Non sei se vos pasa o mesmo pero un servidor, cada vez que conduce de noite pola estrada AC-415, á altura de Meicende pensa que alí se desprega un espectáculo digno dun clásico de ciencia ficción, Blade Runner: a refinería de Repsol, un complexo industrial cheo de enormes tanques e chemineas chispeantes que hai uns meses, o 11 de setembro de 2024, celebrou os 60 anos da inauguración oficial.
As instalacións da refinería ocupan unhas 150 hectáreas e, como ben sabedes, está situada nos lindes dos municipios da Coruña e de Arteixo, nunha zona que antano era unha das grandes despensas da cidade herculina.
Aínda queda xente que recorda como era aquel pequeno edén antes da chegada da industria, caso de Maruja Aldao, veciña de Pastoriza nacida nesta parroquia en 1930, que tivo a ben contarnos que “donde está actualmente a refinería era un inmenso val cheo de cultivos e había uns leiróns de pementos, tomates, feixóns e outras legumes que se daban de marabilla porque a terra era de primeira calidade; alí dábase o azafrán que lle botaran”. A señora Maruja tamén nos contou que “nesa zona facía un aire que non se paraba; había unha travesía que collía o mar e ao pasar por alí morrías co frío. Tamén había unha fábrica de tecidos.”
Nas Crónicas de Arteixo desta semana ímonos parar un chisco nesta fábrica de tecidos da que se acordaba a señora Maruja Aldao, unha industria que empezou a funcionar na década dos corenta entre San Xosé e Meicende, na beira da actual AC-414, xustamente na entrada da refinería. Estamos a falar de Tagasa, que dera emprego durante case dúas décadas a moita xente da contorna.
Antes da Guerra Civil a fábrica coruñesa que tiña maior peso nos mercados era “La Primera Coruñesa”, que empezara a funcionar en 1868 no Camiño Novo (hoxe rúa Juan Flórez) baixo a razón social “Núñez y Miranda”. En 1905 esta industria transformaríase en sociedade anónima co nome de “La Primera Coruñesa1”, que sería máis coñecida entre a poboación herculina co nome de “Las Pañerías”, ocupando daquela a 36 operarios e case 300 obreiras. No decenio de 1950 a fábrica acometería unha importante modernización, adquirindo teares automáticos e outra maquinaria moderna. Grazas a un artigo publicado en abril de 1955 baixo a cabeceira “Existen en La Coruña unas 500 industrias, que dan trabajo a más de 12.000 obreros y empleados”, sabemos que “La Primera Coruñesa” producía diariamente uns 10.000 metros de lenzos e mahóns e que Tagasa, a fábrica protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana, uns 2.000 metros diarios:
"En la actualidad, podemos decir que aparte de los 10.000 metros de lienzos y mahones de producción diaria por término medio, de la “Primera Coruñesa”, radica en La Coruña otra importante fábrica “TAGASA”, que fabrica 2.000 metros diarios, y una tercera de confecciones en Monelos, de la que salen hasta 500.000 prendas al año (buzos, camisas, etc.). Toda esta producción se distribuye y consume en mercados nacionales y extranjeros. Están empleadas alrededor de 600 personas, cuyo número tiende a reducirse, (paro tecnológico) y la producción a aumentar, por la introducción de maquinaria moderna(...)2”
Terreos ocupados actualmente pola refinería. Ao fondo da imaxe poden observarse casas de Meicende, Nostián e Pastoriza. Á esquerda, as instalacións de Tagasa (Ángel Blanco)
A primeira noticia que temos de Tagasa, siglas de “Textil Algodonera Gallega S.A.”, localizámola na edición do 21 de maio de 1947 do xornal La Voz de Galicia, que na súa segunda páxina informaba do seguinte:
“La comisión municipal permanente celebró ayer sesión semanal, que presidió el alcalde, don Alfonso Molina. Asistieron los señores Méndez Navas, Iglesias Caruncho, Sierra, Molezún y Urquijo, adoptándose, entre otros, los siguientes acuerdos:
Enterarse de un oficio del Gobierno Civil, que transcribe otro de la subsecretaria del ministerio de la Gobernación, notificando que se autoriza al Ayuntamiento para conceder el título de hijo predilecto de La Coruña, al ilustre escritor Wenceslao Fernández Flórez.
(...)Conceder autorización de obras (...) a la S.A. Textil Algodonera Gallega, una fábrica de hilados y tejidos en el lugar de Gatón”.
Situada a poucos metros dos lindes entre A Coruña e Arteixo, Tagasa empezou a funcionar no ano 1948 baixo a dirección do prestixioso industrial da Coruña da posguerra Emilio Mosquera Regueira, que tamén era o propietario de “La Ganga”, un almacén de tecidos que estaba na rúa herculina de San Andrés.
![]() |
Publicidade de "La Ganga" (El Ideal Gallego, 30 de setembro de 1951) |
![]() |
Publicidade de Tagasa (El Ideal Gallego, 30 de setembro de 1951) |
Unha señora de Meicende que prefire manterse no anonimato, e a quen imos chamar A., contounos que “Tagasa estaba situada aproximadamente donde agora está a zona de entrada á CLH e á refinería na estrada xeral; estaba no lado da actual refinería e, onde hoxe está CLH, había un solar onde daba a volta o bus, que era eléctrico e ía por cableado. Desde onde daba volta o bus ata a primeira casa de San Xosé había unha franxa de terra que era toda dunha familia, dos desa casa. Detrás do terreo onde daba volta o bus había un camiño ao seu lado indo cara a onde está Aluminios”.
A señora A. continúa paseando pola súa memoria e recorda que “no medio deses campos fixeron un bar e algunha xente desas dúas empresas comía alí. O resto todo eran leiras. Detrás da parada do bus pastaban vacas nesas terras, cando estaban sen colleita, e por alí ía quen quixera. Despois da parada, cara á parte de arriba, había un manancial de auga a nivel do chan e podíase beber. Recordo beber alí soamente unha vez, pero a xente ía alí moito. Antes bebíase collendo cunha verza (RISAS). Na marxe esquerda, indo cara á Coruña escavaron máis terra da que edificaron e no lateral da fábrica cara a Meicende había un anaco escavado sen edificar. Ao mellor era para separar do monte para evitar a humidade… ou se cadra foi erro de cálculo (RISAS). Desde esa parede e terra escavada cara a parte de Meicende (onde agora está a parada do bus e o “hórreo” trasladado de San Xosé á outra porta de entrada da refinería) había monte, que ía subindo costa arriba, pero tamén había zona onde se pastaba as vacas ás veces. Á dereita da fábrica, cara A Coruña, recordo unha leira que chegaba a San Xosé e despois desa terra había unha corredoira que ía a Bens e a Ghatón (detrás das últimas casas que tiraron en San Xosé) e por alí xa íamos cara a Bens á festa, era o camiño para ir. A primeira casa de San Xosé desa marxe era dos “Laghoeiros” que limpaban as cunetas ata Oseiro. Na zona onde estaba Tagasa tiñan terras os grandes labradores de Sobrado, Bens… e nelas fixeron esa fábrica. Ao redor dela non había nada, eran terras de cultivo e cara a parte de arriba (ladeira cara a Meicende) recordo que había un monte de toxo. Cara San Xosé eran leiras aos dous lados da estrada”.
A señora A. finaliza o seu testemuño decíndonos que “en fronte de Tagasa había un campo e arredor del viraba, como che dixen antes, o trolebús da Coruña. A xente de Borroa, Nostián e Meicende que levaban vénda á praza de San Agustín e á praza de Lugo metían as cestas na parte de atrás do trole. A nave era de planta baixa e alí facían tea de sabas. Nós, mentras pastaban as vacas, víamos os coches ir e vir. Despois puxeron outra fábrica un pouco máis arriba da parada do bus, onde agora hai naves. E tamén, posteriormente, “A Artística” que era de latas de sardiñas. Estos estaban en Juan Flórez e trasladáronse a Meicende. As persoas que traballaban en Tagasa, se non había bus á hora en que saían, ían camiñando cara Pastoriza. Eu nunca entrei dentro da fábrica, polo que non che podo dicir como era”.
Desta fábrica tamén nos falou Jesús Varela Añón, nacido en Meicende en 1936: “A poucos metros da casilla dos peóns camiñeiros de San Xosé, había unha empresa chamada Tagasa que se dedicaba ao téxtil. Alí traballaba moita xente, se cadra máis de 100 persoas, e unha boa parte eran mulleres. Algúns dos operarios foron despois para a refinería”.
Para ampliar a información sobre “Textil Algodonera Gallega S.A.”, acudimos ao Estudio Geoeconómico del Complejo Industrial de La Grela (La Coruña), libro publicado en 1962 por Antonio Meijide Pardo, naquela hora Catedrático de Xeografía e Historia do Instituto herculino Eusebio da Guarda. Nos primeiros capítulos desta obra, o autor analiza os aspectos máis salientables en torno á estrutura xeoindustrial das empresas de maior entidade financeira e produtiva da Grela. Meijide finaliza o seu estudo mencionando a un pequeno grupo de instalacións de inferior rango xeoeconómico, entre elas a fábrica de fariñas de pescado de Agapito Morales. Sobre esta fábrica, que estaba situada pola zona da Balsa, prometemos falar no futuro nestas Crónicas de Arteixo. Con relación a Tagasa, Antonio Meijide escribe o seguinte:
"La confección textil hállase también representada en la zona de La Grela. Sobre la orilla Norte de la antigua ruta a Finisterre, a 3,2 kilómetros de la capital, la firma Tagasa -siglas de “Textil Algodonera Gallega, S. A.”- posee una factoría cuyo capital social es de tres millones de pesetas. Ha sido la primera instalada en el sector de La Grela, pues empezó a funcionar en el año 1948. El total de lo invertido en instalaciones, maquinaria (procedente en su casi totalidad de Cataluña) y valor del inmueble, asciende a ocho millones de pesetas.
La factoría de Tagasa ocupa una superficie de dos mil metros cuadrados, espacio enteramente cubierto. Su consumo de energía durante el año 1960 se aproximó a 500.000 kw-hora en alta tensión. Los dos procesos de fabricación de hilados y tejidos emplean actualmente a 135 personas, efectivo repartido entre cinco técnicos y administrativos y 130 operarios. Constituye una nota peculiar el hecho de ser femenino un 80 por ciento del mismo, ejerciendo dos turnos de trabajo.
La mayor parte de la materia prima empleada es de procedencia nacional. Normalmente arriba aquélla por la vía interior, aunque a veces se ha registrado más de una descarga a través del puerto coruñés, en especial cuando se trata de algodón foráneo. A este respecto se observaron con anterioridad escasas fluctuaciones a tenor del gigantesco avance experimentado últimamente por nuestras cosechas algodoneras. En 1961, por ejemplo, un 20 por ciento de la fibra manufacturada lo fue con mercancía importada, pero estímase que en el futuro se hallará cubierta la demanda con el producto nacional.
Tagasa se consagra indistintamente a la fabricación de hilados y tejidos de algodón, como dijimos, que se despachan con preferencia al mercado regional. El primer tipo confeccionado rinde al año unos 300.000 kilos, en tanto que la manufactura de tejido se aproxima al millón de metros lineales. Se ha logrado doblar la producción de su fase inicial en el transcurso del último decenio. La empresa proyecta ahora posibles ampliaciones del utillaje con vistas a incrementar un proceso industrial que en razón de su capacidad, reduzca los costes y los haga compatibles con los mercados futuros3”.
Esas “posibles ampliaciones” das que facía referencia no seu texto Antonio Meijide Pardo, non se ían levar a cabo, seguramente a causa do falecemento do presidente do consello de administración de Tagasa, Emilio Mosquera Regueira, finado o 16 de maio de 1961:
"Ayer, confortado con los Santos Sacramentos y la bendición de Su Santidad, dejó de existir en nuestra capital, a los sesenta y cinco años de edad, don Emilio Mosquera Regueira, prestigioso industrial coruñés y presidente del Consejo de Administración de Textil Algodonera Gallega, S.A. (Tagasa).
La personalidad del señor Mosquera Regueira era sobradamente conocida en La Coruña, tanto por su seriedad como hombre de negocios, por sus excepcionales virtudes de caballerosidad, espíritu emprendedor, simpatía y amabilidad que siempre lo caracterizaron y que le granjearon múltiples amistades entre las que la noticia de su óbito causó profundo pesar, puesto de relieve en el acto de conducción de sus restos mortales al Cementerio General, verificado ayer, y que constituyó una sentida manifestación de dolor.
Por el eterno descanso de su alma, mañana jueves, día 18, a las diez horas se celebrarán funerales en la iglesia parroquial de San Jorge, a los que la familia del finado ruega y agradece la asistencia.
Enviamos nuestro testimonio de pésame a los deudos del extinto, y de manera especial a su esposa, doña Adela Paz Cano, y a sus hijos don Emilio, doña Adela, doña María Consuelo, doña Amalia, doña María del Pilar y doña María Teresa, así como a los miembros del Consejo de Administración de Tagasa y personal de “Almacenes La Ganga”.
Al participar a nuestros lectores tan sensible pérdida, les rogamos una oración por el eterno descanso del finado4”.
Curiosamente, só unhas semanas despois do falecemento de Emilio Mosquera Regueira, o 21 de xullo de 1961 constituíase a Compañía Ibérica Refinadora de Petróleos (PETROLIBER) como unha empresa mixto público-privada, tendo o Estado unha participación maioritaria no seu accionariado: o Ministerio de Facenda posuía un 52%. Tamén había unha presenza importante de capital norteamericano pois a Marathon Oil Company posuía un 24%.
No mesmo ano da su fundación o Estado autorizou a PETROLIBER ―asociada con Marathon Oil― a construción dunha refinería petrolífera nas inmediacións dos núcleos de San Xosé, Bens, Nostián, Borroa e Meicende. As obras iniciáronse en 1962 nun momento no que Tagasa aínda se mantiña en pé.
![]() |
Inicio da construción da refinería. Ao fondo, Meicende, e á esquerda, as instalacións de Tagasa (Ángel Blanco) |
Finalmente o peixe grande comeu ao pequeno, e a refinería inaugurouse no verán de 1964 con algúns antigos empregados de Textil Algodonera Gallega, S.A. (Tagasa) formando parte do cadro de persoal desta empresa que o 11 de setembro de 2024 celebrou os 60 anos da inauguración oficial.
1 O capitán do Estado Mayor Luis Miranda Vázquez, vinculado co seu cuñado Nicolás María del Río Mosquera dende 1868 ao sector da pesca e a salga de sardiña, asociábase en 1872 co banqueiro coruñés José Núñez de la Barca para por en marcha unha fábrica de fiados e tecidos de algodón que xiraría baixo a razón social “Núñez y Miranda”.
No paraxe de Capeludo, no Camiño Novo (hoxe rúa Juan Florez), edificarían unha fábrica dotada cunha máquina de vapor de 80 cabalos, 50 teares e 2.500 canelas. Empregaba a un cento de traballadores e producía de sete a oito mil pezas mensuais.
Aproveitando as deficiencias do abasto polas folgas no téxtil catalán, a fábrica vai medrar de maneira continuada, e contra 1876 contaba con cen teares, dous batáns, oito cardas e seis máquinas de fiar. Con cento sesenta mulleres e corenta homes fabricaban diariamente unhas sesenta pezas de varias dimensións.
En 1889 un incendio destruíu a fábrica, que sería volta a edificar e posta en marcha en 1891, construída xa en ferro e ladrillo, e con cuberta de zinc.
En 1900 os fillos de Luis Miranda, os irmáns Luis, Pilar e Elena Miranda Santos, adquirían a fábrica de tecidos de algodón “La Arzuana”, que dende 1907 xiraría baixo a razón social “Hilados y Tejidos de Vilasantar, S.A.” (vid. ficha 201), ampliando as instalacións produtivas e, aínda que ambas pertencentes ao grupo Miranda, converténdose nunha forte competidora da fábrica coruñesa na produción de tecidos baratos.
En 1905 a compañía fundada por Núñez e Miranda transformaríase en sociedade anónima co nome de “La Primera Coruñesa”, que sería máis coñecida entre a poboación coruñesa co nome de “Las Pañerías”, ocupando daquela a 36 operarios e case 300 obreiras.
No decenio de 1950 a fábrica acometería unha importante modernización, adquirindo teares automáticos e outra maquinaria moderna. En 1957 a compañía comezaría a orientar a súa actividade á construción de “casas baratas” ou vivendas de renda limitada, aplicando os beneficios empresariais ao pago e construción de vivendas para o persoal obreiro.
En 1963 as instalacións fabrís trasladaríanse a zona de Agrela, nas proximidades da refinería de petróleos de Petrolíber. Aínda que acometerían modificacións no proceso produtivo, elaborando outras fibras para acomodarse á evolución dos mercados, xa non recuperarían o esplendor de antano.
A sociedade modificaría os seus estatutos sociais co cambio de século, eliminado do seu obxecto social a fabricación de fiados e tecidos de algodón, que sería substituída pola construción de inmobles.
(Fonte: https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/492-la-primera-corunesa-nunez-y-miranda/)
2 Vid. El Ideal Gallego, 1 de abril de 1955, páx. 8.
3 Vid. Antonio Meijide Pardo (1962): Estudio geoeconómico del complejo industrial de La Grela (La Coruña), Talleres de Imprenta y Fotograbado “El Ideal Gallego”, Distribuiidora: Editorial Galaxia , pp. 39-40.
4 Vid. La Voz de Galicia, 17 de maio de 1961, páx. 4.
Ningún comentario:
Publicar un comentario