martes, 18 de febreiro de 2025

A LENDA DA CONSTANZA

  Cada 18 de febreiro a igrexa católica venera, entre outros santos, a Flavia Valeria Constantina (318-354), santa coñecida popularmente como Constanza de Roma que era filla do emperador romano Constantino I e de Fausta. Pois ben, aproveitando esta festividade, nas Crónicas de Arteixo desta semana falamos da Constanza máis popular do noso municipio: Constanza das Mariñas. Unha lenda e un topónimo do noso litoral, nas proximidades do areal de Sabón, aínda manteñen vivo o seu recordo. Esta é a súa historia.

Imaxe actual da Constanza

  Para falar da orixe da lenda da Constanza temos que viaxar ata a segunda metade do século XV, época na que o gran Gómez Pérez das Mariñas, membro dunha familia nobiliaria en ascenso, era o Señor de boa parte do territorio que hoxe ocupa o concello de Arteixo. Os antepasados deste persoeiro foran no seu tempo Señores de Suevos e Oseiro, quenes, naquela época convulsa e violenta, estenderan o seu dominio por terras das actuais comarcas de As Mariñas e Bergantiños.

   Sendo mozo Gómez Pérez marcha á corte do rei Juan II, onde a súa valía e a súa destreza coa espada permítenlle gañar fama e honra. Despois de vencer a un enorme alemán que ninguén ousaba retar, convértese no maior xustador que no seu tempo houbo en Castela. Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real, íase fraguar o matrimonio concertado con Teresa de Haro.

   Grazas ao favor real consegue a estrela que adorna o escudo dos Mariñas e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade na que se instala coa súa dona. Convertido no Señor máis poderoso e rico da bisbarra, Gómez Pérez sería quen de intervir con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade dese século, entre elas a Gran Revolta Irmandiña, que fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora1.

   Sobre a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, que ía falecer no ano 1475, dende o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este importante persoeiro da historia galega tivo sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas, ademais de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía das Mariñas. O pai ía lograr para as catro fillas outros tantos pactos matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega.

   María das Mariñas, a maior delas, casa con Diego de Andrade, Señor da poderosa Casa de Andrade, e recibe de seu pai os señoríos das Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada, e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.

   Xenebra das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo, Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiu de seu pai todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos, ademais do señorío dos cotos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía, coa súa torre e fortaleza.

   Mencía das Mariñas, a filla bastarda, enlazou co fidalgo Juan García Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueroa. Os sepulcros do matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de Abegondo.

Mais centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller que ía dar pé á lenda da que falamos deseguido.

   Sobre o legado de Constanza das Mariñas os bens reservados serán “as merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”. Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións en terras de Bergantiños, dominadas desde o pazo e torre de Cillobre, fortaleza situada na parroquia larachesa de Santa María de Torás. Ademais, Constanza tamén recibiu outro pazo urbano situado na cidade de A Coruña, na rúa Ferreiría, que viña sendoestas mys casas con sus huertas en la que agora moramos”, no que residía a familia e se atopaba Gómez Pérez ao outorgar testamento2.

   Constanza casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso “o groso”, conde de Altamira (actual municipio de Brión) que non tardou en ser repudiado pola noiva. Segundo nos conta Vasco da Ponte...”este conde no era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”3. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben feita.

   Despois da separación, Constanza volta ao domicilio de seus pais. Un día preséntase alí o cabaleiro Fernán Pérez Parragués, Señor da Pobra de Parga (Guitiriz, Lugo) e Rexedor da Coruña quen, de mozo, fóra paxe de Gómez Perez das Mariñas seguindo a costume adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus fillos á morada de algúns dos amigos da nobreza para que se educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de cabaleiros.

   Gómez Pérez das Mariñas dispénsalle un afectuoso acollemento ao seu antigo escudeiro, que quedara viúvo tras o recente falecemento da súa dona. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de saudar ao seu antigo señor. Probablemente, no recordo da súa primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa muller que non facía moito que abandonara ao seu home. O caso é que pouco despois desta visita, dona Constanza e don Fernán Pérez Parragués casaban “a furto de su padre” sen que o soupera Gómez Pérez. 

Fabulación de Constanza das Mariñas realizada no CEIP Ponte dos Brozos para un roteiro de lendas de Arteixo que levamos a cabo co alumnado de 5º de Educación Primaria durante o curso 2019/20. Obsérvese á dereita da imaxe a Pena da Constanza

   Segundo Leandro Carré Alvarellos, “algunas veces, doña Constanza trasladábase a La Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán”4.

   Seica en certa ocasión dona Constanza agardaba a chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ver máis pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había perto da praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non se decatou dona Constanza de que subía a marea e de que estaba quedando entre as ondas, sen marxe de maniobra para poñerse a salvo, principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido.

   Naqueles intres, a humidade deixábase sentir co frío da auga e a brisa do atardecer, sendo entón cando dona Constanza, aterrorizada, viu o perigo no que se atopaba. Ninguén se vía no areal para pedir auxilio. ¿Cómo fuxir de alí? A morte por afogamento agardábaa naquel penedo para ela tan querida. Berrou unha e outra vez pedindo socorro, mais sería en balde…

A Constanza

   Constanza, na desesperación da súa impotencia, bota unha última mirada ao lonxe. ¡Ah! Unha barca bolinaba5 rompendo as ondas que despedían espumas fosforescentes. Na pequena embarcación viña outro corazón ansioso. Sí, era don Fernán o que se achegaba ao lugar no que estaba a súa amada en grave situación de perigo.

As augas do mar xa chegaban aos xeonllos de dona Constanza e a noite principiara a estender a súa capa de escuridade sobre a terra e a inmensidade oceánica cando, ao fin, a barca de don Fernán atracou xunto as rochas nas que permanecía a súa amada, que estaba enchoupada coa salitre mariña. Un doce e efusivo abrazo de home e muller, darían paso a que os dous embarcaran e se trasladaran de contado ao areal de Sabón onde, ao poñer pé na area, permanecerían un anaco antes de encamiñarse a unha das súas posesións cercanas, probablemente en Rañobre ou en Oseiro.

Superado o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería aquel amargo acontecemento. Mais non ía ser así. Gómez Pérez das Mariñas enterouse neses momentos de que a súa filla casara en secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e aldraxado pola deshonra dese enlace que nunca recoñecería, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitou xamais ata a súa morte.

Desde aquel entón, aquel penedo próximo á praia de Sabón foi chamado “A pena de Constanza”, nome que ía quedar reflectido na toponimia do litoral arteixán e que aínda se mantén nos nosos días. Na súa popularGeografía General del Reino de Galicia”, no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro, Carré Aldao conta que… “En las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segunda nupcias y “a furto de su padre” con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “ a nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e casares que yo el dicho gomer perez llievo en las dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e de martin sanchez e en la terra de iohan dandero”6.

As obras iniciadas nos anos sesenta do século pasado para a construcción da Central Términa de Fenosa, ademais da posterior construcción do Porto de Punta Langosteira, sepultarían boa parte da Constanza de Fóra e da Constanza de Dentro, como así lle chamaban os máis vellos a aquel lugar no que había un embarcadoiro semellante ao Carreiro do Rañal mais, con todo, aínda se pode ver unha parte dela, que está moi próxima a ese pequeno areal que se formou a raíz das modificacións das correntes coas devanditas obras do porto. Así que amigos e amigas, xa sabedes, cando vaiades a ese punto do litoral arteixá que vos quede claro que estades na Constanza!


FONTES:


- Alfeirán, Xosé. Duelo a espada en 1437. La Voz de Galicia, 27 de xullo de 2015.

- Amado, Marcos Emilio. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Edición do autor. Caión, 2017.

- Carré Aldao, Uxío. Geografía del Reino de Galicia. Carreras y Candi. Casa Editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.

- Carré Alvarellos, Leandro. Las leyendas tradicionales gallegas. La Voz de Galicia, 2000.

_________________

1 Fartos dos impostos desorbitados, abusos de toda índole e expolio permanente dos seus mermados recursos, os labregos estouparan manifestando a súa indefensión ante o vasalaxe, máis parecido ao esclavismo que a unha relación con contrapartidas, que exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha nobreza que acabou decantando ao seu favor aquela Gran Revolta Irmandiña iniciada polos pobres labregos.

2 Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Autoedición. Caión, A Laracha, páx 76.

3 Ibídem, páx. 75.

4 Vid. Leandro Carré Alvarellos (2000): Las leyendas tradicionales gallegas. La Voz de Galicia, páx. 233.

5 Bolinar: navegar en zigzag recibindo o vento no menor ángulo posible desde a proa.

6 Vid. Uxío Carré Aldao (1928): Geografía General del Reino de Galicia. Tomo V. Carreras Candi. Casa editorial Alberto Martín. Barcelona, páx. 702.

Ningún comentario:

Publicar un comentario