O xoves faleceu, víctima do COVID-19, José Rozamontes Pan aos 84 anos. Foise un dos grandes empresarios do noso municipio, unha gran persoa en todos os sentidos que forma parte da historia máis recente de Arteixo e a quen lle queremos render esta pequena homenaxe.
Imaxe do edificio de Rozas no lugar da Groufa |
Se é certo aquilo que di que “ninguén é profeta na súa terra” no caso de Rozas, apelativo polo que sempre foi coñecido, acontece todo o contrario. Emprendedor e loitador icansable, non parou ata que viu realizado o seu gran soño, un soño que botara a andar no ano 1956, que foi cando empezou a traballar no Alto de Arteixo, preto do actual bar “O que Faltaba”, na súa primeira panadería, no forno de pedra que había na casa da señora Rosa de Ferrín.
Despois de enfornar durante tres anos e pico naquel lugar, en 1960 abre na Groufa a panadería actual, un negocio que ía ser testemuña da creación e da evolución do Polígono Industrial de Sabón. Naquela altura Pepe Rozas comeza a elaborar no seu novo establecemento empanadas e outros produtos que non habían tardar en traspasar fronteiras. As ringleiras de coches diante da panadería, a causa da gran cantidade de xente que paraba alí de camiño ao seu destino, era unha das estampas do Arteixo da época. As súa saborosas empanadas eran as principais culpables de aquelas grandes ringleiras.
Nunha entrevista publicada en xullo de 1973 en El Ideal Gallego, o xornalista Amado preguntáballe ao noso homenaxeado pola maxia que empregaba para que as súas empanadas tiveran tanta aceptación:
-Un moi elemental. Procuro elaborar os meus produtos con ingredientes de primeira calidade. O acerto de darlle o punto idóneo para que gusten é ao meu xuízo o secreto, se así se lle pode chamar.
-¿É certo que as súas empanadas tamén se comen en Madrid?-, preguntaba o xornalista.
-Por suposto que si. Para a capital de España van moitas e de aí que os moitos veraneantes que nos visitan, se acerquen á miña casa para comer as empanadas e leválas aos seus parentes-, respondía Pepe Rozamontes.
As empanadas en plena elaboración con Rozas á dereita da imaxe (El Ideal Gallego, 25 de xullo de 1973) |
Publicidade dos anos 70 de Casa Rozas |
Botando a vista atrás, penso nos primeiros recordos que teño de Rozas e véxoo na súa Derby Variant na miña aldea do Rañal. Viña moito por aquí a pescar, unha das súas grandes paixóns, e ao chalé que a familia ten en Alba. A primeira vez que me dín un chapuzón nunha piscina foi precisamente alí, no seu chalé, un lugar ao que iamos a rapazada do pobo e do que gardo gratos recordos. Ademais, a súa muller Mercedes tiña dúas irmás que vivían no Rañal, Jesusa e Herminda, de aí aí a grande relación que a familia Rozamontes Deus mantivo sempre con esta aldea.
Outro dos recordos que gardo na miña memoria é o de aquel día que me berraba dende A Ermida, dende o actual paseo marítimo. Bueno, na realidade pensaba que me estaba saudando porque non paraba de levantar a man e, inocente de min, botei un bo anaco devolvéndolle o saúdo. Era das primeiras veces que pescaba na miña vida. Andaba ás barbadas con outra persoa. Hai un dito que di… Quen vai á barbada nas pedras esvara. Mimadriña, nós esvarar non esvaramos, pero a pouco máis ten que vir o helicóptero a rescatarnos. Rozas non nos estaba saudando efusivamente como a min parecía nun primeiro momento. Non, non. Rozas estaba facendo sinais de que saíramos rapidamente daquel lugar porque estaba subindo a marea! Algún día contareivos comos saímos de alí!
Co seu soño realizado, Pepe Rozamontes retírase en 1996 e deixa a xestión do negocio nas mans da seguinte xeración. A súa merecida xubilación permítelle disfrutar da pesca, afección que tivo que abandonar a medida que foron pasando os anos, e tamén lle permite pasar máis tempo cos seus amigos de sempre, amigos cos que moitas veces conversaba dos tempos de antano e de hogano no Bar Insua, máis coñecido como o bar do Muiñeiro.
Pepe Rozamontes, que aparece sentado á esquerda da imaxe, charlando cun amigo no Bar Insua |
Actualmente a súa filla Mari e o seu marido Jose xestionan o local da Groufa, no que tamén traballan María e Cristina, as fillas do matrimonio. Cando a pandemia nolo permite, quen escribe vai de cando en vez tomar café alí. A dicir verdade, xa hai que non vou. O próximo café non será igual. A súa mesa estará baleira. O recibimento non será o mesmo. Botarei en falta o seu saúdo con ton retranqueiro:
-Aí vén o do Rañal!
Ata sempre Pepe!
Que a terra che sexa leve, amigo!
FONTES:
-Aguiar, Iván (2021): Fallece José Rozamontes Pan, fundador de la panadería Rozas hace más de 60 años. La Opinión A Coruña, 6 de febreiro.
-Amado (1973): Un industrial que es profeta en su tierra. El Ideal Gallego, 25 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario