Manuel Rodríguez Díaz, máis coñecido como “don Manolo”, foi un notable médico, amante da música clásica e da arqueoloxía, que deixou unha profunda pegada na historia máis recente da bisbarra. Nace este esclarecido médico en 1925 na Coruña, cidade na que falece o 15 de outubro de 1989, aos 64 anos. Chegou a ser o doutor máis popular da comarca, xa que asistía aos seus pacientes sen importarlle o horario, nin se lles ía a cobrar ou non. Prestando os seus servizos tanto ao pobre coma ao rico, exerceu medicina xeral e pediatría, mais as súas especialidades eran as enfermidades pulmonares e as do corazón.
Don Manolo nos seus inicios no mundo da Medicina (Cortesía da familia) |
Manuel, que de neno xa lle dicía a seus pais que quería ser médico, fai os seus estudos de Bacherelato no Colexio Dequit da Coruña, unha verdadeira institución no ensino da época que funcionou dende 1871 ata 1972 e polo cal pasaron algunhas das máis importantes personalidades da historia da cidade herculina. Unha vez rematados os seus estudos de secundaria, inicia a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e, ao pouco de obter a licenciatura, abre consulta en Arteixo.
Pepe Insua, propietario do bar do Muiñeiro durante medio século e amigo persoal deste médico tan querido e respectado, comentounos recentemente que o noso homenaxeado era unha persoa moi xenerosa á que apreciaba moitísimo. Pepe tamén nos recordou as consultas que don Manolo tivo na capital do municipio:
“Fumos moi amigos, era cliente habitual do noso bar, un home entrañable e moi comprometido socialmente. Cando veu para Arteixo abriu consulta no primeiro piso do edificio do antigo restaurante El Gallo de Oro. Anos máis tarde foi para a casa do Carmelito, que estaba fronte á actual tenda de Sita, xusto na entrada do aparcamento de Eroski, se entras pola Avenida de Caión. O edificio do Carmelito tiña dous ou tres pisos e acordo que viviu nun deles durante un tempo. O que non estou seguro é se puxera consulta alí tamén. Despois, se non recordo mal, botou algún tempo enriba da librería de Amalucha (hoxe Librería Laydi) mentres construían o edificio onde viviu coa súa familia durante moitos anos e onde tivo a súa última consulta”.
Efectivamente, tal e como recorda Pepe Insua, a mediados dos anos 50 o doutor Manuel Rodríguez chega a Arteixo, a aquel Arteixo que vivía case que exclusivamente do agro e do que só se lembraban algúns cando querían aliviar as dores de reuma no Balneario, e establece a súa primeira consulta no primeiro andar dun edificio que os do 'Veigheiro' tiñan na chamada “Carretera Nova”, na actual Avenida de Fisterra. Sería precisamente no baixo desta casa onde Pepe Morgade e Fina Gestal abren en 1962 un restaurante ao que bautizan como "El Gallo de Oro", nome co que lembraban a ópera de Nikolái Rimski-Kórsakov que tanto lle gustaba ao médico don Manolo, o padriño do seu fillo Fernando.
Á
esquerda da imaxe vemos o edificio do antigo restaurante El Gallo de
Oro, lugar onde don Manolo tivo a súa primeira consulta en Arteixo |
Certo tempo despois, dado que os 'Veigheiros' necesitaban o piso porque casara un dos seus fillos, o noso protagonista traslada a súa consulta á Avenida de Caión, ao edificio do 'Pistón', onde estivo durante moitos anos a libraría de Amalucha. Don Manolo coñece nesa altura a Ana María López Sangil, unha enfermeira da Coruña coa que casa en outubro de 1965. Tras darse o “si quero”, a parella decide botar raíces en Arteixo e compran un soar na Avenida de Fisterra para construír un edificio no que ían establecer o seu domicilio no segundo andar, quedando o primeiro para a consulta.
Mais antes disto, durante o tempo que duraron as obras, os Rodríguez López residen 3 ou 4 anos no edificio do 'Carmelito' -que anos máis tarde sería derrubado a consecuencia das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón- e, durante ese período, don Manolo segue atendendo aos seus pacientes no do 'Pistón'. Transcorrido máis de medio século, aínda hai quen se acorda do caos diario alí existente, coas grandes colas de xente que había nas escaleiras agardando pola súa quenda, colas que ás veces chegaban ata a entrada da libraría de Amalucha. Con don Manolo auscultando aos doentes na consulta, receitando os oportunos medicamentos ou confirmando tal ou cal diagnóstico, e con Ana axudando ao seu marido como enfermeira, dada a cantidade de pacientes que tiña o popular médico, é doado imaxinar aquela imaxe. Era algo inaudito. Á súa consulta viña moita xente con enfermidades pulmonares ou cardíacas do Val de Dubra, Ponteceso, Malpica, Carballo, A Laracha, A Coruña… e, por suposto, de Arteixo.
No noso municipio, no que traballou ata o último dos seus días e do que foi un ilustre fillo adoptivo, ían nacer os seus catro fillos, Ana, Javier, Carmen e Victoria, rapaces que pasaron os primeiros anos das súas vidas compartindo clase no colexio Carrero Blanco (na actualidade CEIP Ponte dos Brozos), ou en tal ou cal gardería, con moitas e moitos arteixáns nacidos nos 60 e nos 70. Ana, a maior, andando no tempo ía seguir os pasos do seu proxenitor para adicarse á Medicina de Familia.
Profesional de gran vocación, que vivía para a súa familia, os seus pacientes e a súa medicina, o pouco tempo que tiña libre pasábao rodeado de libros, estudando, lendo e preocupado por todo. Amante da ópera e da música clásica en xeral, outra das súas paixóns era á arqueoloxía e todo o relativo á historia do noso patrimonio cultural.
Unha vez que se estableceron na Avenida de Fisterra, as ringleiras de doentes chegados dende infinidade de puntos da bisbarra seguían sendo tremendas: “é que non é para contálo, había que vélo! Aquilo era terrible”, contounos non hai moito unha das persoas que acudía naquela época á consulta de don Manolo.
Naqueles tempos, nos que boa parte dos seus pacientes tiñan seguro pola Agraria e os ingresos da xente que vivía do agro eran os que eran, don Manolo practicamente non lle cobraba a ninguén. Onde vía pobreza ou miseria, e naquela hora non había pouca, brindaba o apoio sanitario e a súa profesionalidade a toda esa xente de maneira totalmente altruísta.
-¿Canto é, don Manolo?
-Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?
- Don Manolo, ¿que lle debo?
- Anda ho, anda… iso non é nada!- Don Manolo, ¿canto é?
- Anda ho, xa me pagarás!Don Manolo era así; era a súa forma de ser. Se no día atendía a 40 ou 50 persoas, se cadra cobráballe a 4 ou a 5, ás que tiñan mellor situación económica. E así, pouco a pouco, o noso homenaxeado foi gañando o ceo e o corazón da xente.
No mundo da medicina, o ollo clínico pode definirse como o don que posúen algúns médicos para realizar diagnósticos rápidos e certeiros. Este termo, antano popular, está caendo en desuso e na actualidade utilízase con maior frecuencia en ambientes non médicos, para resaltar a habilidade de anticipar acontecementos ou de calibrar a simple vista aspectos ocultos da natureza humana. Don Manolo posuía ese don, e o seu ollo clínico salvou de grandes doenzas, e incluso da morte, a varias persoas da contorna. Unha delas, Eduardo 'de Cachón', contounos o seguinte:
“Naquel tempo don Manolo paraba a tomar café no bar do Muiñeiro e un día díxolle alí a meu pai:
-Oíches Cachón, mándame o teu fillo pola consulta. O cativo está mal, ten hepatite!
E efectivamente, fun a súa consulta. Eu daquela tería 10 ou 11 anos e vírame pasar uns días antes por diante do Muiñeiro. Mira ti que ollo tiña, que xa sabía que estaba mal!
Non queremos esquecer, nesta merecida homenaxe, aquelas chamadas nocturnas ao seu domicilio ás tantas da madrugada porque non había outro médico en Arteixo. Bueno, na realidade si que había máis doutores. O que acontecía e que viñan pasar consulta e logo marchaban para A Coruña. Estamos falando de antes de que houbera Centro de Saúde, Urxencias e nada disto en Arteixo. No noso municipio non había absolutamente nada. E entón, claro, o único punto de referencia dun médico era o de don Manolo. Por aqueles días, era rara a noite que non tocaran ao timbre do seu domicilio por algunha que outra urxencia. E o pobre de don Manolo collía o seu coche e alá ía ás tantas da madrugada a Barrañán, a Sorrizo… e así continuamente ata que puxeron as primeiras Urxencias de Arteixo, que foi cando don Manolo e a súa familia empezaron a descansar polas noites como Deus manda e, ao fin, xa puideron durmir tranquilamente!
Rememorando aqueles tempos, Ana López, que nos atendeu telefonicamente coa maior das amabilidades, tamén nos contou que no baixo do seu edificio da Avenida de Fisterra, o mesmo no que anos máis tarde estivo “Hogar y Confecciones Fina”, atenderon varios partos. Eran mulleres que viñan en coche dende a comarca de Bergantiños e que ían dar a luz á Residencia. Algunhas víronse tan apuradas que ao chegar a Arteixo:
- un médico, un médico!!!
Imaxe dos anos 70 de don Manolo (Cortesía da familia) |
E xa podedes imaxinar quenes baixaban correndo para atender a aquelas futuras nais. Polo que nos contou Ana, naqueles casos don Manolo abría o portal do garaxe para que a parella que demandaba axuda médica gardase no baixo o seu coche, un baixo no que viñeron ao mundo varios bebés:
“Para estos casos yo siempre tenía preparada una bolsa con ropa para los recién nacidos… por los menos cuatro veces, y no darles tiempo de subir a la consulta y dar a luz en el bajo”.
A mediados dos anos 80 a familia Rodríguez López establece o seu domicilio na Coruña, pero don Manolo seguiría indo á súa consulta de Arteixo todos os días, ata que unha grave enfermidade foi mermando pouco a pouco a súa saúde. Aquel médico que tanto se sacrificara con moitos dos nosos devanceiros naqueles tempos difíciles, faleceu en outubro de 1989 aos 64 anos.
Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don Manolo.
FONTES:
-Fernández, Carlos (2006): El colegio Dequidt, una institución en la enseñanza. La Voz de Galicia, 4 de febreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario