Malia a tristura dos feitos que contamos a semana pasada neste espazo, a rapazada de Vilarrodís ía continuar xogando ao fútbol ocasionalmente na aldea ao longo de aqueles últimos anos da década dos 50 e de comezos da dos 60. Primeiramente faríao nun campo que había detrás do posteriormente famoso Bar Odett, establecemento que rexentaría anos máis tarde Finita “a Rubia”. Precisamente, de Finita e das súas compañeiras que integraban o equipo de fútbol feminino de Vilarrodís, falaremos na última parte desta serie. Téñeno ben merecido, abofé, xa que aínda hoxe, despois de tanto tempo, séguese falando daquel equipo pioneiro de mulleres que, xunto co de Elviña, tanta expectación creara na bisbarra hai algo máis de medio século.
Emprazados, pois, á homenaxe que lle realizaremos ao cadro feminino dentro dun par de semanas, mentres tanto seguimos coa historia do cadro masculino. Neste campo de fútbol nomeado anteriormente, o Vilarrodís xogaría os seus primeiros partidos amigables cos equipos da zona, entre eles co outro equipo da parroquia, o Oseiro S.D., que se constituira oficialmente a finais dos 50 e con quen disputaría apaixonantes derbis nos trofeos que naquela hora se xogaban nas festas parroquias.
No verán de 1962, Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputan a primeira Liga federada da zona, campionato que gañarían os da Feira. No verán do 63 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco. Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión.
A parte dos cinco que xa viñan participando ata aquel momento, sete novos equipos incorporaríanse á chamada Liga de Arteixo en 1965: Catuxa, Larín, Oseiro, Penouqueira, (que participara varios anos no campionato das Mariñas), Peñarol de Lañas, Sporting Meicende e Suevos. Ante tal cantidade de equipos que había na zona, a Federación determinou que ao remate do torneo ligueiro se disputase por primeira (e única) vez a Copa de Arteixo, competición que iría para as vitrinas do Catuxa logo de impoñerese por 2-0 ao Oseiro na final disputada o 11 de agosto de 1965 no campo da Granxa da Coruña.
Tres novos equipos incorporábanse en 1966 ao Campionato de Liga “Zona de Arteixo”: o Club do Mar de Caión, o Laracha e o noso protagonista, o Atlético Vilarrodís. Coa alta na Federación Galega de Fútbol do Vilarrodís, Arteixo, cun total de doce clubs, convertíase nun dos municipios de España, exceptuando as capitais de provincia, que contaba nese intre con máis equipos federados. Hoxe o conto é ben distinto pois, desos doce equipos. só seguen federados cinco.
Corría polo tanto a tempada 1965/66, cando o Atlético Vilarrodís, daquela presidido por Antonio Mareque, o popular conductor dos autobuses Coruña-Carballo, empezou a disputar a Liga Zona de Arteixo. Atrás quedaban os tempos dos partidos amigables no campo que había detrás do Bar Odett, dando paso, na súa nova andaina de equipo federado e por requisitos da Federación, que esixía terreos de xogo cunhas medidas mínimas, ao Campo da Viña, que se inaugurara no verán do 65 cun partido amigable contra o Club do Mar de Caión.
O novo escenario do equipo, que ven sendo o herbal que hai na actualidade diante da Escola de Educación Infantil da localidade, carecía de vestiarios polo que, cando había fútbol en Vilarrodís, os equipos tíñanse que cambiar nun baixo que había na tasca de Ovidio, que estaba ao carón do que hoxe son as instalacións da empresa de materiais de construcción Hijos de Cándido Riveiro S.L.
O domingo 16 de xaneiro de 1966, o Atlético Vilarrodís, que adoptaría na súa indumentaria as mesmas cores do Atlético de Madrid, xoga o seu primeiro partido como equipo federado, un debut oficial que se saldaría cunha espectacular victoria en Uxes ante os da Estación por 4-5.
Sete días máis tarde dispútase o primeiro partido no Campo da Viña, que bendiciu o párroco don Pedro nos prolegómenos do enfrontamento contra o Penouqueira (que sería o campión do torneo ligueiro ese ano), un histórico debut como local que o Vilarrodís perdería por 1-3.
No seguinte partido na casa, na quinta xornada, o equipo ofreceríalle á súa afección a primeira victoria no seu "pequeno Maracaná" do Campo da Viña tras gañarlle ao Suevos por 1-0.
Posteriormente chegarían outros triunfos de prestixio como o 5-3 ao Sporting Meicende, o 0-2 en Loureda ante o Campanal ou a colleitada no Campo dos Cabalos diante do Atlético Arteixo, onde o equipo formado por Cafeto; Juan, Rey, Paco; Moncho, Chucho; Rodri, Pepe, Mesejo, Fernando e Julio gañara por un contundente 0-5 aos de Candame. Mesejo, con tres goles, e Fernando, con dous, foran as estrelas daquel histórico enfrontamento.

Semanario deportivo Riazor, 18 de abril de 1966
Os partidos máis agardados eran, sen dúbida algunha, contra o outro equipo da parroquia, o Oseiro S.D., a quen o Vilarrodís fora quen de gañar nesta primeira tempada como equipo federado os dous derbis: 1-0 na decimoquinta xornada disputada o 8 de maio e 0-1 na derradeira xornada do campíonato, xogada o 31 de xullo de 1966, un día despois de que Inglaterra, capitaneada por Bobby Charlton, gañara o seu Mundial. O Vilarrodís remataría sexto naquela primeira tempada como equipo federado, tempada na que o Campionato de Liga Zona de Arteixo deixaba de disputarse no formato de división única, ao crearse unha Primeira División cos oito primeiros clasificados desta campaña 65/66 e unha Segunda co resto de clubs.
O equipo presidido por Mareque, empezaba a campaña 1966/67 empatando a tres goles co Club do Mar de Caión no Campo da Viña e perdendo, na segunda xornada, 3-1 en Meicende. Logo, na seguinte, en partido xogado o 12 de febreiro de 1967, o equipo conseguía un meritorio empate a dous goles co Penouqueira, o campión do torneo na edición anterior, resultado que sería unha das poucas satisfaccións que os pupilos de Emilio Veira, o adestrador por aquela época, lle darían aos seareiros durante toda a tempada. Aquel día o equipo alineara a Cafeto; Luis, Rey, Paco Alvedro; Veira, Chucho; José Luis, Juan, Mesejo, Fernando e Lolo.
Nas xornadas seguintes virían dúas derrotas consecutivas fóra da casa, as colleitadas en Pastoriza por 1-0 e na Laracha por 3-0, rematando a primeira volta do torneo ligueiro con victoria por 3-2 (a primeira do campionato) diante do Catuxa e cunha nova derrota, a obtida en Paiosaco por 2-0.
A marcha do Atlético Vilarrodís durante a segunda parte da competición sería un calco da primeira. Unicamente cabe saliantar a victoria en Caión por 2-5 e o empate a dous goles na última xornada co Paiosaco, un empate co que o Vilarrodís sumaba 10 puntos, os mesmos que tiña o Club do Mar, e que o salvava de xogar a promoción co segundo clasificado da Segunda División, o Peñarol de Lañas, para manter a categoría grazas a que o goal average particular cos da vila mariñeira éralles favorable. O equipo ocuparía finalmente a sexta praza da táboa clasificatoria.

Aproximación do escudo do Atlético Vilarrodís feito por José Riveiro Ferrín para esta crónica. Se tedes o orixinal, contactade con nós por favor
Ao remate dos respectivos torneos ligueiros da Primeira e da Segunda División 66/67, os equipos de Arteixo e da Laracha, despois de dúas tempadas sen facelo, volvían participar na Copa da Coruña, competición á que tamén se sumaban de novo os clubs da Liga das Mariñas, que estiveran un ano ausentes dela.
Nas primeiras roldas, a Copa da Coruña dividiuse en tres fases: Capital, Mariñas e Arteixo, e, posteriormente, a partir de oitavos de final, os respectivos clasificados dos tres grupos entrarían xa nun sorteo puro. No seu debut copeiro, o Atlético Vilarrodís quedou eliminado na primeira rolda logo de perder os dous partidos (4-3 e 2-1) co Club do Mar de Caión.
Rematamos a crónica desta semana cunha anécdota. Coñecedores da gran rivalidade existente entre o Atlético Vilarrodís e o Oseiro, a comisión de festas de San Martiño de Orto, en Abegondo, convidou no verán de 1967 aos dous equipos a xogar o trofeo “Terry” nas festas parroquiais. O enfrontamento ía finalizar con empate a 4-4. Houbo que recorrer aos penaltis, nos que gañou o Oseiro por 5-4.
(... CONTINUARÁ)

Ningún comentario:
Publicar un comentario