venres, 27 de novembro de 2020

O LIÑO, OS TEARES E OS BATÁNS. INICIOS DA ACTIVIDADE TÉXTIL EN ARTEIXO

  Como ben sabedes Inditex S.A., acrónimo de Industria de Diseño Textil, Sociedad Anónima, é a multinacional de fabricación e distribución téxtil que ten a súa sede central no Polígono Industrial de Sabón dende mediados dos anos setenta, que foi a época na que empezaron a funcionar Samlor e Goa, as primeiras fábricas de Amancio Ortega en Arteixo.

Muíño do Batán no Rego da Graña, Larín

   A historia da relación que o noso concello ten coa fabricación téxtil dende hai medio século é sobradamente coñecida mais, pola contra, pouca información temos dos tempos de antano, dos tempos nos que como mínimo había un xastre en cada parroquia ou dos tempos nos que os nosos devanceiros cultivaban o liño que posteriormente se confeccionaba nos teares e nos batáns que había na contorna.

    O liño é unha planta herbácea anual da familia das lináceas que pode acadar un metro de altura, coa flor de cor azul vivo. Composta dunha substancia fibrosa da que se extraen as fibras longas para confeccionar tecidos, da súa semente oleaxinosa prodúcese o aceite de liñaza, moi empregado en pinturas e vernizes.

    Non se coñece a data e o lugar nos que o home utilizou por primeira vez as febras flexibles do liño para confeccionar o tecido, nin cando a planta comezou a ser cultivada. Hai datos que indican que desde 2.500 anos a. C. xa se sementaba no Exipto, onde as momias se envolvían en tecidos de liño. Tal era a súa importancia na vida das poboacións, que o Libro de Moisés refírese á perda dunha colleita de liño como unha “praga” ou desgraza. A túnica de Cristo era de liño sen costuras. As cortinas e o veo do Tabernáculo eran de liño fino, o mesmo que a mitra, o cinto bordado e a túnica de Aarón, irmán de Moisés.

   Ata que o algodón entrou no noso continente, o liño foi, xunto coa lá, a febra europea por excelencia. En Galicia, o tecido do liño coñécese desde tempos moi antigos. Era a fibra tradicional que se cultivaba e da que se obtiña un produto artesanal nos teares. Este labor, que en moitas zonas da xeografía galega perdurou ata ben entrado o século XX, tivo sempre un carácter doméstico xa que cada casa ou familia producía e vendía o seu propio liño.

 

Feixes de liño
   A preparación da materia prima era laboriosa. O complexo proceso comezaba a principios da primavera, ao desaparecer as fortes xeadas, coa sementeira que se facía nos liñares situados en terreos fértiles de regadío onde, como di o dito popular, a planta florecía en maio: Liño bo, liño malo, todo frolece en maio. A recolección levábase a cabo entre agosto e setembro, arrincándose a planta de raíz para que non sufriran as febras. O liño atábase en feixes ou mañizos e pasábase polo ripio, unha especie de peite de madeira, de dentes longos, para sacarlle as bagañas, é dicir, as cápsulas que conteñen a liñaza ou semente, que se gardaba para a seguinte sementeira.

   Despois desta operación era preciso mergullar os feixes ou mañizos en auga durante uns nove días para que amolecesen e seguidamente expoñíanse ao sol para secalos. A continuación mazábanse no chan cun mazo de madeira e pasábanse polos instrumentos coñecidos como tascón e restrelo para extraerlles a estopa. Seguidamente, o liño era fiado coa axuda da roca e o fuso e envolvíase en grandes madeixas servíndose doutra ferramenta, o sarillo. Cocíase logo nun caldeiro con cinza para branquealo e despois de lavalo na fonte e de secalo, pasábase pola debadoira para facer novelos. Antes de chegar ao tear aínda había que urdilo na urdidoira.

O tear e as súas pezas

  Rematado este longo proceso, era cando entraba en xogo a habilidade da tecedora ou do tecedor. Tratábase dunha actividade complementaria á agricultura e á gandería, un labor doméstico que foi aproveitado a mediados do século XVIII para crear unha industria artesanal na que ademais do liño que se sementaba no país, tecíase liño de fóra, o que se importaba dos países do norte de Europa e entraba a través dos principais portos galegos: Liño de Holanda, pesa e non anda.

   Unha vez confeccionado o lenzo, exportábase cara a terras de Castela ou América. Esta situación florecente deu lugar á proliferación de tecedores e tecedoras, así como feiras e mercados. Mais a mediados do século XIX esta artesanía comeza a declinar por diversas razóns. Se cadra a causa principal foi a incapacidade de dar o salto cara unha produción industrial capaz de competir cos téxtiles que viñan de fóra, especialmente coa industria do algodón inglesa.

   Desde finais do século XIX e principalmente ao longo do século XX, o cultivo do liño e a produción de lenzos en Galicia foise abandonando progresivamente ata desaparecer practicamente cara a década dos 60. Na actualidade son asociacións de carácter cultural as que intentan recuperar a artesanía do liño, iniciativa que tamén levaron a cabo nos anos oitenta os deseñadores galegos, de xeito moi especial Adolfo Domínguez, que non lle viu futuro como slogan publicitario ao dito popular “Pró liño, sete voltas de rella e a caghalla da ovella” e decidiuse polo de “la arruga es bella”, frase que converteu en mito ao deseñador ourensán.

   En Arteixo o cultivo do liño tamén estivo moi arraigado durante bastante tempo. Era, como no resto da xeografía galega, a fibra tradicional que se cultivaba e da que se obtiña un produto artesanal nos teares. Non podemos concretar unha data precisa de cando se empezou a cultivar o liño no noso municipio, mais grazas ao interrogatorio do Catastro de Ensenada, sabemos que a mediados do século XVIII había plantacións nas parroquias de Chamín, Loureda, Monteagudo, Morás, Oseiro, Sorrizo e Suevos.

   Co devandito interrogatorio, o Marqués da Ensenada pretendía conseguir información sobre todos os medios de produción e dos ingresos de cada persoa, polo cal tamén sabemos o número de xastres e de tecedores/as que había naquela altura en cada unha das nosas freguesías. Deste xeito, sábese que en Armentón había dous xastres, Manuel Gestal e Antonio Pérez; en Arteixo catro xastres; en Barrañan traballaban… “Clemente Lema, soltero, Maestro Sastre, a quien regulan puede ganar, en cada día que trabaje, dos reales: Joseph Seixal, que ademas de ser labrador tiene el oficio de Tejedor, en que se ocupará la tercia parte del año , y en cada día que trabaje, le consideran real y medio”; Chamín contaba con dous xastres, Bernabé García e Leonardo de Castro, e con dous tecedores, Antonio Martínez e Alejandro Rodríguez; en Lañas había, naquel ano de 1752, dous tecedores, Antonio Varela e Francisco Ramiro, e un tecedora, Angela da Lesta; en Larín había un xastre, Antonio Calvete; en Loureda outro, Antonio de Rumbo; Monteagudo contaba cun xastre, Ramón de la Cruz, e cun tecedor, Francisco Martínez; en Morás traballaban… “Domingo Gómez, Sastre, a dos reales, y por la utilidad que le resulta de ser su mujer Tejedora cien reales al año: Andrés Díaz, también Sastre, a quien regulan dos reales por día: Antonio Varela por la utilidad que le acrece de ser su mujer Tejedora le regulan cien reales al año: Juan Ares también Sastre le regulan a dos reales por día: Jacob Calvelo, Zapatero, a tres reales, además de ello por la utilidad, que le resulta de ser su mujer y una hija Tejedoras, doscientos reales y, Silvestre Gómez se le regula la que interesa de ser su mujer y madre Tejedoras, en doscientos reales”; en Oseiro había tres xastres; en Pastoriza dous xastres, José Barbeito e Pascual Suárez, e un tecedor, Domingo de Villaverde; en Sorrizo traballaban… “Martín de Rozamontes, Texedor, que gana al día dos reales de vellón; y por el Hijo del mismo Oficio, que de poco le ejerce le resulta de utilidad al año cien reales. Benito Martínez también Texedor, que gana al día dos reales de vellón; y Antonio Martínez, por su mujer Texedora le regulan al año cien reales”; e por último, en Suevos había dous xastres e un tecedor, o que entre as trece parroquias do que hoxe é Arteixo suman un total de 21 xastres e 17 tecedores/as que traballaban o liño e a lá nos seus respectivos teares artesanais para vestir á familia e, tamén, como un elemento de troco na economía familiar, de aí que tiveratanta importancia.

Cadro "O tecedor nun tear" da autoría de Vincent van Gogh

   Hoxe en día, cos avances tecnolóxicos que hai, se cadra parécenos moi sinxelo o proceso de obtención dos tecidos, e incluso non lle damos maior importancia. Mais esta transformación ten detrás unha interesante historia que paga a pena coñecer. Cando te preguntes como facían a roupa na antigüidade, non esquezas o papel fundamental que xogaron os teares.

    É importante lembrar que os tecidos que se facían artesanalmente nos teares saían cunha textura moi frouxa, polo que se desfiañaban moi facilmente e, por iso, levábanse aos batáns, tamén chamados folóns, que eran un antigo enxeño construído de xeito artesanal que funcionaba coa enerxía hidráulica e que tiña como función principal bater os tecidos que se fabricaban nos teares para darlles unha textura máis compacta e homoxénea. Estas máquinas estaban formadas por unha roda, que activaba os mazos de madeira que batían en mollado os tecidos de liño ou de lá saídos dos teares para desengraxalos e compactalos.

Pezas dun batán

  Funcionaban desde o mes de febreiro ata xuño. Durante o verán pechábase porque o río non tiña suficiente auga para o seu funcionamento, e no inverno non se podía empregar ao non dar secado as mantas que batían. Os batáns existiron mentres houbo teares. Foron moi empregados en Galicia, e a maior parte deles estiveron funcionando ata finais do século XIX, quedando moitos topónimos espallados pola xeografía galega.

   En Arteixo, na parroquia de Monteagudo, temos o lugar do Batán, preto do río dos Barreiros. María Rozamontes cóntanos no volume III de Arteixo de onte a hoxe que nun preito do ano 1582 constátase o seguinte: “(…) marco que Esta hen el rryo dos barreyros (…)” No mesmo documento tamén aparece unha referencia aos batáns “(…) en el rryo vello con sus molinos batan e tamén (…) el lugar que le dize do batan(…)”

    Ademais, no Catastro de Ensenada de 1752, no interrogatorio realizado na parroquia de Morás nomease o “sitio y Río do Batán”. En Armentón, pola zona da Agra de Fillazós, hai uns terreos que se chaman Os Batáns. Nos lindes das parroquias de Arteixo e Lañas, parece ser que tamén había un batán que estaba situado río arriba do muíño do Pedregal. E en Larín, perto dos lugares de A Fraga e A Pedra, hai un terreo denominado O Batán, que está situado ao carón do Muíño do Batán, que aínda se pode ver no Rego da Graña.

   Rematamos este repaso polos primeiros pasos da industria téxtil en Arteixo coas informacións que nos ofrecen Sebastián Miñano e Pascual Madoz na primeira metade do século XIX. No seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829, Sebastián Miñano y Bedoya informa que por aqueles días cultivábase liño nas parroquias de Arteixo, Barrañán (250 libras), Chamín (5.000 libras), Lañas, Loureda, Monteagudo (10.000 libras), Morás, Oseiro, Pastoriza e en Suevos (10 arrobas).

Lugar do Batán, parroquia de Monteagudo

   Con relación á industria existente naquela altura en cada parroquia (non aparece nada da de Armentón en torno a este apartado) Sebastián Miñano dinos o seguinte:

Arteixo, Industria tráfico de panadería y leña con la Coruña; Barrañán, Industria: 3 molinos de agua; 8 telares; Chamín, Industria: 5 molinos de agua de invierno y 4 telares; Larín, su industria consiste en 8 molinos de agua, 1 batán, 4 telares y una fábrica de teja; Lañas, Industria: tráfico de panadería y leña con la Coruña; Loureda, Industria 13 molinos de agua para solo la mitad del año y 7 telares; Monteagudo, Industria 10 molinos de agua y 7 telares para lino; Morás, Industria: tráfico de panadería y leña con la Coruña; Oseiro, Industria: comprar víveres para vender en la Coruña, y telares de lino y lana, 6 molinos harina en un riachuelo que pasa por medio del pueblo; Pastoriza, Su industria comprar víveres para vender en la capital; Sorrizo, Industria: 1 molino de agua que solo muele en el invierno, y 1 telar; Suevos, Industria: 2 telares y 2 molinos de agua, uno de ellos arruinado, y el otro que muele a beneficio de las vertientes de los montes que la circundan. Segundo estas informacións, naquela época había en Arteixo máis de trinta teares (en 1752 había 17) e un batán en Larín.

   Estas condicións produtivas de carácter preindustrial, aínda que afectaron á economía particular e comunitaria, non impediron que se continuara tecendo para o comercio local e de autoabastecemento. Os teares seguiron funcionando nas casas labregas arteixás atendendo ás necesidades do vestido e da roupa de casa da propia familia e da contorna máis próxima.

   O Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, obra publicada por Pascual Madoz entre 1845 e 1850 que está composta por dezaseis volumes, supuxo na época unha mellora importante respecto ao Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, que Sebastián Miñano acabara de publicar en 1829. No seu dicionario Pascual Madoz informa que se seguía producindo liño en Armentón, Arteixo, Barrañán, Chamín, Lañas, Loureda, Monteagudo, Oseiro, Pastoriza e Suevos. Con relación á industria, Madoz dinos o seguinte sobre as parroquias arteixás: Armentón, INDUSTRIA: la agrícola; Arteixo, al comercio y agricultura de este país le interesa dicha mejora, pues proporcionaría el trasporte de los muchos y buenos frutos de que abunda, con especialidad el trigo de las tierras de Bergantiños; Barrañán, cria ganado vacuno y de cerda; Chamín, INDUSTRIA: la agrícola, varios molinos harineros y telares; Lañas, Industría: la agrícola, panadería y trasporte de combustible para la Coruña; Larín, un batan, un tejar, varios telares y molinos; Loureda, INDUSTRIA. la agrícola , telares y varios molinos harineros; Monteagudo, Industria: la agrícola, telares, un batan y 8 molinos harineros; Morás, Industria: la agrícola, telares para lino y lana y molinos harineros; Oseiro, INDUSTRIA: lo presenta en los mercados de la capital; algunos telares y molinos harineros; Pastoriza, INDUSTRIA: la agrícola y el COMERCIO de víveres que le proporcionan los mercados de la Coruña; Sorrizo, INDUSTRIA: la agrícola y pecuaria, molinos harineros, telares caseros y alguna insignificante pesca; Suevos, cria poco ganado, pero hay caza y mucha pesca que facilita su puerto.

   É probable que este florecemento dos teares en Arteixo durara ata finais do século XIX, época na que Luís Miranda Vázquez e José Núñez de la Barca inician a actividade da industria téxtil na Coruña ao fundar “Hilados y Tejidos de Vilasantar” e “La Primera Coruñesa”, empresas clave para a economía da bisbarra das que prometo falar máis polo miúdo algún día, xa que na súa historia tamén teñen certa relación con Arteixo.

FONTES:

R. FILGUEIRA, FERNAN (2012): Artesanía do liño. Séculos XVIII e XIX. Oportunidade histórica. Columba Revista Cultural nº 12, 2012. Cobas, Ferrol.

ROZAMONTES, MARÍA (1999): Arteixo de onte a hoxe (Volume III). Concello de Arteixo.

RUEDA, C. / ALBO, F. (2010): Recordos dos vellos teares en Vilasibil. La Voz de Galicia, 6 de febreiro de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario