Hai exactamente 15 anos, tras moito tempo traballando como auténticas formiguiñas na recompilación de fotografías, investigacións, entrevistas, etc., Manuel Pazos Crespo (‘Lolo do Coque’) e Manuel Rodríguez López (‘Manolo de Queitano’), ambos veciños de Paiosaco, publicaban o libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta, un traballo que foi editado polo Concello da Laracha en xuño de 2011.
Os obxectivos fundamentais dos autores era rememorar como era a vida en Paiosaco e nos seus núcleos de poboación máis próximos, tecendo un fío condutor entre as xeracións antigas e modernas e formando un nexo arredor do que todas as persoas que o desexaran poideran participar, gozar e aprender.
O libro está distribuído en sete capítulos e vinte apartados. Cada un destos apartados contén as fotografías que a Lolo e a Manolo lles pareceron máis relevantes e axeitadas e comeza cunha entrevista a unha persoa de Paiosaco ou relacionada coa localidade para orientar as imaxes do respectivo apartado. “As vinte e catro persoas entrevistadas son, na realidade, as protagonistas e coautoras do libro” din os autores no prólogo da súa obra. E precisamente, unha destas vinte e catro persoas entrevistadas é Jesusa Crespo Martínez (‘Jesusa do Coque’), protagonista das Crónicas de Arteixo desta semana.

Jesusa Crespo Martínez (Foto do libro Paiosaco en Imaxes. Dos corenta aos setenta)
Que ben fixeron teus pais
en facerte costureira,
cando chove non te mollas,
cando vai sol non te queimas.
O traballo de costureira, caracterizado pola artesanalidade, a itinerancia e un forte compoñente social e económico familiar, era un dos oficios tradicionais de Galicia que foi fundamental para o desenvolvemento da vida nas parroquias.
Estas mulleres traballaban a domicilio para a confección e mantemento da roupa e acudían ás casas particulares coa súa máquina de coser que, en numerosas ocasións, carrexaban á cabeza dun lugar a outro.
Jesusa Crespo Martínez, nacida en 1917 no lugar do Coque, parroquia de Larín, e nai de uns dos autores do libro nomeado anteriormente (Manuel Pazos Crespo) foi unha de aquelas costureiras-modistas dos tempos en branco e negro, tempos que describe na entrevista que aparece no libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta que transcribimos deseguido:
Jesusa, Jesusa do Coque, naceu o ano que rematou a I Guerra Mundial. Ten 93 anos e leva desde os 10 dándolle á agulla. É unha desas persoas ás que lles gusta o que fai e que o pasa ben coa súa profesión. Á súa idade pasou por moitas vicisitudes e hoxe na súa casa da rúa Barcelona da Coruña, cansouse de falar da súa profesión, tanto que se poñemos aquí todo o que nos contou danos para varios tomos.
-Empezaches a coser moi nova, segundo teño entendido, ¿cantos anos tiñas?
-Tiña 15
-¿E ata esa idade que facías?
-Pois… traballando na terra, con meus irmáns
-¿E cantos irmáns erades?
-Eramos nove
-E despois empezaches a coser…
-Mira, cando tiña 10 anos xa eu cosía coa muller dun mestre que había no Igrexario de Larín, que era de Cáceres. El chamábase D. Santos e ela Antonia; ela non tiña máquina de coser pero cortaba e cosía como quería. Eu tiña que ir pola mañá á escola porque senón o mestre non me quería alí pola tarde. D. Santos tiña un xenio doente… e sempre me dicía: “Tú escapa por la mañana para la escuela y por la tarde estás aquí siempre…” E pola tarde íamos Aurora de Caamaño, unha irmá de Otilia do Estanco e eu. Daquela tería uns 10 anos.
-Pero iso foi na escola, pero onde aprendiches a coser…
-Iso foi na Laracha onde estaba a Carnicería Zas, fronte á Panadería de Benito. Pegada á carnicería había unha vivenda na que estaban dúas irmás dun cura de Lendo, que eran asturianas. Ían todos os días á misa e cosían moi ben pero non facían máis que arranxar sotanas para os curas, camisas para os de Cacheiro e vestidos para unha nena que tiñan as de Carballido.
-Á Laracha, a esa casa ¿que ías todo o día ou só a unha hora?
-Levantábame e marchaba para A Laracha pola mañá e viña á noite. Para xantar levaba un ovo ou uns pementos para fritir e comía cunha barriña de pan que compraba na de Castiñeiras. E así, fun nove meses. Ían tamén alí Hermelinda de Ramiro, Manuela de Cacheiro e Socorro a muller de Chucho de Negreira.
-¿Deixaches de ir alí e como seguiches…?
-Despois, Teresa de Barreiro tiña unha mercería, detrás da casa dos de Benito, onde compraba broches, algún botón, fío… Teresa viña coa tenda a Peisaco os días de feira e miña nai compráballe as medias e cousas así, de paso que estaba alí sentada no posto. Un día Teresa díxolle que me tiña que levar a un sitio onde me ensinaran o corte porque coser xa sabía.
-¿E fíxolle caso túa nai?
-Díxollo a meu pai, ó chegar á casa, e o día seguinte pola mañá, luns, levoume á Coruña. Meu pai era moi bo… Chegamos a Sta. Catalina e na Viúva de Salvadores dirixírono a un lugar próximo, onde tiñan o taller dúas irmás, unha delas casada cun barbeiro rubio que había en Sta. Catalina. Alí ensináronme o corte, o que elas sabían, durante un mes escaso. Saía do Coque no coche das leiteiras, sobre as once da mañá, e chegaba ó fialato cando lle cadraba; moitas veces xa me baixaba alí e ía andando para chegar antes e aproveitar mellor as dúas horas no taller. Levaba algo de comer e terminaba ás catro; despois volvía a coller o mesmo coche e estaba na casa ás seis, ás sete… ou ás oito. A min o coche víñame moi xeitoso porque era de meu tío e gardábao no noso alpendre.
-Pasamos a escola, o taller das asturianas na Laracha e agora o corte en Sta. Catalina… ¿que vén, logo?
-Cando deixei o corte ía facer os 16 anos e faltaban dez días para a festa do Sacramento de Larín, no mes de xuño, e había que facer os traxes para estrear; a costureira xa non viña á casa e tiña que facelos eu.
Fun á feira e merquei no Sabano, un tendeiro moi bo de Carballo, nove metros de crespón a cinco pesetas o metro. O Sabano, que se chamaba Paco e era un chico moi fino, preguntoume se ía facer eu os vestidos e, cando lle dixen que si, contestoume que lle gustaría velos de feitos.
O día que os cortei estaba o xastre do Casal no mesmo cuarto, na nosa casa, facendo os traxes para meus irmáns. Ás doce da mañá xa tiña un vestido cortado polos patróns e colocado enriba dunha cama. Veu por alí miña nai e díxome: “Cortar cortáchelos pero como non os deas xuntos vaste acordar do día”. Daquela o Xastre do Casal, home moi serio, díxolle: “Vaite facer a comida que isto quen o escagallou sábeo xuntar”. Miña nai botouse escaleiras abaixo e non volveu por alí.
Á dereita da imaxe, a casa vella do Coque, lugar da parroquia de Larín no que naceu Jesusa e viviu ata que casou (Foto do libro Paiosaco en Imaxes. Dos corenta aos setenta) -Pasou a festa, os vestidos foron un éxito, leváchesllos a Paco o Sabano e despois ¿como seguiches?
-Pois ía coser polas casas.
-Cóntanos algo diso e porque zonas ías.
Fun a Pías, á Ameixeira, a Revirente, ó Igrexario de Erboedo, a San Paio… ás casas dos labradores todos onde había mozas para facerlles roupa e mozos para facerlles camisas. Por certo, xa teñen vido mozos de Cerceda a facer as camisas á casa.
-¿E como te fixeches coa primeira ferramenta, coa primeira máquina de coser?
-Cando tiña 13 anos, na do Seco…
-Como que ós 13 anos… pero, ¿non empezaches ós 15?
-Si, pero eu xa desde que ía á escola repasaba toda a roupa e botaba a peza que non botaba remendo. Pois José do Seco díxolle a miña nai que lle vendía unha máquina boa por dez pesos e que me viría ben a min. Era unha Singer Neuman e xa non se sabía cal era a súa cor. Non durou moito e houbo que tirala, pero fun comprar outra a Requesende por vinte e seis pesos de prata; era duns señores que a trouxeran de Norteamérica; estaba nova totalmente pero colgárona no fumeiro xunto a cheminea e co fume, as cinzas foi collendo porquería e, aínda que cosía ben, estaba moi recia. Cando a comprei viña comigo miña irmá Aurelia e díxenlle que a ía levar a Añón para que a limparan: tiveron que metela en gas, desarmala e limpala peza por peza. ¡Que ben cosía aquela máquina! Era unha máquina de pé e podía levala polas casas porque lle poñía o manubrio da que lle comprara a Seco.
Así que, pola mañá, levantábame e marchaba coser polas casas e, pola noite, cosía na casa os encargos que me facían.
-E como facías nos días de inverno cos días tan pequenos…
-Facía como podía. Mira, teño enebrado a agulla á luz da lúa…
-Comentábache o do inverno porque ó ser os días pequenos, ir e vir andando a sitios tan lonxe como Revirente…
En Revirente, case me quedaba sempre a durmir, pero cando ía a San Paio, non…
-Cosías á luz do gas, do candil…
-Ou dunha vela…
-E así para a casa dun labrador, ¿canto tempo ías?
-Depende da xente que houbera. Podía ser un día, dous, tres…
-Jesusa, estamos falando, máis ou menos do comezo dos anos trinta, da época da II República, cando ti tiñas menos de 20 anos, antes de comezar a Guerra. ¿Quen compraba as telas e onde?
-Nesa época comprábase todo en Peisaco, non se viña á Coruña. As telas comprábanas as clientas na feira e medíase case todo por varas, que se usaba, daquela, máis co metro. Tamén se compraban moitos retales na feira…
-Todo iso, tamén os retales, vendíanse nos cubertos, ¿non?
-Non, os retales non se vendían nos cubertos. Estaban por onde se vendían os ovos.
-Ben, ¿e canto tempo fuches polas casas?
-Sete anos ou oito, desde os 16 ata os 24 anos. Cando empezou a Guerra ía polas casas e durante a Guerra tamén fun. Cando acabou en abril, morreu meu irmán Perfecto, e daquela xa eu tiña o taller na casa e cada vez ía menos polas casas.
-¿Cando ías á feira que comprabas?
-Sobre todo fío, botóns, cinturilla… todas aquelas cousas que precisaba para traballar. De vez en cando tamén compraba telas ou acompañaba a clientas para compralas. Pero eu na feira ou cando ía a algún sitio fixábame sobre todo na roupa que levaban as demais.
-Falemos de cartos. Cando ías polas casas como cobrabas, ¿por peza ou por día?
-Empecei cobrando unha peseta a mantido. Por certo, dábanche case mellor de comer os máis pobres cos máis ricos. Gardo un moi bo recordo de cando ía á casa de Dorinda do Zoqueiro do Areal.
Nalgún sitio tiñas que botarlle moito valor para comer. Estoume acordando dalgún sitio onde tiñas que comer a broa sen peneirar e o leite todo cheo de muxicas nunha cunca máis negra por dentro e por fóra ca un tizón. En fin, eran outros tempos…
-Xa establecida co taller no Coque para ti a feira de Peisaco víñache de marabilla porque, ademais de abastecerte de material para coser, aproveitaban as clientas para verte.
-Mira, o día da feira, viñan as clientas de máis lonxe de todos os sitios. Viñan nunhas bestas grandes e bonitas desde Lendo, Baldaio, Soandres… As máis ricas viñan nas bestas e as demais viñan andando. O día da feira viñan buscar a roupa, ou probar, ou elexir ou encargar calquera cousa porque, co paso do tempo, xa me encargaban a min as telas… e houbo un momento que eu xa case non ía á feira.
-Ben, vaiamos recapitulando un pouco Jesusa. Acabou a Guerra, puxeches o taller na casa vella de teus pais, no Coque, mercaches a túa primeira máquina nova de coser Alfa, de moble, no 1944, casaches con Ricardo no 1945, despois de botar con el os primeiros bailes aló polo 1934 no salón dos do Rei, onde viven hoxe Maruja e máis Pepe, despois viviches algún tempo, pouco, na casa de Verino, xunto á de Che de Otero para terminar facendo a casiña do Coque á que fuches vivir no ano 1951.
Panorámica actual da casa do Coque á que foi vivir Jesusa en 1951 coa súa familia Estiveches no Coque ata o ano 1969 que te trasladaches a vivir á Coruña. Cóntame algo da vida no Coque, ¿cantas rapazas tiñas no taller?
-Chegou a haber cerca de vinte. Viñan desde Erboedo, Barrañán, Golmar, Sorrizo, Lañas, Estramil, Centulle, Coiro… Unhas ían comer á casa, outras traían a comida e comían alí… Pero eu rapazas aprendendo a coser e axudándome xa as tiven antes. Cando ía polas casas houbo momentos que levaba comigo dúas ou tres aprendizas. Despois, cando vin para A Coruña no 69, tiña menos xente traballando pero tiña moi boas clientas como sempre. Sempre tiven moi boas clientas.
-¿Cal foi a prenda máis rara que tiveches que facer?
-En realidade nunca tiven que facer prendas raras. Algunha curiosa como a que lle fixen ó tío Chuco de Milio da Barreira: unhas cirolas de estopa que había que coselas á man…
Despois todas as pezas ían polo meu gusto e polo das clientas. Pero hai algunhas que non se me esquecerán nunca. Acórdome de que polo Santiago, faltando poucos días, veu Pilar, a muller de Santiago de Cacheiro, que lle tiña que facer roupa para ir a celebrar o santo do home a Santiago. Levábase o estilo Gilda e ela era alta… Era roupa así por aquí (e Jesusa sinala coa súa man na pantorrilla), moi apertada na cintura e con moito voo por abaixo, de capa doble. Con aquel tipo, alta, delgada… eu pensaba: “Ui, miña madre querida!”. Mandoume que lle comprara un traxe de vestido e chaquetón. Compreille traxe negro, vestido negro e aquela tela que era unha gamuza preciosa…
¡Que gusto daba traballar naquelas telas! Fíxenlle o chaquetón así por aquí… vamos, semicapa e o vestido de faia negro, brillaba, sacaba brillos… era preciosa. O voó do vestido medía 8 metros polo dobladillo; púxenlle un piquillo de puntilla branca todo por abaixo todo arredor.
Marcharon para Santiago e ó outro día cando chegaron e antes de ir á casa viñeron xunto a min e viñéronme felicitar porque a súa roupa servira de modelo en Santiago.
-Tamén supoño que pasarías algún apuro moi forte… pasarías algunha noite sen durmir, ¿non?
-Ui… pasei semanas enteiras sen durmir. Tiña unha butaca de mimbre e cando tiña moito sono recostábame un pouco ca cabeza cara atrás, quedábame un anaco trasposta e volvía a traballar outra vez… Pero a min gustábame moito o que facía, disfrutaba e aínda disfruto hoxe. O que pasa é que este frío non me deixa ter axilidade nas mans.
Mira, a min ensináronme o corte pero eu non estaba contenta con ese corte porque había que facer moitas probas e eu pensaba que iso se podía mellorar. Collín unha noite os patróns de papel e unha sábana vella e milímetro a milímetro e centímetro a centímetro botei a noite enteira facendo uns patróns cos que non tivera que probar máis que unha vez para non molestar tanto ás clientas, que por certo se estrañaban moito ó ver que con unha proba era dabondo.
E temos que cortar porque Jesusa é capaz de seguir falando sen ir á cama ata mañá e non deixa sitio no libro para ninguén máis. A min non me estraña: 93 anos dan para moito.
Moitas grazas, Jesusa1.
Uns meses despois desta entrevista, o 29 de abril de 2012, Jesusa Crespo Martínez, a modista do Coque, que xa levaba anos viúva de Ricardo Pazos Verdía (tío de Manolo, o da Discoteca Pazos da Laracha) finaba aos 94 anos de idade. Sirva esta pequena homenaxe para honrar á súa memoria e a de todas mulleres que se dedicaron a aquela profesión coa dificultade dos tempos que lles tocou vivir!
________________________________________
1 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes; dos corenta aos setenta, Concello da Laracha; pp. 345 a 350.



Ningún comentario:
Publicar un comentario