A cultura galega ten un lado místico innegable, abofé! A nosa xeografía, morada de seres e criaturas mitolóxicas, serve de escenario para gran parte do patrimonio lendario do marabilloso país no que habitamos, no cal se inspiraron contos e crenzas populares que, se ben moitas estan a desaparecer, formaron parte do imaxinario da sociedade galega durante séculos.
Na actualidade, entre a desmemoria na que parece asentarse a sociedade na que vivimos e as continuas modificacións do noso territorio, ben por mor da plantación masiva de eucaliptos ou ben a causa dos numerosos parques eólicos coa instalación de grandes aeroxeneradores, todo parece indicar que moitos deses espazos e escenarios lendarios teñen un futuro gris para a súa supervivencia na memoria colectiva.
Con todo, aínda hai criaturas mitolóxicas que seguen gozando de gran protagonismo dentro do noso patrimonio inmaterial, caso por exemplo da galiña dos pitos de ouro, unha manifestación dos encantos gardadores de tesouros en castros e fontes, e mesmo pode ser ela o propio tesouro.
A da galiña dos pitos de ouro é unha das lendas máis correntes do noso país, que se repite con pequenas variantes en moitos lugares de Galicia onde hai un castro cunha fonte nas súas proximidades.
A lenda di que en varios puntos da nosa xeografía a popular galiña só sae dúas veces ao ano, o 24 de xuño, no solsticio de verán, e o 25 de decembro, no do inverno.
Parece tratarse dunha moura encantada que adopta a forma dunha galiña negra que anda peteirando entre as pedras do castro acompañada da súa rolada de pitiños, que disque poden ser catro (un de cada cor) ata cen1, aínda que adoitan ser sete. Dise tamén que por veces vai con ela unha vella fiando.
Á parte de transformarse en galiña con pitos, segundo a antropóloga Lidia Mariño a moura, verdadeiro espíritu da natureza e da vida, pode converterse en troita, en egua branca ou en serpe; para desencantala utilízanse obxectos como o caravel, queixo ou pan.
A relación entre a moura encantada e a galiña ponse de manifiesto nalgúns casos. Na Ponte Ulla (Vedra, A Coruña) describen a esta importante figura da mitoloxía galega como unha galiña branca con doce pitos de ouro, e seica aparece ás doce da noite acompañada dun fantasma.
Os pitiños poden converterse en ouro pero unicamente se un se contenta con atrapar un só, porque se se é ambicioso e se atrapan máis, desaparecen. Tamén se pode intentar pillar á propia galiña, e para iso hai que cubrila cun chapeau ou un pano, ou ben cuspíndoa na cabeza2.
En Ribela (A Estrada, Pontevedra) dise que hai unha serpe protexendo galiña e pitos, e que cando alguén intenta pillalos aparecerá a cóbrega facendo moito estrondo e desaparecerán os pitos. Pero outra versión da lenda di que a galiña se transformará en serpe e só queda desencantada se algún mozo afoutado ousa bicar ao reptil nos labios; se así o fai, o encanto recuperará a súa forma de muller e casará con el, proporcionándolle cuantiosas riquezas3.
Do mesmo xeito, outras versións da lenda din que as mouras preguntan ao viandante se prefiren a tenda, chea de obxectos de ouro ou prata, ou a tendeira. En Forcarei (Pontevedra) cóntase que a galiña pregunta se prefire a galiña ou os pitos. O paisano contestou que os pitos, ante o que a galiña exclamou que, ao ser rexeitada, quedará encantada para sempre4.
Na nosa contorna, na Medoña de Rebordelos (Carballo), unha mámoa que queda á beira da estrada que vai á Pedra do Sal, disque nos solsticios de verán aparece unha galiña cos pitos de ouro, imposible de atrapar. Tamén no carballés castro da Ribeira, en Ramil, na parroquia de Rus, saen galiñas con pitos todo ao longo do río que pasa á beira do devandito castro.
Tamén se conta da presenza da popular galiña en lugares como Borneiro (Cabana de Bergantiños), ademais das parroquias arteixás de Lañas e Loureda. No primeiro caso seica hai moitos anos unha muller viu o encanto polos seus propios ollos:

Imaxe tomada dende o Monte de Angra. Ao fondo, o castro do Castelo de Lañas
“Na croa (enténdase castro) de Lañas, hai unha morea de penedos entre os que mora dende hai moitísimos anos, tantos que ninguén recorda de que tempos vén, unha galiña que sae ás veces na madrugada coa súa rolada de pitos. Estes pitos son de ouro; pero endexamais ninguén puido pillar un, nin por máis esculcas que se teñen feito se logrou ver onde aniñaban.
Como pode imaxinarse, esta galiña dos pitos de ouro é un encanto. Poida que sexa a mesma doncela que antes de alborexar o sol nas mañás bretemosas da primavera sae a peitear os seus cabelos louros cun peite de ouro.
Mais tampouco ninguén puido saber nunca onde se agacha cando alguén tenta de se achegar a ela.
Pero outro encanto máis, se non é diferente forma do mesmo encanto, hai na croa de Lañas. O mouro, o xigante, que é o que garda os tesouros (que poida que sexa tamén o que ten encantada a doncela ou fada e mais a galiña dos pitos de ouro, se é que as dúas non son a mesma cousa).
A muller que me falou disto e me contou como ela vira o encanto díxome que, cando era nena -uns doce anos tería daquela-, andaban ela e mais a irmá máis nova no monte da Angra co gando. Era pola mañá, entre once e doce. Sentara a carón dun piñeiro e, de súpeto, viu aparecer pola banda do monte da croa (o castro de Lañas) un cabalo grande coma un hórreo. O cabalo era castaño claro, case dourado, moi lindo; e montado nel, un home, altísimo e rexo tamén. Ao ver aquilo, gañou medo, ergueuse e fuxiu. A outra nena tamén fuxiu atrás dela.
Chegaron á casa e contoulle á nai como vira aquel home tan grande no seu cabalo.
-Ai, filla, que ese era o encanto. ¿Que fixeches?- demandoulle a nai.
-Gañei medo ao ver aquel cabalo e mais aquel home tan grandes, e fuxín.
-Pois perdiches unha grande riqueza e xa endexamais volverás ter outra ocasión coma ela; mais, por se che cadrar, vouche dicir o que debías ter feito: se tiraras o pano da cabeza e collido por un dos bicos o estenderas no aire por diante do home, ou por riba do cabalo, e dixeras: "Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza", aquel cabalo viraba de ouro e todo era para ti…
Mais eu non sabía aquilo, e o encanto foise cara ao castro de Elviña. E non o vin máis na miña vida.” 5
Da galiña de Loureda soubemos no verán do 2020, que foi cando o que escribe tivo a sorte de acompañar a Marisa e a Jesús Roibal, irmáns do lugar de Mins nados en 1935 e 1940, e a varios membros máis da súa familia (Suso, Pablo, Silvia, Waldo, Yessica e Sofía), nunha excursión realizada polos montes da Rocheira, na parroquia de Loureda, a onde segundo manifestaron non subían dende había máis de corenta anos.
A memoria destos dous veciños de Mins aínda conserva varias lendas que escoitaban cando eran nenos, lendas que compartiron con nós nun descanso que fixemos nunha sombra de Pedras Anchas para coller alento. Unha delas fala dunha viga de ouro… “na que rozaban os carros de bois pero non houbo ningún enxeñeiro que fora capaz de quitala porque lle tiñan medo ao rozar nela”, lembraba Marisa.
Outra das lendas que mencionaron os irmáns Roibal é a da “fonte encantada”, que estaba na parte baixa do Monte da Cancela, próximo a Santa Locaia. “Alí meus pais tiñan uns terreos que lle chamaban A Tenza de Fóra na que plantaban pinos e centeo. Verán e inverno había sempre auga… ata que viñeron as plantacións de eucaliptos e acabaron co manancial onde manaba a auga, que disque era por donde saía a galiña dos pitos de ouro”, recordaba Jesús.
Un servidor sabía da existencia da lenda da galiña dos pitos de ouro de Lañas, a mesma que de cando en vez se deixa ver polo Monte de Angra… ou iso din, claro. Pero da de Loureda nunca oíramos falar ata aquel verán do 2020! De xeito anecdótico Pablo, sobriño de Marisa e de Jesús, comentou que… “cando era moi neno viñen aquí ao monte e vin unha quica. Os vellos tiñan razón cos seus contos, pensaba eu! E oes… durante toda a miña infancia aquela quica para min foi a galiña dos pitos de ouro”.

Pedras Anchas en 1975 (Arquivo de Marisa Roibal)
Tamén se recolle a lenda ao pé de mananciais, como na fonte do Espiño, en Luaña (Brión); na dos Tarríos, en Vilacova (Lousame); na Fonte Cega do lugar de Casanova, na parroquia de Quende (Abadín, Lugo), onde, do ollo desta fonte, viron saír unha galiña con pitos e disque a auga é branca como o leite cando sae a churra6. En Santo André de Teixido aparece unicamente no día de San Xoán.
E rematamos na Fonte do Salgueiral, na Laracha, nos lindes das parroquias de Cabovilaño e Vilaño, ao carón do castro de Montes Claros. A lenda, recollida por Carré Aldao, na súa Geografía del Reino de Galicia, di que a galiña sae nesta fonte na véspera do San Xoán, unha lenda que conta habitualmente a arqueóloga Puri Soto, a moura de Montes Claros, nas visitas guiadas que realiza co Concello da Laracha para animar á cidadanía a coñecer o xacemento e os resultados das escavacións levadas a cabo nos últimos anos.
______________________________________
1 Cen eran os poliños que rodeaban á galiña do castro de San Cristovo de Donalbai, en Begonte (Lugo).
2 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Gali%C3%B1a_dos_pitos_de_ouro
3 Ibídem.
4 Ibídem.
5 Vid. Xosé Manuel González Reboredo (1983): Lendas galegas de tradición oral. Editorial Galaxia, Vigo, pp. 72-73-74 (Versión de L. Carré Alvarellos: As lendas tradizonaes galegas. Museu de Etnografía e Historia. Porto S.A., pp. 17-18).
6 Vid. https://galiciaencantada.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario