Santa Locaia é un núcleo de poboación da parroquia de Loureda coñecido polo seu fermoso mirador natural, o punto máis alto do municipio de Arteixo, dende o cal podemos tocar o ceo e contemplar a inmensidade oceánica. Trátase dun lugar realmente máxico, dun resalte rochoso que convida a viaxar no tempo e a pensar nas cerimonias e ofrendas que, de seguro, fixeron alí os nosos antepasados con aquel xeito de comunicación entre o humano e o divino que había na antigüidade. Desgraciadamente, co andar dos anos, as novas comunicacións, as dos tempos que nos toca vivir, ían modificar este fermoso espazo coa instalación dun repetidor no lugar.
Panorámica dende o Coto de Santa Locaia |
Sobre estas alturas, a uns 370 metros sobre o nivel do mar, pódese entender a importancia que naqueles tempos pretéritos debeu significar para aquelas xentes a posición estratéxica do asentamento de Santa Locaia, coñecido tamén coma o Coto, un emprazamento privilexiado que controla todo o val de Loureda e boa parte do resto da bisbarra e das terras da antiga Farum Brigantium. De forma circular, dispón de boas defensas naturais e presenta unhas explanacións artificiais entre os distintos afloramentos. No mundo da investigación arqueolóxica hai quen apunta a que neste asentamento puido existir un castro dos de fase antiga. Tamén hai quen se decanta polo feito de que Santa Locaia fora unha atalaia medieval, idea que defendía Luís Monteagudo mais, salvo algún anaco de tella vella, poucos datos hai das pegadas dos alicerces de cantería que alimenten a teoría do ilustre arqueólogo.
Do que si hai constancia é de quen señoreaba estas terras na segunda metade do século XVII. Segundo a revista Hidalguía, naquela altura eran “Pedro Rodríguez Canzobre y María Rodríguez Bermúdez de Carracedo, dueños ambos de la casa y torre de Cancelo y del antiguo casal de Santa Leocadia en Loureda y otros que lleva ahora Juan Andrés Pardo Osorio y Montenegro, señor de la casa y mayorazgo de Atín en la misma parroquia, como marido de María Manuela Bermúdez Pereira y Carracedo, nieta de Pedro y María”.
Inscrición nunca casa de Santa Locaia |
Ao fío desta información e como dato anecdótico, Carlos Martínez Barbeito conta no seu libro Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña que María Manuela era filla… “de don Pedro Rodríguez Canzobre y Carracedo, nacido y avencidado en Cancelo, y de doña Francisca Sánchez Vaamonde y Morado. En atención al dato cronológico debemos considerar hijo del don Juan Andrés, a don Pedro Ramón Pardo, que inscribió su nombre en la chimenea que mandó hacer en la casa de Atín”.
As orixes deste lugar da parroquia de Loureda nacen, probablemente, do culto relixioso á santa do mesmo nome, o cal procede do latín Leocadia, e este do grego Leukadia “a branca, a resplandecente”. Santa Locaia era de Toledo e, por mor de negarse a renunciar ás súas crenzas cristiáns, foi perseguida polo gobernador Publio Daciano e martirizada na súa cidade natal un 9 de decembro entre os anos 303 e 306. Coa conquista musulmá da cidade, algúns mozárabes fuxiron e levaron consigo os restos da santa que, despois de sufrir numerosas peripecias ao longo da historia, repousan dende 1593 nunha arca de ouro e prata baixo o altar da Virxe do Sagrario na Catedral de Toledo.
Ismael Velo Pensado, cóengo da herculina colexiata de Santa María, apunta a posibilidade de que a existencia de parroquias nas que a patroa tanto pode ser Santa Locaia, Santa Baia ou San Paio, todas de devoción mozárabe, vén dada polos cristiáns que foron perseguidos en territorio de dominación islámica e que, tras fuxir cara o norte, acabarían repoboando algunhas zonas da noroeste peninsular.
Santa Locaia , lugar da parroquia de Loureda |
Fora dun xeito ou doutro, o certo é que o culto desta santa, que celebra a súa festividade o 9 de decembro, deixou a súa pegada na toponimia galega en concellos como Parga e Sober (Lugo), Ponteareas (Pontevedra), Taboedela (Ourense), na parroquia de Perillo (Oleiros, A Coruña), ademais do de Arteixo e da outra Santa Locaia que tamén hai no Monte da Espenuca, en Coirós.
No lugar que nos ocupa, había unha ermida adicada á padroeira de Toledo, da que actualmente só queda a leira “da Ermida”, propiedade dos da casa de Barrós de Santa Locaia, que en outubro do 2021 recibiron no seu domicilio ao que escribe coa maior das amabilidades. Ramón Montes Barrós e a súa filla Susa comentáronos que… “ o tío Manuel de Abeleira, un señor de aquí que morreu con 95 anos, contaba que vira algunha pedra con feituras cando traballaba nas terras”. Susa, muller entusiasta do seu lugar de nacemento, tamén manifestou que… “nós temos unha leira que se chama “A Ermida” e estou convencida de que algunhas pedras do noso hórreo eran da capela que supostamente había alí porque, cando reformamos a casa, os canteiros dixeron que esas pedras tiñan moitos anos do Noso Señor”.
Imaxe da leira "da Ermida" |
Pai e filla tamén nos falaron das propiedades curativas da auga da Fonte da Sombra, unha auga que seica non ferve e que antano conseguía sandar o mal do aire, que parece ser era o mesmo que o da sombra, unha das crenzas máis comúns durante séculos na xeografía galega. Tempos da sombra, do mal do aire e da paletilla caída, enfermidades sinónimo da morteira, que lle chamaban así a un cansarse de todo, ter noxo da comida, non durmir e tirarse á nugalla sen gusto de vivir. Noutras zonas do noso país a sombra ou mal do aire tamén recibían os nomes de asombramento, enganido, arangaño, engaraño, tarangaño, tángano-mángano e tangaraño.
Segundo Víctor Lis Quibén, os labregos galegos chamaban mal do aire a unha serie de doenzas que crían debidas ao aire que emanaban de certos animais, de certas persoas e dos mortos. Os enfermos, case sempre nenos, mostraban diversos síntomas, destacando entre eles o raquitismo e inapetencia. Era unha doenza que causaba verdadeiro terror nas nais, sobre todo as da aldea. E na nosa contorna, un dos remedios para este mal era o de acudir á Fonte da Sombra, situada nas proximidades do chamado Marco da Anta, nos lindes dos municipios de Arteixo e A Laracha, nun punto do lugar de Santa Locaia que divide as parroquias de Loureda e de Erboedo.
Ao carón do propia fonte, onde Susa recalcou que a auga dese manancial non ferve, “ou polo menos antes non fervía”, o señor Ramón recordaba que “aquí viña moita xente da parte de Cerceda, de Soandres, de Coiro, de Erboedo, de Loureda... Para quitarlle a sombra aos nenos tiñan que ser dúas mulleres que se chamaran María. En Santa Locaia, sendo eu neno, quenes facían o ritual eran miña irmá María e miña tía María. Ao tempo que dicían o responso, que xa non me acordo cal era, unha pasáballe á criatura á outra”.
Susa e o señor Ramón ao carón da Fonte da Sombra de Santa Locaia |
É moi probable que o responso que xa non garda a memoria do señor Ramón sexa o mesmo que recolle Vítor Vaqueiro na súa maxistral obra Mitoloxía de Galiza, onde aparece o remedio para tirar a sombra dun xeito diferente:
“Para os aires causados por persoas vivas, pódese por como exemplo o caso de que sexa muller non virxe a causante. Tres mulleres de nome María levan o neno a unha casa que non sexa a súa. Provistas de pan e viño, póñense na cociña formando un triángulo, perto dunha artesa, e pronuncian o recitado ritual:
-Toma, María.
-¿Que me dás aí?
-O Enganido
-O Enganido non cho quero, que quero a (nome do doente)”
O que si recorda o señor Ramón e que as dúas Marías tiñan que coar auga da Fonte da Sombra cunha prenda da criatura. “Nesa auga coada sempre aparecían pelos dos cans ou dos gatos. Despois das oracións en cuestión, había que tirar a auga nunha encrucillada, que aquí dicían que era o camiño que baixa para A Braña. Despois, a partir de aí, a criatura empezaba a comer e a coller quilos, “a darse”, ou iso dicían, claro”.
Finalmente Susa, a filla do señor Ramón, aclarounos o motivo polo que a auga da Fonte da Sombra non ferve:
“Conta a lenda que hai centos de anos na nosa leira da Ermida había unha capela, a capela de Santa Locaia, e que cando este edificio estaba en ruínas ou a piques de ser abandonado, o cura da parroquia de aquela época decidiu, despois de estar escondida nunha corte da contorna durante un tempo, levar a talla da santa para a igrexa de Loureda. Pero a santiña alí non debía ser moi feliz xa que, acotío, subía para aquí, para Santa Locaia, e viña a lamentarse á Fonte da Sombra. As súa bágoas caían no manancial e impedían que a auga fervera.”
Por desgracia, da talla orixinal da santa nada se sabe. Mais no 2012, baixo o impulso do actual párroco de Loureda, Manuel Blanco, entre toda a veciñanza do lugar decidiron comprar unha talla nova da Santa Locaia, que está a bo recaudo na igrexa de Loureda. Unha nova santa que, ao igual que a súa padroeira, é orixinaria de Toledo e coa que cada 9 de decembro, dende aquel 2012, os veciños e veciñas de Santa Locaia celebran a súa festa.
P.D.: Xa vos contarei se ferveu ou non a auga que levei da Fonte da Sombra.
Estampa da Santa Locaia de Loureda |
FONTES:
ALONSO OTERO, M.ª LEONOR/GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS /1998): Itinerario Bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.
DAVIÑA SÁINZ, SANTIAGO (2004): Los primeros fueros de La Coruña. Nalgures. Tomo I. Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia.
FILGUEIRAS REY, ANA/RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS (2000): Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña, Plan director del Castro de Elviña, Universidade de Santiago de Compostela.
HIDALGUÍA (1959): La Revista de genealogía, nobleza y armas. Ano VII, maio-xuño, Madrid.
LÓPEZ MORÁN, ENRIQUETA (2004): El Monacato Femenino Gallego en la Alta Edad Media (La Coruña y Pontevedra), Revista Nalgures, Tomo I.
MARIÑO FERRO, XOSÉ RAMÓN (2014): Un antropólogo na escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro, Universidade de Santiago de Compostela.
MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.
ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2007): Arteixo de onte a Hoxe III. Concello de Arteixo.
VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Editorial Galaxia.
VELO PENSADO, ISMAEL (1996): La Coruña en el camino de peregrinos a Santiago. La Coruña : Archivo de la Colegiata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario