A finais dos anos 50, cando a televisión aínda estaba en cueiros (TVE iniciou a súa actividade regular o 28 de outubro de 1956), as principais emisoras de radio metéronse de cheo no mundo do espéctaculo convocando concursos como “Salto a la fama”, “Buscando una estrella”, “Desfile de estrellas”... uns programas que se emitían dende os principais teatros das cidades e que darían pé ao nacemento dunha modalidade de espectáculo que ía arrasar na escena española da época: as variedades.
As emisoras convocaban a toda persoa, ou grupo de persoas, que practicara de xeito afeccionado ou profesional calquera faceta artística e deste xeito, segundo nos contan Xulio Cuns e Xosé María Veiga no seu marabilloso libro “Orquestras populares das Mariñas”, os que pretenderan concursar nestes programas radiofónicos tiñan que asistir a unha demostración ou exame previo, na emisora diante dun xurado:
“Os seleccionados, que eran moitísimos, actuarían nun espazo determinado, que se anunciaba a “bombo e platillo”, nunha sala da emisora, á que acudía xente invitada e un xurado ía eliminando aos que consideraba “menos bos”, xa que dicir “máis malos”, non resultaba elegante”. Unha vez feita a criba, os seleccionados irían a un teatro da localidade onde outro xurado dirimiría os premios entre os concursantes".
Carmen no "Desfile de Estrellas" de 1960 |
Precisamente, nun destos concursos, na edición de 1960 de “Desfile de Estrellas”, participou a veciña de Figueiroa María del Carmen Blanco Ambroa, unha artista invidente que acadaría sona na bisbarra xa que sería quen de chegar á final deste popular concurso organizado por Radio Nacional de España na Coruña e a “Junta Campaña de Navidad” para os fins benéficos da mesma, e que contaba co patrocinio da marca “Gallina Blanca”. “Desfile de Estrellas” empezara a celebrarse en 1957 polo que esta era xa a IV edición.
Cerrado o prazo de inscrición, había 500 participantes anotados nos diferentes grupos de Canción selecta, Canción lixeira, Humoristas, Tonadilla, Solistas varios, Conxuntos vocais, Canción popular, Conxuntos vocais rexionais, Canción hispanoamericana e Canto rexional, cifras que daban unha idea do enorme interese que “Desfile de Estrellas” suscitaba en toda a provincia.
Presentado en cada eliminatoria por Marina de la Peña e Emilio Díaz, o concurso daba comezo o 14 de xaneiro e estaba previsto que houbera actuacións cada xoves durante tres meses no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, onde os participantes estaban acompañados ao piano polo mestre Eduardo Diehl e de músicos como o guitarrista José Sanjuán, entre outros. Carmen, a cantante de Figueiroa, ía competir no grupo de Canción popular.
Subir por primeira vez ao escenario do Rosalía e escoitar os ferventes aplausos do público, foi para ela un soño cumprido que se ía repitir a medida que foi superando as cribas das respectivas eliminatorias. Con 22 anos, aquela rapaciña cega, guapa e ben distinguida tiña o mundo aos seus pés!
A nosa protagonista nacera en Figueiroa o 7 de outubro de 1937 con atrofia no nervio óptico. Era a primeira das dúas fillas e un varón que tiveron Juanito do Roxo e María de Bolón de Santaia, uns pais que naquela época de penurias chegaron a vender becerros para levar a súa meniña aos mellores oculistas da Coruña e, tamén, aos que se desprazaban ata a cidade herculina dende Barcelona. Mais desgraciadamente todos e cada un dos oftalmólogos coincidiran no seu diagnóstico:
- Non hai nada que facer. A atrofia é inoperable!
Con todo, Carmen sería unha nena feliz criándose cos seus, cos padriños e con outras xentes que, ao igual que seus pais, traballaban de labregos para a casa como Pilara de Chorrillo, que fora a persoa á que lle deran a nova de que a nena era cega e tivera que contarllo á familia á volta dunha vacina que poñían na Baiuca.
A súa madriña María, dona da casa na que servían os seus proxenitores, protexeuna como a unha filla e dende ese acubillo consentíalle todo a Carmiña, a quen a diario lle peiteaba a súa longa melena e facía que as costureiras lle confeccionaran roupa preciosa para a época. Madriña e afillada tamén cantaban cancións da misa xa que na casa había altar e líase a biblia a diario.
Alegre e bailarina coma poucas, encantáballe escoitar a radio e ir a todas as verbenas e foliadas que se facían na contorna, onde foi aprendendo a letra das cancións e das coplas da posguerra. Iso si, se non a deixaban ir choraba ata conseguir o permiso dos pais.
Carmen, que cantaba coma os anxos, foise convertendo nunha mociña ao tempo que entusiasmaba coa súa voz aos veciños e as súas amistades. Clarisa, Malvina, Leonor, Maruja (todas da Chapa), Pepita de Xan, Concha e Marisa de Lendo, Carmen do Roxo, Pilara de Cosme, Manolo de Vilas, Eliseo e Dalmacio de Cambón, Amador de Bras, Gonzalo da Cacharula, Elsita e Manola de Lañas, Amelia de Xaquín e Rizo, todos da contorna, eran os amigos cos que empezou a voar fóra do niño familiar. Todas e todos eles ían con ela ao baile do Balneario e axudábanlle a pasar os carreiros e regatos de auga como o que había no lugar que moitos anos despois ocupou a chamada Casa da Pradera, onde hoxe está o edificio de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos. Neste lugar, aqueles mozos cambiaban os zocos polos zapatos para ir a bailar na pista do Balneario ou no Salón do Veigheiro de 9 a 12 ao son de orquestras como a Finisterre, a X ou Os Satélites mentres os homes da casa xogaban á baralla na taberna de Ana ou na taberna do Veigheiro. Anos máis tarde, a xuventude da época tamén iría ao salón de Pardo da Baiuca co mesmo horario.
Carmen tiña en súa irmá Teresa un piar tan grande como a catedral de Santiago de Compostela, que lle cumpría os gustos todos e que se sacrificaba por levála á Coruña á escola da ONCE, ou a don Vicente, que era quen lle ensinaba a ler e a escribir en braille. Naquela altura, cando Carmen empezou a vender o cupón dos cegos na Coruña, Teresa, irmá abnegada e de labor impagable por toda a súa traxectoria de coidado para toda a familia enteira, acompañaba sempre a súa irmá maior e animouna a que se apuntara no programa radiofónico "Desfile de Estrellas". La Niña de la Puebla, invidente como ela, Marifé de Triana, Estrellita Castro e Antonio Molina eran os cantantes que máis lle gustaban á artista de Figueiroa, da que moita xente da bisbarra aínda se lembra hoxe do seu paso por “Desfile de Estrellas”.
A nosa homenaxeada debuta neste popular concurso en xaneiro de 1960 e supera a primeira eliminatoria con grande éxito. Naqueles tempos nos que a televisión aínda non chegara a Galicia (faríao o día 1 de setembro de 1961, en Santiago de Compostela, cunha emisora Philips que transmitía no canal 4 da banda 1), as emisoras de radio tiñan audiencias espectaculares. Toda a provincia da Coruña estaba moi pendente do que acontecía en cada función do “Desfiles de Estrellas” que retransmitía Radio Nacional de España dende o Teatro Rosalía da Coruña. E como podedes imaxinar, as radios de Arteixo botaban fume para escoitar á súa veciña. Entre outros moitos, fans destacados de Carmen Blanco eran Tonio de Luís, Manolo de Vilas, Lolo de Generoso…
A cantante de Figueiroa tamén supera con grande éxito os cuartos de final despois dunha brillante actuación da que se facía eco La Voz de Galicia:
"(...) Anoche, con lleno absoluto, se celebró en el Rosalía la segunda de las funciones de estos cuartos de final. Hubo figuras que brillaron más que otras, y entre ellas cabe mencionar los nombres de María del Carmen Blanco, una cieguita de Arteijo que gustó extraordinariamente y fue muy aplaudida, al igual que José Fuentes, también ciego, de Carballo, así como Dosy Gómez, María del Carmen Díaz -la ferrolana Macamen-, Carmen Fiorelli, “Los Gladiadores” y Genaro Olano, quienes ya tienen consolidado gran prestigio en este concurso de Radio Nacional que patrocina “Gallina Blanca”(…) ”
La Voz de Galicia, 8 de abril de 1960 |
Poucos días despois de celebrarse aquela final no Rosalía de Castro, Carmen recibía durante un baile celebrado no Salón Moderno da Baiuca, un diploma de Manolo de Eva, o propietario do salón, como recoñecemento ao seu mérito por quedar finalista no popular concurso.
Diploma
que Manolo de Eva lle entregou a Carmen Blanco en recoñecemento do
papel da moza arteixá no programa "Desfile de Estrellas" de 1960 |
Algúns dos finalistas deste concurso terían certa sona na bisbarra, o que lles abriu as portas a participar en orquestras como foi o caso do “Albañil de Cambre”, nome co que se coñecía a José Manuel Mosquera e Toni Vía Amor “Lucho Gatica brigantino” ou Fernando Fernández de Vilouzás. Houbo outros que tiveron grandes éxitos neste concurso como Esther Martínez de Sada ou José Antonio Penedo Bouza de Miño, mais, segundo Xulio Cons e Xosé María Veiga, non se inclinaron a traballar nas orquestras.
No caso de Carmen Blanco, segundo nos contou a súa filla Mari Luz, chegara a actuar nunha ocasión nas festas de Loureda: “vin a miña nai anunciada nun gran cartel que se gardou na casa durante anos, no que tamén aparecía como atracción unha carreira de burros".
Certo tempo despois de concursar en "Desfile de Estrellas", a cantante de Figueiroa coñece nas frías escaleiras da herculina Praza de Lugo na que vendía os cupóns da ONCE a José Pereira Pérez, un mozo de Guitiriz estudado de Madrid con cataratas conxénitas que tiña outros dous irmáns varóns cegos coma el. Guapa, sempre elegante coas súas saias plisadas e sentada na cadeira para vender, José acudía a diario alí a compadecerse dela e empezou a decirlle que lle dera os cupóns porque llos vendía el. E así, despois duns cafés e de varias merendas nunha pastelería da cidade onde comían eses saborosos pasteis de merengue que non había en Arteixo, e sempre coa compañía inseparable de súa irmá Teresa, José e Carmen empezaron a súa fermosa historia de amor.
Curiosamente Amador e Jesús, os irmáns cegos de José, tamén tiñan fortes vínculos coa música e ambos se ían converter en dous grandes pianistas e acordeonistas. Andando no tempo, Jesús sería director do coro da ONCE de Madrid e director e fundador do coro Reverdecer de Badaxoz, onde sempre incluía cantigas galegas no repertorio da agrupación.
José e Carmen non tardaron en casar. Faríano en Arteixo o día da Inmaculada de 1962 co crego don Benito oficiando a cerimonia que, coma sempre, despois de preguntar si a quería por esposa, díxolle ao noivo:
-Di si, coño. Di si!
Os padriños da voda foran súa irmá Teresa e o tamén veciño de Figueiroa Manolo de Vilas. Teresa, persoa imprescindible nas vidas da familia Pereira Blanco, e Manolo de Vilas, outro gran puntal para Carmen e os seus, habían de casar anos despois e serían pais do meu prezado amigo Juan Vila. A madriña do casamento fora a súa sobriña Mari Luz, daquela unha mociña de 14 anos.
Os noivos, no centro da imaxe, e os padriños co crego don Benito o día do seu casamento |
Despois de darse o "si quero", a parella aluga unha casiña onde estaba o antigo Correo, na actual Avenida de Fisterra, que foi o lugar onde en 1963 naceu a primeira filla do matrimonio. Pilara do Chorrillo fora a parteira e, como non podía ser doutro xeito, o médico don Manolo asistiu tamén no parto a Carmen, que lle quería poñer de nome á súa filla Esther, como Esther Martínez, compañeira dela no programa "Desfile de Estrellas" e posteriormente muller de "Moncho es mucho", alcalde de Sada durante moitos anos. Mais don Manolo, moi contundente, dixo:
-Esta nena vai ser a miña afillada, e vaise chamar Mari Luz porque a nena ve!
Dixérao con tanta firmeza que todos aceptaron. Mari Luz contoume que cando ía á consulta de don Manolo... "dábame moita vergoña porque me colaba nada máis verme e dicíalle a todos os pacentes que eu era a súa afillada. Bicábame con ese bigote que aínda noto agora o picor… e eu veña a chorar. Realmente meus padriños son os irmáns de miña nai, Teresa e Manolo, os mellores padriños do mundo.”
Anos despois, José e Carmen e a súa filla Mari Luz deixaron a casa de Enrique e Concepción do Correo e compráronlle un piso a Darío do Touciñeiro no número 35 da Avenida do Balneario, que foi o lugar onde viría ao mundo en 1978 María Elena, a segunda filla do matrimonio. Os Pereira Blanco residían no primeiro dereita. No segundo dereita vivían os Rodríguez Castro, unha familia de Lañas que tiña un fillo que se facía chamar Antón. Co paso dos anos, este mozo habíase converter no grande xornalista e escritor que é na actualidade. Falamos do prezado e admirado Antón Castro.
Posteriormente José e Carmen comprarían un piso na Coruña, casualmente na rúa Buenavista, onde viviron coas súa fillas ata que estas abandonaron o niño familiar.
No seu día a día, Carmen Blanco continuou alegrándolle a vida aos seus amigos e seres queridos co seu canto. Cantaba nas festas da familia e tamén en todas as vodas as que acudía como convidada. Sentada dende o seu sitio, no seu particular repertorio nunca faltaba "Oye mi voz", unha das cancións que interpretara no "Desfile de Estrellas" de 1960 coa que a xente se seguía emocionando ao escoitarlla porque seica a bordaba. Segundo algún testemuño presente naquelas celebracións, cada vez que cantaba o silencio de respecto era máximo, un silencio que remataba en lágrimas de emoción.
Carmen, á esquerda da imaxe, no casamento de Luís Rodríguez -o irmán de Antón Castro- e Amelia Cedeira |
FONTES:
CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ Mª (2006): Orquestras populares das Mariñas. Concello de Betanzos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario