domingo, 9 de xullo de 2023

LUÍS SUÁREZ E O PARTIDO PENOUQUEIRA-FABRIL XOGADO NO CAMPO DO BALNEARIO EN 1958

  O galego Luís Suárez Miramontes, lenda do fútbol mundial e único español en facerse co Balón de Ouro, faleceu este domingo aos 88 anos de idade en Milán (Italia), segundo anunciou o que fora o seu equipo durante nove campañas, na década de 1960, o Inter. 

  Neste día tan triste para o mundo do fútbol queremos recordar, como pequena homenaxe a Suárez, un partido que quedou gardado na memoria colectiva de moitos afeccionados ao fútbol da bisbarra. Falamos do Penouqueira-Fabril disputado no campo do Balneario de Arteixo polas festas do Santiago Apóstolo de 1958, un encontro do que aínda se fala de cando en vez na vila do Bolaños.

   Os festexos do 25 de xullo daquel ano principiaran, ás cinco e cuarto da tarde, cun partido de baloncesto feminino xogado nunha cancha montada para a ocasión no campo de fútbol. Os contrincantes foran os equipos “A” e “B” da “Sección Femenina de la Falange”, dúas formacións coruñesas que viñan de disputar o Campionato de España, onde o equipo “A” se proclamara campión estatal e o “B” conquistara o terceiro posto na súa categoría. Malia non ter a superficie de herba as mellores condicións para a práctica do deporte da canastra, os dous equipos farían pasar un bo anaco á gran cantidade de público que, dende as parroquias e dende os concellos limítrofes, se desprazara ata a capital municipal para vivir unha gran xornada deportiva.

   Ao partido de baloncesto, que foi o primeiro xogado en Arteixo desta modalidade, seguiríalle o prato forte da tarde, o enfrontamento entre o Penouqueira e o Fabril que todo o mundo agardaba. O once da Baiuca contaba cos reforzos de varios dos futbolistas arteixáns con pasado fabrilista: Chacho Rey, José María Mancebo e Gerardo Roldán. E tamén con Pitos e con Arsenio, que acababa de ser traspasado do Sevilla ao Granada, club no que ía permanecer ata a tempada 1963/64. O Fabril, que aínda contaba con algún integrante, casos de Porvén, Alvedro e Bouzas, do equipo que obtivera o Campionato Galego de Afeccionados do ano 1954, tiña nas súas filas a unha das estrelas do F.C. Barcelona: Luís Suárez, que xa había catro anos que abandonara o R.C. Deportivo da Coruña para fichar no cadro catalán. Luisito, que se desprazara ata Arteixo pola súa amizade con Arsenio e con Pitos, tamén reforzara uns días antes ao Deportivo nun partido amigable disputado en Riazor entre o cadro herculino e o Nacional de Montevideo que presidía o larachés José Añón.

   Pepe Guillín, por aqueles días delegado do Español S.D. e co tempo directivo do R.C. Deportivo da Coruña durante trece anos, ía ser o encargado de arbitrar aquel histórico encontro xogado a carón do Bolaños, un Guillín ao que era habitual ver nos partidos que se celebraban no campo do recinto termal arteixán. Como non podía ser doutro xeito, Luís Suárez fora o futbolista sobre o cal se centraran as miradas dos centos de espectadores que rodeaban o terreo de xogo, xentío ao que Luisito, malia non empregarse a fondo, como era lóxico, non defraudou en ningún momento.

   Chégase ao descanso cunha vitoria por 1-2 favorable ao cadro herculino, que amosaría a súa superioridade técnica durante o tempo regulamentario. Na continuación, o espectáculo non decae e o público ten a oportunidade de ver anotar ata catro goles máis, que conduciron a un resultado final de 2-5. Luís Suárez con dous tantos, un deles de penalti, Nenito, Manolé e Bouzas foron os autores dos goles do Fabril e, por parte do equipo da Baiuca anotaron Pitos e Gerardo, este de penalti. As aliñacións foran as seguintes:

PENOUQUEIRA: Chacho; Totos, Miaxo, Pardo; José María, Gerardo; David, Pitos, Teté, Arsenio e Narciso.

FABRIL: Mangana; Porvén, Franco, Firi (Pintos); Alvedro, Pepete (Firi); Gisbert (Nenito), Miguel, Manolé (Chas), Luís Suárez e Bouzas.

Futbolistas do Fabril e do Penouqueira no campo do Balneario. Abaixo, no centro, Arsenio Iglesias e Luís Suárez

   Ao día seguinte, sábado 26 de xullo de 1958, os medios herculinos facíanse eco do acontecido horas antes en Arteixo e informaban que ”La gran masa de aficionados salió complacidísima de ambas manifestaciones deportivas, en tanto las dos embajadas coruñesas eran muy aplaudidas, siendo al final delicadamente obsequiadas con un espléndido lunch por el presidente del Penouqueira, que hizo los honores en unión de Arsenio, regresando los componentes de aquellas muy satisfechos. Es justo consignar, finalmente, una pública felicitación a los organizadores de esta gran jornada deportiva que ayer vivió Arteijo”1.

   Julio Mancebo, un neno do Arteixo daqueles días e irmán de José María, un dos futbolistas que integrara o once da Baiuca no choque contra o Fabril, agasallounos con algunhas pinceladas do devandito acontecemento deportivo que aínda se manteñen vivas na súa memoria:Recordo que, polas festas, o Penouqueira xogou durante varios anos contra un equipo importante da Coruña reforzado con Arsenio e outros futbolistas. Un ano viñera Osvaldo, un arxentino que xogou varios anos no Deportivo. No 58 veu o Fabril de Porvén, Bouzas e compañía e xogou reforzado con Luís Suárez, daquela xogador do Barcelona. Xuntárase moita xente, tanta que non quedaba un sitio arredor do campo. Naqueles partidos o árbitro era case sempre Darío do Ferrador. Rematado o partido, a xente pasaba á pista do Balneario, onde bailaban ao ritmo da orquestra mentres que os rapaces faciamos algunha que outra trasnada”.

   Dous anos máis tarde de disputarse aquel lendario partido Penouqueira-Fabril, Luís Suárez íase converter no primeiro, e ata o de agora no único, español en gañar o Balón de Ouro, trofeo que lle sería entregado o 8 de marzo de 1961 no Nou Camp de Barcelona polo subdirector da revista France Football, M. Skavensky, nos prolegómenos do partido dos cuartos de final da Copa de Europa que enfrontaba ao Barça co Spartak de Kralove. Cóntase que, ao vir pasar uns días de vacacións á súa Coruña natal, Luís seica se achegara co devandito trofeo ata o Bar Borrazás, un dos locais frecuentados pola bohemia coruñesa daquel tempo, onde, ao parecer, se celebrou por todo o alto a obtención do prestixioso trofeo.

   En maio dese ano 1961, Luisito, despois de cruzar os Pirineos e os Alpes coma un Aníbal do balón, ficha no Inter de Milán por 25 millóns de pesetas, unha cifra extraordinaria para a época, que se viu rapidamente compensada cos títulos que o futbolista galego lle proporcionou ao club italiano, onde se ía converter, naquela década dos sesenta, nun dos mellores xogadores de todos os tempos ao conseguir os seus maiores logros a nivel internacional: as Copas de Europa de 1964 e 1965 co Inter de Milán, as Copas Intercontinentais dos mesmos anos e, a Eurocopa de 1964 coa selección española… Éxitos que en Arteixo se puideron ver nas primeiras televisións que houbo no municipio. Grazas ao novo aparato electrodoméstico, que era prohibitivo na inmensa maioría dos fogares, os adultos e os cativos acudían en masa a ver as emisións de Televisión Española2 aos bares e ás casas onde tiñan a fortuna de teren algunha daquelas primeiras teles.

   Segundo o testemuño dalgúns arteixáns que estiveran presentes o 25 de xullo de 1958 naquel Penouqueira-Fabril, a primeira casa de Arteixo que tivo este novo invento foi a da señora Julia e os seus fillos Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e Pitos, é dicir, a familia Mosquera Calvete, a mesma casa na que Julita, Pablo e Pitos lles ensinaron a ler e a escribir a ducias de nenas e nenos arteixáns, cativos que tiveron a oportunidade de veren, por vez primeira, as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou aquel rapaz que viran xogar non había moito no campo do Balneario: Luís Suárez.

D.E.P.

____________

1 La Voz de Galicia, 26 de xullo de 1958, páx. 5.

2 Televisión Española (TVE) principiou as súas emisións regulares o 28 de outubro de 1956.

domingo, 25 de xuño de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (3ª parte)

   Finalizado o Torneo de Preparación, no verán do ano seguinte, en 1962, Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputan a primeira Liga federada da zona, campionato que gañarían os da Feira. No verán do 63 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco. Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión. Estamos xa en 1965, o ano do debút no fútbol federado da Sociedad Deportiva Catuxa, que deixara de chamarse Relámpago porque había outro equipo co mesmo nome en Elviña. 

   A parte dos cinco que xa viñan participando na competición, sete novos equipos incorporaríanse nese ano de 1965 á Liga de Arteixo: Larín, Oseiro, Penouqueira, que participara varios anos no campionato das Mariñas, Peñarol de Lañas, Sporting Meicende, Suevos e o propio Catuxa, que debutaba na competición ligueira empatando a un gol no campo do Castro ante o Campanal de Loureda. Por aqueles días, Luís Caamaño, máis coñecido por Luís do Rilón, era o presidente da entidade e o adestrador José Varela, antigo xogador do Fabril que compartira vestiario co lendario Luís Suárez, encargábase de dirixir ao equipo.

 

    Cunha plantilla integrada por boa parte dos mozos da aldea e reforzada con varios futbolistas do Portazgo, de Caión e ata cun porteiro asturiano que naquela hora residía en Arteixo, o torneo ligueiro botaba a andar o domingo 31 de xaneiro de 1965 e o Catuxa xogaba, nesta primeira xornada, contra o Campanal no Campo do Castro con esta alineación: Luís; Emilio, Raúl, Antonio; Rizo, José; Lago, Pelé, Teles, Chacho e Fernando. Aos vinte minutos da primeira parte, Pelé marcaba o 1-0 para os da Pedreira, e cinco minutos máis tarde, Mesejo conseguía o gol do empate para os de Loureda naquel histórico primeiro partido oficial. 

 

Semanario Riazoe, 1 de febreiro de 1965

    O Catuxa finaliza o torneo ligueiro de 1965 na terceira posición da táboa clasificatoria, cos mesmos puntos que o subcampión, o Pastoriza, e a catro do Paiosaco, que conquistaba a súa terceira Liga en catro anos.

    Rematada a competición ligueira e dada a gran cantidade de equipos que había na zona, a Federación Galega determinaría, por primeira e única vez na historia, a organización da Copa de Arteixo, torneo no que o Catuxa iría eliminando sucesivamente ao Pastoriza na primeira ronda, ao Peñarol de Lañas en cuartos de final e ao Larín en semifinais antes de enfrontarse ao Oseiro na final, que se disputaría o mércores, 11 de agosto de 1965, nun ateigado campo da Granxa da Coruña. 

 

O Catuxa na final da Copa de Arteixo de 1965

   Cun once formado por Suso; Emilio, Marcelino; Antonio; Chucho, Rizo; Domingo, Fernando, Machelas, Raúl e Pelé, o Catuxa gañaría aquel partido por 2-0 con goles de Fernando e Marcelino, conseguindo deste xeito o seu primeiro título oficial.

 


(CONTINUARÁ...)

domingo, 18 de xuño de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (2ª parte)

   A afición polo fútbol na Catuxa ía medrando coma a espuma, moi especialmente a partir do 2 de xullo de 1961 que foi cando se xogou a primeira xornada do chamado “Torneo de Preparación”, un campionato semellante ás actuais ligas de peñas que se organizara co fin de facer unha competición federada na seguinte tempada. 

Formación do Relámpago da Catuxa

   Atlético Arteixo, Laracha, Oseiro, Paiosaco, Pastoriza, Lañas, Sporting Meicende e o propio Relámpago serían os oito participantes neste “Torneo de Preparación”, campionato no que o papel do once da Catuxa sería excelente, ocupando finalmente o cuarto posto da táboa clasificatoria tras acadar resultados históricos dos que aínda se falan na aldea de cando en vez... resultados como as victorias nos campos do Laracha e do Atlético Arteixo ou, as rexistradas no seu feudo ante o Sporting Meicende, o Pastoriza e o Laracha. 

 

Crónica da primeira xornada do Torneo de Preparación (Semanario Riazor, 3 de xullo de 1961)

RESULTADOS DO TORNEO DE PREPARACIÓN:


1ª VOLTA    

__________                                   


1ª Xornada (2.7.1961)                     

Pastoriza-Relámpago: 2-1               


2ª Xornada (9.7.1961)                   

Relámpago-Lañas: 1-2                   


3ª Xornada (16.7.1961)                 

Atl. Arteixo-Relámpago: 2-3            


4ª Xornada (23.7.1961)                 

Oseiro-Relámpago: 4-2                   


5ª Xornada (30.7.1961)                 

Laracha-Relámpago: 2-3                 


6ª Xornada (6.8.1961)                  

Relámpago-Sp. Meicende: 4-2       

 

7ª Xornada (13.8.1961)                

Relámpago-Paiosaco: 3-3              

 

2ª VOLTA

_________ 

 

8ª Xornada (27.8.1961)

Relámpago-Pastoriza: 5-4

    

9ª Xornada (3.9.1961)

Lañas- Relámpago: 2-2

  

10ª Xornada (10.9.1961)

Relámpago-Atl. Arteixo: 4-4

 

O Relámpago da Catuxa na 10ª xornada do Torneo (Genaro Cedeira)

11ª Xornada (17.9.1961)

Relámpago-Oseiro: 1-3

  

12ª Xornada (24.9.1961)

Relámpago-Laracha: 4-1

 

13ª Xornada (1.10.1961)

Sp. Meicende-Relámpago: 4-4

 

14ª Xornada (8.10.1961)

Paiosaco-Relámpago: 2-1

 

(CONTINUARÁ...)


domingo, 11 de xuño de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (1ª PARTE)

   Soa o vento e cantan os grilos nas noites de verán no campo do Castro, o terreo de xogo no que a Sociedade Deportiva Catuxa ofreceu tantas tardes de gloria aos seus seareiros. Rodeado das construcións edificadas nos últimos tempos, parece estar definitivamente condenado ao silencio. Mais, na memoria de moitas e moitos veciños do lugar, aínda resoan os berros de ánimo aos seus futbolistas, aos once valentes que cada domingo defendían a camiseta do seu querido Catuxa, un equipo que durante as seis tempadas que estivo federado converteríase nun dos grandes animadores do Campionato de Liga da chamada Zona de Arteixo.

O campo do Castro na actualidade

   Corrían os últimos anos corenta do século pasado, unha época na que moitos homes da contorna gañaban o seu pan nas minas de volframio que se explotaban nos montes da bisbarra, cando Manoliño do Querecho, Manolo Cedeira, Eduardo de Daniel e Manolo de Arturo fundaban o Relámpago da Catuxa. Se cadra, o feito de ver con frecuencia naquela altura ao Deportivo da Coruña concentrado no Balneario de Arteixo, onde anos atrás, en 1945 e 1947, tamén estiveran hospedados os futbolistas da selección española e do Real Madrid por sendos partidos disputados no estadio de Riazor, puido axudar a que aquelas xentes da aldea decidiran que xa era hora de que A Catuxa tamén tivera o seu propio equipo de fútbol.

 

Formación dos anos 40-50 do Relámpago da Catuxa

   Nos primeiros enfrontamentos do Relámpago, uns partidos xogados nos torneos amigables que habitualmente se organizaban polas festas de verán, o once da Catuxa vestía, segundo o testemuño de Genaro Cedeira, con indumentaria azulgrana e, posteriormente, faría o propio cunhas camisetas coma as que utilizaba o Deportivo da Coruña. Ao non contar a entidade cun terreo de xogo propio na aldea, aqueles primeiros enfrontamentos xogados polo Relámpago, dispútanse no campo da Choca de Lañas, a onde os futbolistas chegaban tras atravesar a pé os carreiros do Monte da Angra, onde hoxe está o repetidor de Barrañán, e tamén en Arteixo, nun solicitado campo do Balneario, que non ía tardar en empezar a ser sepultado polo cemento e polo asfalto.

 

Formación dos anos 40-50 do Relámpago da Catuxa

   Nos primeiros anos 50, os dirixentes da entidade arrendan o Campo do Castro, un escenario onde o Relámpago empezaría a escribir con letras de ouro a súa historia, inaugurando o novo terreo de xogo cun partido contra o Sporting Uxes. Tamén, naquela altura, os emigrantes Manolo de Zas e o “Americano da Lolecha” donarían unha copa ao equipo, coa que se organizaría o denominado “Trofeo da Emigración” convidando, para a súa disputa, a un recén fundado Atlético Arteixo. O trofeo, tras vencer aos de Candame por 2-0 con dous tantos obra de Ricardo “da tenda”, sería o primeiro que albergarían as vitrinas que o Relámpago tiña na taberna de Xaquín, a sede social da entidade e lugar onde estaban os vestiarios.

 

Imaxe aérea dos anos 50 da Catuxa. O terreo rodeado en azul é o Campo do Castro

(CONTINUARÁ...)

sábado, 3 de xuño de 2023

A IGREXA DE SANTO ESTEVO DE LARÍN E A INSCRICIÓN DA FACHADA

  Nas Crónicas de Arteixo desta semana visitamos a igrexa de Larín, un templo que agocha un tesouriño nunha das súas fachadas e que, sen ter o renome doutras igrexas do municipio, especialmente as que constitúen unha boa representación do estilo románico da bisbarra, ofrece unha variedade na súa construción que o converten nun conxunto digno de mención e diferente a outros da zona.

Inscrición existente nunha das fachadas da igrexa de santo Estevo de Larín (Xabier Maceiras)

    De planta de salón, a súa capela maior sobresae en altura cubríndose o seu tellado a catro augas, mentres que a nave principal está cuberta a dúas. As capelas laterais e a sancristía están cubertas a tres augas con tella curva do país.

 

Igrexa de santo Estevo de Larín (Xabier Maceiras)

    A nave da igrexa ten unha porta lateral alintelada polo lateral sur. A fachada, de boas pezas de perpiaño, destaca polo seu trazado sinxelo. Seguindo un esquema pentagonal e no seu eixo vertical central, organízase de abaixo arriba, mediante a porta principal de acceso alintelada. Sobre o ingreso vai unha xanela rectangular que lle da luz o interior. Rompendo o vértice do pentágono, unha espadana de dous corpos, o primeiro formado por dous arcos de medio punto que descansan sobre piares moldurados servendo para aloxar as campás. O segundo un frontón triangular flanqueado por uns pináculos con bólas. Remata no vértice deste frontón triangular cun acroterio cuadrangular que soporta unha cruz de forxa1

 

Igrexa de santo Estevo de Larín (Xabier Maceiras)

    Ao igual que a igrexa de Morás, o templo do que estamos a falar está consagrado a Santo Estevo, primeiro mártir da cristiandade ao que o cristianismo púxolle a festividade o día vinte e seis de decembro. Por pura coincidencia coas pedradas da noite de Nadal ás árbores, “tamén el foi apedrado como indicativo de que tras esas pedradas florecerá a nova relixión. O que non nos atrevemos a dicir é que foi antes, se o martirio de santo Estevo ou o costume de apedrar as árbores para que dean froito.”2

    Patrón de Roma, dos cabalos, dos cocheiros, canteiros, albaneis, carpinteiros, tecedores, xastres, e protector contra a obsesión, as pedras e cálculos, a pleuresía, as dores de cabeza, e para pedir unha boa morte, a festividade do santo Estevo celebrouse sempre inmediatamente despois do Nadal para que, sendo o protomártir, estivese o máis próxima á do nacemento do Fillo de Deus. Antigamente tamén se celebraba unha segunda festa de santo Estevo o 3 de agosto, para conmemorar o descubrimento das súas reliquias, mais por un motu proprio de Juan XXIII, o 25 de xullo de 1960, esta segunda festa foi suprimida do calendario romano.

    Non sabemos con certeza a data de construción da actual igrexa de Santo Estevo de Larín, aínda que existen informacións de que a principios do século XVII xa estaba en pé.

 

Igrexa de santo Estevo de Larín (Xabier Maceiras)

    No nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, o Cardeal Jerónimo del Hoyo realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela e no que deixou a seguinte referencia sobre a parroquia de Larín:

SAN ESTEBAN DE LARIN
Tiene esta felegresía veinte y nueve feligreses. Los frutos se acen tres partes: la una y un desmero llieva el retor y las dos don Diego de las Mariñas, cuya es la presentación. Vale la parte del retor dies y seis cargas de todo pan. La fábrica tiene un ferrado de trigo de renta de unas leiras. Hay una ermita que llaman de San Roque.

    Na parte leste da igrexa de Santo Estevo hai unha inscrición que se cadra ten que ver coa fundación do templo, mais é algo que non podemos aseverar. Soubemos deste tesouriño grazas a inestimable colaboración de Manolo García Castro, grande investigador do patrimonio cultural e inmaterial da bisbarra que podedes seguir en Facebook como Bregua Culleredo. 

 

Igrexa de santo Estevo de Larín (Xabier Maceiras)

    Como hai unha parte da inscrición que é ilexible, solicítamoslle axuda a varios eruditos para descifrar o seu significado. Juan Félix Neira, prezado e admirado historiador que acaba de publicar Misterios e encantos de Bergantiños; o ouro soñado e outras quimeras, libro moi moi recomendable, comentounos que “as miñas impresións iniciais son, en primeiro lugar, que é un epígrafe fundacional non funeraria, polo tanto estaría datando algunha construción, quen sabe se a igrexa, porque santo Estevo, promártir, é advocación moi antiga. Por outra banda, eu leo na inscrición MONACUS ME FECIT: “Un monxe fíxome”, é dicir, fundación do lugar. Isto de empregar o verbo facer cun pronome persoal de primeira persoa é moi típico. As últimas liñas son, obviamente, datas na súa maior parte, pero despístame bastante a abundancia de X. Tampouco descarto que apareza a palabra ERA; a R pode ser esa especie de P, que sería unha R en espello. A cruz inicial é obvia e moi habitual para abrir o campo epigráfico. E non descartemos que esa cruz + P + S (se é que son estas letras) sexan as abreviaturas de XPISTOS en grego, é dicir, un crismón. A lápida é ben bonita, parece mentira que aínda queden estas cousas sen publicar”.

 

Inscrición da igrexa de Larín (Manolo García)

    Tamén contactamos con Pablo Sanmartín, membro do Colectivo A Rula e infatigable investigador do noso patrimonio quen, ao pouco de enviarlle por WhatsApp a fotografía da inscrición de Larín, reenvioulle a imaxe ao seu colaborador Juan Andrés Fernández. Uns días máis tarde, e advertíndome de que tiñan dúbidas no final pola forma tan inusual de consignar a datación do mes (xullo, outubro...) o que escribe recibía o seguinte correo electrónico de Pablo:

Achego a nosa proposta de transcrición da inscrición de Larín:

+ PETRUS MONAC

US ME FECIT

ERA 1ª CCXXXX

XXXXX ET QUODUM IXIII (¿IULII; IDIBUS IULII?)

Lectura:

(cruz) PETRUS MONACUS ME FECIT ERA MILLESIMA DUCENTESIMA NONAGESIMA ET QUODUM (¿?)

(cruz) FÍXOME O MONXE PEDRO NA ERA MIL DOUSCENTOS NOVENTA (1252) NO MES DE...

 

Inscrición da igrexa de Larín (Manolo García)

    Así pois ¿será este o epígrafe fundacional que data a construción da igrexa de Santo Estevo de Larín? Sendo así, estaríamos a falar da mesma época na que se edificou a de Morás, con advocación tamén a Santo Estevo e construida no século XII. ¿Ou a lápida en cuestión foi reutilizada, procedendo doutro lugar, cando se levantou a igrexa actual? ¿O templo de Larín edificouse sobre outro antigo? A parte da de santo Estevo e da de San Roque ¿houbo outra igrexa ou capela noutro lugar da parroquia? Ao fío desta posibilidade, a escritora Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Larín durante quince anos (1952-1967), conta na súa novela Bergantiñá que… “a deste Coto hai moitísimos tempos que desaparesceu, non sei se levada polo vento, ou polo desleixo dos labregos en non reparala. Dela deben ser estes pedrouzos e pedrugallos que se ven por eiquí ciscados3.

    Hai unhas semanas, o que escribe tivo a fortuna de localizar unha fermosa cruz con escada (e outra simboloxía pendente de descifrar) nunha vivenda de Larín, unha peza que, postos a soñar, mesmo puido formar parte desta suposta antiga capela da parroquia.

 

Cruz que localizamos nunha casa de Larín (Puri Soto)

    A ver se, máis pronto que tarde, atopamos respostas a todas estas preguntas… seguimos indagando!


FONTES:

TROIANO, XOSÉ (2013): Igrexa de Santo Estevo de Larín, patrimoniogalego.net (http://patrimoniogalego.net/index.php/52632/2013/12/igrexa-de-san-estevo-de-larin/ )

VÁZQUEZ, DORA (1971): Bergantiñá (Novela Galega), La Región, Ourense, p. 113.

VIZCAYA, ROSA BENIGNA & VIDAL, FRANCISCO A. (2009): Dos fastos ós festexos, Dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia.


_________

1 Vid. Xosé Troiano (2013): Igrexa de Santo Estevo de Larín, patrimoniogalego.net (http://patrimoniogalego.net/index.php/52632/2013/12/igrexa-de-san-estevo-de-larin/)

2 Vid. Rosa Benigna Vizcaya & Francisco A. Vidal (2009): Dos fastos ós festexos, Dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia, p. 39.

3 Vid. Dora Vázquez (1971): Bergantiñá (Novela Galega), La Región, Ourense, p. 113.