martes, 9 de setembro de 2025

O "XOGO DOS PAQUETES" DA PARROQUIA DE LOUREDA

  Un ano máis, Loureda volveu a ser o epicentro mundial do “xogo dos paquetes”, que se celebra nesta parroquia arteixá dende hai décadas canda os Milagres de Caión.

Cartaz da edición do 2025 (Asociación Cultural Loureda)

   Non sabemos se xa se xogaba nos tempos das “arteixanas”, esos ”grandes panes de borona (maíz) de forma piramidal que se condimentan y venden en el lugar de Fojo, Loureda”, que mencionaba Uxío Carré Aldao no xornal El Ideal Gallego en marzo de 1921. Ignoramos tamén se xa se practicaba nos tempos no que o camiño que unía Lañas co Foxo era frecuentado polos mozos de San Román, Lestón e Paiosaco que viñan, na xuventude dos nosos avós (máis ben bisavós), aos bailes que se facían no Salón de Rumbo. Só sabemos que, ata o de agora, ninguén é quen de dicir con certeza o ano exacto do seu comezo mais, segundo algúns veciños de Loureda, hai “moitos anos de nuestro Señor” que o chamado xogo de naipes “dos paquetes” vense celebrando, como xa dixemos, canda a Romaría da Nosa Señora dos Milagres de Caión.

   Sen poder concretar data algunha, hai quen asegura que uns romeiros do Foxo que viñan cansos da peregrinaxe a Caión empezaron a entreterse con este xogo na “Casa de Trigo”, a tenda de ultramarinos, estanco e bar que estivo aberta nese lugar desde tempos inmemoriais, como diría o poeta Manuel María. Pois ben, alí na de “Trigo”, que estivo rexentada durante moitos anos por Norecha Vázquez e o seu home Manuel Naya (e moito antes pola señora Leonor e o señor Ramón, os pais de Norecha), alguén tivo a idea de comezar con esta práctica dos “paquetes”, un entretemento que andando no tempo abofé que se convirtiría nunha das sinais de identidade da parroquia de Loureda.

Imaxe antiga da Casa de Trigo do Foxo (Cortesía de Pili Naya)

  A persoa que quixera participar no devandito xogo “dos paquetes” tiña que aportar unha peseta para entrar na partida, diñeiro que ía destinado á compra dun paquete (de aí o nome do xogo) de galletas María que, naquela hora, era unha auténtica delicatesen que non todos se podían permitir.

  Ás veces, en función do valor que os participantes lle quixeran dar ao paquete de galletas, entrábase na timba cunha ou outra cantidade de diñeiro. Logo, unha vez determinado o número de xogadores e sentados xa arredor dunha mesa, unha persoa principiaba a repartir boca abaixo un naipe da baralla a cada un dos participantes, quenes tiñan que poñer os cartos enriba da súa respectiva carta. Nun momento dado do xogo, a persoa encargada de repartir os naipes dicía... “¡cartas arriba!”. Entón cada un dos xogadores ensinaba o seu naipe coa ilusión de que lle saíra o as de ouros, a carta que outorgaba o premio e que era coñecida neste xogo como “a bola”. Se o as de ouros non saía na primeira man, o que repartía os naipes volvía a dar nunha segunda ou nunha terceira tanda, xa coas cartas cara arriba, ata que “a bola” caera nalgún dos xogadores. E finalmente, o afortunado que tiña nas súas mans o as de ouros era a persoa que levaba o premio do paquete de galletas.

  E así, partida tras partida, os veciños e veciñas do Foxo pasaban as horas xogando cada 8 de setembro na de Trigo, un establecemento que co paso dos anos acabaría rexentando Pili Naya, a filla de Norecha, que contaría coa axuda no negocio do seu home Ángel e do seu fillo Miguel (Pili mantivo o negocio aberto ata o 2017).

Imaxe do ano 2016 da taberna Casa Trigo do Foxo (Xabier Maceiras)

   Despois de moitos anos xogando na de Trigo e noutros puntos da parroquia como en Ervedíns, na do Cubano e na taberna de Genaro, sobre o 2016 cambiouse o lugar de xogo polo bar o Cruceiro do Igrexario de Loureda, e tamén se ven xogando dende esa época no Centro Social do Foxo. Nestes lugares, logo de que algunha persoa se encargue de mercar as galletas máis variadas existentes no mercado, seguen pasando as tardes de cada 8 de setembro (ou na fin de semana anterior a este día) os maiores e os cativos da parroquia do mesmo xeito, e coa mesma ilusión, que o fixeran aqueles romeiros que supostamente inventaron este xogo dos paquetes.

Cartaz do ano 2016 (Bar Cruceiro do Igrexario)

  A día de hoxe, polo que nos contou Arantxa (irmá dun servidor), que dada a súa longa relación con Fran García é xa unha veciña máis do Foxo, e súas curmás políticas Iria e Alma, a veciñanza de Loureda segue gardando a tradición xogando cada 8 de setembro a este xogo “dos paquetes”, un divertimento que iso si, a raíz da chegada do euro, cada xogador ou xogadora participa en cada ronda entrando con 10 céntimos por partida agardando, co oportuno formigueo no estómago, a que o azar o faga gañador ou gañadora do premio do paquete de galletas levando o as de ouros. Mais despois de tanta teoría, como ben di Alma Suárez, que mellor que ir ata Loureda o 8 de setembro para pasar un rato agradable aprendendo a xogar a este xogo tan arraigado nesta parroquia arteixá dende hai tanto tempo. Así que o ano que vén, se vos presta xa sabedes o que podedes facer o día 8 de setembro.

Nenos e nenas xogando aos paquetes no Centro Social do Foxo (Cortesía de Arantxa López Ares)

   Curiosamente, na procura das orixes deste xogo a prezada e admirada Gabriela Prego, veciña tamén de Loureda que traballa na Facultade de Filoloxía da USC, contounos que andivo investigando sobre esta modalidade de naipes no libro “Antropología cultural de Galicia” (Akal. Madrid, 1971) da autoría do aragonés Carmelo Lisón Talana, doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid e en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade de Oxford, ademais de ser tamén catedrático emérito de Antropoloxía Social na Universidade Complutense de Madrid (1979). Pois ben, ao parecer Lison Tolosana non ten nada recompilado sobre este xogo "dos paquetes", feito que nos leva a pensar que se os americanos teñen a cidade de Las Vegas como a súa cuna particular do xogo… os arteixáns temos o lugar do Foxo como centro mundial de entremento cada 8 de setembro!

Ningún comentario:

Publicar un comentario