domingo, 4 de setembro de 2022

A LENDA DE GALILEA, A CIDADE ASOLAGADA DE BALDAIO, SORRIZO E CHAMÍN

   Aínda que non poidamos velos, os fondos mariños do litoral de Arteixo agochan pequenos montes e vales soterrados, formacións rochosas, areais e outras paisaxes fascinantes que conforman o seu relevo criando hábitats para moitos seres mariños. Ademais, baixo a súa superficie, tamén se agochan embarcacións e obxectos afundidos que nos falan de traxedias e, por suposto, do arriscado traballo da xente do mar que ao longo dos anos faenou, e segue faenando, nesta parte do Atlántico.

Actividade realizada na Punta Alta en 2022 na que lle contamos a lenda da cidade asolagada de Galilea ao alumnado de 3º de E.P. de CEIP Ponte dos Brozos (Xabier Maceiras)

    Mais os baixos deste recuncho oceánico tamén agochan un misterio co que se leva fabulando desde tempos inmemoriais, desde os tempos das lendas de Breogán e a conquista de Irlanda; desde os tempos en que as lexións romanas de Décimo Xunio Bruto no século II a.C. sentían o pánico das marés atlánticas e o horror de ver morrer o sol no noso mar; ou nos que os piratas do norte, os viquingos, saqueaban acotío as terras de Jacobsland… si, estamos a falar da cidade asolagada de Galilea.

    É probable que ao falar das cidades asolagadas, o expoñente máis popular de Galicia sexa a Atlántida, unha illa sobre a que moito se ten escrito mais, iso si, sen facelo ninguén coa fantasía do escritor e pintor surrealista galego Urbano Lugrís, o pintor do noso mar, que sería quen de convertela en perla do universo mitolóxico occidental atlántico, unha Atlántida que segundo o filósofo grego Platón tiña as dimensións dun continente e que desapareceu na Antigüidade baixo as augas do océano Atlántico porque os seus habitantes, os atlantes, foran castigados polos deuses por mor da súa soberbia, castigo divino que polo que conta a lenda, no tempo que transcorren un día e unha noite, sucumbiron por mor dun volcán ou dun gran terremoto.

 

Lenda Mariña, Urbano Lugrís, 1949 (Colección de Arte ABANCA)

    A día de hoxe, no noso litoral, especialmente nas terras de Bergantiños, aínda sobrevive a memoria desta lendaria cidade asolagada e as súas xentes falan que fronte ás súas parroquias costeiras, a unhas doce millas mar adentro, hai unhas rochas que sobresaen do mar e que, cando baixa a marea, pódense ver os restos de muros e escaleiras que corresponden ás edificacións dalgunha vila ou cidade da desaparecida grande illa. As e os bergantiñáns tamén contan que, antes de que esta cidade desaparecera para sempre, aqueles homes e mulleres que levaran unha vida dedicada a facer o ben, tiveron a oportunidade de salvarse e fuxir en barcas de pedra e, co tempo, algúns convertiríanse en santos e santas fundando santuarios na xeografía galega como o de Santa Comba, en Covas; Santo André, en Teixido; A Virxe da Barca, en Muxía; Santo Adrián, en Malpica…1

 

Imaxe da capela de Santo Adrián de Malpica nos anos 30 do século pasado (Carmiña Puñal)

    Mais, á parte da Atlántida, hai outros contos populares que nos falan de ducias de cidades desaparecidas entre as nosas augas, cidades das que moitos historiadores, escritores e etnógrafos tratarían nos seus respectivos traballos recompilando lendas de tradición oral sobre os seus afundimentos e asolagamentos, casos do escritor español do século XVI, o Licenciado Molina; o humanista do século XVII, Frei Felipe Gándara; os ilustrados galegos do século XVIII, o pai Frei Martín Sarmiento, José Verea e Lucas Labrada; no século XIX o político Pascual Madoz e os historiadores e escritores José Vilaamil y Castro, Benito Vicetto, Leandro de Saralegui ou Manuel Murguía, quen dicía que apenas se atopa en Galicia unha lagoa ou lago de certa importancia que non teña a tradición dunha cidade sepultada, normalmente co nome de Vilaverde. Xa no século XX destacan as referencias doutros investigadores e escritores como Federico Maciñeira, Vicente Risco, Bouza Brey, Carré Aldao, Álvaro Cunqueiro, e máis recentemente Xosé Manuel González Reboredo, Luís Monteagudo ou, entre outros Vítor Vaqueiro, que tamén escribiriron sobre as lendas destas cidades sumidas, e recolleron, todos estes eruditos, máis de setenta asolagamentos do noso país. Non nos esquecemos de A lenda da cidade asolagada, marabilloso libro da autoría de Antón Castro (Lañas, 1959) no que o autor conta unha historia que transcorre nun tempo mítico e nun lugar, Baladouro, que pertence a un espacio identificable como o das terras do concello de Arteixo.

   Entre as cidades lendarias, se cadra Duiu, na praia de Langosteira (Fisterra) é a máis popular. Trátase da antiga Dugium, mítica capital da tribo dos nerios, sita entre os cabos da Nave e Fisterra, da que o arqueólogo Luís Monteagudo di que é o mítico porto dos Ártabros, citado polos xeógrafos clásicos gregos Estrabón e Ptolomeo, lugar de embarque do ouro e estaño galegos. A lenda xacobea sobre esta cidade fala de que o delegado romano fixo prisioneiro aos discípulos do Apóstolo Santiago, que se liberarían milagrosamente despois de que o mar, como castigo divino polo seu apresamento, asolagara á lendaria Dugium.

   Outras das cidades máis citadas son a de Beria ou Veria, afundida baixo a lagoa de Cospeito, pertencente ao territorio habitado polos míticos baluros, na Terra Cha lucense, comarca na que tamén, segundo as lendas populares, están asolagadas a de Buriz, en Vilalba, e as de Trasparga e Boedo en Guitiriz; a de Reirís, desaparecida na lagoa do Carregal en Corrubedo (Ribeira); as sumidas en Doniños (Ferrol); Pantín (Valdoviño); O Roxal (Neda); Brandomil (Zas); Estebañón (Viveiro); Lagoa Sacra (Forcarei); Portocelo (Xove); Lagoa de Alcaián (Coristanco); na praia do Orzán da Coruña, da que Lugrís di que tiña cen torres de ouro con campás de sal e unha praza porticada de tres días de andadura de largo pavimentada de ámbar; Carracedo (As Pontes); Os Curbeiros (Friol); Montouto (Mondoñedo); O Carballiño; Pozo de Lago (Maside, Ourense); a lagoa das Xarfas, tamén coñecida como lagoa de Louro (Muros); na lagoa da Antela, onde está a mítica Antioquia fundada polo lendario heroe grego da Ilíada Antíloco, emigrante da guerra de Troia, asolagada por Xesús por negárselle a esmola que pedía; Gomorra, na ría de Corcubión, que desapareceu mentres os seus habitantes celebraban unha gran comellada; Vilaverde, fronte á praia dese nome en Moraime (Muxía); a Fonte de Ricamonde (Carnota) onde seica quedou sepultada unha vila romana; ou as de Valverde, na praia de Corme e na lagoa de Traba, en Laxe… ou a de Galilea que, segundo estas lendas populares fora asolagada porque a veciñanza se negara a darlle pousada a Xesús cando veu predicar por esta parte do mundo xunto con San Miro e Santa Mariña.

   Non deixa de ser curioso que, gran parte das lendas referidas a todas estas cidades cubertas polas augas, repiten os tradicionais nomes de Valverde e Lucerna que, segundo Manuel Murguía, proceden dunha pasaxe da Vida de Carlomagno descrita na Crónica de Turpin, un dos libros que forma parte do Códice Calixtino, onde se conta a destrución da cidade de Lucerna, situada no Valle Verde (Valverde) e onde, por mor da difusión desta Crónica ou pola propagación dos romances, a lenda espallaríase máis tarde por numerosos lugares de Galicia.

 

Templo Asolagado, Urbano Lugrís, 1946 (Colección de Arte ABANCA)

   Tratábase dun tema mítico, cristianizado no medievo, orixe dunha morea de lendas semellantes por todo o mundo cristián onde un dos principais compoñentes que acompañan a estes contos ou lendas é o inmediato castigo de Deus asolagando as cidades por mor dos pecados dos seus moradores, case sempre abandonados ao desenfreo e ao paganismo, e tamén por non auxiliar ao seu fillo, á Virxe, San Pedro, Santiago ou outro santo, ao tempo que procura a salvación das persoas caritativas, e queda como testemuño o son das campás emerxendo cara á superficie a través das augas, símbolo eterno do castigo divino ao pecador.

GALILEA

  Hai varias versións en torno á cidade asolagada de Galilea, nome que, ao contrario do que adoita suceder, ten connotacións cristiás, xa que se corresponde cunha rexión do norte de Israel, no que houbo lugares relacionados coa vida de Xesús.

   Leonor Alonso Otero e Luís Giadás Álvarez recollen a lenda no Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento dicindo que “a lagoa de Baldaio agocha nas súas profundidades a Galilea, a cidade asolagada por negarse a darlle pousada ao Noso Señor cando veu a predicar entre estes impíos, na compaña de San Miro e de Santa Mariña, e aos que lles encirraron os cans2.

   O profesor malpicán Xelucho Abella conta no seu libro A cidade maldita que fronte á lagoa, “nos Baixos de Baldaio, está a cabeza da gran campá e nos días claros e de augas claras aínda se poden ver, alumeados polas raiolas do sol, os chanzos da escalinata principal da casa grande de Galilea e tamén sentir as campás da vila mergullada”3, que segundo o testemuño dalgunhas persoas maiores está debaixo do cabezo da Gran Campá, situada nos Baixos de Fóra. Nesta lenda que recolle Xelucho Abella, aparecen como símbolos cristiáns as campás da igrexa da vila e como pagáns os momentos nos que reaparecen partes da cidade, neses días claros.

   Pola súa banda, o mestre Xan X. Fernández Carrera, recolle no seu libro Lendas da Costa da Morte, outra versión que di que a unhas dúas millas da lagoa de Baldaio hai uns baixos que lle chaman a illa de Galilea “e nela houbo unha cidade denominada así, que foi devorada polo mar. Cando as augas están claras e transparentes, aínda se poden ver as tellas das súas casas4.

   Curiosamente, en todas as versións o protagonista é Xesucristo e vén acompañado por dous santos bergantiñáns: “Santa Mariña, a patroa da capela de Razo da Costa, que antigamente estivo situada no núcleo ao que lle deu nome, onde aínda se conserva a fonte santa, e San Miro, penúltimo rei suevo, introducido no cristianismo da man de Martiño de Dumio. Na parroquia malpicá de Cambre que linda coa de Razo, hai unha praia que leva o nome deste santo”5.

   Onde está o cabezo da Gran Campá, situada nos Baixos de Fóra, o lugar tamén recibe os nomes de Baixos de Galilea ou Baixo de Galilea e seica as pedras que se utilizaron para construír a ermida de Santa Irene do Castrillón (parroquia de Lema, Carballo), que agora está asentada sobre un castro, foron sacadas unha por unha dos nomeados Baixos.

 

Capela de Santa Irene do Castrillón na parroquia de Lema (Distrito Xermar)

   Non moi lonxe de alí, no litoral de Arteixo, hai outra Santa Irene, que está na zona do areal do Reiro, en Chamín. Pois ben, segundo informacións orais publicadas por María Rozamontes no volume II do libro Arteixo de onte a hoxe, seica nesta parte da costa arteixá “había unha vila chamada Galilea que foi arrastrada polo mar. Varios veciños teñen observado, cando houbo grandes marexadas que arrastraron a area, como quedaban ó descuberto cepas de carballos colocadas en fila así como o tobre”6

 

O Reiro e Santa Irene (www.turismo.gal)

   Veciños de Arteixo tamén afirmaron que na época da Guerra de África, acontecida nos anos 10 e 20 do século pasado, houbera un gran maremoto que arrastrara toda a area e deixara ao descuberto as cepas dos carballos e o material que se usaba para construír as vivendas. Posteriormente, sobre os anos corenta do século pasado, seica houbera outro gran maremoto e volveu a pasar o mesmo fenómeno, véndose as cepas dos carballos. Curiosamente, no ano 2014 tivemos a oportunidade de ver unha imaxe insólita na praia da Area Grande de Valcovo, cando quedou ao descuberto gran cantidade de turba e madeira pertencente a un bosque fósil ¿O bosque de Galilea?

 

Imaxes da Area Grande de Valcovo en 2014 (Juan Vilas)

   Hai outra lenda que di que un maremoto fixo desaparecer unha cidade que había nesta parte do Atlántico, lenda que moito ten que ver co que escribía Pedro Ruidavest i Tudury en 1867: “la configuración de los bajos de Baldayo, hace sospechar que, en tiempos remotos, han debido formar la base de una isla destruída por los embates de las olas”7. ¿E probable que Ruidavest se referira nesta cita á Galilea ou á Atlántida de Lugrís? As lendas, lendas son, mais segundo nos contou Salomé Garrido Alfeirán, nada en Malpica en 1929 e veciña do Rañal (Arteixo) durante máis de 40 anos8, os mergulladores da familia Dosil (veciños de Lira, Carnota) traballaron, cando ela era unha nena, durante algún tempo buscando ferro e tesouros da “cidade asolagada” e, ao parecer, estes mergulladores rescataron unha enorme chave nos Baixos de Baldaio que lle entregarían a Santiago Abuelo Alvite, párroco de San Xulián de Malpica naquela hora e que estivo ao cargo da parroquia ata o ano 19479.

 

Salomé Garrido Alfeirán, primeira pola dereita, nun artigo dos anos 30 sobre a morte de seu pai (Arquivo)

   Seguramente esa chave atopada polos Dosil nos fondos dos Baixos fora dalgún navío naufragado na zona mais, despois de escoitar o testemuño de Salomé Garrido, postos a soñar, tamén podía ser a que abrira as portas de Galilea, ou mesmo as chaves dalgunha vila ou cidade asentada na lendaria Atlántida, como ficcionou a rica imaxinación de Urbano Lugrís, o escritor e pintor do mar que, no transcurso do ano 1956, pasou unha boa tempada en Malpica decorando a Casa do Pescador e escoitando nas tabernas da vila os contos e historias da Galilea de Baldaio, Sorrizo e Chamín.

 

Conta a lenda

que nos Baixos de Baldaio

hai unha cidade asolagada

de nome Galilea.


Nos días claros e de augas cristalinas,

alumeados polas raiolas do sol,

entre múltiples peixes de mil cores e algas mariñas.

pódense ver os chanzos da escalinata principal.


Galilea ten unha praza porticada

de dous días de andadura de dificil condición.

Santa Mariña, San Miro, Santa Irene e Santa Marta

levan a Lugrís na súa barca ao Porto da Bendición.


Pavimentada de ámbar,

a praza ten doce torres de prata,

que o pintor do mar, desde a Punta Alta,

oe retumbar co son das campás da vila mergullada.


Seica nas noites luminosas de lúa chea,

cando o mar multiplica a fosforescencia,

nos chanzos da escalinata principal

óese cantar a unha fermosa serea.


No Reiro, Lugrís pinta os carballos de Galilea

escoitando á serea poeta e cantora,

convertida en ser mariño tras un feitizo

de desamor no Pazo das Covadas de Sorrizo.


A serea canta ata ao amencer.

Lugrís, no areal, inmortaliza co pincel a ese fantástico ser,

Ooooh, sorpresa! coa música dun castrón e dunha cabra.

¿Outro feitizo de Sorrizo? Abracadabra!


Na miña vida tal vin,

no areal de Chamín

unha cabra cunha roca

e un castrón cun violín.


(Xabier Maceiras, 2022)


___________________

1 Vid. Xabier Maceiras (2017): Contos mariños de Carballo, Concello de Carballo, pp 15 a 19.

2 Vid. M.ª Leonor Alonso Otero & Luís Antonio Giadás Álvarez (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña, páx. 66.

3 Ibídem.

4 Vid. Xan X. Fernández Carrera (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol, páx. 39.

5 Ibídem pp. 39 e 40..

6 Vid.María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe, volume II , Concello de Arteixo, páx. 67.

7 Vid. Pedro Ruidavest i Tudury (1867): Derrotero de las costas de España y Portugal desde el Cabo Trafalgar hasta el puerto de la Coruña, Dirección de Hidrografía, Madrid, páx. 586.

8 Salomé Garrido Alfeirán, que quedara orfa de pai de moi cativa ao afogar nun naufraxio, faleceu en febreiro de 2020 aos 90 anos de idade.

9 Fernando Patricio Cortizo & Xabier Maceiras Rodríguez (2014): De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, Edicións Embora, Ferrol, páx. 169.

Ningún comentario:

Publicar un comentario