mércores, 7 de outubro de 2020

"A CASA DA PRADERA" DE ARTEIXO E LARÍN

    

"A casa da pradera" de Arteixo
   Poucas series de televisión causaron tanto furor na segunda metade do pasado século como «La casa de la pradera», a aclamada ficción que narraba as andanzas da familia Ingalls, un grupo de colonos norteamericanos que se estableceu no Medio Oeste de Estados Unidos na década de 1870. Baseada nos relatos reais da escritora Laura Ingalls Wilder, a filla menor do matrimonio Ingalls, a ficción narrou nos seus 208 capítulos e nove tempadas as aventuras da familia protagonista na súa odisea por tratar de encontrar o seu lugar no mundo. 
 
   Chegados a este punto, de seguro que vos estades preguntando que demo ten que ver “La casa de la pradera” e a familia Ingalls con Arteixo. Pois veredes, o Colexio Público Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos, comezou a súa andaina o 12 de setembro de 1974, nunha época na que cada aula do novo grupo escolar superaba sobradamente a trintena de alumnos. Ante tal masificación, pronto xurdiu a posibilidade de construír un novo colexio público, o de Galán, que foi inaugurado polo Ministro de Educación, Juan Antonio López Ambrona, o 15 de outubro de 1981. Neste novo centro educativo, a rapazada das parroquias de Oseiro, Morás e Pastoriza empezou a realizar os seus estudos de primaria a partir do curso 1982/83.
 
   Mais, malia a inauguración do novo colexio de Galán, o Carrero Blanco continuaba superando a trintena de alumnos por aula. De feito, ata o padre Villa chegara a ofrecer no seu momento as instalacións de Agarimo, a chamada “Ciudad de los Muchachos”, para desconxestionar a masificación escolar que naquela altura padecía o colexio de E.X.B. da capital municipal. Non sabemos con exactitude a data concreta, mais debeu ser naquela altura, a finais dos setenta ou a principios dos oitenta, cando se edificou, na zona que hoxe ocupa o pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos, unha pequena construción prefabricada como “solución” aos graves problemas de masificación do grupo escolar inaugurado en 1974. Aquela pequena construción prefabricada, coincidindo co éxito televisivo do que gozaba por aqueles días a popular serie norteamericana nomeada anteriormente, sería coñecida decontado como “A casa da pradera”. 
 
   As miñas lembranzas da “casa da pradera” de Arteixo son máis ben escasas xa que fixen todos os cursos de E.X.B. no cole grande mais, con todo, do que si me lembro é da grande esplanada que había diante dela, que era o lugar onde aparcaban os autobuses que realizaban os traxectos das diferentes liñas escolares. Se mal non recordo, penso que naquela esplanada tamén se celebraron nalgunha ocasión as festas do Apóstol.
 
   Outra das lembranzas que teño da “casa da pradera” é do regato que pasaba pola parte traseira. Sei de quen caeu nel varias veces, e tamén sei de algún individuo que tirou a máis dun cativo nese regato. Confeso que algunha vez saltei o valado do Carrero Blanco para ir fumar a detrás da “casa da pradera” os Camel que lle mangaba a miña nai e que compartía, a caladas, con algún elemento de 8º. Naquela parte traseira creo que vin os primeiros condóns da miña vida e tamén algunha que outra xiringa. Non tardei en comprender que aquel lugar tiña vida polo día e pola noite! 
 
   Recordo tamén uns vestiarios que había ao seu carón e unha pista polideportiva na que un grupo de rapaces de Arteixo xogabamos os venres partidos de baloncesto. Isto, se a memoria non me falla, debeu ser en 1985 ou 1986, unha época na que, polo que me contaron varios ex alumnos e ex alumnas que estudaron na “casa da pradera”, había catro ou cinco aulas nas que os mestres Mari Luz, Lolita, Maloli ou Gonzalo impartían clase de 3º, 4º e 5º de E.X.B. Tamén hai quen afirma que nalgún ano o edificio do que estamos a falar foi o parvulario do grupo escolar. Agardo os vosos comentarios ao respecto! 
 
   A “casa da pradera” debeu funcionar como escola ata os últimos anos oitenta ou primeiros noventa, que foi cando o Presidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne, inaugurou o actual pavillón da Escola de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos o 1 de setembro de 1993. Mais non vaiades a pensar que ese foi o fin do edificio protagonista desta historia. Non, non. Tras cumprir a súa función durante algo máis dunha década, a construción prefabricada foi desmontada e agardou á intemperie un novo destino.
 
    Nun momento no que a serie “La casa de la pradera” xa non era un éxito que agrupaba ás familias arredor da pequena pantalla, as trece parroquias de Arteixo disputáronse a antiga escola prefabricada, que acabou viaxando ata Larín para se converter, aproximadamente sobre o ano 1993, no que sería o primeiro centro social da parroquia despois de que a veciñanza puxera a disposición un terreo comunal nas inmediacións da capela de San Roque e do campo de fútbol.
 
"A casa da pradera" construíndose en Larín

   “A casa da pradera” volvía a revivir converténdose, grazas ao enorme traballo das veciñas e dos veciños que colocaron unha a unha as pezas, na parada obrigada da parroquia. Ao longo dos noventa, alí daríanse clases de baile e tamén se realizarían todas as actividades que cada ano programaba a Asociación de Veciños. Ademais, os membros do equipo de fútbol tiñan nela a súa sede. “A casa era grandiña. Tería uns 150 ou 160 metros cadrados. Tiña tres cuartos e un salón enorme”, recorda Suso Borrazás, antigo futbolista e directivo do C.D. Larín que, curiosamente, realizara parte dos seus estudos de primaria no edificio que hoxe homenaxeamos nesta bitácora. 

   Mais, pouco a pouco, o tempo iría pasando factura. Co cambio de século o chan foise picando, só abrían tres fiestras, algunhas persianas estaban rotas e as portas... vaia por Deus! 

 

"A casa da pradera" pouco antes de ser desmantelada

     Toda a parroquia aceptou que a “casa da pradera” fora derrubada e así, en agosto do 2002, as táboas que se poideron aproveitar foron repartidas entre os veciños e o resto queimadas. Houbo xente que non sentiu pena algunha pola desaparición do edificio mais, pola contra, tamén houbo quen lle tiña un especial cariño, principalmente os que máis traballaran para levantala. Cada unha destas persoas conserva no seu domicilio unha fotografía de gran tamaño da “casa da pradera” como recordo.

    A finais do 2002, o Concello de Arteixo empezaría a construír no mesmo lugar o novo centro social da parroquia.

 

FONTES:

VÁZQUEZ, DOLORES (2003): Los Ingalls ya no viven en Larín. La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 2003.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario