Manuel
de Eva (Arteixo, 1973) descubre o mundo do baile tradicional vendo,
cando tiña 11 anos, unha actuación do grupo de danzas da A.X.
Xiradela no balneario de Arteixo. Ao ver bailar a aquelas rapazas e
rapaces, deuse conta de que el tamén quería facer iso, quería
bailar!
Xiradela
permitiríalle, por aqueles anos, dar renda solta a todas as
inquedanzas artísticas presentes na vida do futuro artista, ben
recitando o verso nunha igrexa ateigada de xente pola Festa das
Flores, ou ben facendo teatro en actividades escolares.
Ademais
de bailador co grupo de danzas, co que fixo innumerables actuacións
tanto a nivel nacional como internacional, Manuel de Eva tamén tivo
ocasión de facer teatro formando parte do grupo teatral de Xiradela
durante algúns anos, acadando algún recoñecemento tanto individual
como colectivo.
Andando
no tempo o seu vínculo coa popular asociación arteixá faríase
máis forte e, aos 18 anos, pasaría a formar parte da xunta
directiva, na que permanece ata os 32 levando distintas vogalías
antes de converterse en presidente, cargo que ocuparía varios anos.
Alí,
en Xiradela, a raíz da convivencia coas compañeiras e compañeiros,
ten a oportunidade de sumar outra actividade que lle apaixona, a
música. No ano 1993 funda, xunto con outros amigos, o grupo Os
Revenidos do que é vocalista e letrista. Así mesmo, Manuel de Eva
fai colaboracións como letrista con outros artistas como Xabier
Díaz, con quen participaría no seu primeiro traballo en solitario
“Músicas de Salitre”, editado no 2004, ou con Bellón e Maceiras
no seu disco “Unión das Terras” do 2006. Ten feito tamén
algunha colaboración como guionista para o programa Tourilandia da
TVG.
A
faceta como monologuista
do artista arteixán xurdiría un pouco de xeito casual, logo de ser
convidado amigablemente a participar nun concurso que organizara o
Pub D´antón da Laracha no ano 2004. Nun principio, o devandito
local non contaba con moitos participantes e, sen experiencia previa,
Manuel acabaría animándose a concursar xunto con outra xente que
non tardarían en consagrarse como grandes actrices, actores e
cómicos deste país, casos de Isabel Naveira, Gari, Oswaldo Digón,
Roberto Vilar ou, entre outros, Rober Bodegas. Manuel de Eva gañaría
aquel concurso. Posteriormente obtería un segundo e un terceiro
premio noutros monólogos celebrados na Coruña, monólogos nos que
tamén concursaban “Os dous de sempre” X. A. Touriñán e Marcos
Pereiro como As cantareiras de Berdillo. Manuel estaría dous anos
actuando nos circuitos de comedia afeccionada do país, ata que se
viu na obriga de deixalo por motivos laborais e persoais. Retornaría
unha década máis tarde para comezar a "facer bares"
contando as súas historias.
Destacar
tamén a súa faceta como actor de teatro a partir do ano 2009, que
foi cando comeza a formar parte da Asociación Teatral Paso de
Valverde de Arteixo coa que, despois de formarse durante varios anos
como actor da man de Paulo Serantes e Xavier Ramilo, acabaría
formando parte do grupo de teatro da devandita Asociación e
participando na creación de “Sánatos”, unha peza teatral coa
que percorrerían boa parte da xeografía galega polos distintos
circuitos de teatro amador. Con “Sánatos”, Paso de Valverde
acadaría o premio “Mellor espectáculo adultos 2016” no certame
organizado por Hipócrita Teatro.
Recentemente
fixo dúas cancións da súa autoría: “Na ría de namorar” e
“Xan dos ollos claros”, cancións que estreou coa Banda de Música
Santiago de Arteixo como solista.
Manuel
de Eva é o director coreográfico do proxecto teatral "Rodríguez,
o loro de Picadillo", proxecto no que colabora coa compañía
Melandrainas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario