xoves, 23 de xullo de 2015

OS CEMITERIOS PROTESTANTES DE ARTEIXO

     O 20 de xullo de 1875, en pleno reinado de Alfonso XII e uns meses antes de que o ferrocarril chegara á Coruña (faríao o 10 de outubro coa apertura do tamo A Coruña-Lugo), a comunidade protestante da cidade herculina inauguraba a súa primeira capela no baixo dun dos primeiros edificios que se construiran tralo derrubamento das vellas murallas da Pescadería, ubicado na primeira zona do Ensanche e levantado na vía urbana coñecida naquelas datas como Avenida de Puerta de Torre de Arriba, máis tarde chamada Praza do Instituto e pouco despois Praza de Pontevedra.

     A daquela flamante capela, tiña ademais o privilexio de constituir a primeira igrexa evanxélica da
Galiza e pese a ser inaugurada coa oposición do Gobernador Civil, contara co permiso das autoridades de Madrid.

     Os primeiros cultos de apertura xeneraran unha gran expectación entre a poboación herculina e, en novembro dese ano 1875 xa había cinco coruñeses convertidos á fe do Evanxelio que foran bautizados, por inmersión, nas augas do Orzán.

     A finais de 1876, producíase a primeira defunción dun membro desta comunidade. Tratábase de José García, de 70 anos de idade e zapateiro de profesión. O seu enterro levaríase a cabo ás seis da mañá do día seguinte, sen permitirse cánticos pola rúa, nun recuncho aillado da parte posterior do cemiterio de San Amaro.

     Ao ano seguinte, en 1877, establécese a obra evanxélica en Loureda e en Arteixo. En Loureda, donde habería escola en 1884, levantaríase un pequeno camposanto de noventa metros cadrados de extensión no lugar do Torreiro (Ervedíns), que fora construído por Roque García Fuentes por un custe de 393,75 pesetas que sufragara o Concello. Unhas dez persoas recibirían sepultura neste cemiterio que carece de panteóns ou lápidas. A primeira delas foi Lorenza Calzado Pallas, veciña de Loureda que residira no Uruguai algún tempo á que se lle atribue a fundación do grupo evanxélico de Caión. Os restos de Juan Balay Martínez, alcalde de Arteixo entre febreiro de 1874 e o mesmo mes de 1875, tamén descansan neste camposanto do Torreiro. Según Manuel Blanco, que no seu libro "Alcaldes de Arteixo (1836-1998)" afirma que el origen y proceso de los protestantes en este Concello no puede entenderse sin la actividad que él desplegó a su favor, este veciño de Loureda convertiríase en protestante sobre o ano 1878, feito que xeneraría gran controversia na zona, que derivaría nunha queixa dos concelleiros de Arteixo sobre o seu comportamento ante o Gobernador Civil.

     Da polémica suscitada pola propagación da fe evanxélica no municipio arteixán fixérase eco un xornal da Coruña o 28 de xuño de 1889, nun artigo no que se facía referencia a unha disputa entre o pastor protestante e o cura da parroquia, respaldado polo alcalde, que increpou a varios feligreses protestantes por traballar as súas terras o día de San Xoán. "Ninguno de dichos señores debe ignorar que en Arteijo y en todas partes hay libertad de culto", defendía o xornal.

     Desde fai máis de cuarenta anos, o veciño de Loureda Manuel García, que vive a carón deste camposanto protestante, encárgase de adecentar o cemiterio. Non profesa a relixión evanxélica nin tampouco recibe ningún tipo de remuneración polo traballo. Limpao porque "non me costa nada".

                              Manuel García no cemiterio protestante de Loureda

     O outro cemiterio protestante que hai en Arteixo está, regardado entre catro paredes caleadas, perto da pequena rotonda ubicada entre a rúa Torrente Ballester e a Avenida de Caión. Fora construído en 1906 por José Rey Valeiro, un arteixán que estaba casado coa francesa Sofía Baridó Schneider (a historia deste matrimonio tédela no libro "O mar de Arteixo e os seus naufraxios") que tivera que salvar múltiples escollos ante os mandatarios da época para conseguir os permisos necesarios para levantar o que era a segunda necrópole protestante do Concello. Luisa Fuentes Rey, veciña de Sorrizo, neta de José Rey Valeiro e actual propietaria deste camposanto, afirmaba non hai moito que "puxéronlle moitas trabas; todo eran problemas, mais finalmente, grazas á mediación do Goberno inglés, meu avó puido construir o cemiterio".

                                   Cemiterio protestante de Arteixo

     Aparte destos dous camposantos, en Arteixo construiríase unha capela protestante en 1887, capela que en 1977 pasaría a ser unha Asamblea autónoma.



FONTES:
 - "El protestantismo en La Coruña". Jesús María Reiriz Rey. Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Revista nº 29-30.
- "El cementerio protestante de Arteixo". Viviana Burón. La Opinión (17.2.2013)
- "El pasado evangélico de Loureda". Viviana Burón. La Opinión (12.5.2013)
-"Alcaldes de Arteixo (1836-1998)". Manuel Blanco

Ningún comentario:

Publicar un comentario