Amaro foi un santo navegante galego que atopou a illa do Paraíso tras tenebrosa travesía atlántica. Así aparece nun texto portugués do século XIV e, tamén, nunha lenda que Uxío Carré Aldao recolleu na freguesía de Figueiroa (Abegondo) e publicou en 1925 no número 19 da Revista Nós, unha lenda e unha viaxe que ten moitas similitudes coa do San Brandán dos irlandeses; a do Balandrán de Asturias; e mesmo coa do San Borondón, a illa que se move, nas Canarias.
Segundo o argumento da lenda recollida por Carré en Figueiroa de Abegondo, Amaro era un nobre galego que, á morte dos seus proxenitores, herdou gran fortuna. Fai doazóns para a construción de mosteiros e hospitais, e practica a caridade cos máis necesitados. Dos cartos herdados, só deixara para el a cantidade suficiente para fretar unha embarcación na procura da illa do Paraíso.
Na compaña de varios tripulantes máis, emprende a peregrinación marítima na nave que bautizara co seu propio nome, donde, entregados por enteiro á mercé da misericordia divina, nin os ventos máis desatados nin as máis desfeitas e violentas tempestades fixeron minguar o ánimo dos viaxeiros, que seguiron entre duras e continuas penitencias a súa peregrinación durante días… meses… e anos, pregando acotío ao Señor lles permitise realizar os seus desexos.
Compadecéndose Deus de tanta constancia e tanta fe, permitiu que a nave de Amaro topase cun seguro e apracible areal nunha costa descoñecida e solitaria. Arriban na praia e, despois de pedir á tripulación que agardase alí a súa volta, Amaro principia un camiño cara o interior daquela terra. O seu único compañeiro é un caxato de pau de toxo. Cheo de ousadía, camiña e camiña por un sendeiro enfesto ata chegar a unha serra impoñente que non se ofrecera ao seu ollar ao chegar no barco. Con fe inconmensurable, Amaro vence un tras outro os atrancos que se interpoñen no seu avance, alimentándose durante os días e as noites só coas raiceiras das prantas.
Prosegue a andaina coa sensación de que o camiño se alonga segundo vai avanzando. Chega á cima dunha das montañas da serra e observa un val magnífico e colosal no que hai unha parede prateada e, no centro, unha porta de ouro á que chama o noso protagonista. Desde o interior, o patriarca Henoch, venerable vello de longas barbas brancas, abre a mirilla labrada na porta e pregunta quen era o ousado e atrevido que chama nas portas do Edén, lugar prohibido para los mortais. Díxolle Amaro o seu nome e o fin da súa viaxe, pregando humildemente autorización para penetrar, sequera fose por breves momentos, naquela paraxe do Paraíso. Replicoulle o ancián facéndolle saber que a súa demanda non podía ser atendida pois endexamais home en carne mortal podería entrar onde moran os xustos e benaventurados, e que o mellor que podía facer era dar a volta, que xa tivera fortuna dabondo con chegar onde os ollos humanos non puxeran nunca a súa vista.
Amaro continuo suplicando e Henoch outorgoulle por uns breves intres o seu desexo. Mais non ben tiña aplicado a súa vista o devoto peregrino no Edén, cando o ancián ordenoulle que deixase o sitio e se afastase, pois xa estivera mirando tempo suficiente e pechou a mira. O noso bo Amaro, todo cheo de aflición polo curto da súa contemplación, deu volta e retornou ao punto no que desembarcara, encontrándose cunha gran cidade en festas.
Preguntou sorprendido aos moradores polo nome da mesma e quén e cando a ergueron, atopando resposta de que a igrexa e a cidade tiñan de nome Santo Amaro e que a fundaran uns homes que chegaron nunha nave había 300 anos.
-Con eles viña un home que se internou cara a serra e nunca voltou. Os seus acompañantes, seguindo as súas ordes, agardaron a súa volta e, ao se cumprir un ano da partida, comezaron a construir a cidade-, dixeron os informadores.
Amaro comprendeu daquela todo. O que el supuxo uns breves instantes da súa vida foran 300 anos de eternidade. Dirixiuse á igrexa, rezou e narrou a fregueses e cregos o que acontecera. Tan pronto rematou o relato dos feitos, caeu morto.
No conto deste viaxeiro que procura insistentemente o Paraíso aparecen unha chea de elementos que inducen a pensar na posibilidade da cristianización dun mito anterior. A longa viaxe; o océano misterioso; a ascensión á serra; o val murado de prata, a porta de ouro ou, os 300 anos, amosan a idea de que a viaxe trata verdadeiramente non da conquista dun paraíso, senón da metáfora que apunta cara un camiño de aprendizaxe interior.
Segundo Vítor Vaqueiro, posiblemente o nome de Amaro sexa de orixe celta e posúa o significado de inmortal e non é disparatado supoñer que a lenda que o acompaña teña a mesma orixe. Tamén hai quen apunta que o nome de Amaro vén do latín Maurus.
Imaxe do Santo Amaro de Lañas |
Sexa dun xeito ou doutro, o certo é que a admiración e o culto a este santo varón séguese venerando en multitude de ermidas da península, principalmente do Noroeste, aínda que tamén podemos encontrar tallas e iconas de Santo Amaro en lugares tan dispares ao norte peninsular como a capela que leva o seu nome no tinerfeño Puerto de la Cruz ou mesmo en Lisboa, onde a comunidade galega celebrou ata 1911 a romaría na capela (século XVI) a el dedicada na cidade lisboeta. Precisamente 111 anos despois, hoxe, 15 de xaneiro de 2022, a cidade de Ulises, Lisboa, porta de todos os camiños do mar, volve a celebrar o Santo Amaro.
Cartaz da autoría de Javi Prieto |
Malia a súa gran devoción, cómpre sinalar que Amaro non ten presenza no calendario litúrxico da Igrexa Católica. O admirado Xurxo Souto conta que, como a súa sona era tan poderosa, finalmente identificárono co nome que máis se lle asemella fonéticamente: san Mauro. Mais estas figuras nada teñen que ver entre si e por iso, no conxunto das figuras e tallas de Santo Amaro existentes nas capelas galegas, a súa inicial iconografía foi suplantada pola de San Mauro: no lugar dun santo navegante, aparece co caxato, o libro e máis o hábito de monxe beneditino, pois Mauro foi o primeiro discípulo de San Bieito.
Na xeografía galega, a presenza de Amaro agroma por todas partes. Dá nome a un municipio da provincia de Ourense, na Comarca do Carballiño; á praia e ao cemiterio da Coruña; a unha romaría moi celebrada en Matamá, Vigo; á feira que se celebraba na Siva, na parroquia de Rodís (Cerceda); e na Pobra do Caramiñal aínda se pode atopar a súa barca (de pedra, claro) coa que foi quen de fuxir, río arriba, dos mouros que o perseguían.
Mención á parte merece Lañas, parroquia arteixá festixeira como poucas que á parte de celebrar, ben na igrexa románica do século XII ou ben na capela de San Bartolomeu, as festas na honra da Santa Mariña, a súa patroa, o 18 de xullo; a da Virxe da Fátima, o 13 de maio; e á Milagrosa, o 27 de novembro, tamén festexa o Santo Amaro, iso si, dun xeito moi particular, xa que se celebra o Santo Amaro dos Vellos o 15 de xaneiro e o Santo Amaro dos Mozos en abril, dúas semanas despois da Pascua. Desde hai varios anos, canda o San Amaro dos Mozos faise a popular Festa do Roscón de Lañas.
As dúas funcións celébranse na capela de San Bartolomeu ou de Santo Amaro, erroneamente chamada por algunhas persoas de San Mauro. Segundo as informacións de Manuel Blanco, a pequena ermida fundouna María de Preguín, a finais do século XVI, sobre unhas herdades desta muller con obxecto de tela reparada e o encargo dunhas Misas que haberían de dicirse na devandita capela anualmente.
Capela de San Bartolomeu ou Santo Amaro de Lañas |
Precisamente nesta ermida hai unha imaxe que para uns é san Mauro e para outros San Amaro, entre eles o crego Manuel Blanco: “En esta capilla existe una imagen del abad san Mauro aunque personalmente, creo que el origen de esta devoción debe referirse a San Amaro, el santo peregrino que se pierde en la leyenda y que, en Galicia, es sumamente popular a quien se invoca, especialmente contra los dolores de cabeza y reumáticos. Llegó su devoción hasta tal punto que, en esta capilla, se le honraba con dos funciones: San Amaro dos mozos e San Amaro dos vellos”1.
Como non podía ser doutro xeito, os ditos populares sobre este santo son moi abundantes:
“O tío Amaro era xastre,
pero despois foi ladrón.
Non houbo xastre no mundo
que non roubase un calzón.”
“Tanto me doi a cabeza,
tanto me doi que non paro.
Tanto me doi a cabeza
meu divino San Amaro”.
Na parroquia de Lañas, os máis vellos do lugar afirman que o Santo Amaro é avogoso das dores de cabeza e reumáticas. Mais un momentiño, segundo nos contaron nesta freguesía, o santo tamén intercede nos problemas de afouteza da virilidade marculina! O noso informante díxonos, ademais, que o Santo Amaro debía de ser trenco xa que lle tiñan un dito:
“Santo Amaro o trenco
foi aos mexillóns.
Resbaloulle un zoco
e partiu os coll..s”.
FONTES:
BLANCO REY, MANUEL (2008): Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, Tomo II.
GONZÁLEZ REBOREDO, XOSÉ MANUEL (1983): Lendas galegas de tradición oral. Editorial Galaxia
SOUTO EIROA, XURXO (2001): Contos da Coruña. Edicións Xerais.
SOUTO EIROA, XURXO (2020): Pangalaica. Recortes poderosos. Editorial Galaxia.
VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Editorial Galaxia.
_____________
1 Vid. Manuel Blanco Rey, Manuel (2008): Arteixo durante la II República y la Guerra Civil, Tomo II, páx. 1036.
Ningún comentario:
Publicar un comentario