xoves, 26 de outubro de 2017

FRAGA, UN FUTBOLISTA DE SUEVOS NO R.C. DEPORTIVO DOS 80

     Na memoria de moitos aficionados do R.C. Deportivo da Coruña aínda se agocha o recordo da derradeira xornada da tempada 1982/83, cando o equipo herculino, dirixido naquela altura polo arteixán Arsenio Iglesias, plantárase ás portas da Primeira División, na que non participaba dende había xa dez anos. Os deportivistas estiveran intratables durante todo o campionato en Riazor cedendo tan só catro puntos mais, pola contra, fóra da casa unicamente conseguiran catorce. O último e trascendental partido era o que se tiña que disputar na Coruña o 22 de maio de 1983 contra o Rayo Vallecano, que estaba a salvo de calquera complicación clasificatoria. Só facía falta un empate e o ansiado ascenso á Primeira consumaríase. Mais pasaría o que horas antes do trascendental choque ninguén imaxinaba: os madrileños, ao parecer fortemente primados, acabarían gañando por 1-2 e deixarían sumida nunha profunda amargura a toda unha cidade, que tardaría anos en recuperarse do enorme mazazo. Con todo, aquela tempada de infausto recordo para o deportivismo, quedará sempre gardada na memoria de José Luis Fraga Méndez, un rapaz de Suevos que debutara en Segunda División unhas semanas antes do partido contra o Rayo Vallecano.

      Fillo de José Fraga, Pepe da Grela, e de Pilar Méndez, Pila de Mercedes, o noso protagonista nacía o 5 de abril de 1964 en Suevos, lugar no que tamén viría ao mundo cinco anos máis tarde súa irmá Merche e no que residiría a familia ata os primeiros anos 70, que foi a época na que se mudaron ao barrio herculino da Sagrada Familia. Ao pouco de cambiar de domicilio, as boas condicións técnicas do futuro futbolista pronto chamarían a atención dos responsables das categorías inferiores do R.C. Deportivo, entidade na que Fraga ingresaría aos 9 anos e na que iría completando a súa formación ata a tempada 1979/80 na que, en vez de recalar nun dos equipos da capital cos que o clube deportivista tiña convenio de colaboración, acabaría xogando cedido nos modestos do Suevos no grupo 2º da Segunda Rexional, un Suevos que realizaría unha extraordinaria campaña obtendo un meritoria sexta praza, só superado polo Campanal de Loureda, Paiosaco, Bergantiños, Atlético Arteixo e Sporting Meicende.

      Naquela tempada 79/80 José Luis Fraga, con tan só 15-16 anos, deixaría unha inmellorable tarxeta de presentación no mundo do fútbol ao anotar en todas as xornadas que xogou menos nunha delas, rexistro que moi poucos xogadores serían quen de igualar. Tralo paso polo equipo da súa parroquia de nacemento o rapaz arteixán voltaría á disciplina do Deportivo, donde as súas extraordinarias actuacións na dianteira do cadro xuvenil chegarían aos oídos de Chus Pereda, naquel intre técnico das divisións inferiores da selección española. Tamén, despois das oportunas recomendacións de Dagoberto Moll, varios responsables da canteira do F.C. Barcelona desprazaríanse ata a Coruña para contratalo, mais José Luis acabaría rexeitando a oferta azulgrana decidindo seguir nos xuvenís do Deportivo.

Fraga o día do seu debut en 2ª División 
      Na campaña 1982/83, despois de ramatar a súa etapa como xuvenil, o futbolista arteixán pasa a formar parte do Fabril, que xogaba na Terceira División baixo as ordes de Luis Rodriguez Vaz. Fraga, que naquel intre tiña 18 anos e facía o servicio militar, debuta nesta categoría en Riazor no partido Fabril-Celta Turista da sexta xornada, enfrontamento que os locais gañan por 3-2. Pouco a pouco iríase convertendo en titular indiscutible na liña de ataque do filial deportivista donde, grazas ao seu bo facer, conseguiría o premio de adestrarse habitualmente co primeiro equipo nas sesións dirixidas por Arsenio, un Raposo que non tardaría en convocar por primeira vez ao noso protagonista a quen o da Baiuca alcumaba, coa súa habitual retranca, o Capitán Araña por estar na mili naquela hora ...”La expedición del Deportivo emprendió ayer viaje a Córdoba a primera hora de la tarde. En el grupo es novedad Fraga, el delantero del Fabril que llamó Arsenio para cubrir las bajas de Traba y José Luis en el ataque” (La Voz de Galicia, 13 de febreiro de 1983).

      Fraga, que ao pouco asinaría contrato profesional co Deportivo por tres anos, seguiría alternando as súas actuacións no Fabril coas convocatorias no primeiro equipo, con quen ao fin debutaría na Segunda División o 3 de abril de 1983 en partido correspondente á 31ª xornada na que os coruñeses venceran en Riazor ao Atlético Madrileño por 3-1. Naquel inesquecible día para o rapaz de Suevos o equipo herculino formara con Jorge; Piña, Ballesta, Pardo, Carreras; Muñoz, García, Peralta, Ortíz; Traba e Vicente. Agulló entraría por Carreras no minuto 59 e, no 78, Fraga por Vicente...un Fraga que unhas semanas despois vería dende a grada, ao quedar fora da convocatoria, como os seus compañeiros non eran quen de acadar contra o Rayo Vallecano o punto necesario para o ansiado ascenso á Primeira na derradeira xornada daquela tempada 82/83.

      Xenio e figura, cando lle fixeron a primeira entrevista preguntáronlle si a súa maior ilusión era xogar no Deportivo é, para sorpresa de todos os presentes da rolda de prensa, en lugar de contestar que si, Fraga despachouse con esta frase textual: “Non. A miña maior ilusión é coñecer a Bob Marley porque me encanta a súa música”. Días despois daquela entrevista e unha vez rematada a competición ligueira o Deportivo enfrontaríase na desaparecida Copa da Liga ao Atlético Madrileño, eliminatoria que os coruñeses, abatidos pola desilusión de non acadar o ascenso, non superarían ao perder en Riazor por 1-3 e gañar por 0-1, con gol de Fraga, no Vicente Calderón.

      O dianteiro de Suevos principiaba a seguinte campaña, a 1983/84, xogando de titular no Mini Estadi no partido que enfrontaba na primeira xornada ao Barcelona Atlético e ao Deportivo, choque que remataría con derrota herculina por 3-1, mais iso si, con Fraga anotando o seu primeiro gol en Segunda. O arteixán voltaría a enfundarse a elástica branquiazul catro partidos máis ao longo da tempada, o último deles na xornada 13ª contra o Recreativo de Huelva en Riazor, enfrontamento disputado o 27 de novembro de 1983 que remataría 0-0 no que Fraga entraría no minuto 70 sustituíndo ao peruano Huapaya. Estes serían os últimos minutos da súa carreira deportiva como futbolista de Segunda División xa que unha lesión de xeonllo manteríao apartado dos terreos de xogo durante boa parte daquela campaña.

Plantilla do R.C. Deportivo da tempada 83/84. De esquerda a dereita e de enriba a abaixo: Millán, Pardo, Miguel, Paco, Joaquín, Lolo, Cea, Cano, Peralta, Moreno, Montes, José Luis López (directivo), Barbeito (doutor), Brizzola, Carlos, Arsenio (adestrador), Jesús Corzo (presidente), Jorge, Bandín, Agulló, Ballesta, Cervera (2º adestrador), Soto (Utilleiro), Félix (masaxista), Traba, Huapaya, Ramiro, García, Vicente, José Luis, Silvi, Muñoz, Fraga e Carreras (El Ideal Gallego, 1 de setembro de 1983)

     Na seguinte tempada, a 84/85, José Luis Fraga xogaría cedido a primeira volta do campionato no Racing de Ferrol, que por aqueles días estaba en Terceira, e remataría o ano cunha nova cesión ao Arousa, daquela equipo de 2ª B, onde coincidiriría con Rafa Sáez e Luis César Sampedro que, co tempo, convertiríanse en adestradores de prestixio.

      Rematada a súa vinculación co Deportivo da Coruña, Fraga asinaría un contrato de tres anos co Club Lemos, cadro no que, xunto a Fisquelas, quedaría máximo goleador de Terceira na tempada 1987/88, a mesma na que tamén sería elexido o mellor xogador da categoría. O bo papel feito en Monforte levaríao a recibir unha boa oferta para xogar en 2ª B co Badaxoz. O xogador de Suevos, que na cidade extremeña tiña por domicilio o piso do hoxe adestrador Paco Herrera, so estaría alí media tempada por mor da morte de seu pai e remataría a campaña xogando no Burela, con quen conseguiría ascender por primeira vez na historia do equipo da mariña lucense á Terceira División.

      Posteriormente, tras unha breve estadía no Sporting Sada, Fraga poñería fin á súa carreira futbolística xogando na 2ª Rexional co Carnoedo, a donde chegara pola insistencia do seu amigo Paco Zas, ex xogador do Deportivo que presentara candidatura á presidencia do herculino cando saíra elixido Tino Fernández, en xaneiro do 2014.




Ningún comentario:

Publicar un comentario