Pois sí, en Arteixo tamén tivemos a nosa fábrica de chocolate. E non vaiades pensar que foi a do famoso libro infantil Charlie e a fábrica de chocolate, da autoría de Roald Dahl levado ao cine en 2005 nunha película dirixida por Tim Burton e protagonizada por Johnny Depp. Non, a de Arteixo era a fábrica de Chocolates Callejo, mais tamén estaba chea de encanto e de historia e, entre as súas máquinas, un podía sentirse do mesmo xeito que o facía Charlie nesa fábrica de chocolate produto da imaxinación do escritor británico Roald Dahl.
Publicidade dos anos 70 de Chocolates Callejo
O propietario de Chocolates Callejo era Benjamín García Borrazás, veciño de Armentón nado en 1933 que abriría o seu negocio na vila do Bolaños arredor do ano 1969, décadas despois dos tempos de escaseza da posguerra, cando o chocolate estaba racionado e o proceso de fabricación e de comercialización atopábase totalmente intervido. Dende o goberno franquista estipulábase canto fabricar e a quen distribuílo. Moitas veces, o chocolate mesmo se humedecía agardando pola chegada dos funcionarios do Estado. Era unha verdadeira mágoa que nunha época de necesidade extrema como aquela da posguerra o chocolate tivera que chegar á xente en malas condicións, nun momento en que ante a falla deste produto a cidadanía conformábase coa cascarilla, a lámina fina que cobre o cacao.
O baixo prezo ao que se distribuía a cáscara do cacao, naquela hora utilizada como infusión, popularizaría o seu consumo entre os coruñeses e coruñesas nos anos da fame e do racionamento por ser máis barata que o café e que o chocolate. Foi entón cando as persoas nativas da Coruña, aquelas que eran herculinas de toda a vida, empezaron a chamarse a si mesmas cascarilleiras. Paradoxos da vida, a cascarilla volve ser un produto demandado e moi buscado para preparar infusións.
O protagonista desta historia, Benjamín García Borrazás, chega a aquela cidade da Coruña da posguerra moi cativo e empeza a traballar, con tan só dez anos, cos chocolateiros Morán Alonso e posteriormente con José Castaño, propietario da empresa Fábricas de Chocolates Reunidas S.L. Pasados uns anos e ante a necesidade dun mestre chocolateiro que Castaño precisaba para a súa fábrica de Cáceres, Benjamín traballa durante algún tempo en Estremadura, onde botaría ata mediados dos cincuenta, época na que volta de novo á súa terra.
Ao arteixán non tardaría en xurdirlle a oportunidade de montar o seu propio negocio. Naquela altura a señora Adelina, viúva de Callejo, o fundador de Chocolates Callejo, unha das empresas máis antigas do sector na cidade coruñesa que tiña as súas instalacións na rúa Fernández Latorre n.º 17, ofrécelle a Benjamin García a maquinaria da fábrica do seu defunto marido a moi baixo custe a cambio de que seguira mantendo o nome da marca. O requisito da señora Adelina, que quería vender a fábrica para a construción de edificios, sería aceptado gustosamente polo chocolateiro de Armentón, que meses despois, xa no ano 1957, abre a súa primeira fábrica nun baixo da rúa Cervantes, que ardería nos primeiros sesenta, no popular barrio de Monte Alto.
Tralo incendio, Benjamín instala noutro baixo de Monte Alto, na 2ª Travesía de Hércules n.º 42, a súa empresa Chocolates Callejo, e alí permanecería ata 1967 ou 1968, que foi a época na que se estableceu naquel Arteixo que empezaba a medrar a pasos axigantados coas industrias de Sabón.
Imaxe dos anos 70 do exterior da fábrica de chocolates que Benjamín García tiña en Arteixo
Na capital do municipio, Benjamín compra o soto, o baixo e o primeiro piso do número 208 da Avenida de Fisterra, o mesmo edificio no que posteriormente se establecería no primeiro piso Foto Rodri. No baixo, ocupado durante décadas pola popular tenda fotográfica arteixá, a dona de Benjamín, Mari Luz Ramos, abre un ultramarinos no que contrata como empregada a María Jesús García, unha muller que traballaría na tenda de Mari Luz ata 1986, cando pasa a ser a propietaria. Catro anos máis tarde, en 1990, a cadea de supermercados Comprebén faríase co negocio. De seguro que aínda hai quen lembra a inauguración do mesmo, xa que fora mítica a presenza de Carlos Mata, o popular actor venezolano protagonista de numerosas telenovelas daqueles anos 80-90.
Benjamín García en 2019 diante do lugar no que tiña a súa fábrica de chocolate en Arteixo
Mais continuemos coa chocolatería, na que á parte do seu propietario Benjamín García, tamén traballarían durante certo tempo Aurita, a da Carnicería Calvete; Pepe, que anos máis tarde abriría a Gardería Os Cativiños; o home de María Jesus García, Antonio Iglesias, que fixo de repartidor unha tempada (Antonio e María Jesús son os pais de Víctor Iglesias García, o director da Escola Municipal de Música de Arteixo); a señora Dorinda, que facía de moza de almacén e de “multiusos” do negocio; e Ceferino, que era o comercial da empresa, o “viaxante” que percorría o asfalto para colocar os Chocolates Callejo nas tendas da bisbarra e facerlle a competencia a Chocolates Mariño, fábrica fundada en 1927 en Carballo e que aínda segue funcionando a día de hoxe. Chocolates Mariño é un dos poucos lugares en toda a xeografía española que conserva o proceso de elaboración artesanal, proceso que tamén se levaba a cabo na fábrica de chocolates de Arteixo, onde se traballaba con produto de gran calidade.
Imaxe dos anos 70 do interior da fábrica (Cortesía de Benjamín García)
As máquinas de Callejo trituraban, refinaban e amasaban o chocolate, transformando o froito do cacao en cacao en po ou nun auténtico chocolate que só se facía con fariña e azucre, ou azucre só no caso do chocolate negro. O proceso era tan minucioso que mesmo a cascarilla terminábase de separar do chocolate a man, para que non quedara ningún resto, algo impensable nos procesos de fabricación industrial.
Chocolates Callejo era un negocio peculiar, único na súa especie, con personalidade. Era imposible non reparar nel cando pasabas ao seu carón. Aínda que levaras a cabeza noutra cousa, chamábache a atención e o ruído das máquinas víase suavizado polo ulido a chocolate auténtico que se percibía nos arredores, principalmente os venres, que era o día de moer. Unha vez moído o chocolate, amasábase con fariña e azucre, ou só con azucre, no caso do chocolate negro. Despois, xa amasado, o chocolate introducíase nunhas estufas a unha temperatura constante de arredor de sesenta graos durante máis de 48 horas. Tabletéabase e introducíase na neveira. Gardábanse as tabletas durante un mínimo de oito días en armarios de madeira e logo empaquetábase para distribuilas posteriormente.
Benjamín García traballando na súa fábrica nos anos 70
Chocolates Callejo vendía principalmente a nivel provincial, sobre todo na zona de Ordes, Costa da Morte e Muros, donde tiña bastante clientela. Surtía ademáis aos cuarteis da cidade da Coruña. A “fábrica", como popularmente se coñecía en Arteixo, permaneceu aberta ata mediados dos anos noventa, que foi cando se xubilou Benjamín García, o mestre chocolateiro de Armentón ao que podedes ver nesta peciña audiovisual que realizamos Fran Naveira e un servidor:
Na actualidade, se pasades pola zona de Foto Rodri e do pub Sirocco, no n.º 211 da Avenida de Fisterra, hai un edificio que lembra os tempos desta fábrica de chocolates: o edificio Callejo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario