venres, 3 de xullo de 2015

A. & J. SALGUEIRO, A FÁBRICA DE CONSERVAS DO RAÑAL

     O espazo que hoxe ocupa o aparcadoiro da praia de Alba, no Rañal, agocha os vestixios da antiga fábrica de conservas A. & J. Salgueiro, unha das primeiras industrias en instalarse na zona e que hai xa case tres décadas que pechou. Foi a finais da década dos sesenta cando os irmáns Andrés e José Salgueiro solicitaron permiso de obra coa finalidade, según contan os maiores do Rañal, de levantar un hotel nun entorno inigualable, a carón das praias de Alba e Sabón e do piñeiral do Monte de San Tirso. Mais este establecemente nunca chegaría a ser construído e, no seu lugar, edificaríase a fábrica de conservas que, durante varios anos, foi unha das principais fontes de emprego para as mulleres de Arteixo e os seus arredores, entre elas miña nai, Melucha, que se gañaba o pan como encargada e tamén era representante sindical da U.X.T.
                                                Imaxe dos anos 90 da conserveira

     Lembro que tamén había traballadoras de Loureda, Oseiro, Rañobre, Figueiroa, Chamín, Baldaio, Laracha...e ata había un matrimonio da Agualada de Coristanco que vivían de aluguer nunha casa da aldea, cerca do Bar Chucho. Algunhas destas empregadas acabarían casando con veciños do Rañal que, naquela hora, a gran maioría deles traballaban na fábrica das tónicas...si, si, nesa que ninguén sabía escribir o seu nome pero que todo o mundo pronunciaba "Sueps". Moitos destos homes eran albaneis que atoparan traballo na edificación na nave da Schweppes e, unha vez rematada a obra, quedaron a traballar alí como empregados da empresa ata o seu peche, no 2009.

     A unha en punto soaba tódolos días a sirena da conserveira. Era a hora do descanso para xantar. As empregadas do Rañal ían comer ás súas casas e as que non residían na aldea, nos días de bo tempo xantaban ou ben á sombra dos piñeiros do Monte de Manolito, ou ben a carón do río Bolaños, o río que desemboca na praia de Alba, areal que aparecía nas latas de conservas da A. & J. Salgueiro S.L.

                              Traballadoras da conserveira comendo a carón do río
                                Imaxe de principios dos setenta dentro da conserveira

     A conserveira do Rañal tamén era coñecida polo cheiro que desprendía e os seus verquidos ao mar, verquidos dos que se fixera eco un medio de prensa nacional. O xornal ABC, na súa edición do 9 de agosto de 1973, en alusión ao aumento da contaminación na costa española, relataba: "Quien esto escribe fue testigo de lo que se ha hecho con una playa de Sabón, en Arteijo, de arena finísima y aguas transparentes. Una fábrica de pescados ha llevado sus vertederos hasta el mismo borde del arenal y el olor es tan nauseabundo que incluso un pinar sito a centenares de metros ha quedado visto para sentencia". Así pois, a fábrica de Salgueiro era un reflexo do que era o medio ambiente naqueles anos, nos que a norma xeral era que algunhas fábricas usaran a costa de Arteixo como vertedoiro mentres a administración miraba para outro lado. A conserveira do Rañal foi un claro exemplo disto e, aínda hoxe, cando os temporais do inverno levan por diante metros e máis metros de area das dunas da praia de Alba, quedan ao descuberto as tuberías que levaban os restos do peixe das conservas directamente ao mar.

                                 Tubería da conserveira do Rañal no areal de Alba

     Os problemas medioambientais aparecían en escena, problemas que se agrabarían posteriormente ao ir aumentando o número de empresas no Polígono de Sabón. A día de hoxe, parte das rochas da Pedra do Aguillón e do Paiolo, é dicir, da desembocadura do Bolaños, aínda presenta un tono alaranxado, consecuencia dos verquidos incontrolados que durante moitos anos sufriu esta parte do litoral arteixán. Seguro que moitas e moitos de vós, especialmente @s que tedes máis de cuarenta abriles, lembrades aqueles dous ou tres días á semana no que o mar non era azul...nin verde...non...era laranxa!

     A fábrica de conservas dos irmáns Andrés e José Salgueiro pecharía a finais dos anos oitenta, e sería derrubada cando se iniciou a construcción do paseo marítimo, mais a familia Salgueiro seguiría vinculada a Arteixo varios anos máis xa que unha filla de Andrés, da cal sinto non lembrar o seu nome, impartiría clases no instituto Manuel Murguía.

                                        A conserveira pouco antes de ser derrubada









1 comentario: