Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Antroido.
Galicia é un mundo á parte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Antroido ou Entroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.
E en Arteixo? Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos hai certo tempo algúns aspectos dos antroidos que se celebraban no pasado nas parroquias de Morás, Monteagudo e Loureda cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que ampliamos esta semana (e na seguinte) a outras freguesías arteixás.
![]() |
Antroido de Chamín, anos 90. Obsérverse o edificio antigo da taberna O Piñeiro (Cortesía de Josefa Martínez Gestal) |
Deste xeito, hoxe retomamos esta viaxe carnavalesca en Chamín, onde estivemos falando con varias persoas que nos contaron como se celebraba o Antroido na súa parroquia cando eran mozos, aló polos anos 50-60. Ramón Nieves Barreiro, veciño de Santaia, recorda que na súa xuventude o Antroido de Chamín “era moi potente, con aqueles mascaritos e aquelas marcaritas que levaban uns sombreiros moi bonitos. Sempre había dúas parellas de mascaritos e mascaritas. No campo da “diversión”, que unhas veces era arriba da taberna do Piñeiro e outras veces abaixo, unhas mulleres que lles chamaban “as montañesas” tocaban a pandeireta. Alí había ruada largha. As parellas de mascaritos bailaban ata que un choqueiro do público marchaba de ghanchete coa mascarita, a quen despois o mascarito lle chamaba a atención entre as risas e as burlas da xente”.
![]() |
Lugar situado ao carón do bar O Piñeiro, que era o "campo da diversión de arriba" do que nos falou Ramón Nieves |
As “montañesas” ás que se refire Ramón seica ían vestidas con saia longa escura, negra ou marrón. Ademais, levaban un pano na cabeza e un crespón por riba dos ombros. As mascaritas e mascaritos daban a nota máis colorida. Elas vestían chamativos vestidos confeccionados con papel de diversas cores e levaban un sombreiro redondo ornamentado con cintas e adornos. Os traxes deles, que levaban un sombreiro picudo igual de adornado que o das mascaritas, seica tiñan un certo parecido cos traxes militares.
As irmás Obdulia e Josefa Martínez Gestal contáronnos que “o Antroido empezábase a preparar cun mes de antelación, ou se cadra dous meses antes. Pedíase polas casas para xuntar os cartos necesarios para montar a diversión. O papel co que se cosían os traxes das mascaritas e dos mascaritos era de moitas cores e había que compralo, había que ghastar o cartiño”.
Obdulia, nacida en 1943, díxonos que “eu cosín toda a vida, desde os 12 aniños e aghora teño 82. Na Coruña tiña varias casas para coser, un día ía a unha e outro día a outra. Á parte, tamén traballaba na miña casa. A min quen me enseñara a coser fora Rosario, que era a muller do Freixo, e viviron aí nesa casa que hai en fronte do Piñeiro, que esa casa foi salón de baile, o salón do Piñeiro, e aí xuntabámonos catro ou cinco mulleres para facer os traxes das mascaritas. Eu tiña máquina de coser e mimadriña, canto teño cosido para o Antroido! Facíamos todo nós aquí, os traxes de papel, os sombreiros, os claveis que levaban nos sombreiros, as cintas, papeis con follas... todo eso facíamolo nós aquí. No Antroido de Chamín sempre había dous mascaritos que bailaban con dúas mascaritas, e claro, a broma era que os choqueiros marcharan coas mascaritas e despois os mascaritos ían correndo detrás deles (RISAS). A xente xa dicía… para carnavales os de Chamín”.
![]() |
Panorámica actual do edificio no que estaba o Salón de baile do Piñeiro |
Nesta parroquia, polo Antroido tamén se facía a farsa dun casamento cos contraentes, padriños e resto da troula disfrazados. “Unha vez -recorda Josefa- casárase un irmán noso con outra de aquí de Chamín. A voda fixérase nesa leira que está aí arriba do Piñeiro, onde agora aparcan os coches, e o que facía de cura era un primo noso”.
![]() |
Lugar onde se realizara o casamento polo Antroido |
Entre o barullo habitual dun sábado pola mañán no Bar O Piñeiro, as dúas irmáns toman café nunha das mesas deste popular establecemento, no que Dorita e o seu fillo David sempre nos reciben con enorme cariño e coa maior das amabilidades. Obdulia e Josefa vese que disfrutan recordando os tempos da súa xuventude e un servidor encantado de escoitalas para axudar, co seu testemuño, a manter viva a memoria antroideira do noso municipio. “Unha vez -recorda Obdulia- foramos todas disfrazadas ata Caión nun camión de Carracedo da Ferreira. Moi ben o pasáramos alí pola praza adiante… que risas… tempos aqueles que nunca máis volven.”
Xa falamos das montañesas, dos mascaritos e das mascaritas. Non nos esquecemos dos choqueiros vestidos tradicionalmente con roupas vellas, uns choqueiros que en Chamín chamábanlle os “do varredoiro”. Descoñecemos se actuaban do mesmo xeito que os “choqueiros borralleiros” que temos documentados noutras parroquias de Arteixo, chamados así porque lles tiraban borralla aos que se rían deles.
![]() |
Antroido de Chamín, anos 90 (Cortesía de Josefa Martínez Gestal) |
![]() |
Antroido de Chamín, anos 90 (Cortesía de Josefa Martínez Gestal) |
Outra das atraccións habituais naqueles antroidos dos 50 e dos 60 dos que estamos a falar era o touro que simulaban dous homes metidos debaixo dunha tea, como así nolo contou Ramón Nieves Barreiro. “Había dous tipos que facían de toro con cornos e rabo de toxo; turraban sen piedade a quen se puxera por diante. Se non facían de toro, facían de burro e coidadiño, couceaban que daba ghusto. E despois había outros tipos que andaban cun pau e unha corda na punta. A estos chamábanselle “os do reghallo” e facían a broma, pero non lle peghaban a ninguén. Todo era unha broma”.
E así, entre touros, burros, choqueiros, mascaritos, mascaritas, montañesas e bailes ían pasando os días dun dos antroidos máis importantes da bisbarra ao que acudían, dada a súa grandeza e importancia, xentes de diversos puntos dos municipios de Arteixo e da Laracha a rir (máis ben a chorar de risa) e a bailar naqueles "tempos incestuosos", como dicía o poeta Manuel María.
Á parte dos bailes que había no campo da “diversión”, algún ano tamén se organizaban polo Antroido bailes no salón do Piñeiro, en Chamín do Medio, ou no salón da Benitona da Lagoa, en Sorrizo.
Nestas Crónicas de Arteixo xa contamos nalgunha ocasión que na parroquia de Morás o domingo de Antroido os fregueses levaban á igrexa cacheiras, bicos, e patas de diante da última matanza, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida para facer unha poxa para as ánimas. Hai anos, alguén contounos que en Chamín tamén había esta tradición no pasado, mais polo de agora non puidemos corroborar este dato (se sabedes algo sobre este particular, contactade con nós por favor). O que si nos contou a xente que interrogamos foi que, á parte das filloas e das orellas, unha das tradicións que había en Chamín polo Antroido era facer chocolate.
E chegado o último día do Carnaval, era a quenda do enterro do meco, sobre o cal Ramón Nieves Barreiro recorda que “facíanlle un burato e enterrábano ao tempo que a xente choraba alí polo defunto”.
O Antroido de Chamín ía continuar coa súa sona durante varias anos máis. As carrozas de Manolo “O Ferrador” aínda se conservan da memoria dos mais maiores do mesmo xeito que os traxes das mascaritas e dos mascaritos, mais as vidas e os hábitos da xente foron mudando paulatinamente e o espíritu antroideiro de Chamín foi minguando. Con todo, ata finais dos anos 80 ou principios dos 90, aínda se celebrou o Antroido nesta freguesía. Afortunadamente Josefa Martínez Gestal, protagonista desta crónica carnavalesca, aínda conserva fotografías destos últimos tempos, tesouriños etnográficos que tivo a ben permitirnos compartir para disfrute de todas e todos nós. Josefa deixounos coa mel nos beizos porque nos dixo que recorda ver na súa casa “fotos das mascaritas, pero non sei onde están”… a ver se algún día aparecen, Josefa!
![]() |
Antroido Chamín, anos 90 (Cortesía de Josefa Martínez Gestal) |
![]() |
Antroido Chamín, anos 90 (Cortesía de Josefa Martínez Gestal) |
E así, amigas e amigos, chegou un día no que se deixou de celebrar o Antroido de Chamín do mesmo xeito que aconteceu no resto das parroquias do municipio. Sirva este pequeno xesto, esta viaxe no tempo, para poñelo en valor e non esquecer a importancia que tivo no seu momento.
Dende hai xa bastantes anos as comparsas e as carrozas xa só desfilan na capital municipal, onde neste 2025 a música será a temática homenaxeada. Poñémoslle a póla a esta crónica coa programación do Entroido de Arteixo deste ano: