martes, 17 de xuño de 2025

JOSÉ "O VENCEDOR", O ACORDEONISTA DE BARRAÑÁN

  Houbo un tempo no que na parroquia de Barrañán residía un veciño cun alcume contundende, “O Vencedor”, chamado así porque sendo mozo aprendeu solfexo e a tocar o acordeón cando ninguén daba un peso por el. Todo o mundo pensaba que non sería quen de facelo, pero o rapaz ía saír vitorioso dos seus propósitos, abofé!

-Vencín!!!-, berrou aos catro ventos cando tocou por primeira vez.

E así, dende aquela, converteuse no triunfador dunha competición propia contra si mesmo e dunha contenda contra o mundo que o rodeaba. Dende aquela converteuse en José “O Vencedor”, o acordeonista de Barrañán.


José Vázquez Amado "O Vencedor" diante da antiga taberna de Barrañán, na Seara ou na do Xastre (Cortesía da súa familia)

   O noso protagonista nace en 1924 na propia parroquia de Barrañán, no lugar do Igrexario. Era un dos cinco fillos (3 mulleres e 2 homes) do matrimonio que conformaban Alejo Vázquez e Antonia Amado, labradores que alimentaban a súa prole coas dificultades daqueles duros tempos de escaseza. José non tarda en aprender o oficio de zoqueiro. O seu mestre fora Manés o da Ponte, mariñeiro e amigo da infancia de seu pai Alejo.

-Esta madeira é para facer uns zocos. Lévaa á casa de Manés e esperas alí a que chos faga-, díxolle un día o proxenitor.

-Señor Manés: que di meu pai que lle faga uns zocos e tamén dixo que os precisa para mañán.

-Carallo rapaz, sempre ves con presa!

-Eu fago o que me mandan, señor!

-Pois daquela tesme que ir ao río a lavar dous pares de coiros!

-Ai non, señor, eu quedo aquí que quero mirar como fai os zocos... bueno, mire, se me deixa cravar os zocos cando veña do río, daquela voulle lavar os coiros... parécelle?

-Bueno, pois daquela heite deixar cravar un!

-Ai non, señor, eu quero cravar os dous!

E así, mirando para Manés, José ía aprender o oficio de zoqueiro.

    Sendo un adolescente de 16 ou 17 anos, a música chama á porta do mozo de Barrañán. A dicir verdade, naqueles tempos a música era unha boa oportunidade de promoción para os rapaces máis inquedos, como era o caso de José.

    Segundo nos contaron a súa viúva, Josefa Vázquez Lista e o seu fillo Juan, que nos atenderon coa maior das amabilidades no seu domicilio do Igrexario de Barrañán, o noso homenaxeado “aprendeu a tocar na Coruña cun músico que tiña unha orquesta, a “Cruz Perillo”, e que se non recordo mal era coñecido polo alcume do “Espallante”. Cando o meu home estaba aprendendo a tocar eu non era moita moza pero, o que si sei, é que José botou un tempo tocando e aprendendo na orquesta “Cruz Perillo” co “Espallante”. Un fillo deste home tocou anos despois cos Tamara de Pucho Boedo. Sei que era o batería, pero non me acordo como se chamaba”. Josefa, tamén natural de Barrañán, referíase a Antonio Cruz Careo, o gran “Perillo.”

 

Arriba, no centro, vemos a "Espallante" o xefe da orquestra "Cruz Perillo". O rapaz do centro da imaxe da fila inferior moi probablemente sexa "Peri", fillo de "Espallante". E á dereita vemos co acordeón a a José "O Vencedor". Descoñecemos o nome dos outros músicos (Cortesía da familia de José Vázquez "O Vencedor)

    Coa experiencia adquirida na orquestra “Cruz Perillo”, José “O Vencedor” foise convertendo, paseniño, nun bo músico. Chega o momento no que compra o seu primeiro acordeón. Saber como puido afrontar os gastos é unha verdadeira incógnita porque, naqueles tempos nos que a economía familiar era a que era, o malo para os músicos era o custe dos instrumentos. Ao fío disto, o xornalista Xosé Manuel Pereiro conta que “os pais de Marcial, un dos ventos clásicos de Los Satélites, venderon unha vaca para comprarlle ao cativo o clarinete1”. Por outra banda, o prezado e admirado Xurxo Souto tamén nos ten contado nalgunha ocasión que seu avó Manuel Eiroa, un dos fundadores de Los Satélites, cando tiña 15 anos traballaba cargando area para as obras, e nesa época un irmán emigrado en Nova York mandoulle os cartos para mercar un saxofón.

   Pasaríalle algo semellante ao noso homenaxeado? A súa muller non lembra nada sobre esta cuestión. Mais fora dun xeito ou doutro, o caso é que a José chégalle o tempo de realizar o servizo militar obrigatorio e o destino do músico de Barrañán, naquela hora xa alcumado “O Vencedor”, foi Burgos. Alí, á cidade castelá, chega acompañado do seu inseparable acordeón, co que pasa tardes gloriosas animando e divertindo aos seus compañeiros de quinta. “En Burgos o único que fixo foi a instrución e xurar bandeira e despois nada, tocaba o acordeón”, recordaba a súa muller Josefa.

 

En primeiro plano José "O Vencedor" co seu acordeón no cuartel de Burgos no medio dos soldados  (Cortesía da súa familia)

    Rematado o período castrense volta a súa terra e segue botando unha man na casa cos traballos gandeiros e agrícolas. E por suposto continúa de cheo no mundo da música ao entrar a formar parte de orquestras como a Reyes, que era de Carballo.

 

José "O Vencedor" tocando o acordeón coa Orquesta Reyes (Cortesía da familia)

   Tempo despois José convértese nun dos integrantes da Bergantiños, unha das grandes orquestras da época, onde tamén tocaba o seu gran amigo Segís Regueiro, veciño de Gabenlle. De feito, cando actuaban pola zona da Laracha ou Carballo “O Vencedor” durmía sempre na casa de Segís.

    A primeira orquestra Bergantiños nacera en 1945 e estivera actuando polos escenarios da bisbarra (co “Niño de Soandres” de cantante e guitarrista) ata 1952. A banda volve a renacer anos máis tarde, deixando pegada na historia bergantiñá, onde eran de reclamo nas festas da contorna2. Na seguinte foto, vemos na fila de atrás e de esquerda a dereita: trombón, Moncho Calvete; trompetas, Jesús Calvete, Anselmo e Jesús Loureiro, e batería, Luís Costa. Na fila primeira, saxo, Ramón Costa, e tenor e alto, Severino e Jesús Mallo Naya (director). Agachados, os irmáns Luciano e J. Luís Fernández Caamaño de Verdillo; acordeón, José Vázquez “O Vencedor”; e contrabaixo, Segismundo Regueiro “Segís”, músico da Laracha.

 

O acordeonista José "O Vencedor" coa orquestra Bergantiños (Facebook Orquestas 1900)

    A orquestra Bergantiños actuaba todos os anos no salón do Xastre de Barrañán, un salón de baile do que prometemos falar máis polo miúdo no futuro. E claro, como era natural, cada vez que tocaba na súa patria chica, a José “O Vencedor” ardíalle o peito da emoción sentíndose profeta na súa terra!

    Segundo nos conta Suso de Basilio, certo tempo despois “comezan os problemas do transporte e teñen que contar con dous turismos para tanto equipo: O Largo e O Asturiano serían os seus cotiáns transportistas. Só cando era preto, e algúns levaban moto ou bicicleta, lles chegaba un só turismo. Pero na vida todo ten un comezo e un final. Rematado o verán de 1959, Jesús Mallo Naya decide dar un xiro á súa vida e probar sorte na capital, A Coruña, co cal a Bergantiños, todo un nome no mundo orquestral, cesa para sempre. Na cidade e ao marxe doutros traballos, Jesús formaría parte de moitas lembradas formacións coruñesas ata o seu retiro laboral. Os irmáns José Luís e Luciano comezarían unha nova etapa formando parte das máis lembradas orquestras da Coruña: Satélites, Trovadores, Sintonía, Antonio Mallo, Kanaris...”3

    Trala etapa na Bergantiños, José “O Vencedor” volve a integrar a orquestra Reyes (da que tamén forma parte o seu amigo Segís) nuns tempos nos que os cartos que o de Barrañán facía no mundo da música non eran suficientes para sobrevivir. Josefa Vázquez recorda que “o meu marido tocou toda a vida, pero tamén era zoqueiro. A música era a súa profesión e cando tiña tempo facía zocos. O hobby eran os zocos (risas), que daquela todo o mundo andaba con zocos, pero a min nunca me fixo ningúns (risas)”.

 


José "O Vencedor", primeiro pola dereita, na súa segunda etapa coa Orquesta Reyes (Cortesía da familia)

    En 1973 “O Vencedor” casa con Josefa Vázquez Lista, nunha época na que aprende a tocar o órgano da man de Fernando Fernández Pérez, integrante do grupo Os Tarantos que naquela hora tiña o seu domicilio no edificio onde está a xoiería Barca.

   Como organista, e xa ao final da súa traxectoria musical, o noso protagonista ía formar parte da Orquesta Brillantes, banda que abandonou ao pouco de nacer o seu fillo Juan.

 

José "O Vencedor", primeiro pola esquerda da fila superior, na súa etapa con "Los Brillantes" (Cortesía da súa familia)

   Posteriormente, paseniño, foise apartando dos escenarios para dedicarse á familia e aos traballos no campo. A súa muller recorda que “José tocou ata que enfermou. El empezara a ter problemas de corazón en 1975 e ata aí aínda ía tocar algo, pero pouco. Chamábano ocasionalmente dalgunha orquesta para un día concreto, pero despois, cando soubemos que estaba mal do corazón, xa deixou a música para sempre. Nós tiñamos vacas e cando el podía traballabamos a terra. Cando podía traballabamos máis e cando non podía traballabamos menos. Daquela xa non se traballaba a terra como cando eu era moza. Xa se ía co tractor. Pero o millo había que botalo, había que sachalo e recollelo. E eso había que facelo.

   A José pasoulle o mesmo que a outros moitos artistas de aqueles tempos. Estivo moitos anos traballando como músico pero xubilouse pola agraria.

 

Carné do "Sindicato nacional del espectáculo" de José "O Vencedor" (Cortesía da súa familia)

   José Vázquez Amado “O Vencedor” faleceu en 1986 aos 62 anos de idade. Despois de tantos anos o seu espíritu segue estando moi presente en toda a parroquia de Barrañán.

____________________

1 Xosé Manuel Pereiro (2010): Historia do baile agarrado, El País, 10 de setembro.

2 Suso de Basilio (2021): Eran tempos de boa música coa orquestra Bergantiños, La Voz de Galicia, Carballo, 30 de xaneiro.

3 Ibídem

Ningún comentario:

Publicar un comentario