luns, 4 de marzo de 2019

A TRADICIÓN ANTROIDEIRA DA PARROQUIA DE MORÁS

"Di o noso Director
que está marcando o compás,
que nas comparsas do Antroido
ninguén pode con Morás".
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)
Portada de 1950 das coplas da comparsa de Morás "Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido"
Velaí tedes unha das coplas que compuxeron nos anos 50 os letristas de Morás, parroquia onde a tradición antroideira foi, durante moitos anos, signo de identidade e marca propia do lugar. Morás era, sen ningún xénero de dúbidas, sinónimo de troula, de festa, de esmorga, de foliada e, por suposto, de antroido, de antroido con maiúsculas grazas a comparsas como “Os invencibles de Morás”, “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, “Os da cacheira con filloas” ou, “Os Mariachis”.

Aquí estamos os “Mariachis”
que vimos a saudar,
somos de Morás do Medio
non o podemos negar”.
(Comparsa “Os Mariachis”, 1960)
 
Morás do Medio, Uxes e posteriormente Souto, foron durante moito tempo os principais centros neurálxicos das celebracións carnavalescas de Morás, puntos a onde tamén acudía a veciñanza dos outros lugares da parroquia, xentes da Insua, das Roxiñas, da Estación, do Martulo, da Xesteira, de Santa Icía, de Freán, de Canzobre… xentes que durante unhas horas esquecían as miserias da posguerra e botaban risas a esgalla coas coplas que os letristas da parroquia compoñían en cada Antroido!
 
Ben saben que o noso pobo
que ten por nome Morás
moitos xa queren chamarlle
María Pita ou Garás”.

Morás novo continente
da vida a moitos obreiros
e cartos aos labradores
e pon ricos aos tendeiros”.
(Comparsa “Os da Cacheira con filloas”, 1956)
 
Un de aqueles letristas era Cándido López Ferreño, máis coñecido polo alcume de “O Ghaiteiro de Morás”. Natural de Morás do Medio, Cándido empezaría a tocar a gaita sendo moi cativo e, con tan só once anos, xa amenizaba as festas e os bailes que se facían na contorna. Mais o repertorio do “Ghaiteiro de Morás” non se quedaba só na gaita. Non, Cándido, emulando a outro gran referente do antroido arteixán, a Ricardo “O Moucheiro de Meicende”, tamén cantaba e recitaba as coplas que compoñía el mesmo, espectáculo que realizaba enriba do taboado que se armaba no alpendre de turno.

A Cándido non lle quedaban atrás, nin na composición das coplas nin no espectáculo, outros dous dos precursores da tradición antroideira da parroquia, ambos os dous veciños tamén de Morás do Medio. Falamos dos irmáns Castro: Jesús, máis coñecido por Chucho “O Cacheiro”, autor segundo algunhas fontes da primeira copla escrita en Morás, e José Castro, avó dos amigos Manolo García Castro, referente na defensa do patrimonio do Concello de Culleredo, e Roberto Castro, pintor e libreiro co que tedes a oportunidade, se algún día pasades polo seu negocio, a Libraría Sisargas (rúa San Roque 7, A Coruña), de facer unha alucinante viaxe no tempo coas mil e unha historias que garda na súa memoria!

Polo que contan os netos de José, o seu avó era o encargado de ler o testamento. Era, por así dicilo, o “secretario palanca” de seu irmán Chucho, que facía de “cómico serapio” en aqueles antroidos que se celebraban en Morás nos anos cincuenta, anos nos que Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, exercía de “director de orquesta” e, nos que outros mozos da parroquia como Aurelio de Calvete, Juan de Mingos ou Urbano do Estanqueiro tamén aportaban o seu gran de area para continuar coa popular tradición antroideira do lugar.
Portada de 1953 das coplas da comparsa "Os invencibles de Morás"
Un home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa esfarrapada, outro montado nun burro cun colar de flores e cascabeis no pescozo… Son algúns dos recordos que a veciñanza máis vella da parroquia mestura, na súa memoria, con imaxes confusas de choqueiros e coas coplas coas que botaban risas a esgalla nos anos da súa infancia e xuventude, coplas nas que non se salvaba nin o mellor veciño e que, na época da postguerra, eran controladas e censuradas pois, antes de recitalas en público, había que obter a correspondente autorización da Garda Civil. Posteriormente, as coplas vendíanse pola parroquia e arredores.

Naqueles duros anos da represión franquista, nos días do Antroido, que empezaba en Candeas e remataba coa queima do meco o Mércores de Cinza, a xente podía disfrazarse mais iso si, sempre coa cara descuberta, unha altura na que sabemos que durante certo tempo a veciñanza de Morás do Medio argallou máis de media ducia de comparsas
O sábado era o día no que se facían as filloas e tamén o día no se preparaban os choqueiros que as pedían de porta en porta. Mais o día grande era o "Domingo de Carnaval". Pola mañá era unha obriga acudir ao Igrexario para continuar coa tradición da poxa da carne das ánimas, tradición na que a xente de Morás levaba á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.

Igrexario de Morás
A poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a carne ás e os parroquianos para que poxaran por ela. Logo, a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio.

En moitos casos, a persoa que levaba unha peza era despois a que máis poxaba por ela, feito que habitualmente se facía por un ofrecemento. Por tal motivo, despois de poxar para as ánimas, a veciñanza cedíalle a peza, por cortesía, a esta persoa ofrecida para que a levara de volta para a súa casa.

Despois da poxa, era o turno para unha das poucas ocasións que había ao longo do ano para encher o estómago, ocasións nas que non faltaban as visitas dos familiares que ateigaban cada casa da parroquia e que se xuntaban ao redor da cacheira pregando por ser comida. E xa, despois do xantar, quen máis e quen menos, disfrazado ou non, saían das casas e armaban unha boa troula!
 
Segundo o que nos conta Santiago Sande Mañana no B.I.M. (Boletín Informativo Municipal) n.º 49, non hai moito aínda quedaba xente na parroquia que recordaba como “O Cacheiro” se disfrazaba de cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; como “O Peisaqueiro”, vestido de vella, facía filloas enriba dun carro; e como Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, recitaba as súas coplas tanto en Uxes como en Morás do Medio.
Imaxe de 1953. En primeiro plano Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”. Detrás, de esquerda a dereita, Leonardo Corral, fundador e membro dos “Cinco de Galicia”, a súa dona Marina Castro (casarían ese ano), Manolo Capelán co tambor e, co acordeón, Antonio Capelán. Detrás deles aparecen Domingo Gonzalez e Jesús Capelán.
Tamén queda xente na parroquia que lembra como, de cando en vez, se unían a aqueles carnavales que se celebraban en Morás as comparsas chegadas de Feáns ou de Elviña. O polifacético Xurxo Souto dinos nos seus Contos da Coruña (Xerais, 2007) que en Elviña había dúas grandes comparsas: Calaveras e Rexumeiros. En 1954, este últimos disfrazáronse de “Garda Moura de Franco” e baixaron, montados en burros, á conquista da Coruña. Á altura da Ponte da Pedra serían interceptados pola Garda Civil. Esa noite durmiron en comisaría mais, polo que nos conta Xurxo, en Elviña aínda hoxe se mantén a gloria de tanto empeño!

Precisamente en Elviña, as mulleres da parroquia organizarían no Antroido de 1961 un partido de fútbol entre as solteiras e as casadas que conmocionaría a toda a bisbarra xa que os obreiros negáronse a traballar por ir velas. Dende aquela, o Martes de Carnaval é día festivo!

Dous anos despois, no Antroido de 1963, emulando ás súas veciñas de Elviña, as mulleres de Uxes tamén xogarían un partido de fútbol entre as solteiras e casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban facendo historia xa que aquel sería o primeiro partido de fútbol feminino xogado no Concello de Arteixo.

La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963
Os "chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para soltalas a algún veciño ou veciña. Un meco ben equipado, cunha espiga de millo e dous nabos, para gastarlle unha broma a alguén que era levado á casa con algún pretexto sospeitoso, onde a este persoa o agardaba o meco do antroido e onde, despois do correspondente susto, a persoa convidada volvía a morder o anzol comendo algunha que outra filloa con fíos ou bebendo café con sal a comer e beber. Novos partidos das mulleres. Novos ataques dos letristas da parroquia coas coplas que recitaban os Mércores de Cinza subidos ao garda-agullas da estación do tren ou nalgún carro de Morás do Medio. Escenificación de laconada con ingredientes tan apetecibles coma un rato morto…
 
Así irían pasando os anos ata chegar a finais dos sesenta, altura na que o testamento e as coplas empezan a decaer pois, os letristas de antano, non seguen coa tarefa que viñan desempeñando dende os tempos da súa infancia e xuventude. Con todo, nos anos setenta o antroido aínda seguía tendo peso na parroquia: as comparsas de fóra continuaban a parar por Morás e, naquela altura, aínda se mantiñan os "chascos" e o de "botar o antroido".

Ao pouco da morte de Franco, daríanse os primeiros pasos para a recuperación da cultura tradicional e tamén a liberdade para retomar as tradicións dos carnavais. Sería aí, nos primeiros anos oitenta, cando un grupo de xente de Souto como Xosé Luis Mañana, Manolo de Rodríguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador e outras persoas do pobo pensaron que había que recuperar a tradición antroideira da parroquia e decidiron facer unha comparsa, "Os carnavalescos de Souto" comparsa que se empezarían a xuntar no baixo da casa de Xosé Luis para argallar as primeiras coplas e realizar os primeiros ensaios dos famosos enterros e testamentos do lugar que, andando no tempo, convertiríase nunha das festas tradicionais máis importantes do Concello de Arteixo e da comarca. 
 
Quédense con Dios señores,
que non lles pareza mal,
viva Souto e Morás
e todos en xeral.

Dámoslle grazas a todos
este ano oitenta e tres,
e que volvamos para o ano
saudalos outra ves”.

(“Os carnavalescos de Souto, 1983)
Pouco despois xurdiría a Asociación Cultural Queiroa, que tería como primeiro presidente ao propio Xosé Luis Mañana e na que tamén se atopaban varios dos compoñentes da comparsa. Mentres que a A.C. Queiroa daba os seus primeiros pasos realizando actividades como a organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o exemplo daquela famosa película do Oeste ou, tamén, o chamado "tren da alegría", a comparsa “Os carnavalescos de Souto” iríase consolidando non só no eido cultural senón tamén no comercial coa venda das coplas.

Pouco a pouco, a comparsa foise desvinculando dalgún xeito da asociación e ata se fixeran intentos de “profesionalizala”. Naqueles anos oitenta os enterros e as leturas do testamento de Souto arrastraban a moita xente ao lugar porque tiñan moita “garra”. Nito e Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o ano, tomando notas das cousas que acontecían na parroquia ou mesmo do que se cocía nos plenos do Concello co obxetivo de preparar a súa sátira: o testamento. Mais este traballo era moi, moi sacrificado e pedía moita constancia. Os principais promotores da mesma, Nito e Ignacio, continuarían coa tradición durante uns anos, ata o antroido de 1994, que foi cando se fixo a última letura do testamento do antroido en Souto. Tras case quince anos de duración, remataba a súa andaina e, con ela, a tradición antroideira da parroquia de Morás!
 
Moitos recordos desde Morás
lles manda o fulano,
que se Deus non cambia a sorte
xa os saúda pro ano.
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)

FONTES:

-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.
-SANDE MAÑANA, SANTIAGO. Boletín Informativo Municipal de Arteixo nº 48
-SOUTO, XURXO. Contos da Coruña. Xerais. Vigo, 2007.



Ningún comentario:

Publicar un comentario