martes, 27 de outubro de 2026

JULIO MANCEBO, IN MEMORIAM

O pasado 15 de outubro deixounos Julio Mancebo Moreiras, prezado amigo co que viaxamos ducias de veces na máquina no tempo polo Arteixo da súa infancia e da súa xuventude. Aínda incrédulo diante da súa perda, sirva esta crónica como homenaxe á memoria deste ser humano bo e xeneroso que nunca esqueceremos.

Julio Mancebo Moreiras (Cortesía da súa familia)

Fillo do coruñés Julio Mancebo e da arteixá María Moreiras, o noso homenaxeado nace na Baiuca en 1942. Era irmán de María Elisa, comerciante que abriu a primeira mercería da capital municipal, e de José María, bo futbolista que chegaría a xogar no Fabril, o filial do R.C. Deportivo da Coruña.

Julio medra na Baiuca xogando cun numeroso grupo de amigos que ía conservar toda a vida: Miaxo, Baldomero, Quico, Pepe Zas, Chucho da Señorita, José Luis do Mestre, Tonio de Allán, Suso de Aurora, Piro, Avelino, Manín, Paco de Arsenio, Juanechas “e outros que xa se foron para sempre, meus primos Manolito e Maximino, Carra, Lolo de Camila, Rebo e José María, meu irmán. Todos eles axudáronme a ser como son e forman parte da miña vida1”.

De esqueda a dereita, Carra, Quico e Julio Mancebo (Cortesía da familia Mancebo López)

Naqueles primeiros anos da súa infancia na Baiuca había dúas escolas nacionais: a de nenas, rexentada por dona Carmen Frade, e a de nenos, da que era titular don José Cabanas. Pero tamén había unha escola particular, a de Julita Mosquera Calvete (irmá de ‘Pitos’), que tiña numerosa rapazada de varios puntos do municipio. Julio foi alumno de don José e de Julita e, polo que ten contado, gardaba bo recordo de ambas escolas. “A principios do ano 1951 deixei a escola de Julita e funme á nacional. Alí o mestre preparounos para facer o ingreso no Instituto Masculino, hoxe chamado “Salvador de Madariaga”, ao seu fillo José Luis, a Tonio de Allán e a min. Aprobamos en xuño de 1952 e cambiounos a vida. Xa había que estudar francés, lingua, historia, ciencias… porque en xuño do 53 había que volver ao Instituto para examinarse por libre. Ao curso seguinte xa me matriculei por libre e todo foi máis doado2”.

Ao igual que lle aconteceu aos seus amigos de sempre, a súa infancia estivo moi vencellada co Balneario. O edificio termal transformaba, e de que xeito, a vida do Arteixo da época coa chegada do verán. Segundo nos contou Julio en máis dunha ocasión, seica viñan moitos rapaces que eran fillos de familias podentes, e claro, para a rapazada local aumentaban as posibilidades de diversión “porque tiñan xoguetes que nós non tiñamos: patíns, bicicletas, balóns de coiro, raquetas de tenis... Case todos aprendimos a montar en bici a conta dos veraneantes, e tamén a patinar na pista do Balneario”.

O Balneario de Arteixo a comezos dos anos 50 (Cortesía de Ana del Río)

En xuño de 1958 Julito remata 6º, e a primeiros do mes seguinte aproba a reválida, que era o exame oficial que os estudantes daqueles tempos debían aprobar ao rematar os dous cursos do Bacharelato Superior (5º e 6º) para obter o título de bacharel e poder acceder ao curso Preuniversitario (Preu) e á Universidade.

Nesa época o mozo da Baiuca comeza a prepararse para entrar no Banco da Coruña. Dona Emilia, unha señora que veraneaba no Balneario de Arteixo, prometéralle unha praza porque naquela altura un dos seus fillos ocupaba un alto cargo na dirección da entidade bancaria. Avatares do destino, a cousa torceríase a causa do falecemento da señora.

Ao pouco de esfumarse a posibilidade bancaria, Julio decide preparar o ingreso para a Academia General Militar de Zaragoza. “Había un só exame ao ano, no mes de maio, e o ingreso tiña dúas partes: letras e ciencias. Viaxamos a Zaragoza no “Shangai”, un tren que tardaba 25 horas en chegar dende A Coruña a Zaragoza. Para que a viaxe nos saíra máis barata, sacábamos un quilométrico, billete de ida e volta, para viaxar en 3ª. O primeiro ano aprobei a primeira parte do ingreso: Xeografía, Historia, Debuxo Topográfico, Inglés… pero o segundo ano suspendín e non quixen saber máis3”.

Foi aí cando o noso homenaxeado dixo na casa que quería ser mestre.

-Fai o que che dea a gana-, díxolle o pai.

Ferido no amor propio pola contestación do seu proxenitor, decide matricularse por libre de 1º e 2º na Escuela Normal. Aproba todo 1º e a metade de 2º. Seu pai, vendo que o seu fillo ía en serio, díxolle que se matriculara por oficial das asignaturas que lle quedaban: Pedagoxía, Debuxo, Caligrafía, Prácticas… “Saquei notable en todas e o curso seguinte 1963/64 matriculeime de 3º e último curso. Foime moi ben, e ao final saquei Matrícula de Honor no curso e sobresaínte na reválida. Segundo me dixo o sr. Castro, conserxe da Normal, desde a súa inauguración soamente outro estudante acabou a carreira coas mesmas notas que eu. Chamábase Pernas e era de Betanzos. Non cheguei a coñecelo4”.

Á parte de ser moi bo estudante, Julio Mancebo tamén era un excelente futbolista que incluso estivera ás portas da elite do balompé. Xogara o Torneo de Preparación (a antesala do fútbol federado no noso municipio) co Atlético Arteixo, e posteriormente defendeu as camisetas do Santa Margarita, club herculino no que tamén militou seu irmán José María; do seu querido Penouqueira; e do Bergantiños, equipo co que disputou a Serie A Rexional, categoría equivalente á actual Terceira Federación.

Formación do Atlético Arteixo na primeira xornada do Torneo de Preparación disputada o 2 de xullo de 1961. Julio é o segundo pola esquerda da fila inferior (Cortesía da familia Mancebo López)

A dicir verdade, no Penouqueira fixo un pouco de todo. De neno xa era socio infantil e viaxaba co equipo naqueles ómnibus nos que a Sociedade organizaba excursións a diferentes puntos de Galicia. E mesmo foi elexido (en agosto de 1963) secretario da entidade, sendo presidente Toribio Salvadores.

En outubro de 1964 comeza a preparar a oposición a Maestro Nacional. Precisamente nesa época, preparando as oposicións nunha academia da Coruña, é cando coñece á súa futura muller Carmela López Román, moza nacida en Compostela pero que residía na cidade herculina dende que era unha meniña de dous anos. “Fixen un horario que non me saltaba nin un día. Comezaba a estudar ás 09:00 h e paraba ás 12: 45. Os sábados dedicábaos a repasar os temas da semana. Cheguei ao día do primeiro exame e, moi tranquilo, bordeino5”. Uns meses máis tarde de aquela gran alegría, nuns tempos no que a comunicación era a que era, o seu nome aparecía na prensa da época para que pasara a recoller o título obtido:

ESCUELA del Magisterio

AVISO

Se pone en conocimiento de los interesados, que se han recibido los Títulos de Maestro de Primera Enseñanza, para que por los mismos puedan ser retirados en la Oficina de este Centro en horas de oficina y días hábiles, relativos a los señores don Julio Mancebo Moreiras, Ramón Vinagre Romero y Antonio Andreu Cid6.

A Comisión Permanente de Educación Nacional, en sesión celebrada o 19 de febreiro de 1966, nomea a Julio Mancebo como propietario provisional da Escola de Ordes n.º 2, praza que non ocupou porque se tiña que incorporar en breve ao exército para realizar o servizo militar. Nese mesmo ano o seu querido Penouqueira gaña, por primeira vez na súa historia, o campionato da chamada Liga de Arteixo. Julio poucos partidos poidera xogar cos da camiseta vermella porque, precisamente, estaba facendo a mili en Ciudad Real.

Imaxe dunha formación do Penouqueira da tempada 1965/66 exercendo de equipo local no campo de Fornos, terreo de xogo inaugurado nesta tempada e que estaba situado no actual Polígono de Sabón, cerca da desaparecida fábrica de vinagres. De pé, de esquerda a dereita: José María Mancebo, Miaxo, Fernando, Baldomero Moreiras, Lolo, Suárez e Chapita. Abaixo: Manín -o neno-, Paco de Arsenio, Baldomero, José Ramón, Julio Mancebo e Suso (Cortesía de Humberto Mancebo)

Rematadas as obrigas castrenses, o primeiro destino do mozo da Baiuca como mestre de Educación Primaria é o colexio de Vilasantar, a onde chega por unha vacante por xubilación.

Posteriormente estaría no Val do Dubra, que era onde traballaba cando casou en outubro de 1968 con Carmela, que tamén rematara a carreira e exercía o seu maxisterio en Estorde (Cee). A partir de aí, logo de darse o “si quero”, Julio sería mestre en Beseño, parroquia do municipio de Touro, e no ano seguinte, en 1970, en Camelle (Camariñas), vila na que xa residía Manfred Gnädinger, un mozo alemán que non ía tardar en abandonar a típica aparencia dun mozo burgués do centro de Europa para converterse nun ermitán. Si, estamos a falar de Man, o alemán de Camelle.

Pola súa banda, Carmela, despois da súa etapa en Estorde, ía ser mestra en Xaviña (Camariñas) e en Laxe.

O matrimonio, que ían ser pais de Tati, Tere e Julio, chegan a Meicende en 1971, a aquel Meicende no que a refinería estaba modificando non só a paisaxe da contorna, senón tamén o xeito de vivir. Dende a inauguración en 1964 das instalacións petrolíferas, a pequena aldea agrícola de antano, á que mesmo lle escribira Eduardo Pondal no seu poema “Vindo de Bergantiños”, pasou en pouco tempo a converterse nuns dos motores económicos e industriais máis importantes de Galicia. Por tal motivo, foron moitas as familias que estableceron o seu domicilio na localidade, matriculando aos seus cativos no colexio mixto San Xosé Obreiro, de patronato eclesiástico, ao que acababan de chegar Julio e Carmela como novos profesores.

Este centro educativo fora construído entre finais da década dos 60 e comezos dos 70 grazas ao impulso do párroco de Pastoriza, don José Lourido, que contara coa axuda e co apoio da veciñanza e das empresas da zona para sufragar a obra do colexio e das vivendas dos mestres. Porque un momentiño, se cadra os máis novos non o sabedes, pero si, houbo un tempo no que os profes vivían nos colexios.

Imaxe do antigo colexio San Xosé Obreiro, derrubado en 1988 (Xosé Castro/La Voz de Galicia)

Ao pouco de aterrar no San Xosé Obreiro Julio Mancebo pasa a ocupar a dirección do centro, cargo no que ía botar un feixe de anos. Nuns tempos grises nos que a pedagoxía ía por outros camiños, don Julio, como o seguen chamando algúns dos seus antigos alumnos, aportaba luz e chispa. Pensaba que os docentes debían utilizar todos os recursos e procedementos didácticos que tiñan ao seu alcance para que o alumnado aprendera e comprendera, co menor esforzo, os conceptos educativos (e da vida mesma) que se pretendían ensinar, co fin de axudarlle á rapazada a afrontar o futuro do mellor xeito posible. Sobre este particular, o mestre da Baiuca ten explicado a súa metodoloxía nalgún artigo publicado nesa época en La Voz de Galicia, xornal ao que por certo fixo algunha que outra visita co seu alumnado naqueles primeiros anos da década dos 70, nos que o franquismo e a súa política educativa estaba chegando á súa fin.

Julio Mancebo visitando as instalacións de La Voz de Galicia en Catro Camiños cun grupo de alumnos do colexio de Meicende (La Voz de Galicia, 9 de abril de 1974)

O colexio San Xosé Obreiro íase derrubar en xuño de 1988, e con el as vivendas dos mestres nas que, entre outras, vivía a familia Mancebo López, que posteriormente establecería o seu domicilio en Arteixo.

O comezo do curso 1988/89 ía ser algo caótico para os mestres e para os pais dos alumnos xa que, durante uns meses, o alumnado estivera escolarizado en diferentes centros educativos da Coruña. A normalidade volvería en xaneiro de 1989, que foi cando se inaugurou o colexio actual.

A vinculación de Mancebo coa súa localidade adoptiva foi moi grande, abofé. Mestre de numerosas xeracións e director do colexio durante unha eternidade, ademais, tamén sería nos anos 90 o voceiro da directiva de La Esperanza, sociedade á que pertence o Sporting Meicende e que en 2024 cumpriu un século de vida. Fiel servidor e traballador incansable polo ben da súa comunidade, na nosa humilde opinión pensamos que ten máis que merecida unha rúa en Meicende.

E así foron pasando os anos ata que chegamos ao 2003, ano no que o noso querido amigo se xubilou da docencia. Con todo o tempo do mundo, os seus fillos animárono a que contara as vivencias da súa infancia e xuventude nun blog, ao que, con moi bo criterio, decidiu bautizar “A miña Baiuca”. A bitácora botaba a andar o 14 de maio de 2006 con esta entrada:

“Chámome Julio e nacín na Baiuca. Cada sábado vou ver a miña nai e cando deixo as Carballas paréceme entrar nunha desas vilas que aparecen nas películas do Oeste: unha rúa longa con casas a ambos os lados; en vez de cabalos amarrados hai coches aparcados; en vez do salón unha cafetería… mais na rúa non hai xente. Parece unha vila fantasma.

Esta estampa levoume a lembrar os anos da miña infancia, cando A Baiuca era unha estrada viva, chea de xentes que ían e viñan arranxando as súas cousas; de nenos e nenas que xogaban á pelota ou saltaban á corda; e sobre todas as cousas, lembro as portas abertas como invitando a entrar. Desa Baiuca de remate dos corenta e principios dos cincuenta é da que vos quero falar nestas lembranzas subxectivas e intimistas.

A miña Baiuca comeza na casa de Aristón e remata na casa de Jesusa “do Trono”. Non fagades caso do letreiro que hai na casa de Amadeo e que di: “PONTEDOBA”. Para nós a Pontedobá quedaba á outra banda do río7”.

Para un servidor, “A miña Baiuca” foi unha auténtica bendición, un vendaval de información co que tivemos a oportunidade de descubrir o Arteixo dos anos 50. Nesa época na que empezou a escribir na web, ou se cadra uns anos máis tarde (a memoria empeza a fallar), foi cando comezou a nosa amizade. Lembro que a primeira vez que falara con el causárame unha grata impresión. Vía nel a un home afable e nostálxico ancorado nos anos 50-60. Xa tiñamos algo en común, porque eu estaba (e sigo) ancorado nos 70-80. Teño que confesar que Julio xa me tiña “fichado”. Coa súa habitual espontaneidade, naquela primeira conversa que mantivemos no Petisco, soltoume algo que me emocionou profundamente:

- Ti es neto do Touciñeiro.

- Son.

- Pois mira, vouche contar un conto. Cando os rapaces da Baiuca íamos polo verán á praia de Alba ou ao Carreiro, vindo de volta para Arteixo, a vosa casa era parada obrigada!

- E logo?

- Parábamos alí para pedirlles a teus avós un tanque de auga.

- Ese tanque aínda o conservo na actualidade, Julio!

- Que me dis? Hasmo de enseñar un día! Que alegría me acabas de dar!

Dende aquela primeira conversa, Julio converteuse nunha das principais fontes dun servidor. Foi unha especie de “Juliopedia” á que acudíamos con certa asiduidade para consultarlle cousas do Arteixo da súa infancia e xuventude. De feito, cando en 2013 ou 2014 comezamos o traballo de campo para o libro “Sabón” e para o documental “12 Leiras”, onde contamos a historia das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón, tivo a ben participar no proxecto escribindo o prólogo do libro e sendo, ademais, un dos protagonistas do audivisual que realizamos con Xosé Antón Bocixa, documental no que Julio aparece xunto ao seu inseparable amigo Juan Suárez ‘Manín. Podedes ver o testemuño de ambos os dous aquí (a partir do minuto 1:00:35):

Tamén hai que resaltar que durante case unha década o admirado mestre, gran amante da literatura, foi o coordinador do Certame Manuel Murguía de narracións breves, premio literario que organiza o Concello de Arteixo desde 1991.

A finais de 2006 susbtituía a Henrique Rabuñal, que estivera durante 15 anos encargado da organización do concurso. Julio ía levar a coordinación ata o 2 de outubro de 2015, día no que deixa de asumir as súas funcións no prestixioso certame apelando á necesaria renovación de cargos. Tras esta importante decisión ía coller a remuda Alfredo Ferreiro, director literario actual.

Julio Mancebo na súa etapa de coordinador do Certame Manuel Murguía (Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo)

Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo)

Dende que se xubilara en 2003, Julio non parou de escribir. Facíao no seu blog, no que publicou exitosamente ata o 2008, e tamén nuns cadernos persoais aos que denominaba “revoltixos” porque narraba un pouco de todo. Dicía que eran coma unha pota de lentellas nas que tanto podía haber historias de antano como de hogano. Precisamente, nun dos seus “revoltixos” describe así o seu paso polo Certame Manuel Murguía de narracións breves, baixo o título “unha aventura literaria”:

“Cando o alcalde Pose me propuxo ser o coordinador do certame “MANUEL MURGUÍA”, aceptei encantado porque para min era unha honra, unha grande honra. A proposta fíxoma na cafetería “O Parque” en presencia do concellal Luís Patiño.

Foi doada a miña tarefa porque contei coa axuda de Sonia, técnica de cultura, Eva e Lita, un equipo fantástico que me arroupou en cada momento e xuntos fomos introducindo novidades como aumentar a cuantía do premio, establecer premios en metálico para o 2º e 3º dos finalistas…

O longo das distintas convocatorias coñecín a xente moi interesante como Xabier Docampo, Quico Cadaval, Andrés Pociña, Mercedes Queixas…

Lembro unha chea de anécdotas pero a máis simpática, relevante e “cuasi” incrible foi con Andrés Pociña8, gañador do “MURGUÍA” co seu relato “As dúas vellas do Iguasú”.

Andrés é catedrático de latín na Universidade de Granada. É un home moi culto e gran coñecedor da obra de Rosalía e a creada por Luz Pozo.

Eu non coñecía de nada a Andrés Pociña e cando veu hospedouse no hotel Atlántico. Alí nos vimos e falamos de moitas cousas. Díxome que aquela tarde tiña que visitar á gran poeta Luz Pozo Garza e contoume cousas da vida e obra da poetisa. Díxome que o seu gran amor fora un home de gran sensibilidade chamado Eduardo Moreiras. Cando rematou de falarme da enorme calidade da poesía de Eduardo, fixen unha intervención e díxenlle:

-Parecerache unha coña pero Eduardo era primo carnal da miña nai María Moreiras.

Quedo en silencio, miroume cos ollos moi abertos e cun xesto de escepticismo dixo:

-¡Non pode ser!

-Si, Andrés, o pai de Eduardo, era irmán do meu avó Jesús Moreiras.

-¡Que cativo é o mundo! Preséntome a un certame literario que organiza o Concello de Arteixo, gaño o primeiro premio, coñezo o coordinador do certame e dime que a súa nai Maruja Moreiras é prima de Eduardo Moreiras!

En fin, disfrutei moito nos 8 anos que exercín de coordinador do “MURGUÍA9”. 

Imaxe tomada en maio de 2010 na entrada do Centro Cívico Cultural de Arteixo. De esquerda a dereita: Samuel Solleiro -xurado-, Valentín Alvite -finalista-, Andrés Pociña -gañador da XIX edición do Certame-, Antonio Bazarra -finalista-, Montserrat Collazo -finalista- María dos Anxos González Refoxo -xurado- e Julio Mancebo (Cortesía do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo)

Eses textos aos que el denominaba “revoltixos” tiven a sorte de lelos un cento de veces e gárdoos, xunto coas narracións do seu blog “A miña Baiuca”, coma un dos meus bens máis prezados coa ilusión de que algún día vexan a luz nun libro que honre a memoria do meu querido amigo. Porque si, Julio tiña a ilusión de convertir os seus textos nun libro, como así mo deixara caer nun daqueles días nos que quedáramos para tomar unha caña:

-Toma, quero que o leas e que me digas que che parece. A min gustaríame publicar un libro con todo isto.

Que depositara tal confianza en min, supoñía un premio extra á nosa amizade. Lin con moito cariño unha e outra vez o que escribira baixo o título “Cousas miñas: Revoltixo”. Algunhas das historias xa me resultaban familiares da época na que escribira no blog “A miña Baiuca”. Outras sorprendéronme moi positivamente e descubrín informacións para min descoñecidas do Arteixo dos 50-60. E, sendo futboleiro como el era, tamén falaba de fútbol, do seu Penouqueira, dos Mundiais, de adestradores… A dicir verdade, o seu xeito de escribir xa me cautivara na súa bitácora. Gustábame o ritmo da súa escrita e a paixón con que narraba o detalle. Unhas semanas máis tarde volvemos a quedar para poñernos ao día das nosas cousas.

- Que? Que che pareceron esos revoltixos?

- Vou a ser franco, Julio.

- Non agardo menos de ti!

- Disfrutei moito con todo o que contas pero, se tes pensado publicar un libro, eu quedaríame só co que contas da túa infancia e xuventude, e a ese libro engadiríalle todo o que contaches no blog “A miña Baiuca”. Eu deixaría fóra o que contas do fútbol actual.

- Xa che dixen que era un “revoltixo” de contos (risas). Gustoume a túa franqueza. Vou pensar no que me dis.

Neses cadernos tamén descubrín o seu amor pola poesía e, sorprendentemente, mesmo nos deixou unha despedida que escribira en xuño de 2022. Con ela rematamos esta crónica de homenaxe ao noso querido e prezado mestre da vida Julio Mancebo Moreiras:


CUANDO ME HAYA IDO

Cuando me haya ido

volverán, como siempre,

las golondrinas

y preguntarán por mi.

Decidles:

Se ha ido al país

de la primavera eterna,

a fabricar balcones

donde podais colgar

vuestras casitas de barro

y críar a vuestros polluelos.

Decidles:

Se ha ido a plantar

huertos de flores

que llamen a las abejas,

y a las mariposas ingrávidas

que adornan el aire

con sus alas de colores.

Decidles:

Se ha ido… a descansar

a la sombra de su olmo preferido

que guarda el paso del río

de aguas cristalinas

y libélulas de vidrio.

Decidles:

que se fue a leer poemas y relatos

que escribió en su juventud

y tenía olvidados.

Decidles:

¡Fue feliz!10

Julio Mancebo Moreiras (Cortesía da familia)

_______________________________________

1 Pregón de Julio Mancebo Moreiras nas festas do Apóstolo de Arteixo do 2017.

2 “A escola, o Instituto…”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo

3 Ibídem.

4 Ibídem.

5 Ibídem.

6 La Voz de Galicia, 11 de marzo de 1965, páx. 10.

7 Julio Mancebo (2006): “Introdución”, texto publicado no blog “A miña Baiuca”, 14 de maio,

8 Andrés Pociña (Lugo, 1947) foi o gañador da edición do 2010.

9 “Unha aventura literaria”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo

10 “Cuando me haya ido”, “Cousas miñas: Revoltixo”. Texto inédito de Julio Mancebo

Ningún comentario:

Publicar un comentario