martes, 19 de maio de 2026

O BIEITEIRO, A ÁRBORE-BOTICA DO PASADO (1ª parte)

   Ao igual que noutros moitos territorios do planeta, dentro da tradición popular galega sempre existiron recomendacións de remedios naturais a base de tal herba, flor ou árbore para cadansúa doenza. Seguramente que a moitas das persoas que estades lendo esta crónica, nalgún momento da vosa infancia ou xuventude, a avoa ferveuvos unhas follas de algunha árbore e facíavos aspirar o seu vapor para mellorar a respiración... non si? Xa contaredes.

  Menciñas naturais procedentes das especies vexetais que, sen estudos científicos que avaliasen a súa eficacia, sabíase ou críase que funcionaban para curar certas patoloxías. Na casa dun servidor o cecimbre, unha especie de menta, era unha desas plantas que a avoa Carme utilizaba acotío como apósito ou cataplasma para axudar a curar as feridas “de guerra” dos seus netos. O cecimbre era unha planta de patrimonio familiar, abofé! Mais esta historia xa vola contaremos noutro momento porque o protagonismo das Crónicas desta semana é para o bieiteiro.

Bieiteiro en Casas Novas, Larín

¡Ouh miña parra de albariñas uvas,

que a túa sombra me das!

‘Ouh ti, sabugo de froriñas brancas,

que curas todo mal!

(Follas novas, Rosalía de Castro)

  Para Rosalía era sabugo. E vós como lle chamades? Bieiteiro? Sabugueiro? Ou doutro xeito? Estas preguntas lanzámolas no noso Facebook o pasado 3 de maio e, durante os días posteriores, a vosa resposta foi incrible xa que contestastes case 250 persoas de diferentes puntos de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e mesmo de Portugal. Mil grazas a todas e a todos!

  Na nosa particular enquisa de Facebook a opción gañadora foi a de bieiteiro, en segunda posición quedou sabugueiro (houbo quen se referiu a el como sabugueiro “o arboriño das uvas da bruxa”), e no terceiro posto quedou biouteiro. Tamén houbo xente que se referiu a esta árbore como saúco -que vén sendo a súa denominación en castelán-, benteiro, venteiro, binteiro, vianteiro, bianteiro, biauteiro, biaiteiro, vieiteiro, sabugo, sabugu, sabuco, sabuguino, sabugeiro, beneitu, bieito, traqueira, vinteiro, fror de vinteiro, herba de san Xoán...

  Sambucus nigra, así é como se coñece na xerga científica ao noso popular protagonista. Etimolóxicamente, Sambucus deriva do grego antigo sambuké (sambýkē), palabra que referencia a un instrumento musical de vento antigo, similar a unha frauta. A razón é que antigamente baleirabase o miolo das pólas para que quedase un tubo oco co que se facían frautas.

  Está documentado que a súa madeira tense empregado para a fabricación artesanal da “gaita de lingüeta”, instrumento primitivo de Galicia, Asturias e Castela1.

  A madeira do bieiteiro é dura e moi resistente á auga, servía para facer estacas. Con ela construíanse ferramentas agrícolas e ata foi empregada en ebanistería. “Tamén facían as zocas co tronco”, contounos América Gundín. E Javier Rodríguez díxonos que “facían tutelos coas súas varas”.

  Segundo nos contan María Xosé Castro e Gema Pérez, o termo “sabugo” refírese especialmente á parte interior do arbusto, que ten carácter esponxoso e que é sinónimo de sámago ou samo, nome que se lle dá á parte máis branda da madeira ou ben á parte interna dos cornos e pezuños dalgúns animais. A razón de que nalgunhas zonas se denomine biouteiro ou bieiteiro, pódese deber a que as súas pólas están xenerosamente ramificadas2.

  En toda a xeografía galega resulta doado atopalo á beira dos ríos ou en zonas preferentemente húmidas. O seu tronco é de cor gris e presenta numerosas fisuras na códea. Semella un pelexo vello con milleiros de sucos. Trátase dun prodixioso arbusto perenne con serias aspiracións a árbore, xa que pode acadar ata os 7 m. de altura, de pólas fráxiles ó teren unha abundante medula branca esponxosa. As follas son opostas e caducas, imparipinnadas: compostas de 5-7 folíolos de forma lanceolada ou oval e bordo aserrado. Entre o verde escuro das follas, agroman nos meses de maio a xuño as inflorescencias brancas en forma de umbela, unhas flores pequenas de cor branca ou amarelada que forman densos corimbos terminais3.

Bieiteiro no Rañal

MEDICINA POPULAR

  Nos tempos de María Castaña, antes de que houbera farmacias, de seguro que ao carón de boa parte das casas de antano había plantado un bieiteiro pois, para os nosos devanceiros, era unha especie de botica á que acudían con certa frecuencia grazas ás súas abundantes propiedades medicinais: contén aceites esenciais, taninos, ácidos orgánicos, ácidos animados, azucres, abundante vitamina C, ademais dunha serie de glicósidos como a rutina e a sambunigrina.

  As flores, o froito e a cortiza teñen moitos usos domésticos como purgantes, para facer inhalacións, insecticidas, cicatrizantes,  diuréticas,  sudoríferas,  antiinflamatorias, depurativas,  laxantes, para facer tintes, etc.

  As flores posúen propiedades diuréticas e emolientes. “Na nosa zona de Guitiriz cando eramos rapaces collíamos as flores e vendíanse a unha señora que as compraba alí”, contounos Montse López. De Lugo, concretamente de Friol, tamén nos chegou o testemuño de Xosé Antón Sánchez, que nos dixo que “nós apañamos as flores para vender, e os cartos eran para os coches eléctricos o día da festa, Santa Sabela, en xullo.

  Seica as infusións das flores son boas para baixar a febre, para gripes e catarros, e tamén como laxante suave. En uso externo (lavados, locións ou compresas) aplícase para tratar as dermatoses, feridas, queimaduras e conxuntivite. Ademais, está documentado o seu uso contra o xarampón e contra a erisipela4.

Flor de bieiteiro no Rañal

  Frecuentemente chamada disipela, a erisipela é unha infección da pel, xeralmente da cara, provocada por certas bacterias e caracterizada pola presenza de manchas vermellas. Como remedio utilizábanse follas das flores secadas á sombra e en lugar ventilado, froitos recollidos a finais do verán e no outono e cortiza arrincada en outono, preferiblemente de pólas de dous anos, e despois secadas5.

  Carmen Bermúdez, veciña do Rañal (Arteixo) nacida nos anos 40, recorda que “cando eu era nena esmaghábanse os ghomos do bieiteiro, eses xeniños ou poliñas novas que saen cando está brotando un árbol, Estos ghomos esmaghábanos cando había disipela ou eccema, que era unha enfermidade da pel. Recordo que compraban un salvado que se chamaba sésamo, esmaghaban os ghomiños do bieteiro e mesturábase todo e despois facíase unha pasta que se poñía na pel. Disque iso queimaba a pel mala e axudaba a curar. Estas cousas eran remedios de antes que daban resultado. Aghora a xente xa non cre nesas cousas, e se llo contas a alghén aínda se rin de ti”.

  As flores novas empréganse contra afeccións das vías respiratorias altas. Resultan tamén sudoríficas (estimulan a transpiración), depurativas (purifican o sangue), calmantes e antinflamatorias (reducen as inflamacións) e, aplicado en infusión sobre os ollos, alivia a conxuntivite. “Facíase unha infusión pala lavar os ollos”, recordaba Pilar González. “Era bo para a conxuntivite e para as manchas de pel. Unha das árbores sagradas dos druidas. Para as manchas de pel faise infusión en fror e hai que mollar as manchas varias veces ao día”, díxonos Carmen Pérez. Cun testemuño semellante, José Loureiro e R.A. contáronnos que “é boísimo facer infusión con esa flor, deixar enfriar e úsalo para os ollos”. E Maribel Piñeiro tamén afirmou que “era usado para problemas de pel”.

  O cheiro das súas follas vai moi ben para espantar as moscas, motivo polo que se penduraban nas cortes. Usábanse, ademais, para escorrentar as moscas dos cabalos polo recendo. Facíase un feixe destas follas e levábase cando se cabalgaba.

  Parece ser que as follas desta árbore tamén son o perfecto antídoto para as ortigadas. Sobre este particular, o larachés Xosé Cotelo díxonos que “a min aprendéronme que cando te ortigabas era bo frotar as follas dos bieiteiros contra os grans producidos na pel polas ortigas”. Practicamente do mesmo xeito, María José Rey, Jorge Martínez, Fina Arias, Carmen Vázquez, Mercedes Santamaría e Mary Gerpe lembraban que “refregamabos as follas cando nos ortigábamos”. Mariluz Accion tamén facía alusión no noso Facebook a que se utilizaba para quitar o picor das ortigas, pero a maiores tamén nos dixo que “quentaban as cañas cando tiñan dolor de oídos e o zumo blanco que saía botábano quentiño no oído, e din que sacaba a dor”.

Flor e follas de bieiteiro no Rañal

  A ese mesmo cheiro das follas do bieiteiro atribúeselles ademais a propiedade de escorrentar certos animais considerados daniños, coma sapos, cóbregas, ratos, toupas píntegas, etc.6 “Un pau chantado no chan alonxa os toupos”, recordaban Carmen Pérez e María Vázquez. E repele os pulgóns e eirugas doutras plantas7. “Eu estou macerando as follas para acabar cas formigas que xa me entran para a casa”, contaba Marila Martínez.

  Como curiosidade terapéutica hai quen recomenda facer cigarros coas follas do bieIteiro co fin de conseguir deixar de fumar8, unhas follas que tamén se empregaban para curar feridas e rozaduras.

  Cos froitos (os sabugos) moi maduros pódese elaborar un xarope laxante. Son bagas de cor vermello ao comezo, que tornarán púrpura brillante moi escura, negra ou violácea que madurece a fins de agosto e en setembro formando un sedutor acio para moitos paxaros do monte. Popularmente coñéceselles como “uvas da bruxa”. Con todo, non agochan ningún máxico poder pero si importantes cantidades de vitamina C e de fósforo”9.

"Uvas de bruxa"

(...CONTINUARÁ)


FONTES:

CASTRO, MARÍA XOSÉ/ PÉREZ, GEMA (2009): O sabugueiro, Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, nº 59

GALIPEDIA: https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

MONTENEGRO, GLORIA (2024): A metade das 200 plantas recoñecidas en Europa para crear fármacos danse en Galicia, Gciencia Xornalismo+Divulgación, https://www.gciencia.com/

SÁNCHEZ DE TOCA GUSANO, ALBERTO (2017): O sabugueiro (Sambucus nigra), Columba Revista Cultural Nº 17, 2017, Cobas, Ferrol, https://www.sociedadecolumba.com/

_________________

1 Vid. María Xosé Castro/ Gema Pérez (2009): O sabugueiro, Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, nº 59.

2 Ibidem.

3 Ibidem.

4 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

5 Vid. Alberto Sánchez de Toca Gusano (2017): O sabugueiro (Sambucus nigra), Columba Revista Cultural Nº 17, 2017, Cobas, Ferrol, https://www.sociedadecolumba.com/

6 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

7 Vid. María Xosé Castro/ Gema Pérez (2009): O sabugueiro, Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, nº 59.

8 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Sabugueiro

9 Vid. María Xosé Castro/ Gema Pérez (2009): O sabugueiro, Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, nº 59.

martes, 12 de maio de 2026

A PARROQUIA DE ARMENTÓN NAS “MEMORIAS” DO CARDEAL JERÓNIMO DEL HOYO (1603-1620)

   Jerónimo del Hoyo foi un relixioso español nacido en Aguilafuente, provincia de Segovia, que en 1595 solicitou unha bolsa para entrar no Colexio de Santa María de Jesús de Sevilla.

  O clérigo chega uns anos máis tarde a Galicia onde, como cóengo cardeal da catedral de Santiago, realiza unha visita pastoral entre 1603 e 1620 pola arquidiocese de Compostela en nome do arcebispo Maximiliano de Austria.

  Durante esos tres lustros levou a cabo unha descrición das parroquias, vilas, cidades, hospitais e fortalezas, que deixou recollida nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela.

  Ese manuscrito vén sendo o volume Memorias del Arzobispado de Santiago, no cal tamén figuran as parroquias de Arteixo, que na administración eclesiástica pertencían ao Arcedinado de Nendos e ao Arciprestado de Faro “(…) Este arciprestazgo está rodeado de mar por la parte del septentrión, casi desde la villa de Cayón, dando vuelta por la torre de Hércules y La Coruña, hasta la puente del Burgo. Este arciprestazgo la mayor parte del es mariña y así tiene mucho viñedo y muchos frutales; y la parte que cae hacia Cayón y Bergantiños es tierra de mucho pan y de razonable cría de ganados. Los habitantes dél, aunque son labradores regularmente hablando, tienen buenas casas y aunque le rodean tanto mar, por ser tan bravo solo los de la pescadería de La Coruña son pescadores y si en alguna aldea hay uno o otra son de poca consideración, si bien en San Martiño de Suevos, questá a legua y media de La Coruña, se pescan ballenas a su tiempo”.

  Deseguido transcribimos o que conta Jerónimo del Hoyo sobre a freguesía de San Pedro de Armentón:

SAN PEDRO DE ARMENTÓN

Hay en esta feligresía treinta y dos feligreses. Los frutos se hacen dos partes: la una y un desmero llieva el retor y la otra por sincura, Collegial de La Coruña. Vale la parte del retor veinte y quatro cargas de todo pan. Presentación de legos, dicen del conde de Fuentes. La fábrica tiene de renta real y medio de una leira y veinte maravedís de otras. Hay una hermita de Nuestra Señora del Remedio que fundó el licenciado Figueroa. 

Imaxe antiga da ermida de Anzobre


FONTES:

María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe. Volume II. Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo



martes, 5 de maio de 2026

O COQUE DE LARÍN NO PASADO E NO PRESENTE. “FERNANDO CABEZA QUILES, IN MEMORIAM”

 Nas Crónicas de Arteixo desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver un par de puntos do lugar do Coque, na parroquia de Larín, en épocas distintas.

  O Coque xa tivo protagonismo a semana pasada neste espazo, cando falamos da modista Jesusa Crespo (podedes ler a crónica aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2026/04/jesusa-crespo-modista-do-coque-de-larin.html ).

  Sobre este lugar María Rozamontes Vázquez dinos o seguinte no volume II de Arteixo de onte a hoxe, libro editado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo en 2003:

O Coque é unha entidade de poboación que está na parroquia de Larín, na ladeira da Pedra Maior e do Monte da Garabiteira. As súas comunicacións vertébranse por accesos sinuosos e estreitos e a base da súa economía é a agricultura minifundista e familiar.

Etimoloxicamente pode aludir a unha pedra elevada de forma redondeada. A raíz CUCC- COCC- está presente en topónimos que aluden a esas formacións pétreas. Eses son dous radicais de orixe prerromana1.

  As persoas que seguides habitualmente esta bitácora sabedes que en cuestións de toponimia, o prezado e admirado mestre Fernando Cabeza Quiles era un dos nosos colaboradores habituais. A súa obra de investigación toponímica convertérono ao longo das últimas décadas nunha das máximas autoridades galegas e internacionais na materia, desentrañando a etimoloxía e o significado de moitos nomes de lugar da nosa xeografía en múltiples estudos en viaxes por toda Galicia. Cun feixe de libros publicados, sen dúbida algunha foi o gran referente nos estudos da toponimia no século XX e tamén o foi neste século XXI ata o pasado venres, 1 de maio, día no que nos deixou aos 73 anos de idade.

  As voltas que da a vida, o mércores 29 de abril contactamos con el pola noite a través do WhatsApp para solicitarlle, por enésima vez, a súa colaboración:

-Moi boas Fernando! Un favor. Na parroquia de Larín hai un lugar que se chama O Coque. Que me podes dicir deste topónimo? Non hai presa… escribirei sobre el a próxima semana.

  Minutos despois, coa súa habitual cortesía, Fernando contestaba o seguinte:

-Aí debe haber o nome dunha persoa expresado de forma hipocorística ou agarimosa. Mañán dígoche algo máis cun exemplo paralelo. Cando paso pola estrada sempre miro para o cartel do Coque. Boa noite.

  Desgraciadamente ese exemplo paralelo xa non chegamos a recibilo. Impactados aínda pola súa perda, para un servidor O Coque quedará sempre asociado á memoria de Fernando… foi o seu último topónimo de Arteixo!

  Deseguido, aí van dúas imaxes do Coque de antano e outras dúas do Coque de hogano, unhas e outras tomadas aproximadamente no mesmo punto. As fotografías antigas pertencen ao libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta, da autoría de Manuel Pazos Crespo (‘Lolo do Coque’) e Manuel Rodríguez López (‘Manolo de Queitano’)2.

Ano 1964. Maruja e Tonio dos Camallóns. Observa a liña dos troles e a paisaxe cara o Coque, Rexedoiros e o Anide. Detrás deles un coche tipo Dauphine, estranxeiro, co volante á dereita (texto e foto do libro Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta, p. 131)

_________________________________________

Ano 1961. Carmiña do Leiteiro cun "cin" á cabeza vindo do río do Coque, á esquerda. Á dereita a casa vella do Coque e ó fondo o monte da Xesteira, hoxe cheo de casas (texto e foto do libro Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta, p. 135)


____________________________________________________

1 María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe, Departamento de Normalización Lingüística Concello de Arteixo, p. 65.

2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes; dos corenta aos setenta, Concello da Laracha.