mércores, 24 de febreiro de 2016

"O SALÓN", A TABERNA DE MONTEAGUDO

      Se non sabes onde está, non te preocupes que non ten perda e é ben doado chegar a ela. Non tes máis que ir ata a xoia do románico que é a igrexa de Santo Tomé, que seica é o único que quedou en pé do antigo mosteiro que había alí, no lugar de O Igrexario, o mesmo que na alta Idade Media era coñecido co nome de Mosteiro e que está resgardado ao norte polo Monte da Pedra Vella e ao sur polo Picoto da Veiga. Pois alí, agochado detras da igrexa, tes "O Salón", a taberna de Monteagudo.

     Ao entrar vaste atopar cun local ben chulo, cun enorme comedor ao fondo, que nestos días de inverno enchen os comensais que, entre outros platos, van comer o cocido. Se es dos que te quedas na barra, mentres que che prepara un café Susa, a muller que actualmente atende o negocio, de seguro que ao teu carón haberá algún cliente dos de toda a vida, dos que aínda lembran os tempos de cando se facía baile na taberna.

     Eses eran os tempos da señora Socorro, a nai de Isabel (a propietaria do establecemento), que nos anos cincuenta ou se cadra nos cuarenta xa abrira a taberna na que tanto podías comprar unha tableta de chocolate coma un saco de millo ou botarlle unha cunca de viño...si, eran os tempos nos que os homes entraban a tomar a copa e a xogar a partida e as mulleres a comprar e, a ser posible, sen entrar xuntos...os tempos nos que poucas casas da parroquia tiñan teléfono..."Señora Socorro, chámeme a un taxi, que vou para o médico"...e tamén eran os tempos do salón de baile.

     Hoxe "O Salón" é outra taberna ben diferente á dos tempos da señora Socorro, pero aínda non hai moito, antes de ser restaurada, cando pasabas polo corredor, por diante da porta da cociña e un pequeno almacén onde estaba o conxelador dos xeados, había outra porta que daba á parte exterior do local. Alí estaba o servizo e o río de lavar a roupa e, de fronte, a porta dun local grande, húmido, escuro e frío no que se gardaban sacos de abono, penso, caixas de cervexas, gaseosas...pois ben, era alí, nese local, onde se xuntaban as mozas e mozos, no salón, un dos de máis sona de todo Arteixo, e no que se conservaba despois de tanto tempo, sen saber moi ben porqué un letreiro que poñía "PROHIBIDO CEDER LA PAREJA".

     Así que xa sabes, cando vaias a Monteagudo vaille botar unha ao Salón!
"O Salón" de Monteagudo actualmente


    













 

Ningún comentario:

Publicar un comentario