venres, 26 de novembro de 2021

O SEÑORÍO DE CANDAME E OUTROS CONTOS DO LUGAR

   Como podedes imaxinar, a vila de Arteixo actual pouco ou nada ten que ver coa de antano, con aquel Arteixo dos tempos mozos dos nosos avós no que A Baiuca e Candame eran os lugares máis poboados da capital do municipio, que ía modificar a súa fisionomía, e de que xeito, a principios dos 60 a raíz da creación do Polígono Industrial de Sabón. 

  Hai unha fotografía aérea, pertencente ao chamado voo americano, na que se aprecia perfectamente como eran estos dous lugares nos anos 50, pouco antes do inicio do boom da construción e da chegada do cemento. Dous lugares que tamén tiñan a súa rivalidade futboleira: o Penouqueira era o equipo da Baiuca e o Atlético de Arteixo de Candame.  

   Da Baiuca de antano aínda queda algún edificio da época da que estamos a falar. Pola contra, do vello Candame o único que queda son os recordos dos nosos maiores e acaso unha rúa, a chamada Camiño de Candame, que actualmente nos conduce dende a avenida de Fisterra ata a rúa Paio Gómez. 

 
Camiño de Candame

   Segundo o mestre Fernando Cabeza Quiles, é moi probable que a procedencia do topónimo Candame sexa un superlativo referido a un lugar outrora abundante en froumas de castiñeiros ou polas pequenas secas e abrancazadas caídas doutras árbores, que se empregaban nas casas como combustible vexetal ou para alumear. “O toponimo -apuntounos Fernando- parece paralelo ao de Lousame, superlativo de lousa, por un lugar abundante nelas, mentres que Candame, que parece ter o mesmo sufixo superlativo -ame, poderíao ser de candeas ou froumas secas de castiñeiro ou en poliñas secas”. Da mesma opinión é a admirada María Rozamontes Vázquez, que ademais, no volume II do libro Arteixo de onte a hoxe, tamén indica que “pode conter un xenitivo dun nome persoal CANDAMIUS, de orixe prelatina".
 
   Curiosamente, o topónimo Candame tamén se empregaba no pasado para nomear a un dos areais do noso litoral que, polas informacións que aparecen na obra Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña que Pedro Riudavets publicou en 1867, intuímos que se trata do actual Combouzas:  
 
   “En la punta ALTIÑA, que dista una milla escasa al SE. ¼ E. de la punta Este de Cayón, da principio el arenal de SORRIZO, nombre de una aldea allí inmediata. El arenal termina en la punta de SAN AMEDE, distante de la Altiña 6 cables, al rumbo del E. ¼ SE. Esta playa, aunque en limpia en la orilla, es sucia por fuera. Desde la punta de SAN AMEDE, va remontándose la costa para el NE. hasta las Cambosas, distante 1,5 milla escasa. Este trayecto es un compuesto de dos arenales, separados por la punta pedregosa llamada CANDAME. El arenal más occidental es el mayor, y se denomina de CHAMIN, nombre de una aldea que está tierra adentro: el otro es el de CANDAME. Uno más pequeño, nombrado de Gafa, está por la parte O. de la punta de Cambosas.”  
 
A Punta de Candame na carta náutica da Costa Septentrional de España. Folla III de J. Riudavets y Monjo (1896). Instituto Xeográfico Nacional
 
   ¿Tería este topónimo marítimo algunha relación co lugar arteixán de Candame? ¿A procedencia desta punta e areal de Candame sería outro xenitivo? ¿Adoptou algún fidalgo de tempos pretéritos este nome como apelido? Obter respostas vai ser tarefa ardua -por non dicir imposible- mais, con todo, queremos deixar enriba da mesa os nomes de Nuño Gómez de Candame (Nuño Gómez era nome de pila; na provincia de Toledo hai un municipio con esa denominación) e de Estevo Rodríguez de Candame.  
 
    Hai datos de que Fernando Vermúdez de Castro, encomendeiro perpetuo de Antealtares e de Cambre, en atención a que o abade Lopo Fernández e o prior Alonso Yanes e os seus monxes aforaron e deron a censo perpetuo a Nuño Gómez de Candame, xurado da Coruña, segundo consta por escritura de 17 de xuño de 1399, os cotos de Morás e de Arteixo, e que eles levaran en foro durante 85 anos, máis ou menos, despois de narrar as vicisitudes do foro, confírmano e aforan pola mesma cuantía e condicións a Estevo Rodríguez de Candame, descendente lexítimo do primeiro foreiro. 
 
   Fóra de todo tipo de conxecturas, o que si sabemos con certeza é que en Candame houbo unha importante casa señorial pertencente á estirpe dos Torreiro na que naceu en 1621 Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, vedor e Contador Xeral do Exército e Reino de Galicia e, señor das casas de Freufe e Candame.
 
Imaxe do Candame actual

    Conta Carlos Martínez Barbeito na súa magna obra Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña, que unha das casas señoriais da parroquia cambresa de San Paio de Brexo, tan poboada de pazos, é a chamada do Corgo, considerada como residencia secular da liñaxe dos Torreiro. Pois ben, segundo consta no expediente de ingreso na Orde Militar de Santiago correspondente a don Pedro Vázquez Torreiro, algunhas veces chamado Torrero por mor dunha non infrecuente castelanización de apelidos galegos, e que foi incoado en 1672, ponse en coñecemento que a rama troncal da liñaxe arranca de don Sancho Vázquez Varela, da casa de San Mamede do Salto e da súa muller dona Aldonza Torreiro.  
 
   Froito deste matrimonio foi don Juan Vázquez Torreiro, que naceu na casa de Freufe e casou con dona María de Loño, filla de don Jácome de Loño, e natural da casa de San Xoán de Lázaro. 
 
   Continúa a liña o seu primoxénito don Pedro Vázquez Torreiro, nado en 1590 coma seu pai na casa de Freufe, sita na comarca de Monterroso. Don Pedro, Señor das casas de Candame e de Freufe, contrae nupcias con dona Inés Pérez de Lugo y Somorrostro, que era filla de don Alonso Rodríguez de Lugo, morto a mans dos ingleses de Francis Drake e John Norris en 1589 durante o asalto e conseguinte defensa da Porta da Torre, na cidade da Coruña. Este don Alonso, que casara con Catalina de Berdeal y Loriga, (filla de don Sancho de Somorrostro, rico comerciante que testou na Coruña o 21 de marzo de 1584), era fillo de don Martín Alonso de Lugo e neto de don Pedro Fernández de Lugo, Rexedor Perpetuo da cidade das murallas da cal adoptara o seu apelido.  
 
  Do matrimonio de don Pedro e dona Inés foi froito outro don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo, nado en Candame en 1621; don Antonio Vázquez de Somorrostro, que andando no tempo ía ser cura da parroquia de Sorrizo; don Santiago Pedro, Vedor da Armada de Flandes e Mar Océano; dona Manuela e dona Jacinta Pérez de Loriga.  
 
Imaxe do Candame actual

  Como xa dixemos anteriormente, este don Pedro Vázquez Torreiro y Lugo (1621-1679), foi señor das casas de Freufe e Candame e vedor e contador xeral do Exército e Reino de Galicia, emprego que lle debía reportar moi suculentos froitos, e do que se cadra saiu, sen prexuízo doutras achegas herdadas dos opulentos Somorrostros y Lorigas, a principal fonte de prosperidade da familia. 
 
   Don Pedro, o noso persoeiro de Candame, casou con dona Catalina de Lamas y Sotomayor e foron os seus fillos don Ignacio, dona Antonia, dona Catalina e don Ignacio Vázquez Torreiro y Sotomayor, que foi Sarxento Maior de Infantería e que casou con dona María Antonia Pardo Montenegro.  
 
   Fillo deste matrimonio foi Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, Rexedor Perpetuo da cidade da Coruña, na cal tiñan os Torreiro sepultura propia adornada cun escudo que contiña unha espada, na capela maior da parroquia de San Nicolás, sepultura herdada dos seus ascendentes, os Doriga. Os Torreiro tiñan a súa casa na herculina rúa Real, esquina coa popular vía que aínda hoxe se chama rúa Torreiro, en recordo da significada familia de tal apelido. Así que xa sabedes, cando vaides de viños por esta zona non esquezades a relación que esta popular rúa coruñesa ten con Candame, lugar ao que retornamos da man de Antonio Torreiro y Pardo Montenegro, que supoñemos que é o mesmo que aparece no Catastro do Marqués de Ensenada de 1752 como propietario dun dos muíños que naquela altura había en Candame:  
 
  "(…) Otro de Manuel García y consortes al sitio de Candame muele seis meses al año, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otro de D. Antonio Torreiro al mismo sitio, regulan su producto en cuarenta y cuatro reales: Otros cinco en el mismo sitio: El uno de Euxenio de Boedo y consortes: Otro de Jacobo López Muñíz y los suyos: Otro de Francisco Rodríguez de Ulloa y consortes: Otro de la fábrica de Santa María del Campo de esta Ciudad: Otro del convento de Santo Domingo de la misma (...)"
 
   É probable que algúns destos muíños fosen os do Pedregal, os mesmos que foron inmortalizados nunha preciosa imaxe dos anos 50 por F. Álvarez. 

   Antonio Torreiro y Pardo Montenegro casou con dona Josefa Jacinta Caamaño e ambos os dous foron pais de don Pedro Ignacio Torreiro, Rexedor Perpetuo da Coruña e Capitán de Milicias da praza herculina e, esposo de dona Josefa Verea de Aguiar y Fandiño.  
 
   De don Pedro Ignacio e de dona Josefa naceu don Ramón Pelayo Torreiro y Verea de Aguiar que ía casar con dona Rita Josefa Varela y Varela de Caamaño. Segundo as informacións de Carlos Martínez Barbeito, de don Ramón Pelayo descende tamén Salvador Parga Torreiro (1838-1901), senador, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago e un dos primeiros en reclamar o sufraxio feminino en España e Europa en 1870. De Salvador Parga descenden os Parga Pondal e os Puga Parga do pazo de Anzobre, os uns e os outros emparentados, por conseguinte, cos antigos donos de casa de Candame.  
 
FONTES:

ÁLVAREZ, MANUEL LUCAS (1999): El Archivo del Monasterio de San Martiño de Fóra o Pinario de Compostela, Ediciós do Castro.

MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.

RIUDAVETS Y TUDURY, PEDRO (1867): Derrotero de las costas de España y de Portugal: desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de La Coruña.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2003): Arteixo de onte a hoxe, Volume II, Concello de Arteixo.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (coord.) (2010): Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición, Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario