venres, 6 de outubro de 2017

ROSARIO ROMERO, A MESTRA DA ESCOLA DE NENAS DE ARTEIXO DOS ANOS 20-30

     Nada na parroquia de San Marcos de Corcubión o 6 de setembro de 1891, María del Rosario Manuela Romero Abella era filla do fisterrán Manuel Romero Castro, un dos pioneiros da fotografía na Costa da Morte, e da corcubionesa Dolores Abella Recamán. Os primeiros anos da nosa protagonista transcorren entre os cheiros do polvo de magnesio do estudio fotográfico e os flashes da cámara de seu pai, que en 1902 se asentara a traballar en Corcubión. Nesta vila a familia residiría ata 1910, que foi o ano no que mudaron de domicilio e marcharon a Cee. 
    
Rosario Romero (Nomes e Voces)
      Naquela altura Rosario xa tiña moi claro que o seu futuro era a docencia e tres anos máis tarde, en 1913, supera na “Escuela Normal de Maestros de Pontevedra” os exercicios de reválida, que a capacitaban para a carreira de Maxisterio cunha calificación de sobresaliente, obtendo en 1916 o título de “Maestra de Primera Enseñanza Elemental” con idéntica calificación. Co título na man, e previa oposición, Rosario Romero non tardaría en adquirir en propiedade a “Escuela Nacional” de Padreiro, concello de Santa Comba, na que estaría ata 1918, ano no que se traslada por permuta á de Santa Sabina, no mesmo municipio do Xallas. Alí permanecería algo máis dun lustro, ata que obtén, polo chamado cuarto turno, a propiedade da “Escuela de Niñas” de Arteixo, localidade na que empezaría a impartir clases en setembro de 1925.

     Poucos meses despois da súa chegada ao municipio arteixán Rosario convertiríase na prometida do sarxento e secretario xudicial Ciriaco Ortega, nova que recollía o número 311 da revista Vida Gallega, correspondente ao 20 de xullo de 1926, dicindo que...Ha sido pedida la mano de la virtuosa y culta maestra nacional de Arteijo señorita María del Rosario Romero Abella, para el bizarro sargento del regimiento de Isabel la Católica y secretario judicial don Ciriaco Ortega González, de distinguida familia burgalesa. Entre los novios se cruzaron regalos. La boda se celebrará el próximo mes de agosto”.

     E, chegado ese mes de agosto, a Revista Alborada informaba do casamento da parella en Corcubión, vila na que os proxenitores de Rosario estableceran de novo o seu domicilio no ano 1921 trala apertura dun estudio fotográfico que seu pai Manuel instalara no campo da Igrexa: En la parroquial de esta villa, se ha celebrado el enlace matrimonial de la encantadora señorita Rosario Romero Abella, distinguida maestra de Arteijo, con el pundonoroso sargento de esa guarnición, don Ciriaco Ortega González, siendo apadrinados por el padre de la novia don Manuel Romero y por su bella hija Ángeles y firmando el acta como testigos de la contrayente don Francisco Esmorís, médico de Finisterre, don Cándido Trasande ilustrado maestro de Arteijo, y don Manuel Recamán y por parte del novio don José Carballo, médico de Arteijo, don Simón Salvadores y don Juan González».

     Ciriaco Ortega e Rosario Romero, que contaban no seu domicilio da Baiuca coa axuda de Dolores Martínez Martínez, muller natural de Santa Comba nada en 1900 que traballaba no fogar da parella como criada, serían pais de tres fillos que nacerían e serían bautizados na parroquia de Santiago de Arteixo: José Luís, nado no ano 1927; María del Socorro, que viñera ao mundo en 1928, e María del Rosario, nada o 5 de xuño de 1931 e que tivo de padriños a seus tíos Francisco Mazariegos, empregado do Banco Pastor e Presidente do Sindicato da Banca da Coruña naquel intre, e Mercedes Romero, irmá de Rosario e mestra da escola herculina de Monelos. Curiosamente, unhas semanas antes do bautizo de María del Rosario, o 14 de abril, proclamárase no Estado español a II República e, tan só tres días despois, Manuel Romero, o pai da nosa protagonista, era nomeado alcalde da vila de Corcubión, cargo que ocuparía desde o 17 de abril de 1931 ata o 5 de xaneiro de 1933. 
  
Rosario Romero e María Barbeito no Eusebio da Guarda (Nomes e Voces)
    Aqueles eran días felices para Rosario Romero. A chegada da República significara para ela un raio de esperanza para mudar certas cousas, un soplo de aire fresco que lle outorgaba novos folgos para levar a cabo o seu pensamento no mundo da educación. Muller de esquerdas confesa, o seu republicanismo acentuaríase no período no que María Barbeito fora nomeada Inspectora de Zona e visitaba, como tal, o municipio arteixán. Naquela hora, o que desde a Lei Moyano (que fora o fundamento do ordeamento lexislativo no sistema educativo español durante máis de cen años) era coñecida como “Junta Local de Instrucción Pública”, durante esta nova etapa da II República pasaría a denominarse como “Consejo Local”, no que os mestres xogarían un papel determinante. Rosario ocuparía, nesa altura, o cargo de Secretaria do devandito “Consejo Local” do concello arteixán, mentres que o Presidente do mesmo era Antonio Platas Reinoso, mestre de Lañas co que Rosario formaría, xunto a José María Vázquez Blanco, mestre de Sorrizo, unha sinfonía perfecta durante aquela fermosa etapa da súa vida na que organizaron eventos como o que publicaba La Voz de Galicia o 16 de xuño de 1932:

Siguen celebrándose con éxito las Misiones culturales organizadas por el Consejo Local de Primera enseñanza de este Ayuntamiento (Arteixo). La del domingo 12 del corriente tuvo lugar en la parroquia de Larín. En ella desarrollaron sendas conferencias ante numerosa concurrencia de ambos sexos los maestros nacionales don Manuel Fernández y González, de Larín; don S. Campo Renedo, de Monteagudo y don Antonio Platas Reinoso, de Lañas, quienes trataron respectivamente de “Cultura y Misiones Pedagógicas”, “Estudio de los vegetales y sus aplicaciones a la Agricultura” y “Concepto de la libertad, derechos y deberes”. Los tres temas gustaron mucho y sus disertantes supieron cautivar al auditorio, uniendo a la sencillez el fervor y la elocuencia. En un intervalo de descanso, el maestro de Lañas leyó también unas poesías escogidas, de Rosalía de Castro, que fueron muy celebradas por la concurrencia. La falta de tiempo impidió que hiciesen uso de la palabra, como era su propósito, don Manuel Freire, maestro nacional de Barrañán y don Ciriaco Ortega, joven y culto sargento retirado esposo de la Secretaria del Consejo señora Romero, ambos axistentes al acto. El público quedó muy satisfecho, deseando que tan gratas visitas se repitan muchas veces”.

     Coa victoria da coalición de esquerdas Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, Rosario Romero incrementaría en Arteixo a súa actividade política a través do consello escolar, procurando gañar adeptos para a coalición entre os seus compañeiros de profesión. Para tal fin, xunto a Platas Reinosa, traballaría arreo na organización de actos como o celebrado na vila do Bolaños o 14 de febreiro do 36: o “Comité Electoral de los Maestros de Izquierdas”.

     
Mercedes Romero (Nomes e Voces)
     Mais todo cambiaría de xeito abrupto en pouco tempo. O terrorífico golpe de Estado do fascismo do 18 de xullo de 1936 e a posterior crueldade da represión de Franco poñería fin aos soños da mestra de Arteixo levando, como a tantas outras, a desgracia á súa familia co asasinato de seu cuñado Francisco Mazariegos Martínez, Presidente do Sindicato da Banca e militar retirado, a quen os falanxistas matarían en Punta Herminia o 31 de agosto de 1936. Meses despois, cando a súa viúva Mercedes, a irmá de Rosario que era mestra no barrio de Monelos da Coruña e membro do Sindicato Provincial de Maestros (UGT), do cal fora Presidenta, facía os preparativos para fuxir a América con María Luísa e Enrique, os seus fillos de 4 e 3 anos, varios falanxistas detivérona a poucos metros do domicilio de súa sogra, na herculina praza de Santo Domingo, para paseala a continuación nas cercanías da Costa da Sal, lugar no que sería violada e torturada atrozmente cortándolle os peitos antes de que a asasinaran a balazos. Posteriormente atoparían o seu cadáver no pozo da ponte da Castellana de Aranga, sendo inscrita no libro de defuncións de Aranga con data de 19 de novembro de 1936. Mercedes Romero sería identificada e enterrada na fosa común do cemiterio de Vilarraso o 12 de febreiro do ano seguinte.

     A represión franquista tamén se cebaría con Manuel Romero Castro, o pai de Rosario, que sería multado con 2500 pesetas por ser alcalde republicano e tamén coa mestra de Arteixo que, seguramente polo feito de estar casada co sarxento afín ao réxime Ciriaco Ortega, non correría a mesma sorte que súa irmá Mercedes e só sufriría a pena de depuración político-social do “Magisterio Nacional”, que a “castigaría” en agosto do 36 cun traslado forzoso á Escola de Lasantes, na parroquia de San Vicente de Arantón (Santa Comba), sendo destituída de emprego e soldo aos 15 días do seu forzoso destino.

     Rosario e o seu marido, que se farían cargo durante un tempo dos seus sobriños orfos María Luísa e Enrique, ao rematar a Guerra Civíl trasladarían a súa residencia a Santiago de Compostela, cidade na que Ciriaco Ortega, xa ascendido a Teniente de Infantería, empezaría a traballar como Secretario do Xulgado número 2. O home da ex mestra de Arteixo sería premiado de novo polos seus superiores catro anos despois, nova da que daba conta o xornal El Compostelano do 5 de marzo de 1943 informando que...Nuestro buen amigo y convecino el inteligente teniente de infantería don Ciriaco Ortega González, que presta sus servicios como secretario del Juzgado número 2 de esta Plaza, acaba de ser ascendido a capitán, confirmándole en el cargo”. Meses despois de aquel ascenso, o 13 de outubro, o matrimonio volvería a sufrir un duro pau ao morrer o seu fillo maior José Luís con tan só 16 anos.

     Tres anos máis tarde, en 1946, Ciriaco é ascendido a Comandante de Infantería. Naquela altura, a ex mestra de Arteixo aínda continuaba suspendida de emprego e soldo, “castigo” que duraría ata o 15 de setembro de 1948. Cumprida a depuración político-social do franquismo, o último destino de Rosario como mestra sería a Escola de Catoira, lugar onde se xubilaría o día 6 de novembro de 1961 para dedicarse posteriormente ao disfrute da vida familiar e dos momentos agradables que lle farían pasar, ata os seus últimos días, os seus netos Josechu, o fillo de Rosario, e a máis nova Charín, a filla de Socorro, unha nena que nacera en Compostela en 1969 e que case medio século despois, no 2013, faría correr ríos de tinta por asasinar, xunto ao seu ex marido Alfonso Basterra, á filla adoptiva de ambos. Como podedes imaxinar, estamos a falar de Rosario Porto!
    
     Mais voltemos ao pasado. Sobre o bautizo de Charín, o xornal El Pueblo Gallego recollía na súa sección de sociedade do 26 de xullo dese ano a seguinte información: “En la iglesia parroquial de Santa Susana, recibió las augas bautismales la hija recién nacida del abogado y profesor de la Universidad don Francisco Porto Mella y de doña María del Socorro Ortega Romero, profesora de la Universidad. La nueva cristiana a la que le impuso el nombre de María del Rosario fue apadrinada por don Ciriaco Ortega González, comandante de Infantería y doña María Porto Mella de Iglesias, abuelo y tía de la neófita respectivamente”.

Francisco Porto e Socorro Ortega
   Charo, a única filla de Francisco Porto, ilustre e adiñeirado abogado e cónsul honorario de Francia, e de Socorro Ortega, perdería a seus avós maternos Ciriaco e Rosario na súa infancia, que falecerían respectivamente en Santiago o 29 de setembro de 1976 e o 7 de decembro de 1982. Anos despois, tras facer o bachelerato no Instituto Rosalía de Castro, no centro da cidade compostelana, licenciaríase en Dereito en Santiago e ampliaría os seus estudios en universidades británicas e francesas. En 1992 Charo principiaba a súa relación con Alfonso Basterra, que chegara de Bilbao a Santiago a finais dos oitenta, e a quen coñecera dous anos antes a través dunha amiga común. Tras case un lustro de noivos, acabarían casando e pouco despois, en 1996, a neta de Ciriaco e de Rosario herdaba de seu pai a representación de Francia na capital galega, un consulado honorario no que estivera ao fronte Porto Mella durante máis dun cuarto de século. 
     No 2001 Asunta (o seu nome orixinal era Yong Fang) chegaba ás vidas de Rosario Porto e de Alfonso Basterra. Aquel bebé de poucos meses fora a primeira nena china adoptada en Santiago, un acontecemento que lles dera a notoriedade que sempre lle gustara a Charín ao ir contando a súa experiencia en diversos medios de comunicación, unha muller que dez anos máis tarde, o 13 de decembro do 2011, vía como súa nai María del Socorro Ortega Romero, profesora xubilada de Historia do Arte da Universidade de Santiago nada en Arteixo en 1928, falecía repentinamente na súa casa de Compostela. Encontraraa o seu marido, o abogado Francisco Porto Mella, que sete meses despois aparecía tamén sen vida no mesmo domicilio, unha dobre pérdida que causaría unha gran conmoción na familia e no seu entorno.

    
Rosario Porto e o seu ex marido Alfonso Basterra
Trala morte de seus pais, Charo decidiría por fin á súa relación con Basterra, aínda que ambos convivían algunhas tempadas coa nena.E chegamos ao fatídico 21 de setembro de 2013, que foi cando os pais adoptivos de Asunta denunciaron a desaparición da súa filla na tarde-noite dese día. Na madrugada do día siguiente, dúas personas descubrían un cadáver nunha pista forestal da parroquia de San Simón de Ons de Cacheiras, no municipio de Teo (a só 5 quilómetros da casa de campo de Rosario Porto en Montouto, tamén en Teo), alertando aos Servicios de Emerxencia, quenes identificaron o corpo da cativa desaparecida. O día 24 de setembro a nai, Rosario Porto, era detida e investigada por un presunto delito de homicidio, feitos que se repetían un día despois con Alfonso Basterra, uns pais adoptivos aos que o tribunal, tralo oportuno xuizo, declaraba por unanimidade culpables da morte da súa filla Asunta, concluíndo que a sedaran durante meses e a asfixiaran por sofocación, solicitando o fiscal unha pena para os dous de 18 anos de prisión por asasinato con aleivosía.


Ningún comentario:

Publicar un comentario