sábado, 29 de abril de 2023

O MONUMENTO AO 'VOYEUR' DO RAÑAL

  Un dos grandes reclamos turísticos do Arteixo actual, sobre todo para os imstagramers, é o Monumento ao Voyeur, tamén coñecido coloquialmente como 'Mirón' ou 'Vixiador.'

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Situado no Rañal, enriba do chamado Pichón da Bogueira, entre A Bogueira (zona de abundancia de bogas, un tipo de peixe) e o pequeno areal da Ermida, leva instalado nese lugar dende o ano 2006, dende que se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán.

   É obra do escultor madrileño Enrique Saavedra Chicheri, artista con obra salpicada por todo o mundo (Los Ángeles, Nova York, Girona, Madrid…)

 

(Fotos de Xabier Maceiras)

   Cun peso de 3.500 quilos e unha lonxitude de 14,5 metros, trátase dunha escultura dun enorme anteollo elaborada en aceiro tipo corten, que ten unha lixeira mestura de cobre para proporcionarlle un efecto de óxido que impide que sufra as agresións do medio ambiente.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Enrique Saavedra confesou no seu momento que, con esta obra, quixo rirse de algo que está mal visto como o de ser un mirón. A verdade é que todos e todas o somos en menor ou maior grado, ¿non?

   Ademais, Saavedra quixo transmitirlle ao público que, podendo mirar todo o que temos arredor, en ocasións só nos fixamos nun puntiño, como o ollo do Monumento ao Voyeur, e perdemos de vista todo o resto.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   En definitiva, é un monumento ao mirón e un monumento para que o mirón probe da súa propia medicina: a persoa que suba á silla estará condenada a ser mirada pola xente que nese momento camiñe polo paseo.

 

(Foto de Xabier Maceiras)

   Na realidade, se vos fixades, o anteollo é unha especie de frecha enorme que sinala ao mirón. Mais o significado fundamental da obra é o que lle queira dar cada persoa que se deteña a contemplala. Xa contaredes!

   Ata a vindeira semana!


domingo, 23 de abril de 2023

UN PASEO POLO ONTE E HOXE DE ARTEIXO

Camiño da Baiuca a Caldas.

Escola dos irmáns Mosquera Calvete no curso 1949/50 (Cortesías da familia Moreiras Mosquera)

 

 

 

 

 

 

O mesmo lugar na que se tomou a foto antiga na actualidade

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   O noso agradecemento á familia Moreiras Mosquera por compartir con nós este tesouriño. A ver se entre todos e todas somos quen de identificar ás persoas que aparecen na imaxe.




sábado, 15 de abril de 2023

OITO DÍAS DE FESTA EN RAÑOBRE

  En novembro de 2022 tivemos a sorte de entrevistar no seu domicilio de Meicende a Plácido Rodríguez, un dos grandes músicos da bisbarra do que xa falamos no espazo Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/11/placido-rodriguez-un-dos-grandes.html).

   Naquela entrevista, Plácido contounos que “cando empecei a tocar na Orquesta Jazz Melody contratáronnos para tocar en Rañobre. Eu tiña daquela 16 anos, e ao chegar alí veu unha señora e dixo:

-Este neno vén para a nosa casa, que os pais son amigos meus!

A min coñecíanme alí por meu pai, que era zoqueiro e facía zocos para esa casa. Eu durmía na casa dos de Venturiña e os meus compañeiros noutras casas de Rañobre. Recordo que nos contrataran polo San Tirso de 1948 ou de 1949 para actuar durante tres días. Tocabamos nun alpendre e finalmente, en vez de tocar durante tres días como estaba previsto, botamos oito días seguidos sen saír de alí. Todos os integrantes da Jazz Melody permanecemos en Rañobre todo ese tempo”.

   Para lembrar aqueles tempos, falamos con Pepe Naya 'O Camarín', veciño do Rañal nacido en Rañobre en 1936. “O baile facíase polo San Tirso, o 28 de xaneiro, no alpendre de Jesús de Mari Pepa. Había baile en Oseiro e había baile en Rañobre. Os músicos comían e durmían nas casas dos labradores”

 

Alpendre da casa de Jesús de Mari Pepa na actualidade (Antonio Martínez)

   Unha desas casas era a de Venturiña, da que nos falou Plácido Rodríguez, e as outras eran a do Robeirán e a de Generoso do Calaso e a súa muller Carmen, irmá de Milio, o avó materno dun servidor. Comían e durmían nesas tres casas e o baile facíano no alpendre de Jesús de Mari Pepa e seica, á parte da xente de Rañobre, tamén ía moita xente de Suevos.

   Pepe tamén nos contou que “o xenro de Baliño tamén era músico. Chamábase Antonio e xa morreu. Tocaba a trompeta, se non recordo mal, na mesma orquestra que Plácido. Tamén había outro músico en Vilarrodís pero non me acordo do seu nome. Eso quen o pode saber e miña irmá Blandina”.

 

Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    E falamos con Blandina, nacida en Rañobre no ano 1933 e casualmente, ao igual que seu irmán Pepe, tamén veciña do Rañal. Cando eu era unha mociña, 12 ou 13 anos tería daquela, ía moita xente a Rañobre polo San Tirso, ao baile que se facía na de Jesús de Mari Pepa. Os músicos que tocaban alí eran todos chavales. Recordo que un deles era Manolo o da Vieira. Tamén había outro de Vilarrodís que se chamaba Chucho. Comían na casa de Generoso, na de Venturiña… nas casas dos labradores ricos. Na do Venturiña comían e durmían. Un ano gañaran o premio Generoso do Calaso e a súa muller Carme, que bailaban moi ben. Outro ano o premio da xota e da muiñeira levárao a Lixeira de Rañobre. Nalgunha ocasión tamén llo deran a Carme, unha irmá de Fina a de Laradas. A xente de Rañobre era moi festixeira.”

 

Alpendre da casa de Jesús  de Mari Pepa na actualidade (Antonio Martínez)

    Oitenta anos despois daquelas grandes festas e foliadas que se organizaban no lugar, damos fe de que a xente de Rañobre segue sendo moito festixeira, abofé que si! Debe ser cousa da xenética!

domingo, 9 de abril de 2023

A PARROQUIA DE MORÁS NA XEOGRAFÍA XERAL DO REINO PUBLICADA POR CARRÉ ALDAO EN 1928

   Nado na Coruña en 1859, Eugenio Carré Aldao foi un libreiro e escritor en lingua galega e castelá. No ano 1891 faise cargo da libraría de Andrés Martínez Salazar e da imprenta de Domingo Puga, onde tiña lugar unha tertulia galeguista, coñecida como A Cova Céltica, da que Carré era o principal animador.

   Na súa imprenta ían aparecer gran parte dos libros dos autores galegos da época. Foi membro da Liga Galega (1897), de Solidaridade Galega (1907), da Real Academia da Historia, e tamén foi un dos fundadores da Real Academia Galega.

   Carré casou con Purificación Alvarellos Pena, con quen tivo 11 fillos, aos que lles ía inculcar as súas inclinacións literarias. Algún deles, Uxío, Leandro e Lois Carré Alvarellos serían escritores, así como as súas netas May Carré e María del Pilar Carré, que escribiron novela rosa.

   Algunha das súas obras foron Brétemas (1896); Raiolas (1898); Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo (1901); La literatura gallega en el siglo XIX (1903); Influencia de los catalanes en el progreso de la industria pesquera en Galicia (1904); Idioma y literatura de Galicia (1908); Guerra de la Independencia en Galicia. El Alzamiento contra los franceses (1908); Influencias de la literatura gallega en la castellana (1915); Contos de forxa (1919) ou, A terra chama (1925).

   En 1928, catro anos antes da súa morte, publica o tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, unha auténtica xoia, unha obra sublime na que Carré dá un paseo polo máis profundo de cada un dos concellos coruñeses debullando a súa xeografía, historia, lendas, etnografía...

   Deseguido, aparece a información que Eugenio Carré Aldao escribiu sobre a parroquia de Morás na devandita obra:

   Parroquia de San Estebo (Esteban) de Morás, de entrada.- Está dividida de Loureda por los montes Pena de Carro, Pena Rubia, Cotosal y Balay, que abrigan el N. del valle de aquella feligresía.

   Hállase Morás al E. del ayuntamiento, en las faldas occidentales del monte do Xalo, desde cuyas cumbres es imponderable el panorama que se descubre, y de las del monte das Arcas, llamado así por sus mámoas, que la separan del municipio de Culleredo, y desde las que se abre la cañada oriental del valle. Nos guía a esta parroquia la carretera del Espiño (Coruña), que para en Uxes a los 8 kilómetros de recorrido. Ejerce el patronato de esta parroquia la familia de los Bermúdez de Castro y fue del dominio de Xan de Andeiro, que tenía otros más en ente ayuntamiento y en la provincia.

  Sus aldeas son Canzobre, Freán, Insoa, Morás, Santa Cecilia, Souto y Uxes, y los grupos menores de Martulo y Monte de Arcas, con 308 edificios, 87 de planta única, 167 de dos cuerpos y 60 chozas y albergues, en los que vive una población de 1.022 habitantes de hecho y 1.117 de derecho. Cuenta con una escuela nacional. Hay unos 2 kilómetros a Arteixo.

Imaxe do ano 1972 do lugar de Freán

  Es de terreno montuoso y fértil y productor de numeroso ganado. Sus aguas van al río de Monelos (Coruña Oza). Limita al N. y NO. con Arteixo, al O. y SO. con Loureda y por el E. con Culleredo, que divide el Xalo.

  Su iglesia tiene ábside cuadrangular con bóveda de cañón, directriz apuntada, apoyada sobre arcos de igual directriz. Es de últimos del siglo XII o comienzos del XIII. En el primer siglo suena como Moralias. Para las iglesias de Lañas, Loureda y Morás, véase Almanaque Gallego (Buenos Aires, 1917).

domingo, 2 de abril de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (5ª PARTE E FIN)

 Chegamos ao fin deste percorrido polos antigos salóns de baile que houbo en Meicende falando, nesta quinta entrega, do salón de Baltasar, un local que estaba situado no mesmo lugar que hoxe ocupa o edificio número 98 da Travesía de Meicende e a rúa Ecuador, xusto en fronte da autoescola Soto Lara.

Lugar no que estaba o salón de Baltasar

   O de Baltasar era un salón de notables dimensións e, segundo entrabas, xa podías ver o palco dos músicos de fronte. Á dereita da entrada estaba a porta do roupeiro e, á esquerda do escenario, había outra porta que comunicaba coa parte traseira do edificio, onde podías ver unha horta con bancos que se utilizaba como pista de baile nos veráns.

    Seica cando o salón estaba ateigado nos bailes que se organizaban polo inverno, as parellas tamén bailaban neste espazo exterior, unhas parellas que en moitos casos déronse neste lugar o seu primeiro bico.

    Polo que nos contaron recentemente, alí tocaron orquestras como Os Trovadores, Os Mallo de Feáns ou a Boquete, unha banda do barrio coruñés dos Mallos.

    Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949, recorda que ao carón do salón de Baltasar “había unha casiña na que tivera consulta durante certo tempo o médico Mariño”.

    O salón de Baltasar, que era natural de Borroa, deixou de funcionar como tal na década dos 60. Posteriormente sería a sede do Teleclub de Meicende, sitio de encontro da xuventude inaugurado en outubro de 1971. 

 

La Voz de Galicia, 3 de outubro de 1971

    O réxime de Franco ofertaba entretemento a cambio de propaganda institucional de tal xeito que o Ministerio de Información e Turismo de Manuel Fraga enviaba unha televisión e libros para unha biblioteca. A rede de Teleclubs estivo operativa dende 1964 ata 1974. Prometemos falar noutra ocasión de todos os que houbo en Arteixo.

 

Tarxeta de socio do Teleclub de Meicende (Cortesía de Ana Mosquera)

    E así, despois do percorrido realizado ao longo das últimas semanas polos locais da sociedade 'La Esperanza', o salón de Avelina, o de Baldomero da Martela e o de Baltasar, poñemos fin a esta xeira sobre os antigos salóns de baile que houbo en Meicende... uns edificios actualmente desaparecidos (excepto o novo de 'La Esperanza') que forman parte da memoria popular e que foron a base de innumerables matrimonios ata ben entrada a segunda metade do século pasado!

   A memoria é o que nos configura como seres. Coidemos este tesouro, por favor!

domingo, 26 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (4ª PARTE)

  Continuamos o percorrido polos antigos salóns de baile de Meicende con esta cuarta entrega, na que queremos recordar o salón de Baldomero González Corredoira, máis coñecido polo alcume de Baldomero da Martela.

   Este local estaba no Sixto, no mesmo lugar que hoxe ocupa o edificio número 146 da Travesía de Meicende, xusto onde Ana Sánchez ten a súa tenda de alimentación.

 

Lugar no que estaba o salón de Baldomero

   De Baldomero, nacido en 1896, sabemos que gañaba a vida como albanel e que tamén era músico. Con motivo da festa da árbore celebrada en Arteixo nos primeiros días de febreiro de 1935, La Voz de Galicia contaba que… “(…) amenizó esta fiesta la música que dirige el convecino de Meicende don Baldomero González, que a la terminación tocó alegres bailables1”.

    Neses anos trinta foi cando puxo en funcionamento no lugar do Sixto o seu salón de baile, un local de 96 m² que seica era moi parecido ao de Pardo, o salón que había na Baiuca.

    O de Baldomero tiña a pista na planta baixa, que era onde se bailaba habitualmente, aínda que na terraza do edificio, á que se podía acceder por unhas escaleiras que había na parte dereita da fachada do local, tamén se bailaba cando facía bo tempo. A terraza estaba protexida por unha varanda que, de seguro, foi testemuña das promesas de amor eterno dalgunha parella daqueles tempos ao tempo que soaba a música do propio Baldomero ou dos Oliveira, unha orquestra de Meicende que tocaba con frecuencia neste salón.

    Ao carón do local de Baldomero estaba a escola pública mixta, creada a finais da década dos anos vinte do século pasado e que tivo o seu primeiro mestre na persoa de José Peón Martínez durante o curso 1929-30. Pegado á escola estaba o estanco de Antonio Cedeira Sande, 'O Roxo', que anos despois cambiariase para a localización actual deste negocio.

    Precisamente 'O Roxo' era un dos integrantes da orquestra dos Oliveira. Outro dos músicos que formaban parte desta banda era seu irmán Manuel, 'Manolo da Oliveira'. Antonio faleceu en 1991 aos 81 anos e Manuel en 2004 aos 83. Levamos certo tempo buscando datos e fotografías sobre esta antiga orquestra de Meicende. Se tedes algunha información contactade con nós, por favor!

(CONTINUARÁ)

__________

1 Vid. La Voz de Galicia, 7 de febreiro de 1935, páx. 5.

domingo, 19 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (3ª PARTE)

  Continuamos o percorrido polos antigos salóns de baile de Meicende con esta terceira entrega na que queremos recordar a tenda de Avelina, que estaba aproximadamente no lugar que hoxe ocupa o edificio do Bar Urquiola, ao carón da Cervecería A Estrela. 

Lugar no que estaba o Salón de Avelina

   Este negocio era desas tendas das de antes nas que podías mercar un pouco de todo e, ocasionalmente, cando corrían os anos corenta ou primeiros cincuenta, parece ser que tamén se facían bailes alí. É por iso polo que había quen lle chamaba a este establecemento o Salón de Avelina.

   Desgraciadamente, as persoas coas que falamos non poden dar fe dos músicos que actuaron alí xa que, naquela hora, aínda non naceran ou eran moi nenos, como é o caso de Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949.

   Sergio contounos que onde estaba o negocio de Avelina “era unha fila de casas de pranta baixa e ese salón funcionou como tal durante pouco tempo. Recordo que na tenda había unha punta con papeles alí colgados e a filla de Avelina poñía enriba o nome da xente que lle debía cartos. Mamá mandábame alí ás veces a buscar algunha cousa e, despois de que te atendera, dicíalle...

   -Apúntame aí que xa che pagará miña nai!

E a min eso dábame moita moita vergonza.”

 

Meicende, anos 60. No círculo o grupo de casas no que estaba o negocio de Avelina

(CONTINUARÁ)