xoves, 5 de novembro de 2020

ANTONIO GARCÍA "O CUBANO", O FOTÓGRAFO REVELADO

  O retrato inédito de Loureda. Como non sabía que era imposible, fíxoo. Antonio García Viñán, máis coñecido polo alcume de O Cubano, retratou as primeiras persoas da bisbarra que quixeron unha foto de carné ou un recordo da familia. Mais, alén dun xeito de completar unha economía escasa, a súa Voigtlander permitiulle espremer o talento e documentar a realidade da época que lle tocou vivir, como así nolo recordaba a súa neta Iria recentemente: meu avó foi a Ruth Matilda Anderson da parroquia”.

Antonio O Cubano

   Antonio nacera en 1926 en Loureda, no lugar de Ervedíns. Era o segundo fillo de Antonio García Díaz, un home que estivera emigrado certo tempo en Cuba -de aí o alcume da estirpe familiar-, e de Amalia Viñán Rodríguez, que falecería cando o noso protagonista tan só tiña ano e medio e seu irmán Chucho tres. O pai dos cativos non tardou en casar e foi aí cando unha tía materna dos nenos, Marina do Atín, botou man deles facéndose cargo dos seus sobriños.

   Co discorrer do tempo Marina e o seu home Francisco déronlles un oficio a Antonio e a Chucho, puxéronos a traballar e ensináronlles o que había que ensinarlles sobre os asuntos da vida. Precoz e cunha visión innata para os negocios, tras aprender o oficio de zapateiro, Antonio, o Cubano de Loureda, monta con 16 anos unha zapatería na Ponte do Ba, negocio no que, segundo nos contou a súa familia, chegou a ter dous empregados. Fai o servizo militar no Parque de Automóbiles da Coruña e, unha vez licenciado, comeza a traballar de chofer duns señores que residían nun chalé moi simbólico que había antes de chegar ao Seixal, en San Pedro de Nós, a coñecida como a Casa Bailly, un dos edificios máis emblemáticos do modernismo na comarca.

    En agosto de 1950 o noso homenaxeado dalle o “si quero” a Otilia Fernández, con quen tería dous fillos: Paco, nacido en febreiro de 1951, e Lourdes, que veu ao mundo en outubro de 1957. Nesa altura, aproximadamente sobre o ano 1952, O Cubano de Loureda funda xunto a Juan Capelán e Antonio Rumbo Barros o lendario Campanal, equipo de fútbol ao que estaría ligado boa parte da súa vida e para o que traballou arreo durante décadas. Son tempos nos que seu irmán Chucho, coñecido como O Cubano de Lañas, empeza a gañarse a vida nos Trolebuses Coruña-Carballo, unha liña eléctrica de 33 quilómetros, no seu momento a máis longa de Europa, que despois de varios ensaios fora inaugurada oficialmente o 23 de febreiro de 1950 e que estaría activa ata o 15 de marzo de 1971, día no que estos trolebuses circularon por última vez. 

O Cubano de Loureda na Coruña co Benito

    Mais volvamos aos anos 50. Chucho, O Cubano de Lañas, dille a seu irmán Antonio, O Cubano de Loureda, que se quería formar parte da empresa había un posto alí para el. Malia o inconveniente de ter que cambiar o domicilio e ir vivir a Carballo, xa que os trolebuses tiñan que partir polas mañáns e parar ás noites na capital de Bergantiños, Antonio estaba decidido a aceptar a proposta. Mais, xusto naqueles días, xúrdelle unha nova oferta de traballo para ser chofer do Benito, o coche de liña que facía percorrido desde A Coruña e que pasaba por Meicende, Pastoriza, Oseiro ata o Val de Loureda. O soldo que lle ofrecían os Trolebuses Coruña-Carballo e o Benito era practicamente o mesmo. A diferencia era que co Benito podía continuar residindo en Loureda polo que finalmente aceptou esta oferta.

   Foi aí, traballando como chofer do Benito cando descubriu a súa paixón pola fotografía. Antonio era bo amigo dun tal Castro, que era o fotógrafo universal que había pola contorna nos 50 e nos primeiros 60, o que ía ás romarías, ás procesións ou a calquera acontecemento que se celebraba na contorna. Castro animouno a que se convertera en fotógrafo e finalmente Antonio acaboulle comprando ao seu amigo unha Voigtlander de segunda man, unha cámara fotógráfica coa que O Cubano de Loureda empezou a retratar, co seu talentoso ollo, o mundo e as xentes que o rodeaban. O seu fillo Paco lembrounos non hai moito aqueles primeiros pasos do Cubano fotógrafo decindo que... eu debía ter 12 ou 13 anos, polo que falamos dos primeiros anos 60. Recordo que viña de traballar como un animal todo o día e alí se encerraba nunha habitación escura que tiña na casa para sacar da cámara o carrete das fotos que fixera a semana anterior. Iso facíao os luns ou os martes e despois, a finais de semana, preparaba as baterías outra vez para os flashes… cortaba carretes… facía todo… el nunca tuvo un laboratorio e levaba a revelar os seus traballos a Fotos Valerio ou a Moreno”.

Imaxe da autoría de Antonio O Cubano do enterro de José Antonio do Carmelito. Ao fondo, as casas da Baiuca

    E así, despois de que un día daqueles primeiros anos 60 chegara ás mans de Antonio aquela Voigtlander de segunda man, Loureda e as súas xentes empezaron a ser retratadas coma nunca antes se fixera, cun estilo de fotografía co que O Cubano comunicaba unha mensaxe ou, no que hoxe coñecemos como a fotografía documental, contaba unha historia oculta detrás das imaxes que tomaba en cada recuncho da parroquia ou do municipio. Coma quen non quere a cousa, comezou facendo fotos a quen llas pedía, e máis tarde deuse conta de que ese era un xeito coma calquera outro de ingresar uns cartos. Así viñeron as vodas, bautizos e comuñóns por toda a parroquia.

   Paco García, máis coñecido polo alcume de Paco O Cubano, ensinounos coma un dos seus máis prezados tesouros algunhas das fotografías de seu pai Antonio. Con razón. Cómpre só botar un ollo á selección destas páxinas para decatarse do seu valor. Sen embargo, Antonio O Cubano chegou a facer centos de instantáneas. Moitas delas desapareceron, e outras estarán en mans de todas aquelas persoas que precisaron por primeira vez unha foto de carné, ou que quixeron un recordo da familia.

O Sanchís fotografiado polo Cubano

    Sobre as fotos de carné Paco comentounos que… “creo que foi no ano 65, non estou seguro, gustaríame saber cando houbo a normativa que obrigou a todo españolito a ter D.N.I. Ata aquela época ninguén tiña carné de identidade e alá me ves a min con 14 anos, despois de que meu pai me regalara unha Yashica que aínda a teño na casa, por Loureda, Castelo, Lañas, A Pedreira, A CatuxaHabía que ir si ou si porta por porta facendo as fotos para os DNI´s de toda a xente, porque meu pai andaba traballando no Benito e non tiña tempo. Por iso ía eu pola semana… e despois incluso ata cheguei a facer algunha voda”.

     Cando a realidade non chamaba á porta da casa, era Antonio o que ía na súa procura e camiñaba quilómetros para fotografar enterros, romarías, procesións, excursións, partidos do Campanal… Ben no Benito ou ben pateando pola súa parroquia de nacemento, a donde fora ía sempre coa súa máquina de fotos. Cóntanse cos dedos dunha man as veces que aparece nalgunha imaxe do equipo de fútbol dos seus amores xa que, obviamente, era el o que as que as facía.

Enterro de José R. Naya fotografiado polo Cubano

    Antonio O Cubano tiña talento, moito talento, para a fotografía mais desgraciadamente iso non daba de comer. Malia a continuar recibindo encargos puntuais de vodas ou comunións nas que sacaba uns pesiños a maiores do seu soldo como chofer, a fotografía nunca deixou de ser un hobby polo que houbo que seguir traballando duro. A parte de gañarse a vida no Benito, cando podía tamén lle axudaba á súa muller Otilia a facer a faenas das leiras. E, por suposto, tamén atendía o equipo de fútbol. Segundo o seu fillo Paco O Cubano… “comprou a casa onde estaba o Campanal e arranxouna. Iso tivo que ser no 64 ou por aí. Parecíalle pouco o traballo que tiña e, ao rematar as obras, montou alí un bar que atendía miña nai pero el axudaba ás veces”.

    Naquela altura o Benito realizaba o servicio do Balneario na tempada de verán. O baile que se facía na pista do recinto termal remataba ás doce e media e xa podedes imaxinar quen era o chofer do autocar. Mais un momentiño, neste caso Antonio O Cubano alugáballe o bus á empresa e facía algo semellante ao actual transporte interparroquial do Concello. Saía pola Estación de Santiago e no percorrido de volta pasaba por Oseiro, Pastoriza e Meicende antes de chegar á parada final na coruñesa Praza de Pontevedra.

Procesión do San Antonio fotografiada polo Cubano

    O noso protagonista deixou de ser chofer do Benito no 65 ou no 66 e, despois de gañarse o pan unha tempada nun camión pesqueiro, montou a súa propia empresa, Transportes Cubano, na cal acabaron traballando o seu fillo Paco, Paco O Cubano, e o seu xenro Rafa, o home de Lourdes.

    E así foron trancurrindo os anos ata que alcanzou o premio da súa merecida xubilación, na cal disfrutou da compaña da súa familia, especialmente dos seus catro netos, da música do seu acordeón e das excursións do Imserso nas que, como non podía ser doutro xeito, sempre levaba a súa camara fotográfica.

    Antonio García Viñán, O Cubano, faleceu o 6 de novembro do 2017 aos 91 anos de idade mais, grazas aos centos de fotos súas, o seu recordo segue estando moi vivo. Practicamente en todas as casas de Loureda hai unha imaxe da súa autoría. Moitas das súas fotos atestan un mirar que soubo pararse ante o que merecía unha pausa e atinar no disparo da cámara. Antonio foi un artista con maiúsculas. Foi un dos primeiros fotógrafos de Arteixo. Non estaría mal facer unha exposición na súa honra. Aí o deixamos caer!

Imaxe na que vemos ao Cubano de costas e ao seu fillo Paco á súa dereita

 

FONTES:

NEIRA, NIEVES. A fotógrafa, revelada. El Progreso, 15 de marzo de 2019.

6 comentarios:

  1. Interesante artigo, coma sempre.
    A verdade que sería xusto facer unha exposición na súa honra.

    ResponderEliminar
  2. Loureda e Antonio do Cubano merecen esa exposición fotográfica!!! Moitas grazas polo teu magnífico artigo, Xabier. Apretás. Gabriela

    ResponderEliminar
  3. Interesante artigo, gracias a ti aprendín un pouco máis da terra de meu pai. Pero teño unha dúbida, quen era José Antonio do Carmelito, a miña nai sonalle moito

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas. Polo que me contaron, parece ser que José Antonio era o fillo máis novo (tiñan 6 fillos) do sr. Perfecto e da sra. Perfecta, que tiñan carnicería na Baiuca.

      Eliminar