Francisco Tettamancy foi un dos grandes da nosa cultura. Percorreu a historia do século XIX do dereito e do revés ao tempo que amosaba o inmenso amor que tiña por Galicia, pola cidade da Coruña, pola comarca das Mariñas e por lugares da bisbarra coma o “noso” Canzobre, patria chica da familia da súa muller Gudelia.
![]() |
| Panorámica actual do lugar de Canzobre |
Recentemente tivemos a sorte de localizar diversas informacións sobre a relación deste ilustre persoeiro coa parroquia de Morás. Como Tettamancy é un verdadeiro referente para un servidor (algo terá que ver no conto o feito de que era o padriño do meu admirado Urbano Lugrís), xa podedes imaxinar a emoción que sentimos de poder asocialo por fin co noso municipio. Sobre a súa arteixanía falaremos ao longo das próximas semanas nestas Crónicas de Arteixo.
Francisco Tettamancy Gastón nace na Coruña o 10 de outubro de 1854 no seo dunha familia con orixes na cidade italiana de Como. Orfo de pai, viuse na obriga de emigrar de moi novo á Arxentina, aínda que segundo o que contaba o seu compadre Carré Aldao “o cariño da nai e da terra” decontado o traerían de volta para A Coruña. Xa na cidade herculina entrou a traballar como funcionario administrativo nos departamentos ou negociados da Deputación Provincial, traballo que desempeñou durante o resto da súa vida, compaxinando esta ocupación coa súa paixón pola historia e a literatura.
En xaneiro de 1885 casa con Gudelia Varela Alvarellos, moza nada na Coruña o 28 de setembro de 1863 que era filla do comerciante herculino Wenceslao Varela Solís (1836-1869) e de Ascensión Alvarellos Pita (1837-1902).
Os pais de Ascensión eran Santiago Alvarellos Catoira (1801-1862) e María Dolores Josefa Antonia Pita Infante (1808-1867). Sobre o proxenitor tiñamos datos que indicaban que era “dulcero” e que nacera na parroquia de Morás pero, iso si, descoñecíamos o lugar concreto no que viñera ao mundo, aínda que intuíamos que se trataba de Canzobre. Para aclarar as nosas sospeitas solicitámoslle axuda a Carlos Villar, gran coñecedor de cada un dos recunchos da parroquia de Morás e da súa historia.
-Non sabía desa relación de Tettamancy con Morás, Xabier. Non te preocupes, heiche de mirar nas escrituras que teño eu na casa e tamén consultarei os libros parroquiais con don Manuel, o párroco de Morás-, díxonos Carlos.
Coa súa habitual cortesía, días despois recibimos unha chamada telefónica súa e confirmounos que efectivamente o avó de Gudelia, Santiago Alvarellos Catoira, nacera en Canzobre en 1801. “E si, tal e como me contaras, os pais deste home eran Antonio Alvarellos, natural de San Cristobal das Viñas e Josefa Catoira, natural de Morás, nacida tamén en Canzobre”. Ademais, Carlos Villar tamén nos deixou unha xoia a maiores decíndonos que outro dos grandes desa época, Uxío Carré Aldao, tiña algún tipo de relación con Morás. “Eu teño algunha escritura de propiedade na que aparece por aí o seu nome. Xa che mirarei con calma.”
Así pois, a raíz do seu matrimonio con Gudelia ía nacer a relación de Tettamancy co municipio de Arteixo. De feito, un dos seus pseudónimos era o de Xan de Canzobre, indicador do cariño que sentía pola terra da familia da súa muller. Sobre isto profundizaremos nas próximas semanas.
![]() |
| Revista Gallega, 9 de agosto de 1903, páx. 3 |
Francisco e Gudelia ían ser pais de nove fillos: Victoria, Ascensión, Leopoldo Wenceslao, Amalia Isabel, Elvira, Amalia, Emilio, Gudelia e Ramona Tettamancy Varela.
En 1899, xa con 45 anos, o noso protagonista obtén o título de profesor mercantil na Escola Superior de Comercio da Coruña, cunha meritoria memoria de grao sobre a historia comercial da vila que estará na base dunha das súas obras máis celebradas: Apuntes para la historia comercial de La Coruña.
Discípulo de Manuel Murguía e parente político e íntimo amigo de Carré Aldao, Tettamancy participou con regularidade nos célebres faladoiros da Cova Céltica, que se desenvolvían polas tardes nos locais da Libraría Rexional do seu compadre Carré, nucleados, desde o seu traslado á Coruña, arredor da figura do noso ilustre Manuel Murguía. Na Cova Céltica ideáronse numerosas iniciativas a prol do Rexurdimento político e cultural de Galicia.
O noso homenaxeado formou parte da redacción do importante xornal rexionalista coruñés Revista Gallega que dirixía Galo Salinas. Co seu propio nome ou con pseudónimos como Xan de Canzobre ou Fuco de Tabeayo asinou artigos (tanto en prosa galega como castelá) e poesías (sempre en galego) en moitas publicacións da Coruña, de Galicia, de España e da emigración galega en América.
Tettamancy tamén foi vogal da asociación rexionalista Liga Gallega na Cruña e un destacado impulsor do monumento aos Mártires da Liberdade que se levantou en Carral por iniciativa desta organización. A súa relación con Carral foi grande, abofé, xa que tivo casa en Sergude. Ademais, á parte de asinar varios dos seus textos co pseudónimo de Fuco de Tabeayo e de escribir sobre o castro de Cañás (San Xián de Sergude, San Martiño de Tabeaio e Santa Baia de Cañas son tres das oito parroquias que conforman o municipio carralés), na súa produción literaria destacan o poema ‘Abril 1846’ e os libros ‘Os mártires de Carral’ e ‘A revolución galega de 1846’.
![]() |
| Monumento aos Mártires de Carral |
En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación da Prensa da Coruña, e foi membro fundador e numerario da Academia Galega, institución na que estivo ata a súa morte.
Na sede da xa denominada Real Academia Gallega en maio de 1916 tivo lugar a reunión constituínte da Hirmandá de Amigos da Fala da Coruña, primeiro xerme das Irmandades da Fala, achándose entre os asistentes á mesma Antón e Ramón Villar Ponte, Uxío Carré Aldao, Florencio Vaamonde, Manuel Lugrís Freire, Luís Porteiro Garea (seu irmán Santiago era cura de Sorrizo nese intre, tema que trataremos no futuro nestas Crónicas de Arteixo), Manuel Bonet ou, entre outros, o noso admirado Francisco Tettamancy, que participaría, entre outras actividades, no histórico mitin galeguista celebrado en Lugo o 28 de xaneiro de 1917.
Entre outros méritos, tamén foi correspondente da Real Academia de Historia e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e condecorado por outras varias institucións.
![]() |
| Francisco Tettamancy |
Personaxe moi apreciado no ambiente cultural do seu tempo, Francisco Tettamancy finou na Coruña o 15 de maio de 1921. O seu enterro constituiu unha extraordinaria manifestación de dó cidadán. A súa viúva Gudelia ía falecer en Conxo tres anos máis tarde, o 22 de agosto de 1924. En 1962 a cámara municipal coruñesa outorgaría o nome de Francisco Tettamancy a unha rúa do popular barrio dos Mallos. Naquel intre aínda vivían tres dos seus nove fillos: a maior Victoria (1885-1974) e as dúas máis pequenas, Gudelia (1899-1970) e Ramona (1900-1970).
OBRAS EN LINGUA GALEGA
Ademais de artigos e poemas na prensa, Tettamancy publicou en galego varios libros de poesía e ensaio:
- Enredadas. Poesías (1902): Librería Rexional de Euxenio Carré, A Cruña.
- O castro de Cañás; Diego de Samboulo (Lenda histórica). Poemetos (1903): Libreiría Rexional de Euxenio Carré, A Cruña – Tipografía de Xan A. Menéndez, Lugo.
- Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A Epopeya irlandesa (1912): Imprensa e Fotograbado de Ferrer, A Cruña.
- Victor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor. C’unha folla de Murguía, e un colofón de Carré Aldao) (1917): Imprenta Obreira, A Cruña.
- O castro de Cañás (Boicentril) (1919): 2ª ed. corr. e aum., en !Terra a nosa! Supremento de El Noroeste (20/2/1919), vol. 2, A Cruña.
OBRAS EN LINGUA CASTELÁ
En español publicou, ademais de artigos xornalísticos, varias monografías históricas sobre temas galegos:
- Apuntes para la historia comercial de La Coruña (1900): Tipografía El Noroeste de J. Fdez. García – Librería Regional de E. Carré Aldao, A Coruña.
- La revolución gallega de 1846 (1908): Librería Regional de E. Carré, A Coruña.
- Britanos y galos (Páginas de la Guerra de la Independencia) 1808-1809 (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
- Batallón Literario de Santiago: Diario de campaña (años 1808 al 1812) (1910): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
- Los Mártires de Carral (1912): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
- La torre del homenaje del castillo de Villalba (1913): Imprenta y Fotograbado de Ferrer, A Coruña.
- La torre de Hércules. Impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo su aspecto histórico y arqueológico (1920): Litografía e Imprenta Roel, A Coruña.
Non chegou a publicar completa unha outra monografía, Rianjo-Altamira, da que adiantou varios capítulos en diferentes xornais.
(...CONTINUARÁ)






Moi boa crónica veciño!! Saúdos
ResponderEliminar