xoves, 15 de novembro de 2018

O MÚSICO ARTEIXÁN VÍCTOR IGLESIAS

    Víctor Iglesias é desas persoas que necesitamos ter ao noso carón, desas persoas que destacan pola súa capacidade para crear consenso e empatizar con diferentes puntos de vista. Víctor é o fillo que toda nai quere ter, o amigo ideal, sempre disposto a axudar e a colaborar, na medida das súas posibilidades, en todo o que se lle pide. "Conta comigo", "Aquí estamos para o que precises"... son frases habituais deste bo amigo que leva traballado moito, moito, moito pola defensa da cultura do seu Arteixo natal. Agardando que máis pronto que tarde reciba o recoñecemento que merece a súa importante labor, nós, namentres, quitamos o sombreiro e dobramos o xeonllo para agradecer tanto esforzo e tanto tanto traballo, rendéndolle tributo con esta pequena homenaxe.
Víctor Iglesias
   Víctor Iglesias García (Arteixo, 1976) comenza as súas andainas musicais da man de Leonardo Corral, mestre de gaita na Asociación Xuvenil Xiradela, agrupación que lle permitiría ao noso protagonista aprender a bailar, a tocar instrumentos tradicionais e a valorar etnográficamente o entorno. E non só a el. Toda unha xeración de arteixáns formou, ao longo dos anos 80-90, parte activa de Xiradela. 

  Paralelamente, Víctor Iglesias estudia piano no conservatorio da Coruña, e comeza a tocar nalgunha orquesta, como Bolero ou a Finisterre. No ano 98 pon a funcionar a banda de gaitas Artaigo, formada con rapaces das distintas asociacións do Concello. Esta banda sería o embrión da posterior Banda de Música Santiago de Arteixo, da cal foi o seu primeiro director. E tamén dende a banda de gaitas Artaigo sairía á luz o proxecto Camándula, con Nuria Naya ao violín. 

   Entre o ano 1995 e o 2000, o noso homenaxeado colaboraría en Radio Arteixo co programa semanal "Cóntame un conto", no que se achegaba á historia e á etnografía do municipio arteixán dun xeito coloquial e ameno, contos que posteriormente, tras ser emitidos en Radio Arteixo se publicaban no Boletín Informativo Municipal. Dúas de estas historias da autoría de Víctor, "Os salóns de baile"e "A sala de festas Eva", forman parte do libro "Crónicas de Arteixo" (Edicións Embora, 2017).

   Ao longo da súa traxectoria, Víctor tocou en innumerables grupos de moi diferentes estilos de música. Destacan no seu currículo Silvia Penide, Mercedes Peón, Os Revenidos ou Lúar na Lubre, con quen colaborou en setembro de 2016 no concerto da romaría do San Miguel de Pastoriza e, no 2017, tamén participaría co popular grupo folk galego na gravación do disco 30 aniversario da banda.

   Na actualidade, Víctor Iglesias é director da Escola Municipal de Música de Arteixo, clarinetista na Banda de Música Santiago de Arteixo e dirixe a parte musical dos proxectos teatrais "Porlier en Pastoriza" e "Rodríguez, o loro de Picadillo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario