sábado, 27 de febreiro de 2021

O CINE DE CHAMÍN

    A orixe da industria galega do cine, unha vez que os irmáns Lumière asombran ao París de 1895 coas súas fotografías en movemento, pode sintetizarse nun triángulo cuxos vértices son José Sellier, José Gil e Isaac Fraga. O primeiro filmou o documental pioneiro, El entierro del general Sánchez Bregua. O segundo realizou a primeira película de ficción, Miss Ledya, con Castelao de actor secundario. E o terceiro fixo da arte empresa estendendo a fábrica de soños por todo o territorio galego (e español).

  Sábese que durante todo o século XIX tiveron lugar nas principais vilas galegas mostras ambulantes con aparellos antecedentes do cinema, como as sombras chinesas ou as lanternas máxicas, que estaban constituídas por unha cámara escura cun xogo de lentes que, por medio dun condensador polo que pasaba a luz dunha lámpada de aceite incorporada e atravesaba unha placa de vidro pintada con debuxos, se proxectaba nun lenzo e podíase crear ilusión de movemento movendo os vidros.

    É probable que as primeiras proxeccións que se realizaron en Arteixo cunha lanterna máxica se efectuaran en Armentón. Picadillo, Señor do Pazo de Anzobre e persoeiro cunha enorme curiosidade por todas as innovacións do seu tempo, en marzo de 1905 escribía o seguinte no xornal El Noroeste:

   “(…) Bueno será hacer constar que en la aldea también nos permitimos ciertos espectáculos relativamente públicos, y que, aparte de las regueifas y foliadas, tan usuales y corrientes entre los labriegos, abundan las proyecciones de linterna mágica en que aparece el elefante del Siam, admiración de Loureiro; el enemigo malo, ante cuya vista se santigua toda la concurrencia; la foca marina, que según los circunstantes haría el gran fol para una gaita, y otra porción de ejemplares zoológicos, tales como el ratón que lee, la cabra violenchelista, el cerdo sabio, etc., etc (...)”

    Por aquela época na que Picadillo asombraba aos seus caseiros coas proxeccións da lenterna máxica en Anzobre, en Europa consolidábanse as primeiras salas cinematográficas estables, que en Galicia se corresponde precisamente co inicio da andaina do emblemático Salón París de A Coruña (1908-1999).

    Durante as seguintes décadas os recintos para o cinematógrafo foron estendendo a súa presenza por cidades e vilas, á vez que se elaboraban uns primeiros códigos arquitectónicos para converter as salas nun reclamo e un rostro recoñocible para o público. 

   A partir da Guerra Civil, que retrasou moitos proxectos, a poderosa industria do cinema, na que os productores, distribuidores e cines eran observados de cerca poloxime, seguíronse construíndo innumerables salas no noso país. De feito, do total de 848 cines documentados por toda a xeografía galega, máis da metade, 448, foron construídos entre os anos 40 e os primeiros 60, entre eles o Real de Arteixo que abriran os irmáns Juan, Antonio e José Agra na Avenida de Fisterra entre 1959 e 1960, e o cine de Chamín do que falamos máis polo miúdo seguidamente.

Imaxe do antigo cine de Chamín (Cortesía de Feli Castiñeira
     Pois si. Aínda que non o creades houbo cine en Chamín, que para moitas e moitos veciños da bisbarra que peitean canas dende hai tempo era das poucas diversións e espectáculos aos que podían ir na súa xuventude, un lugar onde non faltaron anécdotas e intres vividos difíciles de esquecer.

 - ”O cine inaugurouse no 61 ou no 62. Cando o puxen dixéronme que se estaba tolo, pero a miña cabeciña non podía parar de facer cousas”, comentounos recentemente Luís Alfonso Castiñeiras Pedreira, o propietario do cine, reconvertido na actualidade en apartamentos, aínda que un dos seus accesos recorda perfectamente a época dourada deste edificio que podedes ver fronte ao lavadoiro de Chamín de Abaixo.

    Castiñeiras, un namorado do sétimo arte nado en Chamín en 1940, ao pouco de casar con Jesusa Patiño Domato, natural tamén da mesma parroquia, decidiu que era o momento de levar a cabo o seu soño. Para convertelo nunha realidade a parella fai a maleta da emigración a Londres coa idea de aforrar o suficiente para o seu cine. Alí, na capital británica, Luís Alfonso e Jesusa gáñanse a vida traballando nun restaurante de luxo ao que acudía con frecuencia a princesa Margarita, a irmá pequena da raíña Isabel II. Dende aquela Inglaterra en cor na que os nosos protagonistas estaban sendo testemuñas de cousas que nunca viran na España en branco e negro do franquismo, van enviando diñeiro á súa familia para que inicien as obras dun cine que abre as súas portas en 1962.

    De volta da emigración, e case que coincidindo co peche do Salón da Benitona da Lagoa, que ata aquel intre era a onde acudía a xuventude da zona a pasar o seu tempo de lecer, os nosos protagonistas vían como o seu cine, que tamén tiña bar, era unha verdadeira fervedoira de xente durante as fins de semana xa que, practicamente, era o único divertimento para as mozas e os mozos da contorna. Á parte da de Chamín, a xuventude de Sorrizo, Caión, Barrañán, Monteagudo, Armentón… nalgúns casos, netas e netos de varios caseiros de Picadillo presentes nas proxeccións da lenterna máxica en Anzobre, enchían cada fin de semana a sala. 

Mozos da contorna no bar de Luís Alfonso e Jesusa (Cortesía de Feli Castiñeiras
   Naqueles tempos de gran demanda que chegou a ofrecer programas dobres, o cine de Chamín, onde naqueles anos 60 se fraguou máis de un matrimonio, era un negocio familiar coma os de antes. O traballo estaba perfectamente rapartido. Luís Alfonso Castiñeiras poñía a música como reclamo para a veciñanza e despois encargábase de cobrar as entradas, que naquela altura tiñan un custe de 10 pesetas. Jesusa atendía o bar vendendo os refrescos e as pipas coas que se inchaban as mozas e os mozos da época. E as proxeccións eran cousa do propio Castiñeiras e de Manuel 'Cereixo', tamén veciño de Chamín e amigo íntimo da parella. Manuel e a súa dona Rosario Valcárcel, que tamén traballaba na taquilla do cine, foi un matrimonio esencial e imprescindible nas vidas de Jesusa e Luís Alfonso.

   E así se pasaban as noites das fins de semana en Chamín, entre as cancións de Antonio Molina, Conchita Velasco, Marisol ou do Dúo Dinámico e outros grandes éxitos cinematográficos de mediados dos 60.

    Castiñeiras, que nos contou que naquela época xa había clientes vip que querían ver unha película fora do horario habitual, variaba de película case todas as semanas:

    - Non ían ver o mesmo título dúas veces”, recorda.

    Comprar os dereitos de emisión de unha película custáballe entre 500 e 1000 pesetas, das de antes. Mais ás veces lograba que o cine París da Coruña lle prestase algúns dos filmes:

    -”Compartíamos os técnicos e tiñamos relacións comerciais, así que se eles tiñan películas que xa non poñían e aínda non as ían devolver, deixaban que as levara”, explica. 

Jesusa e Luís Alfonso coa súa filla Feli (Cortesía de Feli Castiñeiras)

     A finais da década dos 60, a consecuencia da competencia da televisión e coa adquisición dos primeiros coches, comezouse a declinar a dominante presenza de público en boa parte das salas de cine galegas. Na nosa contorna, as mozas e os mozos empezaban a frecuentar por aqueles días as discotecas As Airas de Carballo, Pazos da Laracha ou a Sala de Festas Eva de Arteixo, o que ía propiciar a decadencia e o peche definitivo do cine de Chamín en 1969. Iso si, a despedida foi ao grande, proxectando no adeus a King Kong e a Tarzán.

    Ao cerrar o cine, Luís Alfonso e Jesusa, que naquela hora xa eran pais de Feli, a súa única filla, deciden instalarse na Coruña, cidade na que alugan un local pola zona do Orzán para abrir un pequeno restaurante, o Restaurante Castiñeiras. Tiñan grandes ideas e a experiencia de Londres. A cousa non foi mal e, andando no tempo, compraron o edificio no que estaba o seu negocio para convertelo no hotel familiar -Hotel Castiñeiras- que xestiona Feli dende que se xubilaron seus pais Luís Alfonso e Jesusa, unha parella que fora quen de facer moi moi especiais os sábados en Chamín co único cine que había en varios quilómetros á redonda.

  Ai, se as paredes falaran!

 

Imaxe actual do edificio onde estaba o cine de Chamín

FONTES:

ACOSTA, SUSANA (2012): De cine, entre las leiras de Chamín, El Comarcal, outubro 2012.

CABO VILLAVERDE, JOSÉ LUÍS & SÁNCHEZ, JESÚS ÁNGEL (2013): Cines de Galicia, Fundación Barrié, A Coruña.

MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2018): Antoloxía das Confidencias de Picadillo, Autoedición.

SALGADO, FERNANDO (2017): Historias de Galicia IV. La forja de la modernidad. Biblioteca Gallega, La Voz de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario