Hoxe faleceu un dos bos e xenerosos. Foise o gran Baldomero Moreiras Vázquez. Dende este humilde espazo queremos transmitir as condolencias, e amosar o noso máis sentido e sincero pésame á súa familia e aos seus seres queridos, con esta pequena homenaxe.
Baldomero nos anos 60 |
De seguro que moitas e moitos de vós o recordades porque vos atendeu, coa súa habitual amabilidade e característica voz, nalgún momento no rexistro do Concello de Arteixo. Mais Baldomero, arteixán de boa cepa, tamén deixou unha gran pegada no mundo do fútbol, chegando a debutar no equipo filial do Deportivo.
Nado na Baiuca o 17 de novembro de 1942, Baldomero era fillo de Maximino Moreiras González, natural de Lestón-A Laracha, e de Manuela Vázquez Díaz, natural de Xuvia-Narón. Xunto a seus irmáns Manuel, Maximino e Avelino, pasou a súa infancia entre o recendo da panadería de seu pai e da tenda-estanco que a familia rexentaba na Baiuca; entre os recordos do Arteixo de antano de súas tías Encarnación e Dolores González Mes, irmás de súa avoa paterna Josefa que residían no mesmo domicilio no que se criaron os Moreiras Vázquez; e entre a alegría dos días de estío nos que pasaban horas e horas cos seus curmáns Julio e José María Mancebo e cos seus amigos do Arteixo daquel tempo.
Os meses do verán eran, para a rapazada arteixá daquela hora, o mellor do ano. Non había escola e gozaban de máis tempo para xogar. Os que tiñan leiras e vaca botaban unha man na casa mais, á caída da tarde, xuntábanse co resto de mozos no Balneario ou no campo do fútbol. Alí pasaban horas e horas falando das súas cousas e dándolle ao balón. O balón nunca faltaba porque estaban os veraneantes do recinto termal. Baldomero empezaría a demostrar as súas innatas condicións para a práctica do fútbol naqueles enfrontamentos no campo do Balneario, algún deles vestindo a camiseta do Penouqueira, o club da Baiuca que se constituíra de xeito oficial en 1954 e que xa viña xogando ocasionalmente como tal dende os anos trinta, despois de facelo anteriormente baixo a denominación de Club Alba.
Amosada a súa enorme valía, a finais da década dos cincuenta Baldomero Moreiras entra a formar parte das categorías inferiores do Deportivo da Coruña, permanecendo no equipo xuvenil ata a tempada 1959/60, que foi cando se produciu o seu debut na Serie A Rexional co plantel do Deportivo B, que tamén integraba o seu amigo da infancia Juan Antonio Salvadores ou, entre outros, Lariño, xogador que faríacarreira no Deportivo da Coruña, Sporting de Xixón, Valladolid e Ourense.
Futbolista de grande envergadura e dotado dunhas condicións físicas extraordinarias, naqueles días nos que o sistema habitual empregado pola maioría dos equipos era o 3-2-5, cando empezou a foguearse no filial deportivista Baldomero xogaba de xeito habitual na liña de tres defensiva, mais, andando no tempo, reconverteríase nun cotizado centrocampista.
Todo parecía indicar que o mozo da Baiuca ía camiño de converterse en xogador de categoría superior cando, unha inoportuna fractura, truncou de raíz a súa prometedora carreira deportiva, nunha altura na que, ademais, ía perder a seu pai, falecido o 30 de setembro de 1961, e a seu irmán Maximino, morto de accidente tan só 45 días despois da perda do seu proxenitor.
Desvinculado do Deportivo da Coruña, o arteixán ficha no Penouqueira, club co que gaña o campionato de Arteixo da tempada 1965/66. Ía ser precisamente nesta altura, en 1966, cando casa con Rosa María Mosquera, sobriña de Pitos, o popular futbolista e banqueiro, coa que tería catro fillas: Manuela, Rosa, Pilu e Marién.
Baldomero retiraríase do mundo do fútbol a principios dos anos setenta, cando xa un dos seus xeonllos lle impedía xogar, para dedicarse única e exclusivamente á súa familia e ao seu traballo no rexistro xeral e no negociado de estatística do Concello de Arteixo, onde xestionou o censo e o padrón ata que se xubilou no ano 2009.
Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran veciño que foi Baldomero Moreiras Vázquez.
D.E.P.
Gracias Xavier por este merecido comentario e vais como homenaje s un dos Patriarcas da Baiuca
ResponderEliminarTi o dixeches: merecida homenaxe!
EliminarGraciñas a ti!
PATRIARCA DA BAIUCA
ResponderEliminar