martes, 3 de xuño de 2025

O CASTRO DE MIRÓN DE LARÍN E ALGUNHAS LENDAS DO LUGAR

  O asentamento de Mirón, na parroquia de Larín, é un dos recintos da bisbarra nos que se manifesta a importancia das lendas derivadas da existencia dos castros, lendas como as que contan as veciñas e veciños do Galo e Larín cando fan referencia do filón de ouro que desde Monteagudo vai a Mirón, e que desde o Galo vai a Barrañán, contos que evidentemente fan pensar en antigas explotacións mineiras. Precisamente, a escritora Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Larín durante quince anos (1952-1967), cóntanos o seguinte sobre esta lenda na súa marabillosa novela “Bergantiñá”:

Castro de Mirón

Este Coto ten algunhas lendas. Din que están enterradas baixo terra dúas vigas, que foron da capela; unha de ouro e outra de prata. E tamén que hai escondidas dúas huchas, unha chea de ouro, e outra que contén veneno. O ouro e o veneno chegan para facer ricas ou para matar a sete parroquias...1

   Outra destas lendas di que no ano 813, no reinado de Afonso II, librouse unha batalla entre cristiáns e mouros nas proximidades do castro de Mirón e que, no último lugar a onde chegou o sangue, edificouse unha ermida. Mais de entre a cantidade de contos populares que aínda se manteñen vivos, parece de especial importancia o relativo aos “xentís” do asentamento castrexo de Larín, dos que tamén fala Dora Vázquez na novela “Bergantiñá”:

Din os máis antergos do lugar, que un día, fai moitísimos anos, viron os aldeáns distes pobos como facían eiqui unha capela unhos homes moi outos e fortes. Chamábanlles “xentiles”, mais eu penso que cecáis quixeran decir xigantes, porque tamén lle chamaban así a eses homes e mulleres de cartón que aínda saen en algunhas romerías das vilas... Disque aquiles homes tiñan unha forza condanada. Tiraban un martelo dende eiquí, e chegaba ata a capela daquil monte enfrente de nós -sinalóulle un punto lonxano onde o cume tocaba o ceo-. ¿Ves alí unha capela branca? É a capela da Estrela, de Monteagudo. Pois din, que case que ao mesmo tempo que ésta, aparescéu tamén aquela, e máis outra en Soandres que lle chaman a de Santa Marta.2

   Situado a unha altura de 282 metros de altura sobre o nivel do mar, o castro de Mirón tiña, no seu día, planta ovalada mais as posteriores edificacións realizadas no lugar e os movementos de terras para as fincas, destruíron a maior parte do xacemento. Na actualidade tan só se conserva aproximadamente a súa metade, cunha parte circular que ten uns 75 metros de diámetro e que ocupa uns 4.500 metros cadrados de superficie. O asentamento tamén mantén o parapeto que vai de sur, oeste e norte duns tres ou catro metros de alto pola cara exterior e dun metro ou menos pola cara interior. Pola zona norte e noroeste conserva o foxo, que é máis apreciable no norte chegando a ter un metro de fondo. Nesta parte norte hai un terreo que foi agrandado e achandado ata ó leste e, segundo os veciños do lugar, alí atopáronse diversos achados arqueolóxicos sen especificar. Polo lado leste, onde facía o óvalo, é onde están as vivendas e leiras nas que por mor dos movementos de terras para as edificacións, xa non se aprecian indicios defensivos nesta parte.3

   Nunha reportaxe publicada en El Ideal Gallego en maio de 1980 baixo o título de Restos arqueológicos en el Castro de Larín, o xornal herculino entrevistaba a Manuel Caamaño Gesto, naquela hora mestre do Departamento de Arqueoloxía da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Compostela, que se achegara ata Arteixo para emitir un diagnóstico sobre os vestixios arqueolóxicos que levara por diante unha máquina escavadora tralo devandito movemento de terras para a construción de vivendas. Segundo a versión de Caamaño... “neste lugar houbo un castro. Isto dedúcese dos toponímicos e as clásicas lendas sobre as vigas de ouro, prata e veleno que poden estar enterradas neste lugar. En canto ás grandes pedras, as cerámicas vidradas, incluso o anaco de fibela de bronce que presenta un escudo gravado, coido que pertencen á Baixa Idade Media. É probable que sobre os restos dun castro celta se levantara aquí unha construción de tipo militar, unha torre vixía. Se cadra na Geografía del Reino de Galicia de Carreras Candi haxa referencia sobre este lugar”.4

El Ideal Gallego, 20 de maio de 1980

  O arqueólogo tamén apuntaba na entrevista que ...”vin a Larín coa idea de facer algunha foto interesante e o único que puiden fotografar foi unha montaña de pedras de gran tamaño extraídas da terra e a destrución do xacemento. Tamén recoñecín os materiais, anacos de utensilios de barro, cerámica vidrada con decoración floral que, probablemente, pode pertencer á Idade Media, así como outros pequenos anacos de cerámica que seguramente son da mesma época”.5

  Segundo as informacións do Ideal, algúns daqueles vestixios, dúas pedras redondas por un lado e planas polo outro que tiñan unhas letras ou debuxos que semellaban unha W, foron roubados ao pouco de ser descubertos. Das outras, as que si puido ver in situ o arqueológo da Universidade de Compostela, unha delas tiña forma case triangular, medía un metro de longo e era máis que probable que pertencera ao dintel dunha porta. Boa parte das restantes pedras eran redondas, mais había algunha con claros indicios de ser traballadas polos canteiros.

El Ideal Gallego, 20 de maio de 1980

  Outro dos datos relevantes en torno a este castro de Mirón é que ao parecer, segundo varias fontes orais de Larín, moitas das pedras que formaban parte do asentamento leváronse para a construción do Pazo de Anzobre, na parroquia de Armentón, do cal temos as primeiras noticias da súa ocupación a mediados do século XVI, cando eran os seus donos Gómez Suárez de Figueroa e Justa Cisneros.

   Precisamente, sobre esta relación entre Anzobre e Mirón, o escritor Héitor Picallo apunta nun dos seus traballos que ambos lugares formaban parte do mesmo Señorío e tamén nos di que... “Temos constancia, igualmente, que tanto Cillobre (na Laracha) como Mirón, conformáronse, antigamente, como dúas importantes fortalezas medievais, e que nas décadas nas que se prolongaron as prelaturas dos mitrados da estirpe dos Fonseca xacían derrocadas e desfeitas a raíz dos acontecementos acaecidos, décadas atrás, cando o levantamento irmandiño.6

  Así pois, queda demostrado que sobre os restos do castro de Mirón levantouse unha fortaleza militar, algo que xa intuía o arqueólogo Manuel Caamaño Gesto cando visitou o xacemento en maio de 1980.


__________________

1 Dora Vázquez (1971): Bergantiña (Novela galega); Ourense: La Región, p. 113.

2 Ibídem.

3 Xosé Troiano (2014): Castro de Mirón; patrimoniogalego.net

4 Pilar Llorente (1980): Restos arqueológicos en el Castro de Larín; El Ideal gallego; última páxina; 20 de maio?

5 Ibídem

6 Heitor Picallo Fuentes (2003): Maíndo (A Estrada-Pontevedra): Espacio Xeográfico, humano e histórico na ascendencia do Condado de Ximonde II. A Estrada, Miscelánea Histórica E Cultural, 6.

Ningún comentario:

Publicar un comentario