sábado, 17 de abril de 2021

A GALIÑA DOS PITOS DE OURO E O ENCANTO DE LAÑAS

As lendas forman parte importante da riqueza cultural dos pobos, que teñen nelas un dos tesouros máis valiosos do seu pasado. Pertencen, como os contos, ao acervo literario popular, transmitido oralmente durante séculos, mais manteñen con aqueles algunhas diferencias destacables. Os contos non teñen unha localización concreta e son intemporais; as lendas, polo contrario, están sempre referidas a un lugar e un tempo definidos, ademais de teren algún tipo de significado sobrenatural, con alusións frecuentes a poderes extraordinarios. Este é o caso da galiña dos pitos de ouro, unha das lendas máis correntes do noso país que se repite con pequenas variantes en moitos lugares da xeografía galega onde hai un castro, sáa ou croa.

Fabulación do castro de Lañas realizada polo pintor Roberto Castro

En Arteixo aínda podemos escoitar esta lenda en parroquias como Loureda ou Lañas, onde seica hai moitos anos unha muller viu o encanto polos seus propios ollos:

  “Na croa (enténdase castro) de Lañas, hai unha morea de penedos entre os que mora dende hai moitísimos anos, tantos que ninguén recorda de que tempos vén, unha galiña que sae ás veces na madrugada coa súa rolada de pitos. Estes pitos son de ouro; pero endexamais ninguén puido pillar un, nin por máis esculcas que se teñen feito se logrou ver onde aniñaban.

   Como pode imaxinarse, esta galiña dos pitos de ouro é un encanto. Poida que sexa a mesma doncela que antes de alborexar o sol nas mañás bretemosas da primavera sae a peitear os seus cabelos louros cun peite de ouro.

  Mais tampouco ninguén puido saber nunca onde se agacha cando alguén tenta de se achegar a ela.

   Pero outro encanto máis, se non é diferente forma do mesmo encanto, hai na croa de Lañas. O mouro, o xigante, que é o que garda os tesouros (que poida que sexa tamén o que ten encantada a doncela ou fada e mais a galiña dos pitos de ouro, se é que as dúas non son a mesma cousa).

 

Imaxe tomada dende o Monte de Angra. Ao fondo, o castro de Castelo de Lañas

    A muller que me falou disto e me contou como ela vira o encanto díxome que, cando era nena -uns doce anos tería daquela-, andaban ela e mais a irmá máis nova no monte da Angra co gando. Era pola mañá, entre once e doce. Sentara a carón dun piñeiro e, de súpeto, viu aparecer pola banda do monte da croa (o castro de Lañas) un cabalo grande coma un hórreo. O cabalo era castaño claro, case dourado, moi lindo; e montado nel, un home, altísimo e rexo tamén. Ao ver aquilo, gañou medo, ergueuse e fuxiu. A outra nena tamén fuxiu atrás dela.

   Chegaron á casa e contoulle á nai como vira aquel home tan grande no seu cabalo.

   -Ai, filla, que ese era o encanto. ¿Que fixeches?- demandoulle a nai.

   -Gañei medo ao ver aquel cabalo e mais aquel home tan grandes, e fuxín.

   -Pois perdiches unha grande riqueza e xa endexamais volverás ter outra ocasión coma ela; mais, por se che cadrar, vouche dicir o que debías ter feito: se tiraras o pano da cabeza e collido por un dos bicos o estenderas no aire por diante do home, ou por riba do cabalo, e dixeras: "Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza", aquel cabalo viraba de ouro e todo era para ti…

   Mais eu non sabía aquilo, e o encanto foise cara ao castro de Elviña. E non o vin máis na miña vida.(1)

 

Imaxe tomada dende o castro de Castelo de Lañas. Á esquerda o lugar do Galo e, ao fondo, Barrañán, Chamín e a inmensidade oceánica

   No verán do 2020 tiven a sorte de acompañar a Marisa e a Jesús Roibal, irmáns do lugar de Mins nados en 1935 e 1940, e a varios membros máis da súa familia (Suso, Pablo, Silvia, Waldo, Yessica e Sofía), nunha excursión realizada polos montes da Rocheira, na parroquia de Loureda, a onde segundo manifestaron non subían dende había máis de corenta anos. A memoria destos dous veciños de Mins aínda conserva varias lendas que escoitaban cando eran nenos, lendas que compartiron con nós nun descanso que fixemos nunha sombra de Pedras Anchas para coller alento. Unha delas fala dunha viga de ouro… “na que rozaban os carros de bois pero non houbo ningún enxeñeiro que fora capaz de quitala porque lle tiñan medo ao rozar nela”, lembraba Marisa. Outra das lendas que mencionaron os irmáns Roibal é a da “fonte encantada”, que estaba na parte baixa do Monte da Cancela, próximo a Santa Locaia. “Alí meus pais tiñan uns terreos que lle chamaban A tenza de Fóra na que plantaban pinos e centeo. Verán e inverno había sempre auga… ata que viñeron as plantacións de eucaliptos e acabaron co manancial onde manaba a auga, que disque era por donde saía a galiña dos pitos de ouro”, recordaba Jesús.

   Quen escribe sabía da existencia da lenda da galiña dos pitos de ouro de Lañas, a mesma que de cando en vez se deixaba ver polo Monte de Angra… ou iso din, claro. Mais nunca tal oíra desta “nova” galiña da parroquia de Loureda. De xeito anecdótico Pablo, sobriño de Marisa e de Jesús, comentou que… “cando era moi neno viñen aquí ao monte e vin unha quica. Os vellos tiñan razón cos seus contos, pensaba eu! E oesdurante toda a miña infancia aquela quica para min foi a galiña dos pitos de ouro.

 

1.  Vid. Xosé Manuel González Reboredo (1983): Lendas galegas de tradición oral. Editorial Galaxia, Vigo, pp. 72-73-74 (Versión de L. Carré Alvarellos: As lendas tradizonaes galegas. Museu de Etnografía e Historia. Porto S.A., pp. 17-18).

Ningún comentario:

Publicar un comentario