sábado, 13 de febreiro de 2021

O BAR COSTAMAR DE BARRAÑÁN

    Baixando a costa de Barrañán, tras pasar por diante da canteira utilizada durante os últimos anos como aparcadoiro e que actualmente está en pleno proceso de reforestación, á man esquerda da estrada que conduce a Caión vemos un edificio pintado dunha chamativa cor vermella con zócalo de pedra. Estamos no lugar do Campo, nas inmediacións das dunas do areal. Apreciase claramente que este edificio foi orixinariamente unha casa familiar das de antano á que, máis tarde, no lugar no que antigamente estaban as cortes das vacas, se lle fixo unha gran reforma para darlle o aspecto actual. Trátase dun local de pranta baixa con dúas grandes ventás, unha a cada lado da porta, na fachada orientada cara o mar. Enriba da porta da casa, vemos un balcón pintado de branco no que hai un letreiro de Tabacalera coa súa insignia que indica que este é un estabelecemento autorizado para a venda de tabaco. Enriba da outra porta, na parte que antes era a corte das vacas, podemos observar once grandes letras prateadas co nome do negocio: BAR COSTAMAR, nome oceánico que utilizan os clientes máis novos e, principalmente, os veraneantes xa que para a clientela de toda a vida o Costamar sempre foi coñecido como “A de Concha”.

 
Imaxe do ano 2020 do Bar Costamar
 
   Ao entrar, atoparedes media ducia de mesas, cada unha delas rodeada de cadeiras de madeira dende as que podedes contemplar o Atlántico, o Val de Barrañán coas vistas ao fondo da Fraga de Sisalde, ou os montes de Chamín, Sorrizo, Monteagudo... un luxo, abofé! Á ésquerda da entrada do bar hai un acceso que comunica coa parte vella do edificio e ao fondo, á dereita, está a porta que conduce á terraza do local, que conta con outra media ducia de mesas nas que sempre recende a salgadura oceánica. Detras da barra, que practicamente ocupa o ancho do estabelecemento e que comunica coa cociña, dependendo da quenda de horarios podemos ver a Iván, o fillo pequeno de Concha que é quen leva actualmente o negocio, ou á sua parella Danay. Iván xa é a terceira xeración do Costamar. 
 
   Hai que remontarse ata os anos 40 do século pasado para falar dos primeiros tempos deste bar, época na que aínda debía estar aberta a poucos metros, ou en todo caso facía pouco que pechara, a tenda que abriran en 1919 José Rey Valeiro e a súa dona Sofía Baridó Scheneider, un matrimonio do que xa temos falado nesta bitácora en máis dunha ocasión, de xeito moi especial na historia do “Arctic”, o pesqueiro belga naufragado no areal do Reiro en 1938 (enlace a esta entrada). 
 
  Polo que nos contou Ana, a irmá maior de Iván, seus avós maternos Generoso Pedreira e Josefa Barreiro, tamén coñecida co nome de Pepa, abriron o que hoxe é o Costamar sobre o ano 1948: Fíxolles a casa o pai de meu avó Generoso e foron para alí cando meu tío Manolo tiña tres ou catro anos e miña nai poucos meses”. 
 
   Generoso e Josefa, el natural de Armentón e ela de Vilaño, A Laracha, casaran en 1944 e ao pouco de darse o “si quero” viviron durante un tempo na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, municipio no que residía un tío de Josefa que era cura e no que ía nacer Manolo, o fillo maior do matrimonio. Tras botar un ano e pico en Caldas, no verán do 45 trasládanse a Carballo e alugan unha taberna na que Generoso traballa de camareiro e a súa dona Pepa de cociñeira, preparando uns guisos que non tardaron en ter sona na capital de Bergantiños e, tamén, entre as xentes que acudían acotío á feira de Carballo. 
 
   En 1948, certo tempo despois de rematar o contrato de aluguer da taberna carballesa, nace Concha, a filla máis nova da parella. Nese mesmo ano establecen o seu domicilio en Barrañán, na vivenda que lles fixera o pai de Generoso no lugar do Campo, onde os Pedreira Barreiro empezan a residir cando Manolo ten tres ou catro anos e Concha é unha meniña de poucos meses.  
 
   O matrimonio destina a parte baixa da súa nova casa a cociña, cun pequeno comedor, e a taberna, desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de azucre, de sal ou de fariña como botarlle unha copa de augardente das que abrían o peito. Na parte superior estaba o domicilio familiar que, de cando en vez, tamén facía de fonda cando lle daban cama a algún que outro mariñeiro. Pepa, unha muller de carácter aberto e trato exquisito coa clientela, pronto reviviu o éxito culinario que tivera en Carballo e, grazas a boa man que tiña para a cociña, os seus manxares… carne asada, callos, cocido, caldeiradas… axiña colleron sona por toda a bisbarra. 
 
   Ao tempo que Generoso traballaba nas leiras que tiñan nos arredores, a súa dona criaba aos fillos, atendía a casa e un negocio no que, naqueles tempos difíciles, naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, nunca lle faltou clientela que lle dera un peso a gañar. 
 
Imaxe dos anos 40 de Pepa e Generoso (cortesía da familia)
 
  Estamos xa nos 60, unha época na que Barrañán empeza a cambiar a súa finionomía coas ducias de camións que a diario acuden a extraer area para as grandes obras que se realizaban na Coruña. Naquela altura, no 61, a taberna tamén se converte en expendeduría de tabacos.
 
    Pouco despois, en maio do ano seguinte, tralo grave accidente do autobús da empresa Martínez de Caión acontecido en Barrañán no que faleceran dúas persoas, Concha, daquela unha mociña de 14 anos, atendía a taberna cando non o podían facer seu irmán Manolo ou seu pai Generoso. Por aqueles días, a pequena da familia tamén tivo que aprender a cociñar xa que, no accidente do “Martínez”, súa nai sufrira lesións de consideración que a mantiveron un tempo lonxe dos fogóns. Un pouco polo que lle berraba Pepa dende o piso de arriba e outro pouco mirando polas receitas do libro de Picadillo, que de cando en vez tamén utilizaba súa nai, libro que a día de hoxe aínda conserva a familia, Concha empezouse a defender magnificamente na cociña e xa estaría de por vida cociñando a carón de Pepa. 
 
   Os tempos en branco e negro van dando paso a outros en cor nos que Manolo casa en 1975 con Juana Lojo, tempos nos que na contorna, onde xa se construira o “Hotel Restaurante Playa”, co paso dos anos ían abrir sucesivamente o “Quinito”, que de primeiras empezou cun quiosco onde o seu propietario Manuel Varela, moi bo amigo de Concha, asaba sardiñas no campo que hai na parte de abaixo do actual bar, o “Corazón Blanco” e o “Sol y Mar” -antano a tenda de Pilara e na actualidade oRestaurante Pirixel” do amigo Suso Rodríguez-, estos tres últimos na parroquia de Chamín. Con todo, malia a tanta competencia, o estabelecemento de Pepa e de Concha seguiu contando coa súa clientela habitual, entre eles moitos obreiros das empresas “Arias Hermanos” e “Pan y Díaz” que traballaban na canteira de Barrañán e que eran como da familia xa que comían alí a diario. 
 
   Da época da que estamos a falar a memoria de quen escribe, daquela un mexericas de 6 ou 7 anos, garda algún recordo difuso de ir con súa nai Melucha no Seat 127 dende O Rañal ata Barrañán ao son de Abba, Boney M ou de Camilo Sesto, o amor platónico de mamá, a tomar unhas Fantas ao bar de súa amiga Concha Pedreira. 
 
   E así foron transcorrendo os anos ata que Pepa faleceu en 1978 e Generoso catro anos despois. Foi aí, ao morrer seu pai, cando Concha viuse un pouco na obriga de contar con alguén. Nai dunha filla pequena, Ana, e cun negocio ao que lle había que adicar moitas horas, necesitaba axuda si ou si. Naquel tempo, a señora Elena, que era como da casa, botoulle unha man no bar e tamén nas leiras, coa colleita dos produtos que se consumían no establecemento e no fogar. 
 
  Concha, que ao igual que súa Pepa era unha muller de carácter aberto e de trato exquisito, sería testemuña naqueles primeiros anos 80 de moitas historias de película no seu negocio protagonizadas polos primeiros turistas alemáns, parellas con historias de amor imposibles ou polos primeiros usuarios da praia nudista de Combouzas. Naquel tempo, no que casou con José Manuel e foi nai de Iván, tamén frecuentaban o bar dous rapaces de Pastoriza que co transcorrer dos anos habíanse de converter nos grandes poetas e escritores que son na actualidade. Falamos de Henrique Rabuñal e de Miguel Sande, quen tivo a ben rememorar aqueles tempos escribindo para Crónicas de Arteixo o seguinte texto:
 
O BAR DE CONCHA EN BARRAÑÁN
Miguel Sande
Teño asociado o bar de Concha en Barrañán á miña xuventude; por tanto, as lembranzas son gratas e especiais. Concha ademais era sempre afable e paciente con nós. Parábamos no seu bar-taberna algunha vez que íbamos á praia pero sobretodo nas fins de semana de camiño a Caión no vello 4 latas. O bar de Concha era parada obrigada, a única en todo o traxecto. Non lembro por que comezamos a parar aí pero si acordo, iso, a súa paciencia con nós. E o seu sorriso bondadoso. Era a época dos cubatas e dos destornilladores (ron con laranxa), inspiradores de versos ou detonantes da valentía á hora de lles entrar ás rapazas de Caión. Eran tamén os tempos dos primeiros amores. O caso é que ao saírmos do bar de Concha, facíamolo xa con outra predisposición fora para a poesía, fose para as aventuras e desventuras en Caión. Lembro tamén naquel tempo no bar ás veces a unha nena pequecha, calada, moi observadora; a súa filla Ana.
Vaian estas liñas de lembranza para Concha e a súa familia e a aquel bar seu no que nos sentimos sempre acollidos con calor e agarimo.

 

    A fidelidade da clientela, e o número de veraneantes que cada ano acudían ao seu estabelecemento (algúns dos cales acabaron sendo bos amigos e, co transcorrer do tempo, familia), empurraron a Concha Pedreira a reformar o seu local entre finais dos 80 e principios do 90 co aspecto que ten na actualidade.
 
Vista do Costamar dende as dunas de Barrañán
 
  E así foron pasando os anos ata o cambio de século, que a nosa protagonista viviu coa constancia de sempre e coa ilusión de ver no seu local os clientes de toda a vida e outros novos saboreando as súas exquisiteces culinarias. 
 
  Concha, muller cordial e de gran naturalidade, deixounos a finais de 2013. Dende aquel momento o seu fillo Iván, que herdou de súa nai a man para a cociña, leva coa axuda de Danay o Costamar, un bar que abriu as súas portas xa hai máis de 70 anos e que para moitas e moitos de nós será para sempre “a de Concha”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario