martes, 31 de marzo de 2026

HISTORIA DO ATLÉTICO VILARRODÍS F.C. O EQUIPO FEMININO (4ª PARTE E FIN)

  Chegamos á fin desta serie sobre a historia do Atlético Vilarrodís falando do seu lendario equipo feminino, que disputou inesquecibles partidos por toda a bisbarra entre finais dos anos sesenta e principios dos setenta.

Formación do Vilarrodís que xogou en Elviña no Entroido de 1969. Arriba, de esquerda a dereita: Carmen, Luísa, Palmira, Lola, Xela e Mari. Abaixo: Loli, Finita,  Dolores, Carmen,  Maruja e a masaxista Mari Loli (Cortesía de Fina López)

  O balompé das mulleres xa viña formando parte do tradicional Entroido da parroquia coruñesa de Elviña dende comezos da década de 1960, que foi cando se empezaron a xogar alí os populares enfrontamentos entre as casadas e as solteiras da aldea. Uns partidos que, polo que nos conta Xurxo Souto nos seus marabillosos Contos da Coruña, darían pé a que o Martes de Entroido fora declarado día festivo na Coruña:

(…) Foi unha idea para divertirnos entre nós (fala Luísa de la Fuente). Os homes non se queixaron, mesmo nos deixaron as camisetas e os pantalóns do equipo do Relámpago. Primeiro xogamos nun campo que había onda a Seat, alá na de Chelo. E despois aquí abaixo, no campo da Laxe. Desfixérono para abrir a carretera de Pocomaco. Prometeron que ían facer outro e ao final quedou Elviña sen campo de fútbol”. Como boa veciña desta aldea que non quere converterse nun barrio máis de cemento, as palabras de Luísa, ademais de emoción, levan sempre unha proclama reinvidicativa.

A feliz ocorrencia daquelas rapazas axiña conmocionou á Coruña toda. Ata o Curruncho chegou Bocelo, o famoso xornalista, para lle facer a primeira entrevista, “eu estaba fregando na louza. El puxo: ‘as de Elviña, aínda que xogan ao fútbol non perden de lavar. Convidáronnos a cachola e viño’. Moito me rin con el”.

A paixón atlético-antroideira foi in crescendo. Ata que un ano todos os obreiros en pleno se negaron a traballar por ir ver o partido. O Concello tivo que declarar o día non laborable. Grazas ao arrouto futbolístico destas mulleres aínda hoxe é festivo na Coruña o Martes de Carnaval (...)1

  Aquelas pioneiras ían conseguir en pouco tempo que Elviña non fose coñecida soamente pola batalla entre as tropas de Soult e Moore, alí acontecida en xaneiro de 1809. Non, aquelas mulleres tamén ían ser recoñecidas pola súa contribución noutra batalla, na batalla pola igualdade.

  Os solteiras-casadas de Elviña ían dar paso aos primeiros partidos femininos “internacionais” da bisbarra, o primeiro deles disputado, no Entroido de 1969, diante dunha enorme multitude contra aquel grupo de arteixás que capitaneaba Finita López, máis coñecida polo alcume da ‘Rubia de Vilarrodís’, partido que gañou o conxunto visitante por 1-2 e do que fai mención o escritor coruñés Manuel Rivas (presente no Elviña-Vilarrodís cando era un neno) no seu libro autobiográfico As voces baixas:

Partido de fútbol feminino en Elviña (Cortesía de Paco García 'O Cubano')

"(...) Onde van os nenos do Castro? Levounos o vento! Aquela curva era o mellor miradoiro para o camiño fondo da Cavaxe. E algo de vento ía, porque abaneaba a maleza cando se abriu para o Inesquecíbel. Do túnel vexetal saía a Loura de Vilarrodís, co seu uniforme de capitá.

Viramos xa algún dos partidos dos martes de Entroido, entre solteiras e casadas, mais todas do lugar. Xogábanse nun campo a carón da Avenida, o do bar Parada, que era onde facía o alto a Cucaracha e outros coches de liña. Era un campo tan modesto, tan pedregoso, que todos os equipos xogaban a gañar. O club Relámpago decidiu facer un novo campo, con vestiarios e todo, e cando chegou o Entroido celebrouse cun encontro internacional. E aí vén a Loura co seu equipo da outra bisbarra, de Arteixo.

A valmontes, quilómetros correndo, con camiseta e pantalón curto. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". E á fronte, como unha modelo do calendario Pirelli, como unha revolución óptica naquela época de loito téxtil, alí estaba a Loura de Vilarrodís. Estivera na emigración e, de volta, abriu un bar chamado Odette. Levaba o pelo ao estilo garçonne, e no ar lembraba á actriz Brigitte Bardot. Mais non era unha cuestión de comparar. A Loura de Vilarrodís estaba alí. Era verosímil. Tanto que viñera brincando entre os fentos, para pasar do invisíbel ao visíbel no camiño da Cavaxe. Agora, no campo de xogo, sabía darlle ao balón con lume de biqueira. E o que era aínda máis difícil, facerlle fronte con garbo a aquela multitude afervoada, chegada de toda a comarca, e que emitía arias di bravura cada vez que as mozas de Elviña, Castro e Vilarrodís tocaban a esfera do mundo"2 

Partido Elviña-Vilarrodís (Cortesía de Fina López)

  Rivas, daquela un rapaciño de doce anos, quedara prendido da beleza de Otilia Josefina López Naya, máis coñecida por ‘Finita, a rubia de Vilarrodís’, unha muller que naquel partido xogado en Elviña ía erguer paixóns polo campo adiante coas súas guedellas louras ao vento.

Crónica do partido Elviña-Vilarrodís disputado no Entroido de 1969 (El Ideal Gallego, 19 de febreiro de 1969)

  Sen pretendelo, Finita converteuse nunha icona feminina dos anos sesenta. Foi a Sofía Loren de Arteixo ou, como ben di Manuel Rivas na súa novela, a Brigitte Bardot da comarca, toda unha modelo do calendario Pirelli que, antes da pandemia de Covid-19 chanceaba co seu fillo Álex (co que tivemos a sorte de xogar ao fútbol) e cun servidor mentres tomabamos un café dicíndonos que "caín en graza no país dos cegos, o torto é o rei".

Fina López 'a Rubia de Vilarrodís' (Cortesía de Fina López)

   Criárase na Coruña, na rúa Federico Tapia, e con 21 anos chega a Vilarrodís, lugar no que abre un local ao que lle chama Café Bar Odet, mais ninguén o coñecía polo seu nome. Para todo o mundo era o bar da rubia: "Antes montabas un bar e chamábanche de todo menos bonita".

Caixa de mistos do Bar Odet (Cortesía de Fina López)

   Finita, que decidira xogar ao fútbol para dar a coñecer o seu establecemento, obxectivo que abofé ía conseguir, segue lembrando hoxe aquelas aventuras futboleiras e ao mesmo tempo reivindica que "Lola Flores e as súas compañeiras imitáronnos despois en Madrid. Ata gravaron unha película, Las Ibéricas. Pero as pioneiras do fútbol feminino foron as de Elviña, e o primeiro gran campionato disputárono contra nós, as rapazas de Vilarrodís".

Fina López 'a Rubia de Vilarrodís' (Cortesía de Fina López)

  A finais de 1969, ao mesmo tempo que Finita López erguía paixóns polos campos da bisbarra coas súas guedellas louras ao vento, Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, nado en Uxes o 29 de outubro de 1950, fundaban na Coruña o Karbo, un novo equipo de fútbol feminino que pouco a pouco iría collendo a vez daquelas rapazas pioneiras de Elviña, que xa había algúns anos que se daban cita nas instalacións do Relámpago para dilucidar, en cada Entroido, a primacía balompédica entre as solteiras e as casadas do lugar ou contra rivais doutros lares como o Vilarrodís ou o Crendes.

  Karbo é a suma sincopada de Carrasco e Borrego, primeiros apelidos de Ramón e María del Carmen, o matrimonio que rexentaba a academia privada na que estudaba Mañana por aquel entón, unha academia que a día de hoxe segue estando situada na popular barriada dos Mallos. Nese centro de ensino, entre urxencias mecanográficas e de inglés comercial, Francisco Cadahía e Pepe Mañana, presidente e adestrador do equipo, ían formar un grupo de vinte mulleres, todas solteiras, que compaxinaban o fútbol cos estudos ou co traballo, e que se xuntaban dous días por semana para adestrarse no campo da Sagrada Familia baixo as ordes do técnico de Uxes.

  O bautismo oficial do club celébrase en Almeiras en abril de 1970, cun partido que remata con triunfo visitante por 0-1. Non podía imaxinar ninguén o que o Karbo ía conseguir nos seguintes anos, mérito que se acentúa porque ademais, nunha época na que ser muller e xogar ao fútbol non era nada doado xa que non estaba ben visto por todos os ollos, ían ser quen de romper barreiras que parecían infranqueables naquel mundo de homes.

  En febreiro de 1970, só unhas semanas antes de xogarse aquel choque en Almeiras, as mulleres de Vilarrodís disputan coas de Elviña un campionato carnavaleiro a dobre partido. No primeiro enfrontamento, celebrado o domingo de Antroido, venceron as rapazas arteixás por 0-1. O martes vencería o equipo local por 3-1 nun partido no que, segundo a prensa herculina “ni en la batalla de Elviña había tanta gente”3 e no cal se recadaron máis de 41.000 pesetas, unha barbaridade para aqueles tempos.

Crónica do segundo partido entre o Elviña e o Vilarrodís disputado no Entroido de 1970 (La Voz de Galicia, 11 de febreiro de 1970)

  Durante os seguintes meses o equipo feminino de Vilarrodís ía xogar máis partidos, entre eles o disputado en Ordes a finais de 1970, no que venceu por 2-0 ao Galicia Gaiteira.

  O 23 de febreiro de 1971, Martes de Entroido, o once arteixán volve participar, un ano máis, no “clásico” de Elviña. O enfrontamento das mulleres congrega a miles de persoas e, nesta ocasión, as nosas perden por 1-0 co Crendes. O Vilarrodís formou aquel día con Carmen; Palmira, Lola, Sarita; Lolita, Maruja; Marina, Luísa, Finita, Lucita e Toñita.

Formación da época (Cortesía de Fina López)

Formación da época (Cortesía de Sergio García)

  Unhas semanas máis tarde, a finais do mes de abril, o Vilarrodís participa co Galicia Gaiteira -que acababa de encher o estadio de Riazor nun partido amigable contra o Polideportiva Fuengirola4-, co Crendes e co Eume nun torneo organizado pola comisión de festas patronais do San Roque de Betanzos. O cuadrangular disputouse no Campo do Carregal e o seu gañador foi o Eume, mentres que o Vilarrodís quedou apeado nas semifinais ao perder por 1-0 co Crendes.

Formación do Vilarrodís no Campo do Carregal de Betanzos (Cortesía de Fina López)

   Aínda que estaba a anos luz do que é na actualidade, o fútbol feminino continuaba a dar pasos de xigante naquela España en branco e negro, moi a pesar do día no que Lola Flores se vestiu de curto en Vallecas facéndolles un fraco favor a aquelas futbolistas pioneiras.

  Era 1971, e baixo o lema «Folclóricas y finolis», a faraona lideraba un grupo de artistas da farándula nun espectáculo vergoñento coa escusa de ver a mulleres dándolle patadas a un balón. Ese mesmo ano, no cine, Las Ibéricas F.C. de Pedro Masó narraba as fazañas de cinco mulleres que xamais patearan un esférico, nun ambienteis preocupado pola indumentaria e o malestar dos seus maridos. A realidade das futbolistas estaba moi lonxe do que representaba a cultura, sobre todo porque mentres daban eco a un mundo machista, as nenas da época enfrontábanse a el. Loitar cunha sociedade ultraconservadora, que vía o deporte como unha actividade prexudicial para a saúde e o físico das mulleres, foi todo un reto para aquelas mozas que romperon os moldes do franquismo. Vaia dende aquí o noso recoñecemento e admiración para todas e cada unha delas!

  Todos os dream teams teñen o seu tempo: No ano 72 remataron os encontros5 do Vilarrodís feminino.

Formación da época do Vilarrodís (Cortesía de Fina López)

  O día 19 de decembro do 2013, corenta e cinco anos despois daquel partido xogado en Elviña que conmocionara á Coruña toda, aquel cativo de doce anos que quedara prendido da beleza de Finita, entraba na libraría A lus do candil6 de Arteixo para presentar o seu libro As voces baixas7. Si, falamos de Manolo Rivas, que, por fin, coñecía persoalmente a Loura de Vilarrodís, reencontro emotivo e espectacular argallado por libreiros, fillos de Finita e o que escribe.

Na libraría "A lus do Candil" de Arteixo, en decembro de 2013, da novela de Manolo Rivas "As voces baixas". No centro da imaxe Fina López acompañada dos seus fillos (Cortesía "A lus do Candil")

  Un recordo moi especial para todas e cada unha das mulleres que vestiron nalgún momento a camiseta do Atlético Vilarrodís... mulleres que, se cadra sen ser moi conscientes da fazaña que estaban a realizar, axudaron a abrir na época que lles tocou vivir os camiños pola igualdade!

  FIN

_____________________________________________________

1 Xurxo Souto (2007) (3ª edición): Contos da Coruña, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, p. 232.

2 Manuel Rivas (2012): As voces baixas, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, pp. 107-108

3 Vid. La Voz de Galicia, 11 de febreiro de 1970, páx. 14.

4 O Galicia Gaiteira-Fuengirola xogouse no estadio de Riazor ás 12 do mediodía do 4 de abril de 1971 e rematou cun resultado de 0-7 no marcador.

5 Xurxo Souto (2007) (3ª edición): Contos da Coruña, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, p. 233.

6 Libraría A lus do candil. Rúa Historiador Vedía, 3 baixo. Arteixo.

7 Manuel Rivas (2012): As voces baixas, Op. Cit.

Ningún comentario:

Publicar un comentario