Nun
dos numerosos ensaios da obra teatral Porlier en Pastoriza aos que
asistimos ao longo do verán de 2018, casualmente observamos que
nunha das catro campás coas que conta o Santuario, a do campanil da
sancristía, podíase ler perfectamente a inscrición
“Kurfürst-Hamburg”. Nun primeiro momento pensamos que podía
tratarse da campá dun navío alemán afundido no noso litoral e, por
iso, non tardamos en contactar con Fernando Patricio Cortizo, bo
amigo e auténtico erudito do mundo dos naufraxios que acudiu ao
lugar o 29 de setembro, o día que representamos a obra de Porlier no
adro do Santuario de Pastoriza.
Impresionado
polas grandes dimensións da peza de bronce, de case medio metro de
circunferencia na súa base, Fernando afirmounos que en moi contadas
ocasións os barcos de antano levaban campás tan grandes e,
posteriormente, tamén nos admitiu que nos seus arquivos non tiña
ningunha información sobre ningún navío nomeado “Kurfüst” que
fora construído en Hamburgo. Mais con todo, o historiador apuntounos
que a campá de Pastoriza era moi semellante ás utilizadas hai un
século nos acorazados da Mariña Imperial alemá e que, ademais,
tiñamos que ter en conta que había moitos barcos que cambiaban de
donos (navieira) varias veces ao longo da súa “vida” polo que…
“puideron irse a pique coa campá orixinal do día
da botadura; é dicir, o nome do navío trocaba rebautizado pola nova
navieira que o acababa de adquirir, pero a campá non, seguía sendo
a orixinal, a do primeiro barco”.
Coas
premisas de Fernando
Patricio, poucos
días despois puxémonos
en contacto con Xosé Troiano, grande defensor do noso patrimonio e
especialista precisamente do
mundo dos sinos de barco que
hai nos campanarios das
igrexas
galegas, un
Troiano que recoñecía que era un caso cheo de misterio e
que tamén
empezaría a indagar
de contado sobre
a orixe da campá de Pastoriza.
Un
dos primeiros pasos da investigación de
Troiano
foi contactar co historiador Rafael Lema, quen publicaría varios
artigos na
súa páxina web (cronicamaritima.es) e
no xornal Diario de Bergantiños para que, nunca mellor dito, “soara
a campá” e que algunha persoa aportara novos datos ata o de agora
descoñecidos.
Na
procura de máis informacións, Xosé Troiano
tamén
contactaría
coa Real Liga Naval Española para
resolver o misterio da procedencia do sino do campanil da sancristía
do Santuario.
E
sí,
a campá empezou a soar pois,
a
raíz
dos artigos de Lema, o
historiador coruñés e
arqueólogo
submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, xunto
co
grupo de investigación portugués “Um mergulho na historia”,
aportaron datos e
fotos do
Kurfüst, o
barco do que procede,
posiblemente, a campá da que estamos a falar.
O
noso
protagonista era
un
moderno navío
alemán de
5.645 Tn.
de tipo mixto, de carga e pasaxe,
que
fora construído no
ano 1901 en Reiherstiegwerft, Hamburgo. Tiña unhas medidas de 125,2
x 14,7 metros e a súa propulsión, vapor de dobre expansión,
facíao acadar os 13,5 nós. O
Kurfüst, que navegaba con frecuencia polo noso
litoral
e
que de
seguro atracou
algunha vez nos principais
portos galegos,
naufragaría o 5 de maio de 1904 en Sagres,
no sur de Portugal, cando
facía
travesía con
carga xeral
dende
Delagoa
Bay (Maputo, Mozambique)
a Hamburgo, a
cidade alemá na que fora construído facía tan só tres anos.
Clarexada
a incógnita da procedencia da campá do campanil da sancristía,
agora só nos falta saber como chegou a Pastoriza. Sabemos que moitos
campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da
Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas
augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de
armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de
salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as
campás de Camelle, Arou, Cee…
Segundo
Rafael Lema, todo parece indicar a que, na primeira década do século
pasado, unha empresa de desmantelamento coruñesa que participara no
rescate dos restos do Kurfüst en Portugal doouna ao Santuario de
Pastoriza, unha información que agardamos contrastar próximamente.
Deixamos
o campanil da sancristía e situámonos agora diante da
fachada do
Santuario, unha fachada que está ornamentada con motivos clásicos e
que se
estrutura
en
tres corpos independentes que rematan nunha espadana. Esta espadana
consta de tres corpos, o primeiro formado por dous grandes arcos de
medio punto que descansan sobre piares e onde van dúas campás. No
segundo corpo, un arco de medio punto onde se sitúa unha terceira
campá. No derradeiro corpo, un pequeno frontón triangular curvo cun
oco circular rematado por un pináculo con bóla.
Pois
ben, as tres campás da fachada da igrexa de Pastoriza foron
estudiadas exhaustivamente polo amigo Xosé
Troiano, quen nos cedeu amablemente o
seu traballo inédito
para
estas Crónicas de Arteixo.
Para
describilas, Troiano comeza
de arriba abaixo
denominando as seguintes partes: a
parte superior onde vai situada a coroa «ombreiro» (O); uns
centímetros máis abaixo, «terzo» (T), onde se sitúan as
inscricións de advocación da campá e o ano da súa fundición; o
«medio» (M), normalmente onde se sitúa a cruz e nalgunhas veces a
marca do fundidor ou unha gran cita; o «medio pé» (MP), onde tamén
vai unha cita ou inscrición na que nos di quen a mandou facer, quen
a fixo e onde a fixo. Por último, o «pé» (P), que viría sendo o
«voo» da campá e que normalmente vai decorado por un ou varios
cordóns e tamén onde se pode colocar a marca de fábrica
dalgúns campaneiros.
a)
Campá grande, lado dereito da espadana.
Na
dereita sitúase a campá grande cunhas medidas de 94 cm de diámetro
e 75 cm de alto interior cun peso de 481 Kg. No “Terzo” (T), ten
unha greca e dous cordóns continuando coa inscrición: “JHS MARIA
Y JOSE ANO DE 1926”. Pecha esta inscrición con dous cordóns máis.
No “Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal de cinco
chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e os
brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Todo o
conxunto, cruz e pedestal vai flanqueado por unha greca igual ca do
terzo e a súa vez flanqueado por dous cirios. Un cordón pasa pola
parte inferior do pao da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous
cordóns continuando coa inscrición: “ESTA SE HIZO SIENDO CURA
PARROCO EL LICENCIADO DON CLAUDIO SUAREZ BARROS” e dous cordóns
máis. No “Pé (P) sitúase a marca de fábrica coa seguinte lenda:
“FABRICADO POR OCAMPO / EN ARCOS DA CONDESA”.
b)
Campá mediana, lado esquerdo da espadana.
Na
esquerda, sitúase a campá mediana cunhas medidas 67 cm de diámetro
e 60 cm de alto cun peso de 174 kg de peso. No “Terzo” (T), ten
unha greca e dous cordóns continuando coa inscrición: “JHS MARIA
DEPASTORIZA (Sic) Y JOSEF”. Pecha esta inscrición con dous cordóns
máis. No “Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal
de catro chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e
os brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Pasan dous
cordóns finos pola metade da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous
cordóns continuando coa inscrición: “HIZOSE SIENDO RETOR DN
MANUEL ROJO DE LOS RIOS ANO DE 1782” e dous cordóns máis.
c)
Campá pequena, parte superior da espadana.
Na
oco superior da espadana sitúase a campá pequena. As súas medidas
son un pouco menores ca anterior mais carecemos delas. Esta campá é
similar á mediana. No
“Terzo” (T), ten unha greca e dous cordóns continuando coa
inscrición: “JHS MARIA DE PASTORIZA Y JOSEP”. Pecha esta
inscrición con dous cordóns máis. No
“Medio” (M) da campá sitúase unha cruz cun pedestal de catro
chanzos, decorada a base de selos con 4 estreliñas. O pao e os
brazos decorado igual co pedestal, a base de estrelas. Pasan dous
cordóns finos pola metade da cruz. No “Medio Pé” (MP), van dous
cordóns continuando coa inscrición: “HIZOSE SIENDO RETOR DN
MANUEL ROJO DE LOS RIOS ANO DE 1782” e dous cordóns máis.
Xosé
Troiano tamén nos contou que estas
tres campás están elaboradas
polos Irmáns Ocampo, en Arcos da Condesa (Caldas
de Reis, Pontevedra)...”
Aínda que a campá mediana e a pequena non teñen marca de fábrica,
a decoración destas fai que se delaten como deles. Os Ocampo
comezaron a porlle a marca de fábrica no primeiro terzo do século
XIX, polo tanto, as campás anteriores a estas datas non levan a
identificación de fábrica pero a súa feitura é moi recoñecible”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario