos cartos da herdanza foi un agasallo para a súa filla Estrella quen, remomerando aqueles tempos da súa adolescencia, recordaba que "o 79 foi o último ano meu de escola e papá dixérame que, se aprobaba todo no colexio, me levaba a coñecer todo o Uruguai… e levoume! Igual que aquí hai provincias, aló chámanlle departamentos. Hai 19 e anduvémolos todos, no Chevrolet “do presidente”. Naquela viaxe, na que tamén me levou a Punta del Este e a outras praias na que paraban os ricos, eu fun a súa princesiña.”

 

Estrella co Chevrolet de seu pai (Cortesía de Estrella Mañana)

     Chucho regresa definitivamente da emigración en 1985 acompañado da súa filla Estrella e, durante uns seis ou sete meses, viven na Esquipa, na casa onde el nacera, con Manuela, a súa irmá maior, e con Francisco e Mari Carmen, cuñado e sobriña do gaiteiro (Mari Carmen casaría ao pouco con Baldomero, o das Covadas de Sorrizo). Posteriormente, Chucho e Estrella establecerían o seu domicilio nun piso da Laracha antes de facer o propio nunha casa de Vilasuso, na parroquia de Torás, lugar no que viviron de aluguer durante catro anos. No medio desta vórtice de acontecementos, Estrella casara en 1986 con Eladio Varela, un mozo do Escurido (parroquia de Lendo), e súa nai Alba Luz abandonara Uruguai en 1988.

     Uns meses despois da chegada a Galicia da nai dela, Eladio e Estrella deciden comprar unha casa no Escurido, lugar no que criarían a súa filla Susana e no que tamén residen Chucho e Alba Luz. Mais, o gaiteiro necesitaba o seu espazo para poder voar libremente, e foi aí cando decidiu levar un autobús para unha leira que tiña na Esquipa, a chamada “Leira da Costa”.

 

O AUTOBÚS

   'Chucho de Lantes' era bo amigo, xa dende os tempos mozos, de Jesús, o empresario de Carballo propietario da empresa Autocares Rey Varela, con quen falara previamente da posibilidade de comprarlle un dos seus autobuses.

-O do bús foi unha tolemia de meu pai -comentounos Estrella. Trouxoo para a leira sobre o ano 1990. Fixo como Chanquete. A min maldita gracia me facía, pero en fin, el era como era. Ata meus cuñados se ofreceran a facerlle un fin de semana na leira como Dios manda pero nada, non houbo maneira. Recordo que o autobús xa o tiñan que dar de baixa e veu para aquí polo seu propio pé, circulando ata a leira. Despois sacáronlle as rodas e puxérono enriba duns tacos de madeira. Dentro, fixera unha división con cortinas. Nun lado era onde durmía e no outro montara unha peluquería. Íanlle os clientes de Monteagudo, os que xa tiña antes de emigrar ao Uruguai. Algunhas noites encendíao para poñerlle a calefacción. El alí era feliz. Ao Escurido viña igual, eh. Á nosa casa viña a comer e a lavar a roupa, pero no bus tiña a liberdade que precisaba. Dicía que alí podía tocar a gaita á hora que lle petaba sen molestar a ninguén e bromeaba con miña nai decíndolle que tamén podía levar as mozas que quixera! Na leira tamén tiña dúas bestas e unha máquina de mallar desas antigas que a saber de onde a trouxera!

 

Vista aérea da Leira da Costa, no lugar da Esquipa, e do autobús de Chucho (http://mapas.xunta.gal)

   Para afondar sobre a historia daquel autobús puxémonos en contacto co empresario Jesús Rey Varela, que nos atendeu amablemente rememorando os primeiros tempos da súa actividade profesional:

  “Nos anos 70 eu levaba emigrantes a Suíza e á volta dunha viaxe parei en San Sebastián porque escoitara na radio que a Real Sociedad estaba adestrando no campo de Atocha. Cando cheguei ao estadio, senteime nas bancadas e empecei a falar cun fulano que estaba ao meu carón, e resulta que era Manolo Ramos, o chofer do autobús que levaba á Real Sociedad aos adestramentos, aquela Real Sociedad dos Arconada, Zamora, Satrústegui, López Ufarteque non tardou en gañar as ligas 80/81 e 81/82. A empresa era Autocares Ramos. Seguín falando con Manolo, e mira ti por donde que lle acabei comprando o bús. Trouxéramo el ata aquí, ata A Laracha. Era un Avia con matrícula de San Sebastián con motor Perkins… Por aquí fixen servicio con el por Cerceda, A Silva, A Laracha… ata que o dín de baixa o día que foi para A Esquipa, para a leira do meu amigo Chucho”.

   'Chucho de Lantes' faría vida naquel autobús durante case dous anos, ata que Manuel Vilanova, un curmán que residía na Coruña, o convenceu para que cuidara da casa e da granxa de porcos que tiña en Gomesende. O gaiteiro aceptou a proposta e botou uns 5 anos coidando dos animais. Alí tocaba a gaita a diario. Curiosamente, no Igrexario, aínda hai quen recorda de escoitar a súa música. 

 

Na parte superior da imaxe vemos a Alba Luz e a Chucho. Na inferior, á súa neta Susana e a Oliva e Agosto, veciños de Vilasuso

  Con certa apariencia dos gauchos da Pampa, bigote “tipo Arrocet” e peiteado Anasagasti, Chucho non se perdía ningunha festa e romaría da bisbarra:

  “Meu pai era moi divertido. Encántaballe botar bombas polas festas. Cada ano celebraba o día que marchara para Montevideo botando foguetes. Na realidade botaba bombas por calquera motivo. Era moi fogueteiro, abofé! Festas, bombas e gaita… iso era o seu!

  Ás verbenas máis próximas desprazábase na súa Vespa, como aquel día que entrou na Cachada no campo da festa coa gaita ao ombro. Cun traxe castaño, garabata a xogo e un feixe de chapas nas lapelas, meteu a moto no 'bochinche' e díxolle a un dos rapaces da comisión:

- A ver ho, pónme unha cervexa que hai que mollar a palleta!

  A súa besta particular, refírome a moto Vespa, tivo que deixala no cortello cando empezou a ter problemas de próstata porque xa non era quen de termar dela. Aquel home tan alegre foise rechumindo pouco a pouco, ata o punto de andar paseniño agarrado a unha bicicleta por mor da súa doenza. Preocupadas pola súa saúde, Estrella e Alba Luz convencérono para que residira con elas en Escurido, onde o noso protagonista faleceu en decembro de 2009.

  Se vas pola Esquipa, ou incluso por Gomesende, e pechas os ollos durante uns segundos, é probable que aínda escoites o son da súa gaita dende o alén. E ollo! Se buscas o autobús, xerme daquela Real Sociedad imbatible, no que 'Chucho de Lantes' viviu durante un tempo e exerceu a nobre arte das tesoiras e da navalla ao vir de Montevideo, xa che advirto que pasou a mellor vida trala morte do gaiteiro. Aquel autobús de tanta historia acabouse convertendo en chatarra nas instalacións que a empresa 'Hierros Varela Urbieta' posúe no Polígono Industrial de Bértoa, en Carballo.

11 comentarios:

  1. Xa que estamos por contar a historia do gaiteiro, do que eu tamén levo apelido, contarei que cando casou en Freón con miña avoa, tuvo outra filla, miña nai, Isabel Mañana.
    Sendo Isabel un bebé, marchou a Uruguai e olvidouse de que aquí deixaba unha filla, da que nunca se fixo cargo.
    Miña avoa criou soa a miña nai, non sen dificultades e nunca chegou a refacer a súa vida.
    Para min nunca mereceu a palabra avó, pero polo menos, nos xens quedoume a parte de festexeira.

    ResponderEliminar
  2. Toda a verdad Yésica rial

    ResponderEliminar
  3. Eu Susana,a sua neta, teño que decir que hai cousas que meu avó non fixo ben, pero tamen hai que saber o que hai detrás...que eran tempos que obligaban a xente a casarse con quen non quería...etc..Deixando esto a un lado que tampouco me parece o sitio nin as formas para falar de esto...porque podo entender unha parte e poñerme en situación, pero para min si que merece a palabra avó e leer a historia e ver as fotos...e a miña foto emocioname moito! Eu recordo o feliz que era tocando a gaita e contando todas as suas historias de cando era mozo,de todas as cancions que lle gustaban,sempre cantaba adios España de Antonio Molina decía que a foi cantando para Uruguai,e o seu preferido Manolo Escobar sin duda, outro grande! que eu sempre teño presente e sei todas as suas cancions porque el sempre mas poñia,recordo que sempre vacilaba os meus amig@s e lle poñia motes a todos pero nadie llo tomaba a mal porque xa o coñecian e rianse moito con el,e sempre recordarei un día que estaba na sala e entrou el pola porta todo pancho e me dixo: nena está tua avoa no congelador e non sei que quere!! Todo tiña explicación de porque ela estaba ali (que as historias de miña avoa xa dan para un libro) pero a forma tan graciosa que el tiña de decir as cousas faciano ainda mais especial! Nos xens debiunos quedar a tod@s o de festexeiros porque el tiña festa pa dar e regalar! esté donde esté estou segura que tocara a gaita e fara festa todos os dias. Querote avó

    ResponderEliminar
  4. Susi, estou de acordo contigo sen dubida era un gran home tiven a gratitude de coňecelo e non dubido que ten un altar no ceo pa seguir tocando a gaita! De parte da sua amiga Ramona ou como el me decía o bacalao de Peisaco 😃

    ResponderEliminar
  5. Moi ben dito, Yésica Rial. Hai que pintar a historia bonita pero non todo foi gaiteirada.

    ResponderEliminar
  6. Gran home, gran persona. Un home que creo recordaremos sempre os veciños ,cheo de alegria e sempre cunha risa na cara e coa gaita o lombo. A historia personal por desgracia neses tempos moitos marchaban traballar e deixando familia aqui e cando volvian viñan con outra familia formada(igual que pasou ma miña familia) eso si eso nom quita que fora unha gran persona , amigo dos seus amigos. Sempre con historias que contar e ca sua gaita animaba as festas. Quen non pasa por diante da finca e non lle acorda velo ali diante sentado diante do autobus ???
    Que bos recordos da miña infancia me trouxo este articulo . Vanesa Estramil ou como el me chamaba "ojos lindos "

    ResponderEliminar
  7. Que vida tan interesante!

    (bajoinfinitasestrellas)

    ResponderEliminar