O R.C. Deportivo da Coruña, pechacancelas do campionato da Primeira División da tempada 1966/67, quedara sen a súa principal estrela, Carlos Pellicer, para intentar recuperar de novo a máxima categoría do fútbol estatal. Un Pellicer que fora traspasado ao F.C. Barcelona e que posteriormente ía facer carreira no Valencia e no Levante. Mais con todo, a pesar de que o dianteiro de Monelos xa non formaba parte do cadro herculino, ao remate da campaña seguinte os deportivistas serían quen de cumprir co obxectivo de retornar á división de honra da man do adestrador madrileño Pedro Eguiluz. Neste novo ascenso do Dépor, ademais do bo facer de Eguiluz no banco, tamén fora determinante a seguridade baixo paus de Benito Joanet e da liña defensiva con Aurre de lateral, a veteranía de Campanal e a entrega e combatividade de Domínguez, o labor de Manolete na media e o traballo na zona ofensiva de Morilla como interior de enlace, a valentía de Chapela II, a clase de José Luis, a habilidade do goleador Beci e o batallar constante de Loureda.
O único “pero” daquela brillante tempada en Segunda División, íao protagonizar o uruguaio-galego Adolfo Luis Martínez Pereira, unha especie de xoia mantida na reserva durante todo aquel curso 1967/68.
Nado en Montevideo nos primeiros días de agosto de 1943, Martínez empezara a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do Peñarol, onde algúns dos seus compañeiros empezaría a chamarlle co alcume de “Pedernera”, xa que, salvando as diferenzas, o xogo de Adolfo Luis lembráballes ao do famoso interior arxentino, gañador de tres Copas América coa albiceleste na década dos corenta e antigo compañeiro de Alfredo Di Stéfano en River Plate e Millonarios de Bogotá.
Tras a súa etapa no cadro xuvenil dos aurinegros, na tempada 1962/63 o noso protagonista ficha no Club Atlético Defensor, entidade que andando no tempo se había converter, con 21 títulos oficiais, no terceiro equipo do Uruguai, unicamente superado por Peñarol e Nacional, os dous grandes do fútbol charrúa. Xogando como interior por ambos os lados, ou ben como medio, Martínez Pereira defende a camiseta violeta do Defensor durante cinco anos, catro en Primeira e un na Segunda, xogando ao carón de futbolistas coma o lendario dianteiro de orixe vasca Pepe Sasía, que foi o único malva que acudiu coa selección uruguaia á cita mundialista de Inglaterra 1966.
As excelentes calidades de Martínez e o seu bo facer no centro do campo do Defensor ían levar ao prestixioso empresario larachés José Añón, presidente do Nacional de Montevideo dende 1955 ata 1961, a recomendarlle a súa fichaxe ao seu amigo Antonio González, máximo dirixente naquela altura do R.C. Deportivo da Coruña, equipo ao que Añón seguía con verdadeiro cariño xa que tamén era presidente honorífico dende facía xa varios anos. Sen pensalo dúas veces, Adolfo Luis, que naquela altura tiña 24 anos, acepta decontado a oferta de dúas tempadas que lle ofrecera por aqueles días o cadro coruñés e, ao pouco, facía a maleta para viaxar á terra que vira nacer aos seus proxenitores, que no caso do pai fora a parroquia arteixá de Lañas e no da nai a carballesa de Bértoa. ¿Sería o pai de “Pedernera” o culpable de que o equipo de Lañas se chamara Peñarol?
Co apadriñamento de José Añón da súa fichaxe, a familia deportivista vía no futbolista de orixe arteixá un dos reforzos máis ilusionantes para recuperar a categoría perdida e conseguir o ascenso á Primeira División. Martínez, casado e coa súa muller en avanzado estado de xestación, chega á Coruña sen a súa familia na mañán do sábado 9 de setembro de 1967, xusto cando o Deportivo facía viaxe por estrada a Torrelavega para disputar a primeira xornada do campionato ligueiro de Segunda. Horas despois, preséntase diante dos medios de comunicación da cidade, aos que lles advirte que, para estar en igualdade de condicións cos seus novos compañeiros, ía necesitar quince días de adestramentos para poder competir con eles por un posto no once de Pedro Eguiluz.
![]() |
La Voz de Galicia, 10 de setembro de 1967 |
O caso é que van pasando as semanas e “Pedernera”segue sen facer o seu debut co primeiro equipo e, para máis inri, unha microrrotura nun tendón producida nos adestramentos aumenta aínda máis a súa inactividade. Á fin, no desprazamento que o Deportivo realizou a Santander para o partido da novena xornada do campionato ligueiro, o futbolista de orixe arteixá vai convocado por primeira vez co conxunto deportivista, partido que remata 0-0 e no que Eguiluz o deixa no banco. Unhas semanas máis tarde, o domingo 10 de decembro de 1967, prodúcese o agardado debut de Martínez “Pedernera” coa elástica branquiazul, nun choque que o Deportivo ía empatar 2-2 en Riazor contra o Badalona formando con Joanet; Sertucha, Domínguez, Campanal II, Aurre; Martínez, Manolete, Suco, Chapela, Beci e Ribada. Segundo as crónicas da época “en las filas coruñesas no hubo un hombre francamente sobresaliente pero cabe alabar, sin embargo, la excelente clase del medio uruguayo Martínez, apodado Pedernera, que jugaba hoy su primer partido con la camiseta blanquiazul 1.” Mais con todo, a pesar da súa boa actuación contra o Badalona, o adestrador Pedro Eguiluz non volvería a contar con el durante o resto da competición ligueira. Martínez, que naquela altura xa estaba acompañado da súa dona e da súa meniña -que nacera en Montevideo estando el na Coruña- soamente xoga uns minutos da segunda parte do amigable disputado en Riazor ao remate da tempada contra o F.C. Barcelona, enfrontamento que tiña a súa orixe no traspaso de Pellicer ao cadro catalán e co que se festexaba o ascenso á Primeira División do Deportivo e do Bosco Coruña, que recibira unha gran ovación como premio polo seu ascenso a máxima categoría do baloncesto estatal.
Baixo a dirección de Cheche Martín, antigo futbolista do Deportivo que se criara na Arxentina tras o fusilamento en 1936 do seu pai Joaquín, secretario xeral do Concello da Coruña, a mans de fascistas do bando nacional, o R.C. Deportivo da Coruña principiaba nos últimos días de xullo de 1968 os adestramentos da pretempada coa ilusión de quitar o sambenito de equipo ascensor. Para manter a categoría os herculinos incorporaran ao seu plantel a Mendieta, porteiro novo que chegara procedente do Real Madrid; o lateral catalán Madir; o central paraguaio Gaona; a Luis, prometedor valor da canteira galega, igual que o ourensán Cortés, e a Juanito, andaluz de hábil caneo que xogara no F.C. Barcelona.
Co novo adestrador, “Pedernera” tiña a esperanza de non sufrir o calvario da tempada pasada e gozar de máis oportunidades para demostrar o porqué da recomendación de José Añón. Pero a historia levaba trazas de repetirse de novo, xa que Cheché Martín con conta con el nin contra o Málaga na Rosaleda (3-1) nin contra o Real Madrid en Riazor (2-4) nas dúas primeiras xornadas do campionato. Consciente de que ía ter poucas opcións de entrar no equipo, o xoves 26 de setembro de 1968 o futbolista con orixes en Lañas e o R.C. Deportivo chegaban a un acordo para rescindir o contrato. Na súa páxina de deportes, La Voz de Galicia informaba que ”esta rescisión se ha llevado a cabo en una total armonía entre ambas partes, siendo por ello de resaltar el que toda la relación que existió entre “Pedernera” y el Deportivo estuvo siempre presidida por una total caballerosidad, por lo que el jugador uruguayo deja en La Coruña y en el club un gratísimo recuerdo”. La Voz tamén apuntaba que ”Pedernera parece estar en negociaciones con el Belenenses de Portugal, por lo que es muy probable llegue a suscribir contrato 2.”
Finalmente a oferta do campionato portugués non se ía concretar e tras a etapa no Deportivo, segundo nos contou no seu momento Pablo F. Brandy, membro do departamento de prensa do Defensor de Montevideo, co cal nos puxemos en contacto en abril de 2017, Adolfo Luis e a súa familia instaláronse en Venezuela.
_________________
1 Hoja oficial de la provincia de Barcelona, 11 de decembro de 1967, páx. 29.
2 La Voz de Galicia, 27 de decembro de 1968, páx. 15.
Ningún comentario:
Publicar un comentario