martes, 27 de maio de 2025

MANOLO BELLO SOUTO, O GRAN MÚSICO DE PASTORIZA

   O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para Manolo Bello Souto, un desos músicos de verdade que, grazas ao seu enorme talento, tivo o privilexio de vivir profesionalmente da arte sonora desde que era un mociño ata a súa xubilación.

  Os proxenitores do noso homenaxeado, Manolo Bello, e Socorro Souto, eran nativos da parroquia de Oseiro, el do Curtidoiro, da zona onde está a Fonte do Abade, e ela de Froxel. Despois de casar, a parella establece o seu domicilio en Pastoriza, onde o cabeza de familia gaña a vida traballando nunha forxa como ferreiro. Manolo e Socorro vivían nunha casa que estaba situada en fronte do domicilio dos pais do escritor Henrique Rabuñal, casa onde virían ao mundo os seus tres fillos: Manolo, Manola e Maruja.

  Ao noso homenaxeado, nacido en 1943, córrelle polas veas a cuestión musical. O seu pai, Manolo “O Ferreiro” e seu tío Emilio foran acordeonistas ocasionais. O proxenitor nunca estivera en ningunha orquestra, pero tocaba diante da casa polo Nadal ou polo Entroido para alegrarlle un chisco a vida á veciñanza naqueles duros anos da posguerra.

  Hai uns meses Manolo Bello Souto e a súa muller Elena tiveron a ben recibirnos no seu domicilio, onde nos atenderon coa maior das amabalidades. Alí, recordando os seus inicios musicais, Manolo contounos que “meu pai tocaba o acordeón de oído e levábame a escoitar as orquestas cando había actuación no salón da Roxa de Pastoriza ou nalgunha festa dos arredores. Levábame e sentábame no palco da orquesta e alí pasabamos toda a noite os dous, el escoitando a música e eu tamén.” Aquelas actuacións ían facer soñar ao rapaz de Pastoriza, que non tardaría en abrir as portas dunha gran carreira profesional.

-¿Qué queres ser de maior, Manolito?

-Eu quero ser músico. Quero aprender a tocar o acordeón para ir tocar polas festas-, dicía o rapaz.

  Dende moi cativo sempre tivo claro que quería ser acordeonista, soño que non tardou en cumprir. “Empecei moi cedo a estudar música. Primeiro ensinoume un pouco meu pai de oído, e o acordeonista Juan Castillo empezoume a ensinar as notas de solfeo. Eu tería 7 ou 8 anos e daquela era moi pequeno para ir eu só a Coruña. Este home, que na zona era coñecido como Juan 'da Furoca', foi o primeiro mestre de solfeo que tiven. Dábame clases ao tempo que atendía as súas vacas no herbal. Tempo despois fun á Coruña a escola de música de don Luis Brage, que daba clase de varios instrumentos. Ía un día ou dous á semana pero botei pouco tempo estudando porque aos 12 anos xa empecei a tocar. Chamoume unha orquesta... bueno, máis ben foron a preguntar a academia se había un acordeonista. Eran “Los Pachotes” de Betanzos”.

Manolo Bello aos 12 anos nunha das súas primeiras actuacións (Cortesía da familia Bello Freire)

   Así pois, cando aínda non levaba un ano na academia de Luis Brage, xa se vía que Manolo era un verdadeiro portento do acordeón. Aprendera moi pronto a tocar e empezou a destacar moi rápido. E así foi como con tan só 12 anos Manolo Bello iniciaba unha impresionante carreira musical que, co andar do tempo, levaríao a viaxar por medio planeta.

   Cando tocaba con Los Pachotes”, a súa primeira orquestra, Manolo viaxaba habitualmente en tren dende A Coruña a Betanzos. Os viaxes de volta facíaos nun autobús da empresa Oriente que o deixaba no edificio de Correos da cidade herculina e, posteriormente, collía o trolebús Coruña-Carballo ata Pastoriza. Corría o ano 1955. Entre viaxe e viaxe, Manolito era un neno pegado a un acordeón. “Case non podía con el e por iso tíñao que levar na cabeza”, recordaba.

   Con “Los Pachotes” botou pouco tempo, aproximadamente 7 ou 8 meses, ata que o chamaron “Los Ases del Jazz”, banda da Coruña coa que tocou o acordeón durante uns meses. Manolo formaría parte posteriormente de xeito efémero de orquestras como “Los Dukes” (onde coincide con Eulogio Gestal, que anos despois casaría en Pastoriza e montaría o popular Mesón), “Los Príncipes” ou a “Oriente”, orquestra que comandaba o trompetista Ramiro Vázquez, de quen se acordaba Manolo Bello dicindo que “era unha persoa encantadora. Un día díxome que tiña que empezar a estudar piano e buscoume un profesor: don José Mir, que era un valenciano, capitán de Infantería e director da Banda Militar. Eu ía ás súas clases alí, a Infantería, sendo un chaval. Máis tarde, estudei os cursos altos de piano con Mercedes Goicoa”.

Manolo Bello na súa etapa con "Los Dukes" (Cortesía da familia Bello Freire)

Vehículo no que viaxaban  "Los Príncipes" (Cortesía da familia Bello Freire)

  Naquela época, cando tiña 15 anos, Manolo obtén o carnet nacional de músico profesional. “Daquela había o carnet comarcal e o nacional; viñan de Madrid uns profesores e facíanche un exame. Había que presentar unhas obras e tocar algunha delas para que te puntuaran no acto.”

    Despois de estudar un ano ou ano e medio con don José Mir, o músico de Pastoriza foi contratado de pianista para o Hotel Embajador, un hotel de categoría, que desapareceu nos anos 60 e que ocupaba o que hoxe é a Deputación Provincial e o Teatro Colón.

  Nesa época Paco Casal monta en Betanzos un grupo que se chamaba "Los Vierantes" e chamou ao noso protagonista para que lle fora de pianista. Tocaban principalmente en Betanzos e nas vilas dos arredores ata que un día contratáronos en Madrid. Manolo tiña 17 anos e empezaba a comerse o mundo. “Los Vieirantes” ían conquistar Madrid actuando durante tres meses no “Flamingo”, unha sala de festas do centro da capital, no “Casablanca”, etc. Eran un quinteto fabuloso no que cantaban Paco Casal e o propio Manolo Bello. Posteriormente, no verán seguinte, tocaron durante tres ou catro meses en “Los Monteros”, un hotel de luxo de 5 estrelas situado entre Marbella e Torremolinos.

Manolo Bello, primeiro pola esquerda, en Madrid con "Los Vieirantes" (Cortesía da familia Bello Freire)

Manolo Bello tocando o acordeón en Madrid con "Los Vieirantes" (Cortesía da familia Bello Freire)

  Na entrevista que lle realizamos no seu domicilio, Manolo Bello recordaba que “un pouco máis tarde viñemos a tocar a un hotel de Pontevedra, o Hotel Universo, e alí víronme actuar durante varios días uns músicos de Madrid, bueno, a dicir verdade un deles era de Pontevedra e o outro de Madrid. Tiñan un grupo con cuartel xeral” en Madrid, cuarteto “Sky”, e propuxéronme ir con eles para facer cruceiros coa compañía Ybarra. Seguindo a liña que viña levando dende chavaliño, é dicir, de estar pouco tempo en cada orquesta, pois aceptei a oferta. Embarcábamos en xuño e estabamos ata setembro”.

   O músico de Pastoriza ía percorrer todo o Mediterráneo e mares da Europa nórdica e no inverno ía a Sudamerica e viña, desde alí, ás Fallas de Valencia. Manolo cantaba e tocaba o piano durante todos os cruceiros. “Cos “Sky” botei uns catro anos facendo cruceiros e sempre co cuartel xeral” en Madrid, onde estabamos no inverno e polos veráns embarcabamos en Barcelona. E á volta tamén desembarcabamos habitualmente en Barcelona, e despois íamos para Madrid a tocar ata que no inverno, por aí polo Nadal, embarcabamos de novo para ir a Sudamérica, principalmente a Brasil, Uruguai e a Arxentina. Era inverno aquí e verán alí. Estos barcos facían o percorrido de correos, eran os que levaban o correo de España a América. E así estiven uns catro anos aproximadamente. Foi unha etapa marabillosa da miña vida e ademais eramos un grupo moi ben levado porque eramos todos amigos”.

Manolo Bello, primeiro pola dereita, cos "Sky" (Cortesía da familia Bello Freire)

   Manolo non tivo que facer o servizo militar porque, sendo moi novo, era o sosten da familia. Seu pai estaba enfermo e súa nai traballaba na casa. No tempo de ir a mili, cando os mozos da súa quinta estaban no cuartel ou facendo instrución e desfilando coas armas, o noso protagonista andaba polo mundo adiante coa súa arma particular: a música!

  Logo desa etapa cos “Sky” Manolo Bello estivo con “Los Españoles”, un grupo galego de enorme éxito nos 60 que actuaban con frecuencia en Europa. De feito, nun concerto en Hamburgo uns rapaces ingleses que se facían chamar “The Beatles” foron os seus teloneiros, uns rapaces que non ían tardar en se converter na lendaria banda que todas e todos coñecemos. “Los Españoles” mesmo chegaran a actuar nos Xogos Olímpicos de Tokio en 1964 xunto cos “Platters”. Mais a maioría dos integrantes abandonaron o grupo e foi aí cando Marcelino López “Candelas”, batería e cantante, refundou a formación contratando, entre outros a Manolo Bello, que estivo con eles desde 1967 ata 1969. Manolo aceptara a oferta de “Candelas” porque xa facía moito tempo que non viña á casa e porque lle facía moita ilusión tocar con este grupo, co que actuou por media España e participou na gravación dun disco. Podémolo ver neste vídeo tocando o órgano:


Manolo Bello, segundo pola esquerda, con "Los Españoles" (Cortesía da familia Bello Freire)

   Nesa altura o pianista dos “Sky”, o que suplira a Manolo anos antes, xa empazaba a estar farto de tanto viaxe. Vivía en Madrid, tiña fillos e quería disfrutar da súa familia. Ante esta situación, contactan co músico arteixán, que recordaba que “volvín outra vez cos “Sky” e fixen uns cruceiros fantásticos por Rusia, Turquía, Yugoslavia... Nesta segunda etapa con eles estiven un ano, aproximadamente entre 1969 e 1970 e despois xa viñen para A Coruña”.

   Na cidade herculina o noso homenaxeado actúa durante uns seis meses na orquestra do Hotel Finisterre, que era un quinteto denominado “Atlántida”. Permanece alí ata que o contratan primeiramente “Los Capris” de Ferrol, cos que botaría un ano, e posteriormente “Los Trovadores”, cos que tocou aproximadamente durante outro ano.

  Neses primeiros anos setenta, estando con “Los Capris” Manolo Bello recorda que comprara un Haammond, aínda que antes xa tivera un bo órgano, que era americano. “Comprei un Haammond, que é o que teño aínda hoxe, e con el me independicei. Púxenme a tocar como solista en 1973, aproximadamente, no “indio”, o salón dos Porches da Marina, e alí estiven ata xuño de 1975. Nese ano tamén me contrataran uns meses no Náutico porque Franco viña pasar os veráns á Coruña e claro, había moito movemento e querían ter un organista alí porque paraban as altas esferas, pero ao final Franco non viñera porque morreu ese ano”.

   Nese mesmo ano de 1975, o 31 de agosto, Manolo Bello casa con Elena Freire, coa que tería tres fillos. Trala luna de mel, o noso protagonista empeza a tocar polas noites no “Dorna”, un local que estaba en fronte a Correos no que instaurou a novidade de convidar a cantar a afeccionados e amigos: Isabel Bravo, Gonzalo Concha, Joaquín Casal, María Elena Coira, Paco Ferreiro e outros moi coñecidos.

  Finalizada a etapa no “Dorna” en 1977, Manolo volve ao Hotel Finisterre, onde estivera anos atrás coa orquestra do hotel. Agora ía como solista e tocaba polas noites a partir das 22:30 h., un horario que lle permitía tocar tamén noutros lugares. “Botei alí 13 anos. O hotel era de 4 estrellas e en 1990 empezaron a facer unha reforma para convertelo en 5 estrellas. E claro, deixei de tocar alí porque tiveron que pechar, o cal me veu moi ben”.

Manolo Bello tocando no Hotel Finisterre (Cortesía da familia Bello Freire)

  Trala etapa no Hotel Finisterre, posteriormente actuaría, con gran éxito, no restaurante “El Delfín Dorado”, que facía unhas agradables ceas amenizadas coa música e a arte do noso Manolo, un compositor que daquela xa tiña dez obras -só música- que por suposto tamén interpretaba. O seu repertorio como cantante e pianista-organista pasaba, xa daquela, de 1000 cancións!

    Andando no tempo, Manolo tamén ía estar na Televisión de Galicia uns 5 anos aproximadamente. “Estiven no “SuperMartes” con Xosé Manuel Piñeiro e noutros programas, como o que tiña María José Rodríguez, e o “Ban-Ban-Club”. Tamén toquei algunha vez no programa “Galeguidade”.

Manolo Bello na súa etapa no programa da TVG  "Supermartes" (Cortesía da familia Bello Freire)

   Paralelamente, entre 1991 e 1992, Manolo Bello tamén empezou a impartir a súa docencia no Conservatorio de Música de Carballo, onde tiña de compañeiro a Marcial Figueroa, músico de Meicende do que prometemos falar no futuro. Manolo empezou dando clase 5 horas, tempo que iría ampliando co paso dos anos. “No SuperMartes gravabamos os xoves e entón eu estaba en Carballo e ía acumulando horas de clase. Chegou un momento que as tiña todas ocupadas menos un día, que o deixaba para a TVG. Quedou ese día, o xoves, que era cando se gravaba o Supermartes, pero en 1995 ou en 1996, non recordo exactamente, o programa empezouse a emitir en directo os martes. Eu tiña todo programado e as clases de Carballo non se podían cambiar, e díxenlles que non podía continuar. E así foi como abandonei a TVG. No Conservatorio de Carballo botei 18 anos, ata que me xubilei no 2009”.

   Ao tempo que estaba nos programas da Televisión de Galicia e no Conservatorio carballés, Manolo Bello tamén actuaba con Tito Calviño, artista co que formara un dúo para tocar en vodas e actos como as diferentes xornadas gastronómicas que se realizaban naquela época no restaurante Casa Elías de Buño (Malpica).

Tito Calviño e Manolo Bello no 2018 (Cortesía da familia Bello Freire)

   O noso protagonista tamén foi un dos dez integrantes de “Amigos del acordeón”, unha banda só de acordeóns coa que tocou durante varios anos. Desde hai moito tempo Manolo compón as súas propias obras musicais, moitas delas compartidas con amigos e xente coñecida a través dun disco que gravou hai uns anos. Unha destas cancións da súa autoría é a que compuxo en honor da cidade da Coruña, que está gravada pola Banda Municipal de Carballo, unha banda carballesa que toca esta canción en diversas ocasións. Outros dos seus temas, “Falado” e “Para nós”, están gravados pola Big Band de Carballo.

   Manolo Bello Souto, músico arteixán de excepción, abofé!

10 comentarios:

  1. Encantoume a historia

    ResponderEliminar
  2. Manolo Bello, meu tío e padriño, fillo de Manolo "O Ferreiro" de Pastoriza, meu avó, e de Socorro "A Ferreira", miña avoa; irmán de Maruja,miña nai e Manola, miña tía e madriña.
    Manuel Bello é un dos mellores organistas e acordionistas galegos dos últimos tempos. DÍGOCHO EU, que sei do que falo.

    ResponderEliminar
  3. Manolo e meu tio. Estou totalmente de acordo co comentario de meu primo.

    ResponderEliminar
  4. Unha historia muy bonita!!

    ResponderEliminar