Vindo de Bergantiños,
triste e convalecente,
pasei polo medio a medio
de Meicende garrida canto breve,
e batida decote
do seco e frío nordeste.
Erguendo a fenestrela
do coche, con voz deble
pola fatiga e tremante,
lle dixen: “Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na túa doce pendente,
cando as túas rapazas
leven á Cruña o leite,
dille que o leven bo,
ben limpo e ben pracente,
para dar forza ao bardo de Brigandsia,
que rendido se sente”.
Velaí está o gran Eduardo Pondal (1835-1917). Viaxa na carruaxe que dende Bergantiños o conduce ata A Coruña e, durante o traxecto, compón eses versos que ían ser publicados en abril de 1900, primeiro na Revista Gallega e días despois en El Eco de Galicia da Habana e en El Eco de Galicia de Bos Aires.
Aquel Meicende das leiteiras de Pondal, consagrado polo bate bergantiñán para a eternidade, nada ten que ver co de hoxe, que modificou radicalmente a súa fisionomía nos primeiros anos 60 do século pasado a raíz da construción das factorías de Aluminios, Emesa e da refinaría, empresas que favoreceron o crecemento deste núcleo xa que moitos dos seus traballadores estableceron o seu domicilio alí coas súas familias.
Terreos ocupados actualmente pola refinaría. Ao fondo Meicende, Nostián e Pastoriza (Ángel Blanco) |
Un século antes, en 1866, Meicende contaba con 34 casas “y un albergue”. Naquela altura Arteixo non lindaba por esta zona co municipio da Coruña, como acontece na actualidade. Facíao co de Oza1 e ata 1864, ano no que se trasladou ao lugar de San Xosé, en Meicende houbera un portádego, tamén coñecido como fielato, que era o nome popular que recibían as casetas de cobro dos arbitrios e tasas municipais sobre o tráfico de mercancías, aínda que o seu nome oficial era o de estación sanitaria, xa que á parte da súa función recadatoria servían para exercer un certo control sanitario sobre os alimentos que entraban nas cidades. O termo fielato procede do fiel da balanza que se utilizaba para a peaxe que, andando no tempo, íase a trasladar a Parada da Cabra, onde está o actual Centro de Especialidades do Ventorrillo.
Terreos ocupados actualmente pola refinaría (Ángel Blanco) |
Naqueles tempos, falamos de finais do XIX, a comunidade protestante da Coruña irradiase en Arteixo e Loureda, abrindo novos centros misioneiros en poboacións próximas á cidade herculina como Pedralonga e Meicende, onde a poucos metros das primeiras casas do lugar tamén había a casilla dos peóns camiñeiros, figura creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. Os peóns camiñeiros tiñan por cometido o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que na nosa terra se chamaran popularmente legoeiros. No municipio de Arteixo había dúas casillas, a do Seixedo e a de Lañas. Nesta de San Xosé, que estaba situada aproximadamente no lugar que hoxe ocupa a entrada da refinaría, traballaba o señor Rúa, un veciño de Suevos que seica era moi bo pescador de robalizas e que se encargaba do mantemento da estrada ao seu paso por Meicende, Pastoriza e Oseiro.
Imaxe
na que podemos observar varias casas do lugar de San Xosé, entre elas a
dos legoeiros. Ao fondo, as factorías de Aluminios e Alcoa (Ángel
Blanco) |
Zona de intenso tránsito das carruaxes que dende Bergantiños se dirixían á cidade, e doutras xentes que vendían os seus produtos na Coruña, aquel Meicende vivía principalmente do agro e da gandería. De feito, había ata catro sociedades que tiñan por obxecto o seguro mutuo de gando vacún ou porcino: La Imparcial, constituída en 1903; Solidaridad y Protección, creada en 1904; La Unión, fundada en 1909; e La Necesaria, constituída en 1915. Anos máis tarde, en 1924, tamén se ía constituír a sociedade La Esperanza, que segundo o artigo número 2 do seu regulamento tiña por finalidade “servir de distracción y recreo a sus asociados, apartándolos de los sitios, lugares y diversiones ilícitas y perniciosas a la salud y moral”. A sociedade La Esperanza e o seu equipo de fútbol, o Sporting Meicende, ían ser testemuñas da radical transformación da poboación, unha sociedade que no 2024 celebrará o centenario do seu nacemento.
Terreos ocupados actualmente pola refinaría (Ángel Blanco) |
Outro dos lugares de referencia do Meicende de antano e hogano é a panadería de Manuel Varela, negocio que tamén foi testemuña de excepción do cambio da fisionomía da localidade xa que levan enfornando dende os anos 30. A panadería, a que prometo dedicarlle crónica proximamente, pertencera con anterioridade aos pais de Tito e Jaime Blanco, futbolistas profesionais do Deportivo, Real Madrid, etc. E falando de fútbol, nas Eiras aínda vive Elvira 'de Mighés', curmá de Óscar Míguez, fillo de emigrantes de Meicende que foi campión do Mundo en 1950 con Uruguai no famaso maracanazo.
Aquel Meicende era, xunto as terras de Nostián, Bens, San Xosé e A Grela, unha das despensas da cidade da Coruña. Cada vez queda menos xente que recorde como era aquel pequeno edén antes da chegada da industria. Maruja Aldao, nacida en Pastoriza en 1930, lembra que “donde está actualmente a refinaría era un inmenso val cheo de cultivos e había uns leiróns de pementos, tomates, feixóns e outras legumes que se daban de marabilla porque a terra era de primeira calidade; alí dábase o azafrán que lle botaran”. A señora Maruja tamén recorda que “nesa zona facía un aire que non se paraba; había unha travesía que collía o mar e ao pasar por alí morrías co frío”, o que ben a confirmar o que nos conta Eduardo Pondal nos seus versos: “de Meicende garrida canto breve/e batida decote/ do seco e frío nordeste”.
Terreos
ocupados actualmente pola refinaría. Ao fondo, a aldea de Bens e o
Atlántico. Á esquerda, a nave da empresa Tagasa (Ángel Blanco) |
Jesús Varela Añón, nacido en Meicende en 1936, tamén nos recordou con nostalxia os tempos da súa infancia. Nun fermoso paseo pola memoria, falounos dos negocios que había no seu lugar de nacemento cando era neno: “Onde hoxe está a Jamonería-Mesón Javier tiña a súa tenda a señora Flora, que era unha taberna ou ultramarinos dos de antes nos que tanto podías comprar un paquete de café ou botarlle unha cunca de viño. Naquel Meicende de antes tamén estaba a tenda da señora Carme; a tenda de Elvira; a tenda de Aurelio 'do Capataz', que era fillo do capataz dos peóns camiñeiros do Seixedo; había o estanco de Jesús 'O Churrús', a panadería de meus pais e creo que xa non me queda por citar ningún negocio máis”.
O señor Jesús contounos, ademais, que nos terreos nos que se construíu a refinaría, a altura da actual entrada das instalacións petrolíferas e a poucos metros da casilla dos peóns camiñeiros, había unha empresa chamada Tagasa que se dedicaba ao téxtil: “Traballaba moita xente, se cadra máis de 100 persoas. Algúns dos seus traballadores acabaron de empregados da refinaría”.
E así chegamos ao 1961, que foi cando as compañías Marathon Oil Company e Petroliber iniciaron plans para construír unha refinaría de petróleos coa autorización do Ministerio de Industria de Franco. Tres anos despois, o 11 de setembro de 1964, inaugurábase oficialmente a refinaría, que inicialmente tiña unha capacidade de almacenamento de 164.000 metros cúbicos de cru e 246.000 metros cúbicos de produtos en preparación ou terminados. Naquela hora a planta ocupaba unha extensión de nove hectáreas que ían desde o pequeno areal de Bens ata a estrada que une A Coruña con Meicende.
A praia de Bens antes da construción da refinaría (Ángel Blanco) |
Cinco anos despois da inauguración, decídese que era necesaria unha nova ampliación, obras que finalizaron en 1973. E xa nos anos oitenta, as instalacións ían crecer de tamaño no val de Nostián. Naquela época tamén crecera considerablemente a economía de moitos empregados da refinaría co segundo premio da lotaría de Nadal de 1986, que deixara en Petroliber máis de 7.000 millóns das antigas pesetas. Actualmente a refinaría ocupa unha extensión de 150 hectáreas.
Inicio da construción da refinaría (Ángel Blanco) |
Aquel Meicende de antes da refinaría, que nos anos sesenta apenas tiña unhas 160 casas, inmortalizouno o gran fotógrafo coruñés Ángel Blanco que, coa súa Leica, fixo o propio nos lugares de Bens, A Grela e San Xosé tirando unha serie de fotografías que son un verdadeiro tesouro etnográfico, imaxes que nos permiten saber como era toda esta zona nos anos previos e durante a primera fase das obras da refinaría e, incluso, imaxinar a Eduardo Pondal compoñendo os seus versos!
Inicio da construción da refinaría. Ao fondo, Meicende (Ángel Blanco) |
“Boa Meicende,
venturosa, garrida,
na túa doce pendente...”
1 O concello de Oza anexionouse ao da Coruña en 1912
Ningún comentario:
Publicar un comentario