xoves, 26 de outubro de 2017

FRAGA, UN FUTBOLISTA DE SUEVOS NO R.C. DEPORTIVO DOS 80

     Na memoria de moitos aficionados do R.C. Deportivo da Coruña aínda se agocha o recordo da derradeira xornada da tempada 1982/83, cando o equipo herculino, dirixido naquela altura polo arteixán Arsenio Iglesias, plantárase ás portas da Primeira División, na que non participaba dende había xa dez anos. Os deportivistas estiveran intratables durante todo o campionato en Riazor cedendo tan só catro puntos mais, pola contra, fóra da casa unicamente conseguiran catorce. O último e trascendental partido era o que se tiña que disputar na Coruña o 22 de maio de 1983 contra o Rayo Vallecano, que estaba a salvo de calquera complicación clasificatoria. Só facía falta un empate e o ansiado ascenso á Primeira consumaríase. Mais pasaría o que horas antes do trascendental choque ninguén imaxinaba: os madrileños, ao parecer fortemente primados, acabarían gañando por 1-2 e deixarían sumida nunha profunda amargura a toda unha cidade, que tardaría anos en recuperarse do enorme mazazo. Con todo, aquela tempada de infausto recordo para o deportivismo, quedará sempre gardada na memoria de José Luis Fraga Méndez, un rapaz de Suevos que debutara en Segunda División unhas semanas antes do partido contra o Rayo Vallecano.

      Fillo de José Fraga, Pepe da Grela, e de Pilar Méndez, Pila de Mercedes, o noso protagonista nacía o 5 de abril de 1964 en Suevos, lugar no que tamén viría ao mundo cinco anos máis tarde súa irmá Merche e no que residiría a familia ata os primeiros anos 70, que foi a época na que se mudaron ao barrio herculino da Sagrada Familia. Ao pouco de cambiar de domicilio, as boas condicións técnicas do futuro futbolista pronto chamarían a atención dos responsables das categorías inferiores do R.C. Deportivo, entidade na que Fraga ingresaría aos 9 anos e na que iría completando a súa formación ata a tempada 1979/80 na que, en vez de recalar nun dos equipos da capital cos que o clube deportivista tiña convenio de colaboración, acabaría xogando cedido nos modestos do Suevos no grupo 2º da Segunda Rexional, un Suevos que realizaría unha extraordinaria campaña obtendo un meritoria sexta praza, só superado polo Campanal de Loureda, Paiosaco, Bergantiños, Atlético Arteixo e Sporting Meicende.

      Naquela tempada 79/80 José Luis Fraga, con tan só 15-16 anos, deixaría unha inmellorable tarxeta de presentación no mundo do fútbol ao anotar en todas as xornadas que xogou menos nunha delas, rexistro que moi poucos xogadores serían quen de igualar. Tralo paso polo equipo da súa parroquia de nacemento o rapaz arteixán voltaría á disciplina do Deportivo, donde as súas extraordinarias actuacións na dianteira do cadro xuvenil chegarían aos oídos de Chus Pereda, naquel intre técnico das divisións inferiores da selección española. Tamén, despois das oportunas recomendacións de Dagoberto Moll, varios responsables da canteira do F.C. Barcelona desprazaríanse ata a Coruña para contratalo, mais José Luis acabaría rexeitando a oferta azulgrana decidindo seguir nos xuvenís do Deportivo.

Fraga o día do seu debut en 2ª División 
      Na campaña 1982/83, despois de ramatar a súa etapa como xuvenil, o futbolista arteixán pasa a formar parte do Fabril, que xogaba na Terceira División baixo as ordes de Luis Rodriguez Vaz. Fraga, que naquel intre tiña 18 anos e facía o servicio militar, debuta nesta categoría en Riazor no partido Fabril-Celta Turista da sexta xornada, enfrontamento que os locais gañan por 3-2. Pouco a pouco iríase convertendo en titular indiscutible na liña de ataque do filial deportivista donde, grazas ao seu bo facer, conseguiría o premio de adestrarse habitualmente co primeiro equipo nas sesións dirixidas por Arsenio, un Raposo que non tardaría en convocar por primeira vez ao noso protagonista a quen o da Baiuca alcumaba, coa súa habitual retranca, o Capitán Araña por estar na mili naquela hora ...”La expedición del Deportivo emprendió ayer viaje a Córdoba a primera hora de la tarde. En el grupo es novedad Fraga, el delantero del Fabril que llamó Arsenio para cubrir las bajas de Traba y José Luis en el ataque” (La Voz de Galicia, 13 de febreiro de 1983).

      Fraga, que ao pouco asinaría contrato profesional co Deportivo por tres anos, seguiría alternando as súas actuacións no Fabril coas convocatorias no primeiro equipo, con quen ao fin debutaría na Segunda División o 3 de abril de 1983 en partido correspondente á 31ª xornada na que os coruñeses venceran en Riazor ao Atlético Madrileño por 3-1. Naquel inesquecible día para o rapaz de Suevos o equipo herculino formara con Jorge; Piña, Ballesta, Pardo, Carreras; Muñoz, García, Peralta, Ortíz; Traba e Vicente. Agulló entraría por Carreras no minuto 59 e, no 78, Fraga por Vicente...un Fraga que unhas semanas despois vería dende a grada, ao quedar fora da convocatoria, como os seus compañeiros non eran quen de acadar contra o Rayo Vallecano o punto necesario para o ansiado ascenso á Primeira na derradeira xornada daquela tempada 82/83.

      Xenio e figura, cando lle fixeron a primeira entrevista preguntáronlle si a súa maior ilusión era xogar no Deportivo é, para sorpresa de todos os presentes da rolda de prensa, en lugar de contestar que si, Fraga despachouse con esta frase textual: “Non. A miña maior ilusión é coñecer a Bob Marley porque me encanta a súa música”. Días despois daquela entrevista e unha vez rematada a competición ligueira o Deportivo enfrontaríase na desaparecida Copa da Liga ao Atlético Madrileño, eliminatoria que os coruñeses, abatidos pola desilusión de non acadar o ascenso, non superarían ao perder en Riazor por 1-3 e gañar por 0-1, con gol de Fraga, no Vicente Calderón.

      O dianteiro de Suevos principiaba a seguinte campaña, a 1983/84, xogando de titular no Mini Estadi no partido que enfrontaba na primeira xornada ao Barcelona Atlético e ao Deportivo, choque que remataría con derrota herculina por 3-1, mais iso si, con Fraga anotando o seu primeiro gol en Segunda. O arteixán voltaría a enfundarse a elástica branquiazul catro partidos máis ao longo da tempada, o último deles na xornada 13ª contra o Recreativo de Huelva en Riazor, enfrontamento disputado o 27 de novembro de 1983 que remataría 0-0 no que Fraga entraría no minuto 70 sustituíndo ao peruano Huapaya. Estes serían os últimos minutos da súa carreira deportiva como futbolista de Segunda División xa que unha lesión de xeonllo manteríao apartado dos terreos de xogo durante boa parte daquela campaña.

Plantilla do R.C. Deportivo da tempada 83/84. De esquerda a dereita e de enriba a abaixo: Millán, Pardo, Miguel, Paco, Joaquín, Lolo, Cea, Cano, Peralta, Moreno, Montes, José Luis López (directivo), Barbeito (doutor), Brizzola, Carlos, Arsenio (adestrador), Jesús Corzo (presidente), Jorge, Bandín, Agulló, Ballesta, Cervera (2º adestrador), Soto (Utilleiro), Félix (masaxista), Traba, Huapaya, Ramiro, García, Vicente, José Luis, Silvi, Muñoz, Fraga e Carreras (El Ideal Gallego, 1 de setembro de 1983)

     Na seguinte tempada, a 84/85, José Luis Fraga xogaría cedido a primeira volta do campionato no Racing de Ferrol, que por aqueles días estaba en Terceira, e remataría o ano cunha nova cesión ao Arousa, daquela equipo de 2ª B, onde coincidiriría con Rafa Sáez e Luis César Sampedro que, co tempo, convertiríanse en adestradores de prestixio.

      Rematada a súa vinculación co Deportivo da Coruña, Fraga asinaría un contrato de tres anos co Club Lemos, cadro no que, xunto a Fisquelas, quedaría máximo goleador de Terceira na tempada 1987/88, a mesma na que tamén sería elexido o mellor xogador da categoría. O bo papel feito en Monforte levaríao a recibir unha boa oferta para xogar en 2ª B co Badaxoz. O xogador de Suevos, que na cidade extremeña tiña por domicilio o piso do hoxe adestrador Paco Herrera, so estaría alí media tempada por mor da morte de seu pai e remataría a campaña xogando no Burela, con quen conseguiría ascender por primeira vez na historia do equipo da mariña lucense á Terceira División.

      Posteriormente, tras unha breve estadía no Sporting Sada, Fraga poñería fin á súa carreira futbolística xogando na 2ª Rexional co Carnoedo, a donde chegara pola insistencia do seu amigo Paco Zas, ex xogador do Deportivo que presentara candidatura á presidencia do herculino cando saíra elixido Tino Fernández, en xaneiro do 2014.




venres, 20 de outubro de 2017

O CASTRO DE MIRÓN

 
Castro de Mirón (patrimoniogalego.net)
     O asentamento de Mirón, na parroquia de Larín, é outro dos recintos nos que se manifesta a importancia das lendas derivadas da existencia dos castros, lendas como as que contan as veciñas e veciños do Galo e Larín cando fan referencia do filón de ouro que desde Monteagudo vai a Mirón, e que desde o Galo vai a Barrañán, contos que evidentemente fan pensar en antigas explotacións mineiras. Outra destas lendas di que no ano 813, no reinado de Afonso II, librouse unha batalla entre cristiáns e mouros nas proximidades do castro de Mirón e que, no último lugar a onde chegou o sangue, edificouse unha ermida, a ermida de San Roque. Mais de entre a cantidade de contos populares que aínda se manteñen vivos, parece de especial importancia o relativo aos “xentís” do asentamento castrexo de Larín. Segundo a veciñanza desta parroquia, o feito de que un veciño, aproximadamente cara finais do século XIX, vendese gando aos habitantes do castro -os “xentís”-, foi a causa de toda unha serie de desgracias sucesivas que caeron sobre a súa casa. Esta “maldición” está tan fortemente incrustada na mentalidade popular, que os actuais propietarios da vivenda néganse a habitala. Sen dúbida algunha estamos ante un documento oral sobre o proceso de cristianización, que nos indica o habitual impedimento de que os habitantes cristianizados comerciasen ou tivesen relacións cos “xentís”, paganos, moradores do castro.
 
      Situado a unha altura de 282 metros de altura sobre o nivel do mar, o castro de Mirón tiña, no seu día, planta ovalada mais as posteriores edificacións realizadas no lugar e os movementos de terras para as fincas, destruíron a maior parte do xacemento.
  
    Na actualidade tan só se conserva aproximadamente a súa metade, cunha parte circular que ten uns 75 metros de diámetro e que ocupa uns 4.500 metros cadrados de superficie. O asentamento tamén mantén o parapeto que vai de sur, oeste e norte duns tres ou catro metros de alto pola cara exterior e dun metro ou menos pola cara interior. Pola zona norte e noroeste conserva o foxo, que é máis apreciable no norte chegando a ter un metro de fondo. Nesta parte norte hai un terreo que foi agrandado e achandado ata ó leste e, segundo os veciños do lugar, alí atopáronse diversos achados arqueolóxicos sen especificar. Polo lado leste, onde facía o óvalo, é onde están as vivendas e leiras nas que por mor dos movementos de terras para as edificacións, xa non se aprecian indicios defensivos nesta parte. 
 
Castro de Mirón
      Nunha reportaxe publicada en El Ideal Gallego en maio de 1980 baixo o título de Restos arqueológicos en el Castro de Larín, o xornal herculino entrevistaba a Manuel Caamaño Gesto, naquela hora mestre do Departamento de Arqueoloxía da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Compostela, que se achegara ata Arteixo para emitir un diagnóstico sobre os vestixios arqueolóxicos que levara por diante unha máquina excavadora tralo devandito movemento de terras para a construción de vivendas. Segundo a versión de Caamaño... “ neste lugar houbo un castro. Isto dedúcese dos toponímicos e as clásicas lendas sobre as vigas de ouro, plata e veneno que poden estar enterradas neste lugar. En canto ás grandes pedras, as cerámicas vidriadas, incluso o anaco de fibela de bronce que presenta un escudo gravado, coido que pertencen á Baixa Idade Media. É probable que sobre os restos dun castro celta se levantara aquí unha construcción de tipo militar, unha torre vixía. Se cadra na Geografía del Reino de Galicia de Carreras Candin haxa referencia sobre este lugar”. O arqueólogo tamén apuntaba na entrevista que ...”viñen a Larín coa idea de facer algunha foto interesante e o único que puiden fotografiar foi unha montaña de pedras de gran tamaño extraídas da terra e a destrucción do xacemento. Tamén recoñecín os materiais, anacos de utensilios de barro, cerámica vidriada con decoración floral que, probablemente, pode pertencer á Idade Media, así como outros pequenos anacos de cerámica que seguramente son da mesma época”.
 
   Segundo as informacións do Ideal, algúns daqueles vestixios, dúas pedras redondas por un lado e planas polo outro que tiñan unhas letras ou debuxos que semellaban unha W, foron roubados ao pouco de ser descubertos. Das outras, as que si puido ver in situ o arqueológo da Universidade de Compostela, unha delas tiña forma case triangular, medía un metro de longo e era máis que probable que pertencera ao dintel dunha porta. Boa parte das restantes pedras eran redondas, mais había algunha con claros indicios de ser traballadas polos canteiros. 
 
El Ideal Gallego, 20 de maio de 1980
     Outro dos datos relevantes en torno a este castro de Mirón é que ao parecer, segundo varias fontes orais de Larín, moitas das pedras que formaban parte do asentamento leváronse para a construcción do Pazo de Anzobre, na parroquia de Armentón, do cal temos as primeiras noticias da súa ocupación a mediados do século XVI, cando eran os seus donos Gómez Suárez de Figueroa e Justa Cisneros. 

     Precisamente, sobre esta relación entre Anzobre e Mirón, o escritor Héitor Picallo apunta nun dos seus traballos que ambos lugares lugares formaban parte do mesmo Señorío e tamén nos dí que... ”Temos constancia, igualmente, que tanto Cillobre (na Laracha) como Mirón, conformáronse, antigamente, como dúas importantes fortalezas medievais, e que nas décadas nas que se prolongaron as prelaturas dos mitrados da estirpe dos Fonseca xacían derrocadas e desfeitas a raíz dos acontecementos acaecidos, décadas atrás, cando o levantamento irmandiño”. Así, pois, queda demostrado que sobre os restos do castro de Mirón levantouse unha fortaleza militar, algo que xa intuía o arqueólogo Manuel Caamaño Gesto cando visitou o xacemento en maio de 1980.

FONTES:

 -PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981.
-PICALLO FUENTES, HÉITOR. Maíndo (A Estrada-Pontevedra): Espacio Xeográfico, humano e histórico na ascendencia do Condado de Ximonde II. A Estrada, Miscelánea Histórica E Cultural, 6 (2003).
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net

venres, 13 de outubro de 2017

"ZENITRAM", O XORNALISTA QUE ERA SOBRIÑO DOS CURAS DE LAÑAS E ARMENTÓN

      Hoxe imos a falar dun dos xornalistas máis populares do seu tempo: José Gómez Martínez, un persoeiro que era coñecido na prensa da época polo pseudónimo de Zenitram (Martínez ao revés) e que, ao longo da súa infancia e xuventude, tivera certo vencellamento co Arteixo de finais do século XIX, probablemente entre 1875 e 1885.
 
Zenitram en 1927 (Vida Gallega)
     Naquela altura o noso protagonista, nado en Pontevedra nun ano sen determinar, frecuentaba asiduamente a nosa bisbarra na compaña de seus pais Francisco e Ramona para visitar aos tres tíos curas que tiña no concello arteixán. Tratábanse de José Gómez Fernández, tío segundo por parte paterna e que era o crego da parroquia de San Pedro de Armentón; Antonio Gómez Casanande, irmán de seu pai Francisco e párroco de Santa Mariña de Lañas en 1880 e, Antonio Martínez Casanande, irmán de súa nai Ramona e que sería o cura que relevaría a Antonio Gómez ao fronte da parroquia de Lañas. Antonio e Ramona Martínez Casanande tiñan outro irmán, Juan, que tamén era crego naquela época na parroquia de San Esteban de Culleredo.

      Con tres cregos na familia non era de extrañar que José Gómez Zenitram collera o mesmo camiño que seus tíos e, unha vez iniciados os seus estudos eclesiásticos, iría xurdindo nel a imperiosa necesidade de escribir, unha afección que andando no tempo convertiríao nun dos xornalistas máis valentes, notables e polémicos da época que lle tocou vivir.una bocanada de aire fresco que dejó a un lado los artículos de redacciones recargadas, farragosas, sin contenido y al peso”, segundo a colaboradora do Diario de Pontevedra Milagros Bará, quen tamén afirma que... Zenitram iba al asunto y entraba en materia sin artificios”.

      As visitas a Arteixo, propiciadas polos vencellos familiares, seguiríanse producindo co cambio de século e nunha delas, a realizada a Lañas no verán de 1903, falecería seu pai Francisco. Moi querido e apreciado en Pontevedra, sobre todo desde que en setembro de 1904 se fixera cargo do Asilo de Anciáns Desamparados, Zenitram convertiríase en outubro do mesmo ano en director do periódico pontevedrés El Áncora, que tiña a súa propia imprenta no número 16 da rúa Real, dirección que simultaneaba con colaboracións en outros medios e revistas nas que defendía a causa dos dereitos da Igrexa.

      Naqueles tempos nos que os desencontros se ventilaban nas páxinas dos xornais, o sorprendente é que José Gómez Martínez, que non tardaría en ser o capelán do convento das Clarisas da cidade pontevedresa, era un crego en activo que os medios describían como un "virtuoso párroco y brillante periodista" e que, en 1908, publicaba o seu primeiro libro, “Rasguños”, traballo que era unha recompilación de moitos dos artigos publicados ao longo da súa vida en diferentes xornais e revistas
      En novembro dese ano Zenitram abandona a súa Pontevedra natal ao ser nomeado coadxutor de San Xurxo da Coruña. Na despedida da súa querida cidade o xornal pontevedrés La Correspondencia Gallega escribía un artigo baixo o título !Adios¡ e coa sinatura dun tal Japón dicindo entre outras cousas que...”su pluma es un instrumento que le obedece; no tiene que corregir la rotunda y sonora redondez de sus períodos; porque salen hechos de su privelegiada cabeza de periodista, de escritor y de crítico publicista. No conozco cuando y como empezó a escribir; se que lleva muchos años amando a la letra de imprenta. Si Zenitram no escribiese, se moriría de nostalgia, de aburrimiento; porque Zenitram ha nacido para escribir”.

Caricatura de Zenitram do ano 1912
       Nesa altura segue a visitar con frecuencia Lañas e Armentón, lugar no que en abril de 1909 falecería súa tía Josefa Gómez Fernández, que era irmán de José, o cura da parroquia.

      Na súa etapa coruñesa Zenitram, que tiña o seu domicilio na praza de María Pita, sería ademais director durante cinco anos do xornal El Eco de Galicia, que era defensor acérrimo dos intereses e ideais católicos ou, o que é o mesmo, a voz do arzobispado naquela época.

      Ministro de Deus, ultracatólico e polemista redomado, o carácter de Zenitram traeríalle máis dun problema cos que non compartían o seu pensamento, entre eles o propio Presidente do Goberno español, o ferrolán José Canalejas (que sería asasinado en 1912 a mans dun anarquista). O noso protagonista calificaría a Canalejas de inepto, cobarde e tiránico nun editorial: "el gobierno del atolondrado y neurótico del Sr. Canalejas, estadista de guardarropía que queda para siempre marcado con el estigma de inhábil, cobarde y despótico...". Zenitram protestara pola prohibición dunha manifestación de católicos en Euskadi (A manifestación de San Sebastián) en contra das medidas dun goberno laico con respecto á Igrexa. Canalejas, aínda que era católico practicante, promulgou a chamada “Ley del Candado” que acotou as ordes relixiosas, a educación pública laica, unha revisión da relación Igrexa-Estado, feitos polos que naqueles días se describía a Canalejas como un anticlerical católico. 
     
José Canalejas
Foi aí cando a Fiscalía tomou cartas no asunto e denuncia o editorial en cuestión e, a continuación, o xuíz correspondente decreta o seu procesamento. Aínda consternada a redacción de El Eco de Galicia por esta primeira denuncia, segundo Milagros Bará nun encontro casual nunhas escaleiras co xuíz que o procesaba, Mosquera Montes, soubo Zenitram "de sus autorizados labios" que tamén o procesarían por outro artigo titulado Después del procesamiento: "Llegó a nuestra redacción un enviado del juzgado a secuestrar los números sobrantes de la edición". A estratexia de Zenitram sería moi intelixente ao facer público todo o proceso. Tal foi o número de adhesións públicas en multitude de medios a favor do procesado que, despois duns meses de tiras e afloxas, retirouse a acusación.

      En 1914, logo de cinco anos na cidade herculina, abandona A Coruña e marcha “castigado” por airear “chanchullos” do arcebispo a Bueu, como coadxutor da parroquia de San Martiño. Ao parecer, o arcebispado retirouno da súa vida activa nos medios de comunicación por culpa dun artigo aparecido no seu periódico “sobre unhas oposicións a unha praza de doutoral en Santiago, no que escribía que: "antes de la misa del Espíritu Santo, el mismo Espíritu fallara una plaza en una oposición a favor de un pariente de Martín Herrera, arzobispo de Santiago". E, nun abrir e cerrar de ollos o propio arzobispo Martín Herrera desterrouno a Bueu para que seu tío, o párroco Juan Martínez Casanande, ( o mesmo que fora crego da parroquia de San Esteban de Culleredo) o "atara en corto". A súa marcha tería un enorme impacto na Coruña, onde toda a clase política, económica, xudicial e moitísimas persoas que non só acudiron a despedilo á Praza de María Pita senón que o acompañaron na súa viaxe ata Santiago (primeira etapa antes de chegar a Bueu). Días antes o Gobernador e o alcalde de A Coruña desprazáranse a Santiago para “suplicarlle” ao cardenal que deixase sen efecto o traslado.

      Tras pasar un ano en Bueu, en 1915 Zenitram faríase cargo da parroquia de San Cristovo de Regoidón, no concello ourensán de Ribadavia, lugar onde continuaría apartado da tentación de seguir escribindo nos medios. Ao ano seguinte, en 1916, convírtese no crego da parroquia viguesa de Teis, lugar dende o que voltaría a ter contacto coa pluma xa que en 1930 publicaría La Flora Gallega y el Padre (Baltasar) Merino, no volume V do Seminario de Estudos Galegos, e colaboraría como columnista en La Correspondencia Gallega, El Noroeste, Tierra Gallega, el Ideal Gallego, El Adelantado de Bueu e tamén como colaborador de Martín Codax ou o Faro de Vigo.

José Gómez Martínez, Zenitram, falecería en Teis o 7 de xuño de 1940.